Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Wikipedia:Fontes fiables

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os artigos da Wikipedia deben basearse en fontes acreditadas e fiables, asegurándose que tódolos puntos de vista maioritarios e minoritarios que fan aparición nesas fontes se tratan no artigo (vexa Wikipedia:Punto de vista neutral). Se non se poden atopar fontes fiables dun tema concreto, a Wikipedia non debería ter un artigo sobre ese tema.

Esta guía trata sobre a fiabilidade de varios tipos de fontes. A política sobre as fontes é Wikipedia:Verificabilidade, que require citar as fontes para a información incluída nos artigos, en particular a susceptible de ser cuestionada, e para tódalas citas atribuídas. A política debe aplicarse da forma máis estrita posible en todo o material dos artigos, listas e seccións dos artigos, sen excepcións, e en particular nas biografías de persoas vivas, que indica o seguinte:

Todo o material incluído debe estar apoiado en referencias fiables, pero se se inclúe contido que poida ser conflitivo ou disputado este ten que incluír referencias fiables ou debe ser borrado inmediatamente e sen discusión previa.

No caso de contradición entre esta guía e as políticas relacionadas, estas últimas teñen prioridade e os editores deben valerse delas para resolver discrepancias. Outras políticas relevantes ás fontes de información son Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria e Wikipedia:Biografías de persoas vivas.

Visión xeral

[editar a fonte]

Os artigos deben basearse en fontes fiables, independentes, publicadas e reputadas por facer comprobación de feitos e ser veraces. Isto significa que a Wikipedia debe valerse só de opinións de autores fiables, e non da opinión de wikipedistas que interpreten unha fonte primaria. Os seguintes exemplos indican só algúns dos posibles tipos de fontes fiables e problemas de fiabilidade das fontes, e non son exhaustivos. A inclusión de fontes fiables sempre depende do contexto, e o sentido común e o bo xuízo dos editores son parte indispensable do proceso.

Definición de fonte

[editar a fonte]

O termo "fonte" cando se emprega no contexto de citar as fontes na Wikipedia ten tres significados relacionados:

Calquera destes tres significados poden afectar á fiabilidade. As fontes fiables poden ser materiais publicados baixo un proceso de publicación fiable, autores considerados coma autoridades no tema en cuestión, ou ámbalas dúas cousas. Estas cualificacións deben ser demostrables a terceiros.

Definición de publicado/a

[editar a fonte]

O termo "publicado/a" asóciase xeralmente con materiais de texto, tanto en formato tradicional impreso coma en liña. Porén, os formatos de son, vídeo e multimedia gravados e emitidos, distribuídos ou arquivados por institucións reputadas tamén poden cumprir os criterios necesarios para seren considerados fontes fiables. Ó igual que as fontes textuais, as fontes multimedia deben ser producidas por unha institución fiable e deben citarse propiamente. Adicionalmente, debe existir unha copia arquivada da obra referenciada. É preferible, mais non necesario, que dita copia arquivada sexa accesible por medio da Internet.

A importancia do contexto

[editar a fonte]

A fiabilidade dunha fonte depende do contexto. Cada fonte debe medirse con tino para xulgar se é fiable en relación coa afirmación feita no artigo da Wikipedia á que acompaña, e para xulgar se é unha fonte apropiada para ese contido. En xeral, canta máis xente se involucre na revisión de feitos, análise de problemas legais e escrutinio da escrita, máis fiable será a publicación. As fontes deben apoiar directamente a información tal e como se presente no artigo da Wikipedia.

Algúns tipos de fontes

[editar a fonte]

Moitos artigos da Wikipedia dependen de material académico. De estaren dispoñibles, as publicacións académicas e revisadas por pares, investigacións académicas e libros publicados adoitan ser as fontes máis fiables. Porén, algúns materiais académicos poden estar desfasados, en competición con teorías alternativas, ou ser controvertidos no campo relevante. Débese tentar citar o consenso académico no tema cando este exista. As fontes non académicas pero fiables tamén se poden empregar en artigos sobre temas académicos; en particular, o material de publicacións ben establecidas. Cómpre revisar en cada caso o contexto para decidir que fontes son apropiadas.

