Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Arquitectura

arte e técnica humana de deseñar, proxectar e construír edificios e lugares públicos

O termo arquitectura (en latín architectura, do grego ἀρχιτέκτων ; ἀρχι: "xefe" e τέκτων: "construtor, carpinteiro") pode ter os seguintes significados:

  • A arte e ciencia do deseño e da construción de edificios e outras estruturas físicas.
  • A actividade dun arquitecto, cando a arquitectura signifique ofrecer ou vender servizos profesionais ligados ao deseño e construción dun edificio -ou a un grupo de edificios, así como o espazo que os rodea- que ten como principal obxectivo o uso e ocupación humana.
  • Un termo xeral para referirmos aos edificios e outras estruturas físicas.
  • Un estilo e método de deseño e construción de edificios e outras estruturas físicas.
Sección da Catedral de Florencia, Italia

Unha definición máis ampla pode comprender toda a actividade do deseño, dende o macronivel do deseño urbano e paisaxismo, até o micronivel dos detalles construtivos e o deseño do mobles. A arquitectura enténdese tanto como o proceso en si mesmo, coma o produto ao que se chega a través do planeamento, deseño e construción da forma, espazo e ambiente que reflicten consideracións funcionais, técnicas, sociais e estéticas. Require da manipulación creativa e da cordinación do material a usar; así como da súa tecnoloxía, luz e sombra. A arquitectura engloba tamén algúns aspectos pragmáticos da creación dos edificios e estruturas, incluíndo a programación e control da execución, a medición e estimación dos custos, e a administración do proceso edificatorio. A través desa documentación producida polos arquitectos, especialmente planos, debuxos e especificacións técnicas, a arquitectura define a estrutura creada e/a personalidade do edificio ou sistema que foi ou vai ser construído.

As obras de arquitectura son percebidas en moitas ocasións como símbolos culturais e políticos, así como obras de arte. Algunhas civilizacións históricas, como a Antiga Grecia ou o pobo Inca, son idendificadas con frecuencia cos seus logros arquitectónicos.

A palabra arquitectura refírese tamén en moitas ocasións á actividade do deseño de calquera outro sistema, non tendo que estar necesariamente relacionado con mundo da edificación. O termo pode atoparse con grande facilidade no mundo da tecnoloxía da información ou da enxeñaría informática.

Teoría da arquitectura

editar

Tratados históricos

editar

O tratado escrito máis antigo sobre a arquitectura que perdurou até os nosos días é De architectura, feito polo arquitecto romano Vitruvio no século I aC. Segundo Vitruvio, un bo edificio debería satisfacer os tres principios de firmitatis utilitatis venustatis, os cales poderíanse traducir como:

  1. Durabilidade. O edificio debería erguerse robustamente e permanecer en boas condicións.
  2. Utilidade. O edificio debería ser útil e funcional de acordo co uso que as persoas farán del.
  3. Beleza. O edificio debería deleitar ás persoas e elevar os seus espíritos.

Segundo Vitruvio, o arquitecto debería esforzarse para cumprir cada un dos tres atributos do mellor xeito posíbel. Leon Battista Alberti, na súa obra De Re Aedificatoria, baseada nas ideas de Vitruvio, viu á beleza como unha cuestión de proporción, aínda que nela os ornamentos tamén tiñan a súa importancia. Para Alberti, as regras da proporción eran aquelas que gobernaban a idealizada figura humana, o que el chamou "o medio dourado". O aspecto máis importante da beleza era polo tanto unha parte inherente do obxecto, máis que un aplique superficial, e estaba baseado en verdades recoñecibeis e universais. A noción do estilo nas artes non foi desenvolta até o século XVI, cando o escritor italiano Giorgio Vasari escribiu os seus tratados sobre historia da arte. Dende o século XVIII, todos estes tratados traducidos a outras linguas como o italiano, o francés, o castelán e o inglés.

