Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Revolta xónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa das revoltas das cidades xonias previas ás Guerras Médicas.

A revolta xónica representou un episodio decisivo da confrontación entre gregos e persas. Foi impulsada por Aristágoras, o tirano de Mileto, no ano -499. Constituíu o primeiro conflito a grande escala entre cidades gregas e o Imperio persa. Moitas cidades ocupadas polos persas en Asia Menor e Chipre alzáronse contra os seus dominadores. Os insurrectos lograron tomar Sardes pero o contraataque persa conduciu á derrota definitiva tras a batalla naval de Lade e a ocupación de Mileto en -494.

A súa orixe foi a vontade de Darío I de controlar as fontes de aprovisionamento de trigo e de madeira para a construción naval de Grecia. Para iso debía atacar, coa axuda dos continxentes gregos xonios, en primeiro lugar, aos escitas, que crearan un poderoso imperio en Rusia meridional e cuxas relacións comerciais cos gregos eran frutuosas e activas. Estaba, sen dúbida, tamén a intención de controlar a ruta do comercio de ouro, extraído dos montes Urais ou de Siberia e co que os escitas comerciaban a grande escala. Algunhas expedicións contra os escitas acabaron nun estrepitoso fracaso, xa que estes aplicaban a táctica da terra queimada ao exército persa. O exército persa escapou do desastre e o cerco grazas á lealdade do continxente grego que gardaba a ponte sobre o Danubio (Ister).

Con todo, Darío asegurouse o dominio de Tracia mentres que o rei Amintas I de Macedonia recoñeceu o señorío de Persia (-513). En -508, a illa de Samotracia caeu baixo o xugo persa. Mesmo Atenas solicitou, cara a -508, a alianza persa. Desta campaña Darío sacou a conclusión de que podía contar coa fidelidade dos gregos xonios. Estes, estimaban en cambio que podían, sen riscos excesivos, sublevárense contra o dominio persa, posto que a expedición contra os escitas demostrara que o imperio aqueménida non era invulnerábel.

Orixes da revolta

[editar | editar a fonte]

Xonia sufriu nos seus intereses esta dominación. Estaba constituída por 12 cidades gregas fundadas cara ao século -VIII[1]: Mileto, Éfeso, Focea, Clazómenas, Colofón, Priene, Teos, Quíos, Samos, Eritras, Miúnte e Lebedos[2]. A estas polis hai que engadir as cidades de Eólida, rexión situada ao noroeste de Xonia, como Esmirna. Estas cidades das que se apropiaron Ciro II, ou máis ben, o seu xeneral Harpago cara a -540[3], eran prósperas no momento da conquista. Despois, só Mileto acertara a concluír un tratado de amizade que lle asegurase unha relativa independencia. Foi, con todo, Mileto a que orixinou o levantamento de -499.

Con todo o dominio persa non era gravoso. Cada cidade conservaba as súas institucións coa condición expresa de aceptar e de manter ao tirano grego, o sátrapa ou funcionario persa que quixese enviar o "Gran Rei". Darío I e os seus sucesores respectaron os costumes dos diferentes pobos do seu imperio e encárganse ás veces de chamar á orde os funcionarios. Pero Mileto sentiu a súa prosperidade ameazada pola chegada dos persas.

Desde -512, o mar Negro era un "lago persa", e Tracia converteuse nunha satrapía. Mileto abastecíase alí de trigo e de toda clase de materias primas. A iso sumábase que as xentes de Mileto viran partir os seus "intelectuais", que fuxían ante a dominación persa. Os persas eran, a ollos de numerosos gregos xonios, bárbaros remisos aos "encantos" da civilización grega, que conservaban a súa lingua, a súa relixión e os seus costumes.

A colonización persa pechou o acceso aos mares setentrionais no momento en que Síbaris, o almacén occidental de Mileto, caeu baixo os golpes de Crotone (-510). Ademais, os persas favoreceron sistematicamente aos rivais fenicios de Tiro e Sidón.

Tras a toma de Bizancio polos persas pecharon os estreitos e o comercio cara ao Ponto Euxino. Sen dúbida, demostraba unha vontade de emancipación das cidades xónicas que lles empuxou, por unha banda, a rexeitar aos tiranos impostos polos persas, e por outra, a liberarse do xugo aqueménida. Cando a revolta estalou, tivo como primeira consecuencia, en numerosas cidades, a evicción dos tiranos e a proclamación da isonomía.

O papel de Mileto e a procura de axuda da Grecia Continental

[editar | editar a fonte]

A soberanía converteuse nunha prioridade. Esta aspiración á liberdade foi teorizada por Aristágoras de Mileto. Baixo a bandeira da liberación, reuniu ás cidades xonias. O obxectivo de retomar Bizancio e Chipre aos persas parecía realista e empuxou aos gregos de Asia á revolta. Esta preparouse con gran segredo en Naxos e en Mileto. O tirano desta última era Histieo, retido en Susa por Darío I, como o seu ''compañeiro real de mesa'' medorento da súa influencia no mundo xonio, e quen dirixía a cidade na súa ausencia, era o seu xenro Aristágoras, neto dun antigo tirano da cidade[4]. Ao principio aliouse cos persas para retomar Naxos (-500), que se rebelou, pero se puxo a mal rapidamente co xeneral persa por unha afronta que este fixo a un dos seus subordinados.

