Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Shamrock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un trevo, en heráldica e como símbolo, un shamrock

Un shamrock é trevo heráldico, utilizado como símbolo de Irlanda. San Patricio, o patrón de Irlanda, dise que o usou como metáfora da Santa Trindade cristiá.[1] O nome shamrock é unha transcrición inglesa que provén do irlandés seamróg ([ˈʃamˠɾˠoːɡ]), que é o diminutivo da palabra irlandesa seamair óg e simplemente significa "trevo novo".[2]

Na maioría das veces, Shamrock refírese á especie Trifolium dubium[3] ou Trifolium repens (trevo branco, en irlandés: seamair bhán). Non obstante, outras plantas de tres follas, como Medicago lupulina, Trifolium pratensee Oxalis acetosella, ás veces son chamados de trevos.

Especies botánicas

[editar | editar a fonte]
Trifolium dubium

Aínda que non hai un consenso sobre a especie botánica precisa que é o "verdadeiro" shamrock heráldico, a cuestión xerou un debate desde hai séculos:

John Gerard no seu herbario de 1597 mencionou os Trifolium pratense dicindo "que se chaman en irlandés Shamrockes". Coincidiu con el o botánico irlandés Caleb Threlkeld, no seu traballo de 1726 titulado A Treatise on Native Irish Plants.[4]

Carl von Linné na súa obra de 1737 Flora Lapponica identifica o trevo Trifolium pratense mencionándoo polo seu nome como Chambroch, coa seguinte observación curiosa: "Hiberni suo Chambroch, quod est Trifolium pratense purpureum, aluntur, celeres & promtissimi roburis". Os irlandeses chámanlle shamrock, que é trevo de campo roxo, e cómeno para se tornaren rápidos e áxiles.[5][6]

Linneo baseou a súa afirmación nos comentarios de autores ingleses como Edmund Spenser quen comentou que o trevo adoitaba ser comido polos irlandeses, especialmente en tempos de fame. Con todo, argumentouse que estaban confundidos pola semellanza entre o nome irlandés para o trevo novo seamróg, e o nome para a aleluia seamsóg ou outras plantas do xénero oxalis [7]

O londiniense James Ebenezer Bicheno, asegurou en 1830 que o verdadeiro shamrock era Oxalis acetosella, unha especie de aleluia.[8] Bichino afirmou erradamente que o trevo non era unha planta nativa irlandesa e fora introducido en Irlanda a mediados do século XVII, baseou o seu argumento nos mesmos comentarios dos autores isabelinos de que se comía trevo.

Os botánicos ingleses James Britten e Robert Holland adoptaron un enfoque máis científico, afirmaron no seu Dictionary of English Plant Names publicado en 1878, que as súas investigacións revelaran que Trifolium dubium era a especie máis vendida en Covent Garden durante o St. Patrick's Day, e que era usado en polo menos 13 condados de Irlanda.[9]

Trifolium repens

Finalmente, leváronse a cabo dúas investigacións botánicas separadas en Irlanda, unha en 1893[10] e outra en 1988.[11] A de 1893 foi realizada por Nathaniel Colgan, naturalista afeccionado que traballaba en Dublín; mentres que a de 1988 foi realizada por E. Charles Nelson, Director dos Xardíns Botánicos Nacionais de Irlanda. Ambas implicaron pedirlle a xente de toda Irlanda que enviase exemplos de trevos, que logo foron plantados e deixados florecer, para que puidesen identificar as especies botánicas. Os resultados de ambas enquisas foron moi similares, mostrando que a concepción do trevo en Irlanda cambiara pouco nun século. Os resultados móstranse na seguinte táboa:

Medicago lupulina
Enquisa Shamrock
Nome botánico Nome común Porcentaxe
1893 1988
Trifolium dubium Trevo menor 51 % 46 %
Trifolium repens Trevo branco 34 % 35 %
Trifolium pratense Trevo vermello 6 % 4 %
Medicago lupulina Medica negra 6 % 7 %
Oxalis acetosella Sorrel de azalán _ 3 %
Varios Trifolium spp., Oxalis spp. 3 % 5 %

Os resultados mostran que non hai ningunha especie "verdadeira" de trevo, pero que Trifolium dubium é considerado o shamrok por aproximadamente a metade dos irlandeses, e o Trifolium repens por outro terzo. Ningunha das especies da enquisa é exclusiva de Irlanda, e todas son especies europeas comúns.

