Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Vereinstaler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vereinstaler de 1866 do Principado de Lippe

O vereinstaler (en galego: "tálero da unión"), creado en 1857, foi unha moeda padrón de prata usada na maior parte dos Estados Alemáns e no Imperio Austríaco nos anos anteriores á Unificación Alemá. Trátase do derradeiro tipo de tálero alemán e contiña 16,667 gramos de prata fina.[1][2][3][4]

Caracterización

[editar | editar a fonte]
Reverso dun vereinstaler de Saxonia de 1860

O vereinstaler foi introducido para substituír o padrón anterior, baseado no tálero de Prusia, lixeiramente máis pesado (16,704 g). A partir dunha libra de prata obtíñanse 30 vereinstaler, cunha pureza de 900 milésimas. Era frecuente que esta característica fose amosada nos seus reversos, coa lenda XXX EIN PFUND FEIN ("30 por cada libra de fino").[1][2]

O vereinstaler usábase en todos os países adheridos á Unión Alfandegueira dos Estados de Alemaña (Zollverein), unha organización establecida en 1834 pola que se suprimían os aranceis entre os membros da Confederación Xermánica, coa excepción de Austria.[4][5]

As especificacións do vereinstaler aplicáronse tamén ao resto das moedas con valores expresados en táleros e en floríns, aínda que non se fixese nelas mención ao padrón do vereinstaler. No caso das moedas divisionarias, no entanto, deuse unha situación problemática, xa que estas (pfennig, kreuzer e groschen) seguían a ser específicas de cada Estado e en moitas ocasións carecían de correspondencia coas cuñadas noutros estados.[4]

Prolegómenos

[editar | editar a fonte]

Xa nas discusións preliminares do Tratado de Dresde (Dresdner Münzvertrag), Saxonia presentara unha proposta para a creación dunha nova moeda equivalente a un terzo do tálero que se usaba naquel reino. Porén, a proposta fora rexeitada polos demais estados, ao resolverse que só se procuraría a homologación dos sistemas existentes.[6]

Área da Zollverein (1834-1919).
Azul: Prusia en 1834.
Gris: zonas incluídas en 1866.
Amarelo: posesións austríacas fóra da Zollverein.
Vermello: límites da Confederación Xermana en 1828.

Co tratado monetario de Dresde do 30 de xullo de 1838, creouse o dobre tálero (doppeltaler), equivalente a tres floríns, como unidade monetaria de toda a zona da Zollverein. O dobre tálero era válido nos estados do sur de Alemaña pertencentes á Zollverein, en Prusia, en Saxonia, Hesse-Kassel e o ducado de Turinxia. Ata 1853, entre outros, adheríronse ao tratado monetario de Dresde Anhalt, Oldenburgo, o ducado de Braunschweig e Hannover.[7]

Creárase, xa que logo, unha profunda harmonización da moeda alemá, mais non, aínda, unha moeda alemá unitaria, xa que un dobre tálero do norte correspondía a 3,5 floríns do sur e a 3 floríns austrohúngaros, en tanto que moitas moedas do século XVIII mantiñan aínda a súa circulación.[7]

Implantación nos diferentes estados

[editar | editar a fonte]
Billete de 100 vereinstaler de Hannover de 1857

Co acordo monetario de Viena do 24 de xaneiro de 1857, Austria uniuse tamén á unión monetaria, do mesmo modo que a práctica totalidade dos estados da Zollverein. Introduciuse entón no sistema o vereinstaler como moeda principal, cunha versión simple e outra dobre.[4][8]

En Prusia e outros estados xermanos do norte, o vereinstaler dividiuse en 30 groschen de prata (silbergroschen), e cada un destes en 12 pfennig, do mesmo xeito que en Saxonia, coa diferenza de que o seu groschen (chamado alí neugroschen) estaba dividido en 10 pfennig. Aínda que outros estados do norte, como Hannover, usaron tamén o groschen como moeda divisionaria, outros, como Mecklenburgo ou Hesse-Kassel usaron outras divisións diferentes.[4][8]

No sur de Alemaña, estados como Baviera usaron o florín como unidade padrón de conta, coa equivalencia de ​1 34 floríns por cada vereinstaler. O florín estaba dividido en 60 kreuzer, e cada un destes en 4 pfennig ou 8 heller.[4][8]

No Imperio Austríaco (e máis tarde no Imperio Austrohúngaro), a unidade de conta era un florín diferente, dividido en 100 kreuzer, de xeito que ​1 12 floríns equivalían a un vereinstaler.[4][8]

Cantidades de vereinstaler cuñados por data en Alemaña

Substitución

[editar | editar a fonte]

Cando Austria se arredou da Confederación Xermánica (Deutscher Bund) tras a derrota na guerra austro-prusiana de 1866, acabou a cuñaxe de vereinstaler austríacos, e a súa circulación finalizou o 1 de xaneiro de 1901.

Na área do Imperio Alemán, a lei monetaria de 1873 trouxo consigo unha nova moeda, o marco de ouro (goldmark), chamada así por estar baseada no padrón ouro, aínda que a súa especie física fose cuñada en prata, e atribuíulle ao vereinstaler o valor de tres deses marcos.[9][10]

Nese momento finalizou a cuñaxe do vereinstaler (a derradeira moeda de dobre vereinstaler emitiuse en conmemoración das vodas de ouro da parella real de Saxonia en 1872).[11] As moedas de dobre vereinstaler mantiveron a súa circulación ata o 15 de novembro de 1876, e as de valor simple foron retiradas o 1 de outubro de 1907.