A comezos do século vinte, Augustus Pugin escribiu Contrastes (1836) que, como suxire o título, contrasta o mundo moderno e industrial da época, que el despreza, cunha imaxe idealizada dun mundo neo-medieval. Pugin cría que o estilo gótico era a única "forma cristiá verdadeira da arquitectura".

O crítico inglés do século XIX, John Ruskin, no seu Seven Lamps of Architecture (1949), foi moito máis preciso no seu punto de vista sobre en que constituía a arquitectura. A arquitectura era a "arte que dispón e adorna os edificios erguidos polo home... e a vista deles" contribúe "á súa saúde mental, poder e pracer".

Para Ruskin, a estética tiña un significado primordial. O seu traballo insiste na idea de que un edificio non chega a ser unha obra de arquitectura até que este "adórnase" dalgún xeito. Segundo Ruskin, un edificio ben construído, ben proporcionado, e funcional, necesitaba canto menos, hiladas de xunta na fachada ou un aspecto rústico.

Sobre a diferenza entre os ideais de "arquitectura" e a mera "construción", o célebre arquitecto do século XX Le Corbusier, escribiu: "Ti usas pedra, madeira e formigón, e con estes materiais constrúes casas e pazos: iso é construción. Aparece o enxeño nese traballo. Pero de súpeto ti tocas o meu corazón, fasme bo. Eu estou feliz e digo: Isto é belo. Iso é arquitectura".

Conceptos contemporáneos da arquitectura

editar

O arquitecto de rañaceos do século XIX, Louis Sullivan, promoveu un precepto primordial no eido do deseño arquitectónico: "A forma segue á función".

A práctica profesional da arquitectura

editar
 
A cúpula de Santa María del Fiore obra de Filippo Brunelleschi.
 
Porta de Brandeburgo, mostra do Neoclasicismo.
 
Casa da Fervenza, Frank Lloyd Wright.
 
A igrexa de papel. Obra de Shigeru Ban fabricada con materiais reciclables.
 
"Dun trazo nace a Arquitectura." Oscar Niemeyer - "O Pepinillo", Torre Swiss Re, por Norman Foster - Zona financeira de Londres

Tradicionalmente, a arquitectura foi considerada unha das seis Belas Artes. Determinados edificios ou outras construcións son obras de arte xa que poden ser considerados primariamente en función da súa forma ou estrutura sensible ou da súa estética. Dende este punto de vista, aínda que os medios da arquitectura poidan consistir en muros, columnas, forxados, teitos e demais elementos construtivos, o seu fin é crear espazos con sentido onde os seres humanos poidan desenvolver todo tipo de actividades. É neste "ter sentido" en que pode distinguirse a arquitectura (como arte) da mera construción. Así é como esta é capaz de condicionar o comportamento do home no espazo, tanto física como emocionalmente.

Aínda que na actualidade adoita considerarse que a principal actividade da arquitectura vai dirixida ao deseño de espazos para o refuxio e a habitación (as vivendas), só a partir do século XIX comezaron os arquitectos a preocuparse polo problema do aloxamento, a habitabilidade e a hixiene das vivendas, e a ampliar o seu ámbito de actuación máis aló dos monumentos e edificios representativos.

A evolución á especialización e a separación de ámbitos laborais é similar á doutras profesións. Nos séculos pasados os arquitectos ocupábanse non só de deseñar os edificios senón que tamén deseñaban prazas, alamedas e parques, especialización que hoxe se coñece como exteriorismo ou paisaxismo. A especialización dos arquitectos na creación de obxectos de uso nas edificacións, como os mobles, deu como resultado o nacemento da profesión de deseño industrial. Hoxe, os profesionais que proxectan e planifican o desenvolvemento dos sistemas urbanos son os urbanistas. Os urbanistas son profesionais con grao específico e exclusivo en urbanismo, licenciados nesta profesión co título de Urbanista, existindo outros profesionais como Arquitectos, Sociólogos, Enxeñeiros, Avogados especializados a través de posgraos en temas relacionados coa cidade, ben sexa a xestión, planificación ou deseño urbano.