Fontes académicas

[editar a fonte]
  • Os artigos deben basearse en fontes secundarias, de ser posible. Por exemplo, un artigo de crítica, monográfico ou libro de texto é mellor que un artigo de investigación primario. Cando se empreguen fontes primarias debe terse moito coidado. Os wikipedistas non deben interpretar o contido das fontes primarias. Véxase Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria e Wikipedia:Punto de vista neutral.
  • Os materiais de tipo artigo, libro, monográfico ou investigación que estean aprobados pola comunidade académica considéranse fontes fiables, cando o material estea publicado por fontes reputables e revisadas ou por imprentas académicas ben consideradas.
  • As disertacións completas ou teses escritas dispoñibles publicamente poden empregarse pero con precaución, xa que moitas delas adoitan ser, totalmente ou en parte, fontes primarias. Algunhas destas terán pasado por un proceso de revisión académica de distintos niveles de rigor, pero outras non. De ser posible, o mellor é empregar teses que teñan sido citadas por outras fontes, supervisadas por especialistas recoñecidos no campo en cuestión ou revisadas por terceiras partes. As disertacións que se atopen en progreso non están revisadas e non se consideran publicadas, polo que por norma non constitúen fontes fiables. Algunhas teses publícanse posteriormente en forma de monográficos académicos ou artigos revisados, e de estaren dispoñibles son preferibles ás propias teses orixinais coma fontes.
  • Pode confirmarse a validez dentro do discurso académico dunha fonte revisando as citacións académicas que teña recibido, mediante os índices de citación. Coma corolario disto, as publicacións non incluídas en índices de citacións, especialmente en campos ben cubertos por ditos índices, deben empregarse con precaución, sempre dependendo do contexto particular.
  • Os estudos illados considéranse xeralmente tentativos e poden variar tras posterior investigación académica. Se o estudo illado é unha fonte primaria, non debería empregarse se existen fontes secundarias que traten o mesmo contido. A fiabilidade dun estudo individual depende do propio campo de estudo. Os estudos en campos complexos, coma por exemplo a medicina, adoitan ser menos definitivos e deberían evitarse na medida do posible. As fontes secundarias, coma meta-análises, libros publicados e artigos revisados academicamente, son sempre opcións preferentes ás investigacións primarias.
  • Cómpre ter precaución con publicacións de intención promocional para certos puntos de vista. Unha declaración de ter recibido revisión académica non sempre é indicación de que a publicación sexa respectada. As publicacións non revisadas polo conxunto da comunidade académica non se consideran fontes fiables, agás para amosar os puntos de vista dos grupos representados por ditas publicacións.
  • Algunhas publicacións poden semellar fiables, mais non seren de calidade nin realizaren revisións de contido. Existen publicacións que inclúen calquera material recibido sempre que o autor estea disposto a pagar unha tarifa, ou publicacións de dubidosa reputación que imitan os nomes doutras xa establecidas e fiables.[1][2] A calidade dunha publicación pode comprobarse revisando as acreditacións da súa xunta editorial e confirmando a súa inclusión nos índices de citacións relevantes.

Medios de comunicación

[editar a fonte]

As fontes de novas adoitan incluír tanto contido baseado en feitos coma contido de opinión. A difusión de novas por parte de medios de comunicación ben establecidos considérase xeralmente unha fonte fiable para afirmacións sobre feitos concretos, aínda que en ocasións incluso os medios de máis reputación poden difundir información errada. A difusión de novas por parte de medios menos establecidos considérase xeralmente menos fiable para afirmacións sobre feitos concretos. Moitos xornais inclúen tamén artigos proporcionados por axencias de novas coma BBC News, Reuters, Agencia EFE ou Europa Press, que son os responsables neses casos da veracidade da información. A axencia de novas responsable do artigo fonte debe engadirse sempre nas citacións, a maiores do xornal que publique a información.

Os comentarios editoriais, análises e pezas de opinión escritas polos editores da publicación ou autores externos son fontes primarias fiables para afirmacións atribuídas ao propio editor ou autor, pero case nunca son fiables para referenciar afirmacións sobre feitos concretos.

