Wikipedia:O artigo perfecto
Aparencia
Esta páxina é un ensaio, non se trata dunha política ou guía oficial. Contén recomendacións ou opinións dun ou máis usuarios da Wikipedia. Algúns ensaios representan normas e usos amplamente aceptados pola comunidade, mentres que outros só representan puntos de vista minoritarios. Os ensaios teñen unha función orientativa e informativa, mais en ningún caso normativa. |
O artigo perfecto da Wikipedia...
- enche un oco; procura primeiro os artigos relacionados co tema.
- ten un bo título de xeito que poida ser ligado e atopado facilmente, seguindo as convencións dos nomes.
- comeza cunha descrición clara do tema; a introdución explica as partes máis importantes e significativas, sendo precisa, pero sen excesivo detalle.
- non é unha entrada de dicionario, cunha definición e unha explicación de como se emprega un termo.
- é comprensible; está expresado nunha lingua que entendan os expertos e non expertos cos detalles oportunos, e que explore e explique amplamente o concepto.
- é suficiente por si mesmo; inclúe a información e terminoloxía esencial, para que sexa comprensible sen a necesidade de ler outros artigos.
- diversifícase; contén ligazóns internas e fontes cara a outros artigos e información externa que complete o que inclúa o artigo.
- atópase facilmente; para que outros editores o vexan e engadan ligazóns internas en artigos relacionados e así poida ser lido por máis xente.
- desenvolve e explora todos os aspectos do tema, cubrindo cada ángulo enciclopédico relevante que poida ter.
- é completamente neutral e imparcial; conta cunha redacción desde un punto de vista neutral, presentando as diversas visións de xeito lóxico e xusto, presentando feitos, facendo énfase nos puntos de vista máis importantes e dando menos atención aos minoritarios.
- é dunha extensión apropiada; debe ser o suficientemente longo para proporcionar a información, profundidade e análise precisas, sen incluír detalles non necesarios ou calquera información que estaría mellor nalgún artigo relacionado ou noutro proxecto irmán.
- reflicte coñecemento experto; está baseado en feitos e principios firmes e lóxicos.
- é preciso e explícito; está libre de xeneralidades imprecisas e medias verdades que poidan resultar nun entendemento incompleto ou imperfecto.
- está ben documentado; todos os feitos están sacados de fontes fiables, preferentemente daquelas que son accesibles e que están actualizadas.
- é claro; está escrito evitando ambigüidades e malentendidos, cunha estrutura lóxica e unha prosa transparente e simple; sen lingua demasiado redundante.
- é atractivo; a lingua é descritiva e ten un ton interesante e enciclopédico.
- segue convencións de redacción nunha lingua moderna, cunha gramática correcta, con tempos verbais apropiados, unha boa puntuación e sen erros de ortografía.
- inclúe imaxes informativas e relevantes; mapas, retratos, fotografías e obras de arte que engaden interese no lector ou axudan á compresión do texto, sen seren demasiadas e resten lexibilidade e molesten; sempre é bo que teñan un pé de foto cun pequeno texto explicativo.
- está categorizado para un mellor e máis sinxelo agrupamento.
- ten ligazóns interlingüísticas, se fose posible.
- non é alcanzable; sucesivas edicións poden levar un artigo preto da perfección, pero no fondo a perfección significa cousas diferentes segundo o editor; o fin último é conseguir bos artigos enciclopédicos.