Sofía, Bulgaria
Со́фия (bg) | |||||
Lema | «Расте, но не старее» | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | Igrexa de Santa Sofía de Sofía | ||||
Localización | |||||
| |||||
País | Bulgaria | ||||
Provincia | Sofia Capital (en) | ||||
Concello | Stolichna Municipality (en) | ||||
Capital de | |||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.404.116 (2024) (2.853,89 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 492 km² | ||||
Bañado por | Vladaya River (en) , Rio Iskar (pt) , Kakach River (en) , Boyanska reka (en) , Q104007237 , Perlovska (en) e Q12295788 | ||||
Altitude | 560 m | ||||
Datos históricos | |||||
Evento clave
| |||||
Organización política | |||||
• Xefe do goberno | Vassil Terziev (en) (2023–) | ||||
Membro de | Rede de cidades creativas (2014–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 1000 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 02 | ||||
Código NUTS | SOF46 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | sofia.bg | ||||
Sofía (en búlgaro, София) é a capital de Bulgaria, e con 1 270 450 habitantes (ano 2007) é a cidade máis poboada do país e a 14ª da Unión Europea. Localízase na rexión oeste de Bulgaria, aos pés do macizo Vitosha. É o centro administrativo, cultural, económico e educativo do estado. Trátase dunha das capitais máis antigas de Europa, remontándose a súa historia até o século VIII a. C., cando os tracios estableceron un asentamento na zona. Sofía tivo varios nomes ao longo da súa existencia, e aínda hoxe se poden ver remanentes da milenaria historia da cidade a carón dos atractivos turísticos modernos.
Historia
[editar | editar a fonte]É a terceira capital europea máis antiga, sendo os primeiros asentamentos de hai de máis de 7000 anos. No lugar dun antigo asentamento neolítico arredor dunhas fontes termais, no século VIII a. C. fundouse unha cidade tracia, chamada Sérdica, pola tribo tracia dos serdi.
Durante un curto período, no século IV a. C., a cidade estivo baixo o dominio de Filipo II de Macedonia e do seu fillo Alexandre Magno. A cidade foi conquistada polo Imperio Romano no ano 29. Cando o emperador Diocleciano dividiu a provincia de Dacia en dúas (Dacia Ripensis ás beiras do río Danubio e Dacia Mediterranea), Serdica converteuse na capital da Dacia Mediterranea.
Foi destruída polos hunos en 447, e reconstruída polo emperador bizantino Xustiniano e renomeada como Triaditsa. Desde o século VI a cidade renaceu como un centro importante administrativo e económico do Imperio Bizantino. Foi coñecida como Sredets polos eslavos, nome que mantivo trala invasión dos búlgaros en 809, e posteriormente mudóuselle o nome polo de Sofía en 1376. Sofía foi o nome dunha mártir cristiá que foi obrigada a presenciar a tortura e morte das súas tres fillas por orde do emperador romano Adriano a comezos do século II.
En 1382, durante o reinado de Murad I, Sofía foi conquistada polo Imperio Otomán, converténdose na capital da provincia de Rumelia durante máis de 4 séculos. Isto mudou o aspecto de Sofía, transformándose nunha cidade Oriental con moitas mesquitas, fontes e numerosos baños turcos (Hammam). Durante aquel tempo a cidade pasou de ter unha poboación duns 7.000 a 55.000 habitantes a mediados do século XVII.
Nas últimas etapas do dominio otomán, a axitación nacionalista foi en aumento, co que finalmente se concedeu ao territorio unha certa autonomía no marco do Imperio Otomán, mantendo a cidade de Sofía a capitalidade. Foi conquistada máis tarde polo Imperio ruso en 1878, durante a Guerra ruso-turca, na que os rusos interviñeron a favor da independencia de Bulgaria, pasando a ser a capital da Bulgaria independente en 1879.
O 16 de abril de 1925, membros do Partido Comunista Búlgaro executaron o atentado na Catedral de Sveta-Nedelya, durante os funerais do xeneral Konstantin Georgiev, que fora asasinado dous días antes polos bolxeviques. A cúpula principal caeu sobre os presentes, morrendo 128 persoas.
