Marcial Valladares
Marcial Valladares Núñez, nado en Vilancosta (Berres, A Estrada) o 14 de xuño de 1821 e finado no mesmo lugar o 20 de maio de 1903, foi un xornalista, poeta, novelista e lexicógrafo galego. No ano 1970 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.[1][2]
Nome orixinal | (gl) Marcial Valladares Núñez |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 14 de xuño de 1821 Vilancosta, España |
Morte | 20 de maio de 1903 (81 anos) Vilancosta, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritor, autor |
Xénero artístico | Poesía, novela |
Movemento | Rexurdimento |
Familia | |
Pai | José Dionisio Valladares Gómez |
Irmáns | Avelina Valladares |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarFillo de José Dionisio Valladares Gómez e María de la Concepción Núñez, formado en gramática latina e en filosofía, cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1844. Adicouse ao xornalismo e á política, exerceu durante un breve período de tempo como xefe superior de Administración Civil pero en 1866 retirouse ó seu lugar natal para se consagrar ás letras.[3][4]
Era irmán da escritora Avelina Valladares.
Publicacións
editarO 'Señor de Vilancosta' foi un dos escritores máis prolíficos do rexurdimento.
Colaborou en numerosas publicacións, como narrador, lexicógrafo, poeta ou gramático, entre as que destacan La Exposición Compostelana, El Eco de Galicia (A Habana), Galicia Humorística (Santiago), Galicia (A Coruña), La Revista Popular, A Monteira, O Tío Marcos da Portela ou La Ilustración Gallega y Asturiana.[1]
Como lexicógrafo, é autor do Diccionario gallego-castellano (1884) con 11.000 vocábulos que recolleu entre 1850 e 1884, ao que incorporou como referencia 240 cántigas e 460 textos en prosa, na súa maioría literatura popular. En 1879 escribiu o artigo "Del apóstrofo en la escritura gallega", aparecido en La Ilustración Gallega y Asturiana. En 1892 rematou Elementos de gramática gallega, obra iniciada en 1855 e que non foi editada até 1970, da man da Editorial Galaxia.
Contribuíu á elaboración do Diccionario geográfico-histórico-estadístico de España y sus posesiones de Ultramar (1845-1850), de Pascual Madoz, no referente a datos da provincia de Pontevedra, e na composición da Colección de enigmas y adivinanzas (1883), de Machado Álvarez.[5] Foi xurado dos primeiros Xogos Florais de Pontevedra, socio de mérito de El Folclore Gallego e membro da Real Academia Española.[1]
Recolleu mostras do folclore, como receitas ou contos populares, que reproduciu nos volumes Cantigueiro popular (1867, pero inédito ata 1970) e Novo apéndice ó Cantigueiro popular.
Como poeta escribiu arredor de 40 composicións costumistas e sentimentais que viron a luz a través das diferentes publicacións da época. O seu poema máis divulgado, "A castañeira de Santiago", foi editado por Antonio de la Iglesia en El Idioma Gallego, mentres que no Álbum de la Caridad apareceron "A miña aldea" e "A Fonte do Pico Sagro". De 1845 é Suidades, obra escrita en hendecasílabos de tipo sentimental. Apareceron despois, A fonte do Pico Sacro de acento didáctico, en quintillas, A castañeira en Santiago, monólogo de certa calidade. Da súa autoría é tamén unha serie de cantares de tipo popular, que titulou Vilancosta. A súa obra poética foi recolleita no Cantigueiro Popular (Fundación Cultural da Estrada, 2003). Tamén escribiu epigramas, como: Bebendo onde eu me atopaba, Pedíndolle a un labrador, Consultou con don Alejos, Coa vinagreira na man, Indo as uvas eu a ver e Pepiño rompe un cristal.[6] Fernández Salgado establece dúas épocas na súa poesía, unha de 1844 ata 1860 e outra a partir de 1860 ata 1898 no que publica Fin de romaría.[7]
Valladares deixounos, ademais, dúas obras representativas do seu labor como gramático e lexicógrafo. É o caso de Elementos de gramática gallega (1892, aínda que inédito ata 1970) e do Diccionario gallego-castellano (1884),[8] o seu traballo de maior transcendencia e o dicionario máis importante do século XIX, ora polo número de vocábulos recollidos (arredor de 11.000), ora polo seu rigor e precisión.[9]
Está considerado o primeiro autor dunha novela en lingua galega, Maxina ou a filla espúrea (1870), publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana a partir do 28 de xullo de 1880.[10] Nela mestúranse xéneros e estilos, incorporando elementos de carácter romántico e costumista que desenvolven o tema inicial da novela.[1]
Valladares escribiu en castelán as novelas curtas Asela e Los tres expósitos (Galicia, Revista Regional, 1883).