Referencias antigas

[editar | editar a fonte]

Shamrock (de seamair óg, trevo novo) e semair aparecen na literatura irlandesa desde cedo, xeralmente como descrición dunha chaira de trevo florecida. Por exemplo, nos chamados Metrical Dindshenchus, un poema sobre Tailtiu no condado de Meath descríbeo como dese xeito (mag scothach scothshemrach).[12] Outra historia conta como Santa Bríxida decidiu ficar no condado de Kildare cando viu a deliciosa chaira cuberta de flor de trevo (scoth-shemrach).[13] Porén, a literatura en irlandés non fai distinción entre clover e shamrock, e só en inglés que 'shamrock' emerxe como unha palabra distinta.

Tres kerns irlandeses "salvaxes" de Albrecht Dürer (1521)

A primeira mención do shamrock na lingua inglesa ocorre en 1571 na obra de Edmund Campion "Boke of the Histories of Irelande", describe os hábitos dos "irlandeses salvaxes" e afirma que comían "trevos, berros, raíces e outras herbas".[14] Tal afirmación repetiuse amplamente en obras posteriores e parece ser unha confusión coa palabra irlandesa seamsóg ou aleluia (Oxalis).[7] Non hai ningunha fonte irlandesa de que os irlandeses comesen trevo, senón que comían aceda. Por exemplo, na obra medieval Buile Shuibhne, o rei Sweeney, que se volveu tolo e vive no bosque como un eremita, enumera a aceda entre as plantas das que se alimenta.[15]

Edmund Spenser, a finais do s. XVI, describiu as súas observacións sobre Munster devastada pola guerra despois da Rebelión de Desmond na súa obra A View of the Present State of Ireland, e o trevo descríbese como o último recurso inxerido por persoas para non morrer de fame.

Anatomías da morte, falaban como pantasmas, chorando das súas tumbas; comían das carroñas... e se atopaban unha parcela de berros ou trevos acudían en moreas como a un festín nese tempo.[16]

A idea de que os irlandeses comían trevo repítese nos escritos de Fynes Moryson, secretario do Lord Deputado de Irlanda. Na súa obra An itinerario thorow Twelve Dominions (1617) afirma que os irlandeses "comen de vontade a herba Schamrock sendo dun sabor agudo que mentres corren e son perseguidos de un lado a outro sacan como bestas das cunetas". A referencia a un sabor forte suxire o sabor da aceda.[17]

Está claro que nos séculos XVI e XVII os escritores ingleses asociaban o trevo aos irlandeses, pero só coa noción confusa de que era unha planta que comían. Cómpre destacar que non hai ningunha mención súa a San Patricio ou a lenda da utilización da planta para explicar a Santa Trindade. Porén, hai dúas posibles referencias ao costume de "afogar o trevo" en "usquebagh" (whisky).[18][19]

Ligazón a San Patricio

[editar | editar a fonte]
San Patricio representado cun shamrock na vidreira da igrexa de San Benín, Wicklow

Tradicionalmente, dise que o trevo foi usado por San Patricio para ilustrar a doutrina da Santa Trindade cando se cristianizaba Irlanda no século V. A primeira evidencia dun vínculo entre San Patricio e o trevo aparece en 1675 nos St Patrick's Coppers ou Halpennies. Estes parecen mostrar unha figura de San Patricio predicando a unha multitude mentres sostén un trevo,[20] Cando chegou a Irlanda no 431, utilizou o trevo para as súas ensinanzas. Na Irlanda pagá, tres era un número significativo e os irlandeses tiñan moitas deidades triplas, que podían axudar a San Patricio nos seus esforzos.[21] Patricia Monaghan afirma que "Non hai probas de que o trevo ou a aceda fosen sagrados para os celtas". Porén, Jack Santino especula que "O trevo probabelmente estaba asociado coa terra e os druídas asumiron que era un símbolo dos poderes rexenerativos da natureza. Con todo, calquera que sexa a súa historia como símbolo popular, ten hoxe o seu significado nun contexto cristián. As imaxes de San Patricio represéntano expulsando as serpes fóra de Irlanda cunha cruz nunha man e unha rama de trevos na outra."[22] Roger Homan escribe: "Quizais podemos ver a San Patricio baseándose no concepto visual do tríscele cando usa o trevo para explicar a Trindade".[23]

A primeira mención escrita da ligazón non aparece até 1681, no relato de Thomas Dineley, un viaxeiro inglés en Irlanda:

O 17 de marzo de cada ano é o San Patricio, unha festa inamovíbel, cando os irlandeses de todas as estacións e condicións levaban cruces nos seus sombreiros, algúns de alfinete, outros de cinta verde, e os vulgares vestían supersticiosamente shamroges, herba de 3 follas, que igualmente comen (din) para causar un alento doce.[24]