Algunhas definicións de arquitectura

editar
  • Leon Battista Alberti (De Re Aedificatoria, 1452?) "... o arquitecto (architectore) será aquel que cun método e un procedemento determinados e dignos de admiración estude o modo de proxectar en teoría e tamén de levar a cabo na práctica calquera obra que, a partir do desprazamento dos pesos e a unión e o ensamble dos corpos, se axeite, dunha forma fermosísima, ás necesidades de seu dos seres humanos" (do Proemio). "A arte da construción na súa totalidade componse do trazado e a súa materialización (...) o trazado será unha posta por escrito determinada e uniforme, concibida en abstracto, realizada a base de liñas e ángulos e levada a termo por unha mente e unha intelixencia culta" (do Lib. I, Cap. I).
  • Carlo Lodoli (A. Memmo: Elementi dell'Architettura Lodoliana, 1786) "A arquitectura é unha ciencia intelectual e práctica dirixida a establecer racionalmente o bo uso e as proporcións dos artefactos e a coñecer coa experiencia a natureza dos materiais que os compón" (do Vol. I, Cap. VI).
  • J. N. Louis Durand (Precis des leçons d'Architecture, 1801-1803) "A arquitectura é a arte de compor e de realizar todos os edificios públicos e privados (...) conveniencia e economía son os medios que debe empregar naturalmente a arquitectura e as fontes das que debe extraer os seus principios (...) para que un edificio sexa conveniente é preciso que sexa sólido, salubre e cómodo (...) un edificio será tanto menos custoso canto máis simétrico, máis regular e máis simple sexa" (da Introdución ao Vol. I).
  • John Ruskin (The Seven Lamps of Architecture, 1849) "A arquitectura é a arte de levantar e de decorar os edificios construídos polo home, calquera que sexa o seu destino, de xeito que o seu aspecto contribúa á saúde, á forza e ao pracer do espírito" (do Cap. I).
  • Eugène Viollet-le-Duc (Dictionnaire raisonnée..., 1854-1868) "A arquitectura é a arte de construír. Componse de dúas partes, a teoría e a práctica. A teoría comprende: a arte propiamente devandita, as regras suxeridas polo gusto, derivadas da tradición, e a ciencia, que se funda sobre fórmulas constantes e absolutas. A práctica é a aplicación da teoría ás necesidades; é a práctica a que prega a arte e a ciencia á natureza dos materiais, ao clima, aos costumes dunha época, ás necesidades dun período" (da voz "Architecture").
  • Adolf Loos ("Arquitectura", 1910) "A casa debe agradar a todos, a diferenza da obra de arte que non ten por que gustar a ninguén. A obra de arte é un asunto privado do artista. A casa non o é. A obra de arte sitúase no mundo sen que exista esixencia algunha que a obrigase a nacer. A casa cobre unha esixencia. (...) A obra de arte é revolucionaria, a casa é conservadora. (...) non será que a casa non ten nada que ver coa arte e que a arquitectura non debese contarse entre as artes? Así é. Só unha parte, moi pequena, da arquitectura corresponde ao dominio da arte: o monumento funerario e o conmemorativo. Todo o demais, todo o que ten unha finalidade hai que excluílo do imperio da arte".
  • Le Corbusier (Vers une Architecture, 1923) "A arquitectura está máis aló dos feitos utilitarios. A arquitectura é un feito plástico. (...) A arquitectura é o xogo sabio, correcto, magnífico dos volumes baixo a luz. (...) O seu significado e a súa tarefa non é só reflectir a construción e absorber unha función, se por función enténdese a da utilidade pura e simple, a do confort e a elegancia práctica. A arquitectura é arte no seu sentido máis elevado, é orde matemática, é teoría pura, harmonía completa grazas á exacta proporción de todas as relacións: esta é a "función" da arquitectura".
  • Nikolaus Pevsner (An outline of European Architecture, 1945) "Un alpendre para bicicletas é un edificio; a catedral de Lincoln, unha obra de arquitectura (...) o termo arquitectura aplícase só aos edificios proxectados en función dunha aparencia estética".
  • Louis Kahn (dunha conferencia no Politécnico de Milán, 1967) "Ante todo debo dicir que a arquitectura non existe. Existe unha obra de arquitectura. E unha obra de arquitectura é unha oferta á arquitectura na esperanza de que esta obra poida converterse en parte do tesouro da arquitectura. Non todos os edificios son arquitectura (...) O programa que se recibe e a tradución arquitectónica que se lle dá deben vir do espírito do home e non das instrucións materiais".
  • Gilles Ivain (Formulario para un novo urbanismo, 1958) "A arquitectura é a forma máis sinxela de artellar o tempo e o espazo, de modular a realidade, de facer soñar. Non só é unha articulación e unha modulación plásticas, que son a expresión dunha beleza pasaxeira, senón tamén unha modulación influencial, que se inscribe na curva eterna dos desexos humanos e dos progresos na materialización de devanditos desexos".
  • Eduardo Carretero (Fragmentos dun credo apócrifo, 2005) "(A arquitectura) non é importante en sí mesma. Importa por canto provoca, por canto inflúe nas nosas accións, por canto invita ao soño lúcido e ao encontro cos aspectos esquecidos da existencia (...) (importa) como vehículo de coñecemento, como axente de liberación (...) unha arquitectura non percibida é inexistente (...) anticipación e recordo son as facultades que a sitúan no tempo, ausencia e presenza as calidades físicas que a sitúan no espazo, (...) é o acto de proclamar a realidade posible".
  • Ernesto Vinatier (O deseño urbano e a arquitectura para a sustentabilidade do home na súa contorna, 2007) A Arquitectura é a expresión humana que nace da necesidade de crear percepcións, mediante a transformación do espazo, manipulando elementos da súa contorna. Reflicte a ideoloxía, o espírito da sociedade e a cultura na que se atopa inmersa durante a súa creación e que transcende polas súas calidades a través do tempo, conmovendo o espírito do home.

