Xiba
- Este artigo trata sobre o molusco mariño, para a protuberancia dorsal véxase: cifose.
Xiba / Choco Sepia officinalis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sepia officinalis | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Sepia officinalis Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
A xiba[2], choco[3], chopo[4][5] ou sepia[6], de nome científico Sepia officinalis, é un molusco cefalópodo mariño da familia dos Sepiidae, dentro da orde dos Sepiida. É a especie máis coñecida do seu xénero.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]Ten un corpo ancho, oval, aplanado, de ata 30–40 cm de lonxitude. Presenta dúas expansións laterais a modo de aletas que percorren todo o corpo. O bordo anterior do manto presenta na zona dorsal un lóbulo triangular, obtuso, que avanza entre os ollos. O sifón é ventral e pequeno.
A cuncha é interna, de forma ovoide, laminada e con estrías. Cando se encontran varadas nas praias, os nenos (e os mariñeiros) chámana pan de gaivota, debido ao costume destas aves de picar nelas para conseguiren o carbonato cálcico que precisan para fabricaren a casca dos seus ovos.
Teñen oito brazos e dous tentáculos. Os primeiros son curtos, retráctiles e con catro filas de ventosas; os segundos son tres veces máis longos e só presentan algunhas ventosas, ensanchadas, no extremo final ou maza; só se utilizan para a reprodución ou para agarrar as presas.
A cor é moi variable, en función das circunstancias biolóxicas e o substrato no que se pousan. Adoitan ser de cor moura ou gris apardazada, con puntos de distinto tamaño ou bandas de cor. A zona ventral é abrancazada.[7]
Hábitat e bioloxía
[editar | editar a fonte]Distribúese amplamente no Atlántico e no Mediterráneo.
Vive na franxa sublitoral, ata os 250 metros de profundidade, sobre area ou sedimentos onde se pode enterrar parcialmente.
Aliméntase de crustáceos e peixes. A posta faina sobre algas, corais ou cunchas abandonadas[8] e hai veces que inxecta tinta nos ovos para escurecelos e facilitar a camuflaxe e o ocultamento fronte aos depredadores.
Interese pesqueiro e comercial
[editar | editar a fonte]En Galicia é unha especie de grande interese comercial. Péscase con diversas artes e en todas as épocas do ano aínda que a súa mellor época vai de decembro a febreiro.
Cocíñase de diferentes formas (cocida, á prancha, na súa tinta, á romana).
Xibas e chocos na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]Filgueira recolleu tamén a denominación popular de galiña do mar, que Ríos Panisse explica pola preseza do bico córneo, que pode semellar ó dunha galiña.
Á xiba pequena chámana chopo e choquiño (que non hai que confundiur cos verdadeiros choquiños, especies do xénero Sepiola e outros, da familia dos Sepiolidae).
A cuncha de xiba recibe os nomes populares, entre outros, de pan de gaivota e pan senso.
En Redondela celébrase unha afamada Festa do choco. Di Eladio Rodríguez que os chocos "Abundan ... muy especialmente en Redondela, que vulgarmente se llama en todo su contorno a vila dos chocos" [9].
Fraseoloxía
[editar | editar a fonte]- Mazado coma un choco: moi canso
Na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Ofrecécheme unha tunda,/ choqueira de Redondela,/ ofrecécheme unha tunda,/ agora veño por ela (Bouza Brey 1929, 178)
- Para peixe fresco Vigo,/ para chocos, Redondela, / para camaróns Moaña,/ para marisco Cedeira
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sepia officinalis en ITIS.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xiba.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para choco.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chopo.
- ↑ Ríos Panisse (1977), pp. 80-82.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sepia.
- ↑ Ramonell, Rosa (1985), pp. 144-146.
- ↑ Nos acuarios poden facelo sobre ramas de árbores que lles botan na piscina.
- ↑ Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s.v. choco.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de xiba |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de choco |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de chopo |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de sepia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bouza Brey, Fermín (1929): "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 153-204 [en facsímile II].
- Dirección Xeral de Formación Pesqueira (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Santiago: Xunta de Galicia.
- Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-560-3
- Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xiba |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Xiba |
- Sepia officinalis Arquivado 26 de maio de 2013 en Wayback Machine. en DORIS. (en francés)
- Sepia officinalis en Animal Diversity Web. (en inglés)
- Sepia officinalis en NCBI. (en inglés)
- Ficha en World Register of Marine Species (en inglés)
- Fichas de diferenciación e recoñecemento de especies pesqueiras do mercado galego Xunta de Galicia.
- Xunta de Galicia (ed.). "Anuario de Pesca de Galicia 2017". pescadegalicia.gal. Consultado o 07 de decembro de 2018.