Obra
editar- Majina ou a filla espúrea (1870). Publicada por entregas en 1880 na revista dirixida por Manuel Murguía La ilustración gallega y asturiana. Reeditada en Galaxia (1970), Vía Láctea (1987), Edicións Xerais de Galicia (1991 e 2008), El Correo Gallego na Biblioteca 114 (1992), Biblioteca Galega 120 -nº 6 (2001). En 2021 Galaxia reeditouna co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Real Academia Galega.
- Diccionario gallego-castellano (1884). Santiago: Biblioteca El Libredón. Ampliado en 1896 co Nuevo suplemento al diccionario gallego-castellano e en 1902 co Nuevo apéndice al diccionario gallego-castellano.
- Elementos de Gramática gallega (1892). Inédita ata 1970, Ed. Galaxia.
- Poesía (2003). Vigo: Xerais. Ed. de Xosé Antonio Fernández Salgado.
- Marcial Valladares Núñez: Cantigueiro popular (2004). Fundación Cultural da Estrada. Edición de Xosé Luna Sanmartín. Contén o Cantigueiro popular (1897) e o Apéndice ó Cantigueiro popular (1870).
Inéditas
editar- Memorias de familia (1845-?).
- Crónica de la muy noble y muy leal ciudad de Zamora (1855).
- Flora ó hasta donde llega una mujer (1857).
- La cruz perdida (1883).
Galería de imaxes
editar-
Diccionario gallego-castellano, 1884.
-
Capa do manuscrito de 1870 de Maxina ou a filla espúrea.
-
Maxina está incluída na Biblioteca Galega 120.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Letras Galegas 1970". Real Academia Galega. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ "As Memorias de familia de Marcial Valladares" (PDF). dspace.aestrada.gal. Consultado o 25 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Marcial Valladares Núñez – Almanaque das Irmandades". Consultado o 2022-01-25.
- ↑ Fernández Salgado, Xosé Antonio. "Marcial Valladares Núñez". Tabeirós Montes. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ "Marcial Valladares". bvg.udc.
- ↑ "Marcial Valladares Núñez. Galegos. Gallegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ Pena, Xosé Ramón (2014). Historia da Literatura Galega II.De 1853 a 1916. O Rexurdimento. Xerais. pp. 117–119. ISBN 978-84-9914-764-2.
- ↑ "Biografía de Marcial Valladares Núñez". aestrada.gal. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2022. Consultado o 25 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Marcial Valladares Núñez. Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ La Ilustración Gallega y Asturiana Arquivado 06 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. tomo II, n.º 21, Madrid, 28 de xullo de 1880.
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Marcial Valladares |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marcial Valladares |
Bibliografía
editar- "Valladares Núñez, Marcial". Diccionario enciclopédico galego universal 58. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 117. ISBN 84-7680-429-6.
- "Valladares Núñez, Marcial". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2133. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Valladares Núñez, Marcial". Enciclopedia Galega Universal 16. Ir Indo. 1999-2002. p. 277. ISBN 84-7680-288-9.
- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
- Carballo, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. p. 90-94. ISBN 84-7154-227-7.
- Couceiro Freijomil, A. (1954). "VALLADARES NÚÑEZ, Marcial". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 444.
- Fernández Castro, J. A. (2003). "Breve contribución á biografía do señor de Vilancosta, Don Marcial Valladares Núñez (Berres, A Estrada 1821-1903)", A Estrada n.º 6, ISSN 1139-921X, pp. 137–154.
- Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da literatura galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. p. 89-90.
- Fernández Salgado, Xosé A. (2005). Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-8457-233-1.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. p. 161-162. ISBN 84-95350-79-3. Arquivado dende o orixinal o 02/07/2017. Consultado o 18/12/2016.
- González Blasco, Luis (2005). "Valladares Núñez, Marcial". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Galaxia. p. 588-589. ISBN 84-8288-019-5.
Ligazóns externas
editar- Figuras homenaxeadas na RAG Arquivado 02 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine.
- Marcial Valladares na Biblioteca Virtual Galega
- Hemeroteca virtual da RAG Arquivado 09 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
- Machado y Álvarez, Antonio, director (1884). Folk-lore: Biblioteca de las tradiciones populares españolas Tomo IV. Sevilla.