A partir de 1908, existiu unha moeda directamente herdeira do vereinstaler, a de valor facial de tres marcos, cuñada ata a época da República de Weimar.

Vereinstaler emitidos en cada estado

[editar | editar a fonte]
Canto dun dobre vereinstaler do Reino de Saxonia

A cantidade estándar de prata fina foi de 16,667 g para o vereinstaler e de 33,408 para o dobre vereinstaler (doppeltaler). Na táboa indícanse, entre parénteses) as desviacións desta norma.[12][13]

Estados Períodos de cuñaxe Cecas Lendas do canto
Vereinstaler simple Vereinstaler dobre
Anhalt 1858–1869 1839–1855 Casa da Moeda de Berlín GOTT SEGNE ANHALT
Baden 1857–1871 1841–1855 Casa da Moeda de Karlsruhe MÜNZVERTRAG VOM 24. JANUAR 1857
Baviera 1857–1871 1837–1869 Casa da Moeda de Baviera (Múnic) XXX EIN PFUND FEIN bzw. GOTT SEGNE BAYERN
Braunschweig 1858–1871 1842–1856 Braunschweig (ata 1859).

Hannover (desde 1864).

NEC ASPERA TERRENT
Frankfurt 1857–1865 1841–1855


1860–1866

(33,333 g)

Frankfurt. STARK IM RECHT
Hannover 1857–1866 1854–1855


1862–1866

(33,333 g)

Hannover. NEC ASPERA TERRENT
Hesse-Kassel 1858–1865 1840–1855

(33,41 g)

Kassel. GOTT MIT UNS
Hesse-Darmstadt 1857–1871

(16,67 g)

1839–1854

(33,41 g)

Darmstadt. MÜNZVERTRAG VOM 24. JANUAR 1857
Hohenzollern-Hechingen 1844–1846 Casa da Moeda de Stuttgart CONVENTION*VOM*30JULY*1838*
Hohenzollern-Sigmaringen 1841–1847 Stuttgart. CONVENTION*VOM*30JULY*1838*
Lippe 1860 e 1866 1843 Berlín. MÜNZVERTRAG VOM 24. JANUAR 1857
Liechtenstein 1862 Viena. KLAR UND FEST
Mecklenburg-Schwerin 1864 Berlín.
Mecklenburg-Strelitz 1870 Berlín. GOTT SCHIRME MECKLENBURG
Nassau 1859–1864 1840–1854



1860

(33,333 g)

Wiesbaden.
Oldenburgo 1846

(16,704 g)

1858–1866

1840

(33,408 g)

Hannover.

Wiesbaden (doppeltaler).

Imperio Austríaco 1857–1867 1857–1867 Viena (só doppeltaler).

Kremnitz.

Alba Iulia.

Milán.

Venecia

Prusia 1857–1871 1839–1856



1858–1871

(33,333 g)

Berlín.

Hannover (desde 1866).

Frankfurt (desde 1866).

GOTT MIT UNS
Reuss-Greiz 1858–1868 1840–1854 Berlín.
Reuss-Gera 1848 Berlín.
Saxonia 1839–1856

(16,704 g)

1857–1871

1839–1856


1857–1861

(33,333 g)

Dresde. GOTT SEGNE SACHSEN
Saxonia-Altemburgo 1841

(16,704 g)


1858–1869

1841–1852 Dresde.
Saxonia-Weimar-Eisenach 1841

(16,704 g)


1858–1870

1840–1855

(33,408 g)

Berlín.
Saxonia-Coburgo-Gotha 1841–1852

(16,704 g)


1862–1870

1841–1854 Dresde.
Saxonia-Meiningen 1859–1867 1841–1854 Múnic.
Schaumburg-Lippe 1860 e 1865 1857

(33,33 g)

Hannover.
Schwarzburg-Sondershausen 1859–1870 1841–1854 Berlín.
Schwarzburg-Rudolstadt 1858–1867 1841–1845 Berlín.
Waldeck-Pyrmont 1859 e 1867 1842–1856 Berlín.

Hannover (1867).

Reino de Württemberg 1857–1871 Stuttgart
  1. 1,0 1,1 "Vereinstaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  2. 2,0 2,1 "Vereinsmünzen". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  3. "Vereinsthaler". En Farlex Financial Dictionary. (2009).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Tratado de Viena do 24 de xaneiro de 1857" (tradución ao inglés do texto íntegro). En Journal of Political Economy. Vol. 4. Nº 2. 1896.Páxinas 270-279.
  5. "German Zollverein Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En Ackermann, M. et al. (2008). Páxinas 155-156.
  6. Holtferich C. L. (1990). "Monetary conditions before the creation of the Zollverein (1834)". Páxinas 217-220.
  7. 7,0 7,1 Holtferich C. L. (1990). "Towards a unification of the coinage systems, 1837-1867". Páxinas 220-226.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Parker Willis, H. (1896).
  9. "Goldmark". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  10. "Goldmark". En Farlex Financial Dictionary. (2009).
  11. "Morton & Eden. Auction 101. Lot 691". En Coin Archives.
  12. Cuhaj, G. S. (2011).
  13. Arnold P.; et al. (2007).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]