Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Taekwondo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dúas loitadoras de Tae-Kwon-Do

O taekwondo (en coreano: 태권도) é unha arte marcial que ten a súa orixe en Corea, onde é deporte nacional. É moi coñecido e popular pola espectacularidade das súas técnicas de pé e actualmente é a arte marcial máis popular do mundo, con millóns de seguidores en todo o planeta. O seu desenvolvemento remóntase a uns 2000 anos atrás, pero é coñecido como taekwondo dende hai uns 50 anos.

Nos Xogos Olímpicos de Seúl 88 fixeron a súa primeira aparición en devandito certame como deporte de exhibición. Neste evento competiron 183 atletas (120 homes e 63 mulleres) de 34 países diferentes en 8 diferentes divisións de peso tanto para homes como para mulleres. Nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 continuou como competencia de exhibición e non foi ata os Xogos Olímpicos de Atlanta 96 cando se converteu en deporte olímpico oficial.

Tae-kwon-do significa "camiño do pé e o puño". Esta arte marcial non se basea unicamente no uso das pernas como moita xente cre erroneamente. Moitas técnicas de taekwondo usan o cóbado, así como diferentes formas de empregar a man, o pé e ata o xeonllo (por exemplo, para efectuar rompementos de táboas, ladrillos ou outros obxectos).

Existen dous taekwondos: o da WTF (World Taekwondo Federation) e o da ITF (International Taekwon-Do Federation). Por suposto, as técnicas varían, así como os poomse (pronúnciase pumse). Tamén existen outras federacións como a ATA (American Taekwondo Association) que só nos EEUU ten máis de 300.000 practicantes. Desta dependen dúas asociacións: a WTTU e a STF.

A práctica do taekwondo, como a dos demais estilos de Artes Marciais, non conduce a comportamentos violentos, senón que axuda a baleirar de estrés e conflitos. Multitude de técnicas de relaxación converten a práctica do taekwondo nunha actividade moi boa para o espírito. Un dos exercicios máis importantes é a realización de "poomses", denominados tamén como formas ou "katas" en terminoloxía do karate.

A orixe das Artes Marciais asóciase coa necesidade ancestral do home non só de defenderse, senón de desenvolver o seu corpo e a súa mente. Inicialmente esta necesidade traduciuse na forma de "actividades deportivas" xeralmente relacionadas coa realización de ritos relixiosos.

Os primeiros rexistros da práctica desta Arte Marcial data do ano 50 A.C. cando foi coñecido como Taek Kyon. A evidencia da súa práctica puido ser atopada nunhas tumbas onde unhas pinturas murais mostraban a dous homes nunha escena de loita.

Por eses tempos pódense identificar os Tres reinos de Corea:

As súas achegas: o Yongko en Puyo, Tongmaeng en Koguryo, Mochon en Ye e Mahan e o Kabi na dinastía Silla.

Silla unificou os reinos logo de gañar a guerra contra Paekje en 668 D.C. e a Koguryo en 670 D.C. O Hwa-Rang-Do (vía da irmandade entre os homes) xogou un papel importante nesta unificación. O Hwa-Rang-Do era un grupo de elite de xoves nobres, dedicados a cultivar a mente e o corpo para servir ao reino de Silla. Este grupo tiña un código de honor, establecido polo monxe budista Won-Kang, e practicaban varias formas de artes marciais, incluíndo Taekyon e Soo Bakh Do. Este código de honor é a base filosófica do moderno TaeKwonDo.

Formas primitivas de Taekwondo; produto da incorporación dos movementos lentos de defensa e ofensivos, imitados dos animais; foron atopados en diferentes manifestacións na dinastía coreana de Koguryo fundada no ano 37 A.R., como as pinturas murais atopadas nas ruínas das tumbas reais Muyon-chong e Kakchu-chong que mostran escenas da práctica do devanceiro do Taekwondo.

Dada a antigüidade das tumbas pódese inferir que a poboación de Koguryo iniciou a práctica do Taekwondo durante o período comprendido entre o ano 3 D.C. e 427 D.C.

En Kyongju, a capital da dinastía Silla, atopáronse impresionantes imaxes budistas nas paredes da cova Sokkuram no Templo Pulkuk-sa. Nestas imaxes aprécianse dous "Guerreiros Diamante" practicando Taekwondo, protexendo ao Budismo dos diaños.

Silla é famosa polo Hwarang, unha organización social, educativa e militar baseada nun código de honor, consistente na lealdade á nación, respecto e obediencia aos proxenitores, honestidade coas amizades, coraxe na batalla e a omisión da violencia innecesaria.

Os antecedentes deste código de ética ata se atopan no documento máis antigo da historia coreana o Samguk Yusa, e a súa influencia foi determinante na historia e unificación dos imperios de Corea así como nos fundamentos do Taekwondo actual.

Nesta época (entre 1147 e 1170 D.C.) estableceuse un período de paz. En 936 D.C. Wang Kon fundou a dinsatía Koryo, o nome Corea é derivado deste mesmo. Asemade, o Soo Bakh Do converteuse nun deporte popular, o cal foi utilizado como un método de adestramento militar.

Durante a dinastía Yi (1392 D.C. - 1910 D.C.), este énfase no adestramento militar desapareceu. É neste período cando o Taekwondo denominouse "Subak" e a súa práctica estendeuse, como unha actividade deportiva, chegando inclusive a realizarse unha competencia entre provincias. Nesta época King Chongjo publicou o libro ilustrado "Muye Dobo Tongji" que inclúe ao Taekwondo nun dos seus capítulos. O Subak practicouse como un importante deporte nacional, atraendo moito a atención tanto da corte real como do público xeral.