Recibiu entón os consellos de Histieo, ordenándolle rebelarse contra Darío. Temía, sen dúbida, tamén soportar a responsabilidade do fracaso ante Naxos. Despois dun tenso consello dos milesios, onde a única voz discordante era a de Hecateo de Mileto, gran coñecedor do mundo persa grazas ás súas viaxes, un predecesor de Heródoto, opúxose ao proxecto[5]. Aristágoras esgrimiu o estandarte da rebelión (-499[6]) e apropiouse de varias naves persas e fenicias. Proclamou logo a igualdade das cidades xonias (a isonomía). Esta alianza carecía dun proxecto claro e sobre todo de medios; era necesario esperar a axuda da Grecia europea.

Aristágoras partiu, no inverno de -499, cara a Grecia continental para solicitar axuda militar. O momento era pouco propicio, pois Esparta estaba dividida pola rivalidade dos seus dous reis: Cleómenes I, que ao parecer posuía poucas calidades para o mando e goberno, e Demarato, que era o fillo segundo ao nacer (a pesar de que fose da primeira esposa do seu pai). En canto a Atenas, repúñase apenas das convulsións consecutivas á posta en práctica das reformas de Clístenes, neto de Clístenes de Sición. Finalmente, só dúas cidades contestaron á chamada: Atenas, que enviou 20 barcos, e Eretria, que enviou 5, en recoñecemento a que Mileto a axudara antigamente contra Calcis[7]. En total, non representaba máis de 2.000 homes. Para as cidades gregas de Europa, o problema quedaba afastado e os conflitos locais eran xulgados máis importantes.

Etapas do conflito

[editar | editar a fonte]

Faría falta, con todo, aos persas máis de 6 anos para sufocar a rebelión. Os primeiros combates foron favorábeis aos xonios. A frota grega aniquilou á frota fenicia nun primeiro combate nas costas de Panfilia, cara a -498. En terra, os persas preparáronse a cercar a cidade de Mileto, cando Caropino, irmán de Aristágoras, coa axuda do continxente ateniense, orquestrou unha manobra de diversión e arrasou Sardes, a antiga capital de Creso, que era a sede dunha satrapía. Pero á volta, o sátrapa Artafernes, que se atopaba cercando Mileto, interceptounos na batalla de Éfeso[8][9] e logrou a vitoria (primavera de -498).

Ao final do verán do -498, o corpo expedicionario grego, ou polo menos o que quedaba del, recolleu a bagaxe para volver a Atenas e a Eretria. Esta defección non impediu á rebelión gañar amplitude. No outono de -498, o levantamento, gañou Chipre, con excepción de Amatunte, así como a Propóntide e o Helesponto até Bizancio[10]. Logo sublevouse Caria[11]. A principios do -497, a situación dos persas era crítica, pero Darío I reaccionou con celeridade e levou simultaneamente tres exércitos e unha nova frota. En cuestión dun ano (-497) a rebelión foi esmagada en Chipre e nas cidades do Helesponto. En canto aos carios, foron vencidos no río Marsias no outono de -497, a pesar da axuda dos milesios, e máis tarde en Labraunda no verán de -496. Parece que, por aquel entón, Aristágoras fuxiu a Tracia onde morreu pouco despois (-497) nun combate. En canto a Histieo, exerceu a pirataría no mar Exeo e foi morto pouco despois.

Os carios repuxéronse e inflixiron unha grave derrota aos persas no seguinte outono en Pedaso (-496). Finalmente, establecéronse longas e penosas negociacións e os carios non depuxeron as armas até o -494. Mileto atopábase entón soa.

Ao principio do ano -494, os persas concentraron as súas tropas contra Mileto. A cidade foi asaltada simultaneamente por terra e por mar. unha batalla naval, entre unhas 350 naves gregas e 600 naves fenicias, exipcias e chipriotas estendeuse ao ancho da illa de Lade durante o verán do -494 (batalla naval de Lade). Tras tratar cos persas as naves de Samos e Lesbos retíranse antes de comezar a batalla e a frota grega é aniquilada[12]. A cidade foi tomada e arrasada pouco despois e a súa poboación deportada ás beiras do Tigris. No ano -493, os persas someteron ás últimas cidades e illas rebeldes (Quíos, Lesbos e Ténedos), mentres que a súa frota navegou vitoriosa polas costas do Helesponto e de Calcedonia.

Consecuencias da derrota xónica

[editar | editar a fonte]

Esta derrota arrastrou á Grecia continental, en particular a Atenas, a unha profunda reacción de tristeza. Así o poeta Frínico compuxo unha obra titulada A Toma de Mileto que facía alagar en bágoas ao público (sendo condenado o seu autor a unha multa de 1000 dracmas por lembrar acontecementos desgraciados).

A intervención militar persa en Asia Menor trouxera a Darío I cara a Occidente e suscitado quizais nel ideas expansionistas, ou polo menos, o desexo de establecer en Grecia mesma, réximes que lle fosen favorábeis. O papel xogado por Atenas e Eretria mostráronlle a necesidade de impor a súa autoridade sobre as dúas beiras do mar Exeo. Con todo, se se exceptúa a sorte de Mileto, Darío usou unha moderación relativa que impuxo un forte tributo ás cidades sublevadas pero permitíndolles a súa autonomía.

  1. Heródoto I, 142–151
  2. Heródoto I, 142
  3. Heródoto I, 141
  4. Holland, pp. 153–154.
  5. Heródoto V, 36
  6. Heródoto V, 35
  7. Heródoto V, 99
  8. Holland, pp. 160–162.
  9. Heródoto V, 102
  10. Heródoto V,104.
  11. Heródoto V, 103
  12. Heródoto VI, 13

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]