En xeral, todos os grandes Arquitectos do século XX, entre os que podemos mencionar a Mies van der Rohe, Le Corbusier, Frank Lloyd Wright, Louis Kahn ou Alvar Aalto, deron ao seu oficio unha definición distinta, enfocando a súa finalidade de xeito diferente. Moi interesante como compendio e reflexión sobre as diversas definicións de arquitectura ao longo da historia é a obra do crítico italiano Bruno Zevi "Architectura in Nuce".

Introdución e orixe

editar
 
O Coliseo de Roma, Italia

De acordo a un traballo moi antigo sobre a materia, De Architectura, Vitruvio; un bo edificio ten que ter Beleza (venustas), Firmeza (firmitas) e Utilidade (utilitas); a arquitectura pode ser descrita como unha mestura entre eses tres elementos, xunto con outros máis poderosos. Unha definición de actualidade ve á arquitectura como un compoñente estético, estrutural e funcional. Non obstante, mirado doutro xeito, a súa función, pode ser vista englobando todos eses criterios, incluíndo a estética e os filosóficos.

A arquitectura é un campo multidisciplinario, que inclúe as matemáticas, ciencia, arte, tecnoloxía, ciencias sociais, política, historia, filosofía, e outras. En palabras de Vitruvio, "A arquitectura é unha ciencia, levando consigo outras ciencias, e adornada con moito e variado aprendizaxe: pola axuda do cal fórmase un xuízo daqueles traballos que son o resultado doutras artes. El engade que un arquitecto debería estar moi ben formado en campos como a música, astronomía etc. e na filosofía en particular. De feito, o Racionalismo, Empiricismo, Estruturalismo, postestruturalismo e fenomenoloxía son algunhas direccións da filosofía que influíron na arquitectura.