  • Ao tomar información dunha peza de opinión, a identidade do autor pode axudar a determinar a súa fiabilidade. As opinións de especialistas e expertos recoñecidos teñen máis probabilidades de seren fiables e de reflectiren un punto de vista significativo. Non obstante, cómpre ter en conta que as afirmacións excepcionais requiren así mesmo fontes excepcionais que as validen. As opinións dos autores deben indicarse claramente como tal, e non como feitos. As críticas e revisións de libros, filmes, arte etc. poden conter tanto opinións coma resumos e pezas académicas.[3][4]
  • Para informacións sobre temas académicos, as fontes académicas e fontes non académicas de calidade considéranse xeralmente mellor que as novas dos medios de comunicacións. As novas en si poden considerarse aceptables dependendo do contexto. Os artigos que traten un tema en profundidade baixo estudos específicos teñen xeralmente máis valor que artigos xerais que só traten o tema de forma tanxencial.
  • A difusión de rumores non ten relevancia enciclopédica, aínda que en certas instancias a información verificable sobre ditos rumores si poida ser axeitada (é dicir, a indicación de que un determinado rumor acadase certa notoriedade, aínda que non fose unha verdade probada). A Wikipedia non é sitio para difundir rumores e dixomedíxomes.
  • Algúns medios de comunicacións teñen empregado artigos da Wikipedia coma fonte para os seus traballos. Polo tanto, os editores deben ter coidado de evitar as referencias circulares.
  • O feito de que unha nova específica sexa fiable para un feito ou afirmación concreta nun artigo da Wikipedia debe considerarse e revisarse caso por caso.
  • Algunhas novas publícanse varias veces ou transmítense entre múltiples medios de comunicacións. Isto adoita ser o caso das axencias de información, coma por exemplo Associated Press. As novas publicadas desta forma non se consideran múltiples fontes dun feito ou afirmación, senón unha soa fonte publicada por múltiples medios de comunicación.
  • Un sinal que pode indicar que un medio de comunicación fai unha comprobación de feitos efectiva e con reputación de veracidade é a publicación de correccións das súas propias novas.

Fontes de comercio electrónico

[editar a fonte]

Seguindo o indicado en Wikipedia:Ligazóns externas, non se deben "engadir ligazóns con propósitos comerciais ou para anunciar produtos, servizos ou calquera clase de sitios web". Porén, poden considerarse aceptables as citacións a páxinas comerciais coma un servizo de librería ou de música cando se requira verificar detalles coma os títulos das obras ou a duración dos temas musicais. As fontes xornalísticas e académicas son sempre preferentes, e as fontes de comercio electrónico deben substituírse por algunha destas outras sempre que sexa posible.

Fontes non neutrais

[editar a fonte]

Os artigos da Wikipedia teñen que estar presentados dende un punto de vista neutral. Porén, as fontes fiables que se empregan non teñen que ser estritamente neutrais, balanceadas ou obxectivas. En determinadas ocasións as fontes non neutrais poden ser as mellores fontes de información para verificar unha determinada afirmación sobre un tema concreto.

As fontes non neutrais máis habituais adoitan ser de corte político, financeiro, relixioso ou filosófico. Aínda que a fonte pode ser non neutral, é posible que sexa fiable no contexto específico tratado no artigo. Ao tratar con fontes potencialmente non neutrais, os editores deben considerar se a fonte cumpre os criterios normais de fiabilidade, como son o control editorial e a reputación de comprobación dos feitos.

Fontes cuestionables e fontes autopublicadas

[editar a fonte]

Fontes cuestionables

[editar a fonte]

As fontes cuestionables son aquelas cunha pobre reputación na comprobación de feitos ou sen control editorial. Ditas fontes inclúen páxinas web e publicacións que expresan puntos de vista amplamente recoñecidos coma extremistas, que son promocionais por natureza, ou que dependen en gran medida de rumores e opinións persoais. As fontes cuestionables non son axeitadas para citar afirmacións controvertidas sobre terceiras partes, incluíndo afirmacións en contra de institucións ou persoas vivas ou falecidas. O uso de fontes cuestionables debe ser moi limitado ou practicamente inexistente.

Fontes autopublicadas (en liña e papel)

[editar a fonte]

Calquera pode crear unha páxina web persoal ou autopublicar o seu propio libro e afirmar ser un experto nun campo determinado. Por este motivo, a maioría de autopublicacións adoitan non ser fontes fiables xeralmente, xa sexan libros autopublicados, páxinas web persoais, wikis abertos, blogs, páxinas persoais en redes sociais, foros ou chíos.

Neste contexto, o termo "blogs" fai referencia a blogs persoais e colectivos. Algúns medios de comunicación posúen columnas interactivas chamadas blogs, que poden chegar a considerarse aceptables como fontes fiables en tanto que os autores dos mesmos sexan xornalistas profesionais ou expertos na materia tratada no propio blog e este estea baixo o control editorial do medio. As mensaxes e comentarios escritos polos lectores do blog non deben empregarse nunca coma fontes.

O material autopublicado pode resultar aceptable en ocasións, cando o autor sexa un experto establecido que teña a súa obra no campo relevante publicada por terceiras partes fiables. A información autopublicada non debe empregarse nunca coma unha fonte de terceiros sobre outra persoa viva, aínda que o autor sexa un coñecido investigador ou escritor profesional.