Durante a segunda guerra mundial, debido á alianza de Bulgaria co Terceiro Reich, a cidade foi obxecto de bombardeos aéreos por parte dos avións británicos e estadounidenses. Posteriormente, ao cambiar a sorte da guerra en contra da Wehrmacht, o Exército Vermello soviético entrou en Bulgaria e Sofía en 1944, á vez que se producía un cambio de Goberno, co que Bulgaria pasou a unirse aos aliados contra a súa antiga aliada, a Alemaña nazi.
Tralo fin da guerra, creouse l República Popular de Bulgaria, de tendencias comunistas, tendo como presidente a Georgi Dimitrov.
O 17 de setembro de 1992, día de Santa Sofía, declarouse o Día de Sofía.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O desenvolvemento de Sofía como un asentamento significativo débese en gran parte á súa posición central nos Balcáns. Sitúase no oeste de Bulgaria, aos pés do monte Vitosha, no Val de Sofía, que está rodeado por montañas en todas direccións. O val é o máis grande do país, cunha superficie de 1186 km² e unha media de altitude de 550 metros. Tres pasos de montaña conducen á cidade, e foron rutas clave desde a antigüidade, conectando ao mar Adriático e Europa Central cos mares Negro e Exeo.
Algúns ríos baixos cruzan a cidade, como o Vladaya ou o Perlovska. O río Iskar, no seu curso superior, flúe cerca do leste de Sofía. A cidade é coñecida polos seus numerosos mananciais e augas termais. No século XX foron construídos encoros e lagoas artificiais para a subministración de auga e enerxético.
Sitúase a 150 km ao noroeste de Plovdiv, a segunda maior cidade de Bulgaria; a 390 km ao oeste de Burgas e 472 km ao oeste de Varna, as maiores cidades portuarias do país na costa búlgara do mar Negro. A cidade está situada a menos de 200 km das fronteiras con tres países: a 55 km de Kalotina, na fronteira serbia, a 113 km de Gyueshevo, na fronteira con Macedonia do Norte, e a 183 km da fronteira grega en Kulata.
Clima
[editar | editar a fonte]Sofía ten un clima continental moderado con altas variacións de temperatura. O mes máis caloroso é agosto, mentres que xaneiro é o máis fresco. Até 1936 a temperatura anual media era de 10 °C, e desde entón elevouse 0,5 °C. A cidade recibe arredor de 600 milímetros anuais de precipitacións, a maior parte en verán. Sofía adoita permanecer menos cálida en verano que outras partes de Bulgaria, debido á grande altitude do val onde se sitúa, aínda que as temperaturas mesmo poden acadar os 40 °C.
Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Media de temperaturas máximas diarias (°C) | 2,2 | 4,9 | 9,8 | 15,7 | 22,3 | 26,7 | 29,7 | 30,0 | 24,0 | 16,6 | 9,6 | 4,1 | 15,1 | |
Media de temperaturas mínimas diarias (°C) | −4,9 | −2,9 | 0,3 | 4,8 | 9,0 | 12,1 | 13,8 | 13,4 | 10,4 | 5,7 | 1,2 | −2,7 | 5,0 | |
Media de precipitacións totais (mm) | 28 | 31 | 38 | 51 | 73 | 75 | 63 | 51 | 38 | 35 | 48 | 40 | 571 | |
Número de días con precipitacións | 10 | 10 | 10 | 12 | 14 | 13 | 10 | 8 | 7 | 7 | 9 | 11 | 121 | |
Fonte: World Weather Information Service |
Economía
[editar | editar a fonte]Sofía é o centro da vida económica búlgara. O sector industrial da economía, representado por máis de 800 grandes fábricas e centros de produción, inclúe produtos metálicos (75% da produción total do país), téxtiles, artigos de coiro e caucho, imprentas (50% da produción estatal) e artigos electrónicos. Sofía tamén é o centro financeiro do país, é a sede do Banco Nacional de Bulgaria, a Bolsa de Bulgaria, así como dos maiores bancos comerciais do país, como Bulbank, DSK Bank ou o United Bulgarian Bank. A construción, comercio e transporte son outros sectores importantes da economía local. Sofía atraeu a atención como un punto de subcontratación para as multinacionais de Europa Occidental e América. Sofía tamén é a sede de importantes compañías nacionais e internacionais que operan en Bulgaria e Europa Oriental.