Teoría e práctica

editar

Moitos arquitectos pensan que a relevancia da Teoría sobre a Práctica non debe ser moi enfatizada. Vitruvio dixo: " A Práctica e Teoría son os pais da Arquitectura. A Práctica é a frecuente e continua contemplación do xeito de executar calquera traballo dado, ou do mero traballo das mans, para a conversión do material no mellor e máis preparado camiño. A Teoría é o resultado do razoamento o cal demostra e explica que o material traballado foi tan transformado para cumprir o seu fin proposto. Porque o arquitecto soamente práctico non é capaz de asignar os suficientes razoamentos ás formas que el adopta; e o arquitecto soamente teórico tamén erra, abarcando a sombra en vez da substancia. O que é teórico e ó mesmo tempo práctico, está polo tanto, dobremente armado; e é capaz de probar, non só as propiedades do seu deseño, senón tamén de levalo ata a execución.

Arquitectura e edificios

editar

A diferenza entre arquitectura e edificio é un tema subxectivo que chamou e chama a atención de moitos. De acordo a Nikolaus Pevsner, historiador europeo do século XX, "un aparcadoiro de bicicletas é un edificio, a Catedral de Lincoln é unha peza de arquitectura". Mais, a división non está tan clara. O "Arquitectura sen arquitectos" de Bernard Rudofsky consolidou un enteiro rango de estruturas deseñadas por xente corrente nun reino da arquitectura. Co tempo vaise consensuando o que a arquitectura é ou non é, moi posíbel porque o tempo é un filtro moi eficiente. Se como Vitruvio consideramos a arquitectura como un bo edificio, logo iso quere dicir que a mala arquitectura non existe?. Para resolver esta dúbida, especialmente co aumento do número de edificios no mundo de hoxe, a arquitectura pode ser definida como o que fai o arquitecto. Isto emprazaría a énfase sobre a arquitectura e do arquitecto.

A Arquitectura é tamén a arte de deseñar as construcións que rodean ós humanos. Edificios, paisaxe, e deseños das rúas poden ser usados para impartir tanto a funcionalidade como a estética dun proxecto. A elección dos materiais e das cores poden ser usados para mellorar ou mesturar edificios coa paisaxe. Algunhas características da Arquitectura como cornixas, entrantes, tratamentos e cantos das xanelas poden ser usadas ás veces para suavizar ou mellorar porcións dun edificio. A paisaxe pode ser usada para crear privacidade e manter vistas desde ou cara a un lugar, ou mellorar os edificios con plantas de cores e árbores. As características das rúas como a luz decorativa, os bancos, os pasos dos peóns e liñas de bicicletas poden mellorar e realzar un proxecto para peóns, transeúntes e ciclistas.

Historia da arquitectura

editar
Artigo principal: Historia da arquitectura.

A arquitectura primeiro desenvolveuse entre as necesidades (seguridade, traballo,...) e os medios. A arquitectura prehistórica e primitiva constitúe esta temperá fase. Como os humanos progresaron e o coñecemento comezou a ser transmitido polas tradicións orais e prácticas, a arquitectura pasou a ser unha arte. O arquitecto non é a única figura; el é tan só unha parte da tradición. Isto é o que hoxe chamamos Arquitectura Vernacular, e aínda segue a ser dito en moitas partes do mundo.