Fontes autopublicadas e fontes cuestionables coma autorreferencias

[editar a fonte]

As fontes autopublicadas ou fontes cuestionables poden empregarse coma fontes de información sobre si mesmas, particularmente en artigos que traten sobre elas, sen o requirimento de estaren publicadas por expertos na materia, mentres cumpran os seguintes criterios:

  • O material non é excesivamente interesado nin unha afirmación excepcional.
  • Non inclúe afirmacións sobre terceiras partes (persoas, organizacións ou outras entidades).
  • Non inclúe afirmacións sobre eventos non relacionados directamente co tema tratado.
  • Non hai dúbida razoable sobre a súa autenticidade.
  • O artigo non se basea principalmente nesta fonte.

Estes requirimentos aplican tamén para páxinas de redes sociais coma Twitter, Tumblr e Facebook.

Fiabilidade en contextos específicos

[editar a fonte]

Biografías de persoas vivas

[editar a fonte]

Os editores deben ter precaución ao escribiren material biográfico sobre persoas vivas. As afirmacións polémicas sobre persoas vivas sen referencias ou referenciadas por fontes non fiables deben eliminarse. Isto aplica a calquera material relativo a persoas vivas en calquera páxina de calquera espazos de nomes, non só no espazo dos artigos.

Afirmacións médicas

[editar a fonte]

As fontes ideais para as afirmacións biomédicas son aquelas que inclúen revisións xerais ou sistemáticas en fontes fiables publicadas de terceiros, coma revistas médicas reputadas, libros de texto estándar escritos por expertos nunha materia ou guías médicas e informes de organizacións nacionais e internacionais reputadas. É vital que toda a información biomédica de calquera tipo estea referenciada en fontes fiables de terceiros publicadas e reflicta con exactitude o coñecemento médico actual.

A exactitude das citas é primordial e a exactitude das citas atribuídas a persoas vivas é especialmente sensible. Ó traducir unha cita textual, para asegurar a exactitude da mesma, o texto do material citado debe estar traducido da fonte orixinal que se cita. De non ser posible, o texto debe tomarse dunha fonte fiable secundaria que, idealmente, inclúa a cita orixinal. É moi importante indicar claramente a fonte do texto citado tal e como apareza no artigo.

As fontes secundarias non neutrais deben tratarse con precaución xa que poden empregar as citas de forma errónea ou fóra de contexto. Nestes casos é recomendable buscar outras fontes adicionais que verifiquen a cita.

Calquera análise ou interpretación da cita en si debe basearse nunha fonte secundaria, nunca primaria.

Consenso académico

[editar a fonte]

As afirmacións que indiquen que todos ou a maioría de científicos ou estudosos dun tema comparten un certo punto de vista require unha fonte fiable que indique directa e claramente que todos ou a maioría deles comparten dito punto de vista. Expresado doutra forma, calquera afirmación na Wikipedia que indique que existe un consenso académico sobre un determinado tema debe ir acompañada dunha fonte fiable no canto de ser feita en base á opinión ou avaliación dos editores do artigo.

Uso por outras fontes

[editar a fonte]

A forma na que outras fontes fiables empregan unha fonte particular fornece evidencia, positiva ou negativa, da fiabilidade e reputación de dita fonte. Por norma xeral, canto máis estendido e consistente sexa o seu uso, máis evidencia haberá da fiabilidade da propia fonte.

Novas de actualidade

[editar a fonte]

As informacións de actualidade e novas de última hora adoitan conter erros e inexactitudes. A Wikipedia non é un xornal e non necesita detallar a información completa dun evento en tempo real. Adoita ser mellor esperar un tempo prudencial tras un evento para engadir os detalles do mesmo na Wikipedia, asegurando así evitar a propagación de rumores falsos, dando tempo aos medios de comunicación a recadar máis información e verificar as afirmacións e dando tempo ás autoridades para facer comunicados oficiais sobre as investigacións en curso.

O modelo {{Actualidade}} debe engadirse na parte superior dos artigos relacionados coas novas de última hora, para informar ao lector de que algunha información pode non ser exacta e para indicar a necesidade de engadir fontes máis fiables no momento en que estean dispoñibles.

  1. "Criteria for Determining Predatory Open-Access Publishers". Scholarly Open Access (en inglés) (2ª ed.). 
  2. "Who's afraid of peer review?". Science (en inglés) 342 (6154): 60–65. 4 de outubro de 2013. doi:10.1126/science.342.6154.60. 
  3. Princeton (2011). "Book reviews". Scholarly definition document (en inglés). Princeton. 
  4. Virginia Polytechnic Institute and State University (2011). "Book reviews". Scholarly definition document (en inglés). Virginia Polytechnic Institute and State University. 

Véxase tamén

[editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar a fonte]