Non hai nada no relato de Dineley sobre a lenda de San Patricio usando o trevo para ensinar o misterio da Santísima Trindade, e esa historia non aparece escrita en ningures até 1726, na obra de Caleb Threlkeld, quen identifica o trevo como Trifolium pratense album e comenta:

Esta planta é usada pola xente nos seus sombreiros sobre o 17º día de marzo (que se chama o día de San Patricio) Sendo hoxe unha tradición que por esta Herba de Tres Follas lles expuxo simbolicamente o Misterio da Santa Trindade. Con todo, cando mollan o seu Seamar-oge, adoitan cometer un exceso de licor, o que non é un dereito de manter un día para o Señor; erro que xeralmente conduce á libertinaxe.

As observacións do reverendo Threlkeld sobre o licor refírense ao costume de brindar a memoria de San Patricio coa "pota de San Patricio" (St. Patrick's Pot) ou "afogando o trevo" (drowning the shamrock), como se coñece. Despois da misa dese día, o costume dos homes era levantar as restricións habituais do xaxún durante a Coresma e ir á taberna para conmemorar a ocasión. O afogamento do trevo ía acompañado por unha certa cantidade de ritual, como explica un relato:[25][26]

Shamrock nunha boina da ONU das Forzas de Defensa Irlandesas no día de San Patricio

O afogamento do trevo non implica de ningún xeito que fose necesario encherse para facelo. Ao final do día quítanse os trevos do abrigo ou do sombreiro e colócanse no vaso de grog ou de ponche; e cando se beba a saúde ou se honre o brinde, o trevo débese coller do fondo do vaso e botalo por riba do ombreiro esquerdo.

O trevo aínda está asociado principalmente co Día de San Patricio, que se converteu na festa nacional irlandesa, e celébrase con desfiles e celebracións en todo o mundo. O costume de levalo aínda se observa durante as celebracións.

Símbolo de Irlanda

[editar | editar a fonte]
Debuxo da medalla concedida aos Primeiros Voluntarios Magherafelt, mostrando os trevos

Como San Patricio é o patrón de Irlanda, o trevo utilízase como símbolo de Irlanda desde o século XVIII, de forma similar a como se usa unha rosa dos Tudor para Inglaterra, un cardo para Escocia e un narciso ou un porro para Gales. O trevo comezou a evolucionar de símbolo puramente cristián a símbolo nacional irlandés cando foi adoptado como emblema polas milicias rivais durante a convulsa política de finais do século XVIII. Por un lado estaban os Voluntarios Irlandeses, milicias locais levantadas para defender a Irlanda da ameaza da invasión francesa ou española cando os soldados británicos regulares foron retirados de Irlanda para loitar durante a guerra de independencia dos Estados Unidos[27] Doutra banda estaban grupos nacionalistas revolucionarios, como os United Irishmen.

Entre os Voluntarios, exemplos do uso do trevo inclúen a aparición nas bandeiras de Limerick, os Castle Ray Fencibles e a Braid Volunteers.[28][29] Os United Irishmen adoptaron a cor verde como a súa cor asociada co trevo, nos uniformes ou cintas verdes nos sombreiros. A canción The Wearing of the Green conmemorou as súas fazañas. A bandeira de Érin go bragh utilizouse como estandarte a miúdo acompaña de trevos, e en 1799 apareceu brevemente un xornal titulado The Shamroc apoiando a rebelión.[30]

Moeda dun florín ou dous xilins británicos (1949).

Desde as Actas de Unión entre Gran Bretaña e Irlanda (1800), o trevo incorporouse ao Escudo Real do Reino Unido, representado crecendo dun só talo xunto á rosa de Inglaterra e o cardo de Escocia para simbolizar a unidade dos tres reinos. Desde entón, o trevo apareceu regularmente xunto á rosa, o cardo e (ás veces) o porro para Gales en moedas británicas como os dous xilins e coroa, e en selos. O motivo da rosa, do cardo e do trevo tamén aparece regularmente en edificios públicos británicos como o palacio de Buckingham.