 
Templo Hampi, India

Os antigos asentamentos humanos foron esencialmente rurais. Coa chegada da produción comezaron a transformarse en sociedades urbanos, e os cidadáns empezaron a evolucionar. En moitas civilizacións antigas coma os Exipcios e Mesopotámicos, a arquitectura e o urbanismo reflectiron o constante relación co divino e o sobrenatural. Non obstante, a arquitectura e o urbanismo das civilizacións clásicas coma os gregos e os romanos evolucionaron cunhas ideas máis cívicas e emerxeron moitos novos tipos de edificios. Os estilos arquitectónicos desenvolvéronse e comezáronse a escribir textos sobre arquitectura. Isto fixo que as regras se seguiran fortemente, sobre todo na arquitectura relixiosa. Algúns exemplos destas regras ou tratados son os traballos de Vitruvio, Kaogongji na China antiga e Vaastu Shastra na antiga India. Na Europa, no período clásico e medieval, os edificios non foron atribuídos a arquitectos individualmente, os cales permanecían anónimos. Os artistas crearon gremios para a organización do comercio. Ademais, a complexidade e a variedade dos edificios foi en aumento. As construcións civís como as estradas ou as pontes comezaron a realizarse. Emerxeron moitos tipos de edificios novos como escolas e hospitais.

A arquitectura islámica por si mesma merece unha mención especial. O termo de Arquitectura Islámica pode ser entendida de moitos xeitos. Pero quizais un conciso modo de definila podería ser que a Arquitectura Islámica é simplemente a arquitectura das características das predominantes sociedades Islámicas tan ben como arquitecturas similares doutos lugares.

Usando esta definición, a Arquitectura Islámica ten unha longa e complexa historia comezando desde o século VII ata os nosos días. Os exemplos poden ser atopados por todos os países que son, ou foron, Islámicos -desde Marrocos e España ata Irán ou Indonesia. Outros exemplos poden ser atopados en áreas onde os musulmáns son unha minoría. A Arquitectura Islámica inclúe mesquitas, madrasas, palacios e mausoleos desta gran rexión.

Co Renacemento e o seu énfase na home individual e na humanidade máis que na relixión, e sobre todo cos adiantos e descubertas, unha nova era comezou. Os edificios foron referidos a arquitectos en concreto -Michelangelo, Brunelleschi, Leonardo da Vinci- e o culto ó individual empezara. Mais non houbo liña de división entre artista, arquitecto e enxeñeiro. Nesta etapa, era posíbel para un artista o deseñar unha ponte mediante os cálculos das estruturas que foran descubertos.

Coa consolidación do coñecemento nos campos científicos como a enxeñería e a descuberta de novos materiais e tecnoloxía, o arquitecto comezou a perder peso nos aspectos técnicos dos edificios. El, polo tanto, centrou o seu traballo noutro campo, o estético. Alzouse a figura do "Señor Arquitecto", o cal adoitaba tratar con importantes clientes derivados usualmente desde prototipos históricos. No século XIX a Escola das Belas Artes en Francia, a preparación enfocábase na produción de esbozos sinxelos, os cales implicaban debuxos rápidos sen moita énfase no contexto.

Mentres tanto, a Revolución Industrial abriu as portas ó consumo masivo e a estética empezou a se converter nun aspecto seguido incluso pola clase media, como por exemplo, os produtos ornamentais, e en xeral todo o relacionado co mundo da arte converteuse máis barato coa chegada da produción masiva con maquinaria. Aínda que estes produtos non tiñan a beleza e honestidade asociada coa produción individual do produto.

 
Taj Mahal, Agra, India

A insatisfacción coa situación xeral no século XX fixo que apareceran moitas novas correntes de pensamento, que na arquitectura serviron como precursores da Arquitectura Moderna. Compre destacar o Deutscher Werkbund, formado en 1907 para producir máquinas de mellor calidade que fixeran produtos. O alzamento da profesión de deseño industrial está tamén situada neste tempo. E seguindo esta corrente, a escola Bauhaus, fundada na Alemaña no 1919, que rexeitaba a historia e miraba á arquitectura como unha síntese da arte e a tecnoloxía.