Coa caída do goberno comunista en Bulgaria en 1989, importantes compañías internacionais non presentes anteriormente no mercado búlgaro chegaron ao país, a maioría delas a Sofía. O mercado inmobiliario en Sofía creceu subitamente en anos recentes, tendo un crecemento do 100 % entre 2005 e 2006. O desemprego na cidade é relativamente baixo, aproximadamente un 2,5 % en comparación coa media búlgara de 8,2 %, e tamén aos niveis europeos de aproximadamente 7,3 %.
Transporte e infraestrutura
[editar | editar a fonte]Coa súa infraestrutura ben desenvolvida e localización estratéxica, Sofía é un importante centro para as rutas ferroviarias e de Automóbiles. Todos os tipos principais de transporte (agás o acuático), están representados na cidade, sendo sede de 8 estacións de ferrocarril, do Centro de Control Aéreo e do Aeroporto de Sofía, base da aeroliña Bulgaria Air.
O transporte público de Sofía está ben desenvolvido, é eficaz e importante para a economía da cidade. Está conformado por trens subterráneos (o Metro de Sofía), autobuses, tranvías, trolebuses, e arredor de 40 liñas complementarias, operadas por minibuses (marshrutki), ademais de máis de 15.000 taxis. O sistema do tren subterráneo comezou a operar a finais da década de 1990.
Co amplo crecemento do transporte privado nos anos 1990, o número de automóbiles rexistrados en Sofía superou a cifra de 1.000.000 nos últimos cinco anos. Consecuentemente os problemas de tráfico e da Contaminación atmosférica volvéronse máis severos. Está previsto combater esta situación coa expansión das liñas de tren subterráneo co remate de importantes rutas en 2008.
Sofía ten unha enorme planta de coxeración de enerxía eléctrica e térmica única na súa clase. Practicamente toda a cidade (900.000 fogares e 5.900 compañías) recibe enerxía térmica, utilizando calor residual da xeración eléctrica (3.000 MW) e fornos térmicos alimentados con petróleo e gas, resultando nunha capacidade térmica total de 4.640 MW. A rede de ductos de distribución térmica é de 900 km de longo, con 14.000 subestacións.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Logo da liberación de Bulgaria do dominio otomán en 1878 e do establecemento dunha monarquía búlgara autónoma coa capital en Sofía, o Knyaz Alexandre I de Battenberg invitou a arquitectos do Imperio Austrohúngaro para darlle forma á nova aparencia arquitectónica da cidade.
Entre os arquitectos invitados a traballar en Bulgaria estaban Friedrich Grünanger, Adolf Václav Kolář, Viktor Rumpelmayer. Deseñáronse os máis importantes edificios públicos necesarios para o restablecido goberno búlgaro, así como numerosos fogares para a elite da nación. Máis adiante, tamén contribuíron moitos arquitectos búlgaros que estudaran no estranxeiro.
A arquitectura do centro de Sofía é, desta forma, unha combinación de neobarroco, neorococó, neorrenacemento e neoclasicismo, coa Secesión de Viena xogando tamén un papel importante máis adiante.
Entre os edificios máis importantes construídos en Sofía neste período están o antigo palacio real (1882), hoxe sede da Galería Nacional de Arte e do Museo Etnográfico Nacional; o Teatro Nacional Ivan Vazov (1907); a antiga oficina de imprenta real, hoxe Galería Nacional de Arte Estranxeira; a Asemblea Nacional de Bulgaria (1886) ou a Academia Búlgara de Ciencias (1893).
Despois da segunda guerra mundial e do establecemento dun goberno comunista en Bulgaria en 1944, a liña arquitectónica foi alterada substancialmente. Edificios públicos de clasicismo Socialista emerxeron no centro, pero ao crecer a cidade cara a fóra, os novos barrios foron dominados por moitas torres de apartamentos da era comunista e exemplos de arquitectura brutalista.
Logo da abolición do comunismo en 1989 en Sofía construíronse distritos comerciais e veciñanzas enteiras, así como edificios de oficinas semellantes a rañaceos, pero tamén zonas residenciais de clase alta.
Algúns dos exemplos de arquitectura relixiosa máis representativos son:
- a igrexa de San Xurxo.
- a igrexa de Santa Sofía. Baixo o dominio do Imperio Otomán foi convertida en mesquita, para posteriormente quedar abandonada.
- a mesquita de Banya Bashi.
- a catedral de Alexander Nevski, un dos templos ortodoxos máis grandes do mundo.
- a catedral de Sveta-Nedelya, que fora obxecto dun atentado en 1925.
- a igrexa de Boyana, fóra da cidade.
- a sinagoga de Sofía, a máis grande dos Balcáns.
-
O Consello de Ministros de Bulgaria no centro de Sofía.
-
Galería Nacional de Arte.
Educación
[editar | editar a fonte]Hai 16 universidades na cidade, sendo a Universidade de Sofía a considerada como a máis prestixiosa do estado, fundada en 1888 e cuns 14.000 estudantes anuais. Outras universidades importantes son a Academia Nacional de Artes, a Universidade Técnica de Sofía, a Universidade de Economía Nacional e Internacional, a Universidade de Medicina de Sofía, a Academia Nacional de Teatro e Cinematografía Krastyo Sarafov ou a Nova Universidade Búlgara.
Ademais encóntranse na cidade institucións de importancia nacional, como a Academia Búlgara de Ciencias ou a Biblioteca Nacional Santos Cirilo e Metodio. O Colexio Americano de Sofía, fundado en 1860 e considerada a institución académica estadounidense máis antiga fóra dos Estados Unidos proporciona educación secundaria a algúns dos estudantes máis destacados de Bulgaria. A escola foi pechada durante a era comunista e reaberta en 1992. A primeira xeración de estudantes da escola reaberta graduouse en 1997.
Deportes
[editar | editar a fonte]Sendo a capital do estado, Sofía é tamén o centro das actividades deportivas de Bulgaria, cun gran número de clubs deportivos establecidos na cidade, incluíndo a varios dos máis importantes do estado, como o Levski Sofia, CSKA Sofia, Akademic Sofia, Spartak Sofia, Lokomotiv Sofia ou o Slavia Sofia. O fútbol é o deporte máis popular na cidade, así como en todo o país, pero deportes como o baloncesto ou o voleibol tamén teñen forte arraigame en Sofía.
Na capital está un gran número de recintos deportivos, como o Estadio Nacional Vasil Levski, cunha capacidade de 43.000 espectadores, que alberga a maior parte dos grandes eventos ao ar libre de Bulgaria. Destacan tamén o Estadio Georgi Asparuhov do Levski Sofia, o Estadio Balgarska Armiya do CSKA Sofía e o Estadio Ovcha Kupel do Slavia Sofia. Outra facilidade deportiva de importancia é a Sala Universíada, onde teñen lugar moitos eventos baixo cuberta.
Sofía postulouse para organizar os Xogos Olímpicos de Inverno en 1992 e 1994, terminando en segundo e terceiro lugar respectivamente. A cidade tamén presentou a súa candidatura para os Xogos Olímpicos de 2014, pero non foi seleccionada como candidata. Ademais, Sofía foi sede do Eurobasket de 1957 e das Universíadas de verán de 1961 e 1977, así como das versións de inverno de 1983 e 1989.
Medios de comunicación
[editar | editar a fonte]Algunhas das máis grandes e populares compañías de telecomunicacións, estacións de radio e televisión, compañías de televisión por cable, periódicos, revistas e portais web do país teñen a súa sede en Sofía. Son os casos da Televisión Nacional Búlgara (que presenta BNT Canal 1 e TV Bulgaria), bTV e Nova Television, ou periódicos como 24 chasa, Trud ou Sega.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sofía, Bulgaria |