Ao longo do século XIX creceu a popularidade do shamrock como símbolo de Irlanda, e foi representado en moitas ilustracións (libros, postais do día de San Patricio etc.). Tamén foi mencionado en moitas cancións da época. Por exemplo, a balada popular The Shamrock Shore lamentaba o estado de Irlanda nese tempo.[31] Outro exemplo típico aparece nas obras de Thomas More, como a popular Oh the Shamrock.[32]

Motivo de rosa, cardo e trevo no pilar da porta do palacio de Buckingham
Partitura de música irlandesa americana

Ao longo dos séculos XIX e XX, o shamrock continuou aparecendo en diversos escenarios.[33] Por exemplo, en moitos edificios de Irlanda como motivo decorativo, na fachada do edificio Kildare Street Club en Dublín, na catedral de San Patricio, en Armagh, no Harp and Lion Bar en Listowel, condado de Kerry. Tamén no mobiliario urbano, en lámpadas antigas como as de Mountjoy Square en Dublín, e en monumentos como o Parnell Monument e o O'Connell Monument, ambos en O'Connell Street, Dublín. Tamén apareceron en artigos decorativos como vidro, porcelana, xoias, popelina e encaixe. Belleek Pottery en Co. Fermanagh, por exemplo, presenta regularmente motivos de trevos.

O shamrock úsase nos emblemas de moitas organizacións estatais, tanto na República de Irlanda como en Irlanda do Norte. Algúns destes son organismos de toda Irlanda, (como Tourism Ireland)[34] así como organizacións específicas de Irlanda (como IDA Ireland)[35] e Irlanda do Norte (como Police Service of Northern Ireland). O Irish Postal Service An Post, presenta regularmente o trevo na súa serie de selos. A aerolínea Aer Lingus usa o emblema nos seus logotipos e o seu distintivo de control de tráfico aéreo é "SHAMROCK".

Un Airbus A320 de Aer Lingus cun shamrock na aleta caudal

O trevo foi rexistrado como marca comercial polo Goberno de Irlanda.[36] A principios dos anos 80, Irlanda defendeu o seu dereito a usalo como símbolo nacional nun caso de marca rexistrada alemá, que incluía unha representación de alto nivel do Taoiseach Charles Haughey. Despois de ter perdido orixinalmente, Irlanda gañou en apelación ante o Tribunal Supremo alemán en 1985.[37]

Converteuse nunha tradición para o Taoiseach presentar un feixe de trevos nunha cunca especial de cristal Waterford cun deseño de shamrocks ao presidente dos Estados Unidos na Casa Branca cada día de San Patricio.[38]

O shamrock tamén se usa en emblemas de organizacións británicas con asociación con Irlanda, como os Irish Guards. Os soldados do Rexemento Real Irlandés do Exército Británico usan o trevo como emblema e usan un ramo de trevo o día de San Patricio, seguindo un decreto da raíña Vitoria, en recoñecemento aos soldados irlandeses que loitaran na guerra dos Bóers en Suráfrica, unha tradición continuada polos soldados tanto do norte como do sur de Irlanda após a partición en 1921. O escudo de armas da bandeira da Royal Ulster Constabulary George Cross Foundation leva arredor unha coroa de trevos.[39]

O shamrock tamén aparece nos emblemas dunha ampla gama de ONGs en Irlanda, como a Irish Farmers Association,[40] a Scouting Ireland ou Irish Girl Guides,[41] e a Asociación Irlandesa de Doadores de Ril.[42] Ademais, moitas organizacións deportivas que representan a Irlanda usan o trevo nos seus logotipos e emblemas. Os exemplos inclúen a Asociación Irlandesa de Fútbol (Irlanda do Norte), Unión Irlandesa de Rugby, Swim Ireland, Cricket Ireland, Lough Derg Yacht Club Tipperary, do club de fútbol Shamrock Rovers e o Consello Olímpico de Irlanda.

Uso no exterior de Irlanda

[editar | editar a fonte]

Shamrock adoita aparecer como parte do emblema de moitas organizacións en países de ultramar con comunidades de orixe irlandesa. Fóra de Irlanda, varias organizacións, empresas e lugares tamén usan o símbolo para anunciar unha conexión coa illa. Estes usos inclúen:

  1. Van Treck & Croft (1936), p. 10 ("St. Patrick is said to have used the shamrock in explaining to the pagan Irish the idea of the Holy Trinity". - Dise que San Patricio usou o trevo para lles explicarlles aos irlandeses pagáns a idea da Santísima Trindade.")
  2. Nelson (1991), p. 14
  3. "Lesser Hop Trefoil. Trifolium dubium". luontoportti.com (en inglés). Consultado o 7 de abril de 2022. 
  4. "The Natural Sciences in Print: Botany, Agriculture and Horticulture". dublincity.ie (en inglés). 8 de novembro de 2012. Consultado o 7 de abril de 2022. 
  5. Nelson (1991)
  6. Linné, Carl von; Smith, James Edward (1792). Caroli Linnæi Flora Lapponica, exhibens plantas per Lapponiam crescentes, secundum systema sexuale, collectas in itinere impensis Soc. reg. scient. Upsaliensis, anno 1732 instituto. Londini : Impensis B. White et Filiorum, typis J. Davis. 
  7. 7,0 7,1 Kelly, Fergus, Early Irish Farming, (2000), Dublin, p 311
  8. Royal Institution of Great Britain (1831). Journal of the Royal Institution of Great Britain. London : Royal Institution of Great Britain. 
  9. Britten, James; Holland, Robert (1886). A dictionary of English plant-names. London, For the English dialect society, Trübner & co. 
  10. Royal Zoological Society of Ireland.; Ireland, Royal Zoological Society of (1892). The Irish naturalist. 1. Dublin :: Eason & Son, Ltd.,. 
  11. Nelson (1991)
  12. "The Metrical Dindshenchas". celt.ucc.ie. Consultado o 2022-04-10. 
  13. Stokes, Whitley, Lives of the Saints from the Book of Lismore, (1890), p177
  14. Ware, Sir James (1809). Ancient Irish Histories: The Works of Spencer, Campion, Hanmer, and Marleburrough (en inglés). Reprinted at the Hibernia Press. 
  15. "Buile Suibhne". www.ucc.ie. 
  16. "A View of the Present State of Ireland". luminarium.org. 
  17. Moryson, Fynes (1617). An itinerary vvritten by Fynes Moryson gent. first in the Latine tongue, and then translated by him into English: containing his ten yeeres travell throvgh the tvvelve domjnions of Germany, Bohmerland, Sweitzerland, Netherland, Denmarke, Poland, Jtaly, Turky, France, England, Scotland, and Ireland. Diuided into III parts Volume 4. London, Printed by J. Beale. 
  18. Nelson (1991)
  19. Taylor, John (1622). Sir Gregory Nonsence His Newes from No Place (en inglés). O[kes]. 
  20. "Newbie's St. Patrick Coppers - Introduction". coins.nd.edu. Consultado o 2022-04-10. 
  21. bookpost.de. "Story of Ireland (eBook)". Bookposts.co.uk (en gb). Consultado o 2022-04-10. [Ligazón morta]
  22. Santino, Jack (1994). All around the year : holidays and celebrations in American life. Urbana: University of Illinois Press. ISBN 978-0-252-02049-0. 
  23. Jack Santino. 2006. p. 37. 
  24. Journal of the Kilkenny Archaeological Society, 1 (1856), p183
  25. Journal of the Kildare Archaeological Society, 1908, p 443
  26. Danaher, Kevin, The Year in Ireland: Irish Calendar Customs, (1972), Dublin, pp 64–5
  27. Blackstock, Allan (2000). Double Traitors?: The Belfast Volunteers and Yeomen, 1778-1828 (en inglés). Ulster Historical Foundation. ISBN 978-0-9539604-1-5. 
  28. Nelson (1991)
  29. "Braid Volunteers" (PDF). limerickcity.ie. 10 de maio de 2007. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xullo de 2014. Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  30. The Shamroc. 11 March 1799. OCLC 508356724. 
  31. "Copia arquivada". 11 de abril de 2013. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2013. Consultado o 22 de febreiro de 2022. 
  32. Moore, Thomas (1855). Melodies, National Airs, Miscellaneous Poems and the Odes of Anacreon (en inglés). Phillips, Sampson. 
  33. Nelson (1991)
  34. "Corporate logo". tourismirelandbrand.com. Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  35. "IDA". idaireland.com. Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  36. Oireachtas, Houses of the (2022-04-07). "Find a Debate – Houses of the Oireachtas". www.oireachtas.ie (en inglés). Consultado o 2022-04-10. 
  37. Gartl, Fiona. "How Ireland lost the battle for the shamrock in Germany". The Irish Times (en inglés). Consultado o 2022-04-10. 
  38. "An Taoiseach presents Waterford Crystal Bowl to President Barack Obama at the White House". www.waterfordvisitorcentre.com (en inglés). 2015-03-17. Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2022. Consultado o 2022-04-10. 
  39. "About Us - College of Arms". www.college-of-arms.gov.uk. Consultado o 2022-04-10. 
  40. "Irish Farmers Association". ifa.ie. Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  41. "Copia arquivada". girlguidesireland.ie. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2014. Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  42. "Irish Kidney Association". ika.ie. Consultado o 4 de xullo de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Nelson, E. Charles (1991). _Botany and History of an Irish Myth_ a Biography of the Shamrock in History, Literature, Music and Art (en inglés). Woodbridge (UK): Boethius Press. ISBN 0-86314-199-4. 
  • Treeck, Carl Van; Croft, Aloysius (1936). Symbols in the Church (en inglés). Milwaukee: Bruce Publishing Co. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]