Cando a arquitectura moderna comezou a practicarse, apareceu o "avant-garde", movemento con moral, filosofía e estética. A verdade foi procurada rexeitando a historia e cambiando a función coma un xerador da forma. Os arquitectos convertéronse en figuras prominentes. Logo a arquitectura moderna mudouse ó mundo da produción en masa debido á súa simpleza e economía.

Porén, un reduto de calidade empezou a se percibir na arquitectura moderna polo público xeral nos sesenta. Algúns motivos citados por este movemento son a carencia de significado, a esterilidade, fealdade, uniformidade e efectos psicolóxicos.

Os profesionais da arquitectura deron resposta a isto facendo unha arquitectura máis popular no campo da visión, incluso a expensas de sacrificar a profundidade pola superficialidade, un movemento chamado Posmodernismo.

Outra parte da profesión, e algúns que non eran arquitectos, respondeu indo ó que eles consideraban o máis importante do problema. Eles sentían que a arquitectura non era unha filosofía persoal ou estética para individualistas; máis ben tiña que considerar as necesidades de cada día da xente e usar a tecnoloxía para conseguir un ambiente máis habitábel. O Movemento da Metodoloxía do Deseño envolveu xente como Chis Jones, Christofher Alexanter, que comezaron a buscar un modelo de deseño máis exclusivo de xeito que así conseguiran un mellor produto. Fixéronse intensos estudos nas áreas como o comportamento, o ambiente, e ciencias sociais e empezaron a informar sobre o proceso do deseño.