O 9 de novembro de 1918 nace Choi Hong Hi (creador do Taekwon-Do) en Miong Chong, Corea do Norte. No ano 1933 á idade de 15 anos comeza a practicar Taek Kyon, animado polo seu mestre de caligrafía Han Il Dong, que era un experto nesa arte. En 1937 é enviado a Kyoto, Xapón, a estudar, e alí empeza a practicar Karate, recibíndose de II Dan. Ao estalar a segunda guerra mundial debeu alistarse no exército xaponés, onde ao pouco tempo é enviado a prisión por pertencer ao movemento independentista Kwan Ju. Encerrado comeza a desenvolver unha arte marcial en que combina o Taek Kyon e o Karate. En 1946 foi recrutado polo Exército Coreano, podendo así ter un lugar onde practicar a súa nova arte marcial á que denominou Chan Hun.

Durante a primeira metade do Século XX, o Taekwondo foi influenciado por outras Artes Marciais. O máis importante destes deportes é o Karate Xaponés (véxase Karate) xa que o Xapón dominou a Corea dende 1910 ata o fin da segunda guerra mundial. Despois de que o Xapón colonizara Corea, as artes marciais foron prohibidas, pero o Taekwondo persistiu no espírito da poboación coreana como un legado, sendo practicado por algúns poucos na clandestinidade.

A influencia que lle deu Xapón ao Taekwondo, son os movementos, rápidos e directos, que caracterizan os diversos sistemas xaponeses.

Despois de que Corea se liberara en 1945, o Taekwondo revitalizouse, ensinándose ás novas xeracións. O 11 de abril de 1955 o nome TaeKwonDo, suxerido polo Gral Choi, foi adoptado por varios Mestres de Arte Marcial Coreano.

O 16 de setembro de 1961 establécese a Asociación Coreana de Taekwondo. O 25 de febreiro de 1962 esta asociación únese á Asociación Coreana de Deportes Amaters. O 9 de outubro de 1963, o Taekwondo é por primeira vez un evento Oficial no 44º "Encontro Atlético Nacional" en Corea. O 22 de marzo de 1966 fórmase a "International Taekwon-Do Federation" (ITF), con sede en Corea do Sur. En 1972 móvese a Toronto, Canadá.

A práctica do Taekwondo estendeuse mundialmente coa participación de 19 países no "Primeiro Campionato Mundial de Taekwondo" celebrado en Seúl (Corea) en maio de 1973, durante este encontro establécese a "Federación Mundial de Taekwondo" (WTF). Actualmente o cinema está contribuíndo a estender o interese polas Artes Marciais e xa conta con grandes mitos na súa historia como Bruce Lee ou Jackie Chan, e tamén con grandes promesas como Tony Jaa.

Combate de torneo ou campionato

[editar | editar a fonte]
Combate de Tae-Kwon-Do

O combate de taekwondo, en campionatos, faise cunha vestimenta especial: un peto que cobre peito e costas, un casco acolchado (cabezal), protector bucal, protector xenital, canilleiras e protectores para os antebrazos e un traxe especial chamado dobok. O combate divídese en tres asaltos de tres minutos cada un, excepto para os amaters, onde só hai dous asaltos. Está prohibido golpear co puño na cabeza. De feito, co puño só se pode golpear o torso (nunca por detrás); coas pernas, pódese golpear por riba da cintura, ben sexa no peito ou nas costas (a validez dos golpes nas costas foi introducida recentemente e obrigou a redeseñar os petos). Aínda que as técnicas clásicas de taekwondo usan moitas partes do corpo, no combate só se pode golpear co puño e o pé (isto débese principalmente ao regulamento).

Os pumses son secuencias de movementos de defensa e ataque que simulan un combate imaxinario con varios adversarios. Estes pumses están relacionados directamente cos cintos de graos e se memorizan e repiten con obxecto de incrementar o equilibrio, a elasticidade, a rapidez e o dominio dos diferentes movementos.

Inicialmente as primeiras Poomse foron as chamadas Palgwae, (A súa pronunciacion é: Pal-gue) as cales deriváronse das primeiras mesturas do Taekwondo tradicional e o Karate. Estas, aínda cando se utilizan aínda, non son recoñecidas como oficiais pola WTF. Estas estaban destinadas para os cintos inferiores ao negro e os seus nomes son:

1.- Palgwae Il Chang 
2.- Palgwae I Chang 
3.- Palgwae Sam Chang 
4.- Palgwae Sa Chang 
5.- Palgwae Oh Chang 
6.- Palgwae Yuk Chang 
7.- Palgwae Chil Chang 
8.- Palgwae Pal Chang

Actualmente para o Taekwondo da WTF existen dúas categorías de poomses: os taeguk e os poomse superiores ou poomse dan.

Os poomse taeguk (A súa pronunciación é: Che-gok) son os poomses básicos, e están destinados aos cintos inferiores ao negro (branco ata marrón). Os nomes destes son (a nomenclatura é a utilizada en "Taekwondo. Fundamentos e pumse", libro editado pola WTF):

1.- Taeguk Il Chang 
2.- Taeguk I Chang 
3.- Taeguk Sam Chang 
4.- Taeguk Sa Chang 
5.- Taeguk Oh Chang 
6.- Taeguk Yuk Chang 
7.- Taeguk Chil Chang 
8.- Taeguk Pal Chang

Os poomse dan están destinados ás diferentes graduacións dentro do cinto negro. Os seus nomes son:

Koryo 
Kungang 
Taebek 
Pyongwon 
Sipchin 
Chitae 
Chonkwon 
Jansu 
Ilio.

Grandes Mestres

[editar | editar a fonte]
  • Choi Hong Hi
  • Lee Dok Mu
  • Park Jae Ga
  • Chong Lee
  • Hyung Ki Kim
  • Félix Serrano
  • Un Yong Kim
  • Yoom Asa

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]