Como outros aspectos comezaron a recoñecerse e a complexidade dos edificios comezou a elevarse en termos como os servizos, a arquitectura comezou a converterse máis multidisciplinaria que nunca. A arquitectura require agora un equipo de profesionais, sendo o arquitecto un entre eles, ás veces o líder, outras non. Este é o estado da profesión hoxe. Non obstante, o individualismo segue aínda a ser visto nalgúns edificios, os cales son vistos coma símbolos -o museo ou os centros de artes refinadas son agora zonas para novos experimentos dentro do campo do estilo: hoxe a desconstrución, mañá quizais algúns outro máis.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Vocabulaire de l'architecture (principes d'analyse scientifique) (en francés). Paris: Ministère des Affaires culturelles. 1972. 
  • Jean-Marie Pérouse de Montclos (1982). Imprimerie nationale, ed. Architecture : vocabulaire et méthode (en francés). París. 
  • Acevedo, Jesús T.: Disertaciones de un arquitecto. Pròleg de Justino Fernández México, INBA, 1967.
  • Aguirre, Alberto: "Una Arquitectura de Vocación Humana". Revista PROA Núm. 293.
  • Allaback, Sara: The First American Women Architects. Urbana: University of Illinois Press, 2008.
  • Ambaz, Emilio: The architecture of Luis Barragán. Nova York, The Museum of Art, 1976.
  • Armheim, Rudolf: La forma visual de l'arquitectura. The Dynamics of Architectural Form. Os Ánxeles - Londres, 1977.
  • Bamford Smith, Clive: Builders in the Sun, Five Mexican Architects. Pròleg de José Villagrán García. Nova York, Architectural Books, 1967.
  • Betteles, Almut E. I. & Li Yuxiang: Traditional Architecture in China: Traditional Baukunst. Berna, Suíza: Benteli Verlag, 2002.
  • Bruschi, Arnaldo: Bramante architetto. Bari: Edizioni Laterza, 2ª ed., 1985.
  • Bulrich, Francisco: New Directions in Latin American Architecture. Nova York, George Brazillier, 1990.
  • Camón Aznar, José: L'arquitectura y la orfebrería españolas del siglo XVI. Madrid: Espasa-Calpe, 6ª ed., 1987.
  • Cervera Vera, Luis: Arquitectura renacentista. Zaragoza: Editorial Planeta, 1986.
  • Chueca Goitia, Fernando: Arquitectura del siglo XVI. Madrid: Plus-Ultra, 1953.
  • Cole, Doris: From Tipi to Skyscraper; A History of Women in Architecture. Nova York: G. Braziller, 1973.
  • De Fusco, R.: L'architettura del Quattrocento. Torino: Editorial Torinese, 1984.
  • Donaldson, Thomas L.: A Preliminary Discourse on Architecture. Londres, Gran Bretaña: Taylor and Walton, 1842.
  • Elbouri, Tarek i Critchlow, Keith (1993): Islamic Art and Architecture: The System Of Geometric Design. Grnet Publishing Limited, Reading, Gran Bretaña.
  • Eisenman et al.: Five Architects. Eisenman, Graves, Gwathmey, Hejduk, Meier. Nova York, Oxford University Press, 1975, pp. 138.
  • Fergusson, James: A History of Architecture in All Countries, from the Earliest Times to the Present Day. 3 vols. Londres: J. Murray, 1865-1867.
  • Fernández Alba, Antonio: La Metrópoli Vacía. Aurora y Crepúsculo de l'Arquitectura en la Ciudad Moderna. Col·lecció Palabra plástica (Núm. 14), dirixida por José Fernández Arenas. Ed. Anthropos. Barcelona. 1990.
  • Glusberg, Jorge: Seis Arquitectos Mexicanos. Buenos Aires, Ediciones de Arte Gaglianone, 1984.
  • Gómez Mayorga, Mauricio: Ensayos críticos de arquitectura. Guadalajara, Universidad Autónoma de Guadalajara, 1977.
  • Grau, Cristina: Borges y l'Arquitectura. (Segona edició). Ediciones Cátedra, S.A. Madrid, 1995.
  • Gutiérrez, Ramón: Arquitectura y urbanismo en Iberoamérica, Madrid, Cátedra, 1983.
  • Harvey, J.: The Master Builders. Architecture in the Middle Ages. Thames & Hudson, Londres 1973.
  • Hess, Alan: Hyperwest: American Residential Architecture on the Edge. Nova York/Londres: Whitney Library of Design/TJhames and Hudson, 1996.
  • Heydenreich, Ludwig H. i Lotz, Wolfgang: Arquitectura en Italia, 1400-1600. Madrid: Ediciones Cátedra, 1991.
  • Hitchcock, Henry-Russell: Latin American Architecture since 1945. Nova York, Museum of Modern Art. 1955.
  • Lekson, Stephen H. 1986. Great Pueblo Architecture of Chaco Canyon, Novo México. Albuquerque: University of New Mexico Press.
  • Lorenz, Clare: Women in Architecture: A Contemporary Perspective. Nova York: Rizzoli, 1990.
  • Murray, Peter: Arquitectura del Renacimiento. Madrid: Aguilar, 1ª ed., 1972.
  • Nabokov, Peter i Robert Easton. 1989. Native American Architecture. Nova York: Oxford University Press.
  • Nieto Alcaide, Víctor i altres: Arquitectura del renacimiento en España 1488-1599. Madrid: Ediciones Cátedra, 1989.
  • Rudofsky, Bernard. 1987. Architecture Without Architects: A Short Introduction to non-Pedigreed Architecture. Albuquerque: University of New Mexico Press.
  • Sharp, Dennis., ed.: Illustrated Encyclopedia of Architects and Architecture. Nova York: Whitney Library of Design, 1991.
  • Tafuri, Manfredo: L'arquitectura del humanismo. Madrid: Xarait Ediciones, 1ª ed., 1978.
  • Tafuri, Manfredo: Sobre el Renacimiento. Principios, ciudades, arquitectos. Madrid: Ediciones Cátedra, 1995.
  • Velasco León, Ernesto: Cómo acercarse a… L'arquitectura. Limusa. Noriega Editores. Cidade de México, 2001.
  • Vélez González, Roberto: Conceptos básicos para un arquitecto. México, Editorial Trillas, 2003.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar