Angela Lansbury
Angela Brigid Lansbury, nada en Londres o 16 de outubro de 1925 e finada nos Ánxeles o 11 de outubro de 2022, foi unha actriz e cantante inglesa tres veces nomeada ao Premio Óscar, 15 veces ao Premio Emmy e gañadora de 6 premios Globo de Ouro e de cinco Tony, a única xunto a Julie Harris en ser tantas veces galardoada co máximo premio do teatro de Broadway.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lansbury naceu nunha familia de clase media-alta no centro de Londres, filla da actriz irlandesa Moyna Macgill e do político inglés Edgar Lansbury. Para escapar do Blitz, mudouse aos Estados Unidos en 1940, estudando interpretación en Nova York. Pasou a Hollywood en 1942, onde foi contratada pola MGM e obtivo os seus primeiros papeis no cinema en Gaslight (1944), National Velvet (1944) e The Picture of Dorian Gray (1945), que lle valeron dúas candidaturas aos Óscar e un Globo de Ouro. Apareceu noutros onde filmes da MGM, principalmente en papeis pequenos, e tras rematar o seu contrato en 1952 comezou a complementar o seu traballo no cinema con aparicións no teatro. Aínda que durante ese período foi considerada unha estrela da "lista B", o seu papel en The Manchurian Candidate (1962) recibiu eloxios e con frecuencia foi citado como unha das mellores interpretacións da súa carreira, ademais de conseguir unha terceira candidatura ao Óscar. Ao pasar ao teatro musical, conseguiu por fin o estrelato ao interpretar o musical de Broadway Mame (1966).
En medio de dificultades persoais, Lansbury mudouse ao condado de Cork, Irlanda, en 1970, e continuou cunha variedade de aparicións no teatro e no cinema esa década. Estas incluíron os papeis protagonistas nos musicais Gypsy, Sweeney Todd e The King and I, ademais do filme de éxito da Disney A meiga novata (1971). Chegou á televisión en 1984, conseguindo fama mundial como a escritora e investigadora Jessica Fletcher na serie estadounidense Murder, She Wrote, que durou doce temporadas ata 1996. Coa compañía Corymore Productions, da que foi copropietaria co seu marido Peter Shaw, Lansbury asumiu a propiedade da serie e foi a produtora executiva das últimas catro temporadas. Tamén fixo traballos de voz, como nos filmes Beauty and the Beast (1991) e Anastasia (1997). Participou en varias xiras de producións internacionais e fixo aparicións ocasionais no cinema, como en Nanny McPhee (2005) e Mary Poppins Returns (2018).
Lansbury recibiu un Óscar Honorífico, un premio á toda unha vida da BAFTA, cinco premios Tony e outro honorífico, seis Globos de Ouro e un premio Oliver. Ademais, foi candidata a numerosos premios da industria, a tres Óscars, 18 premios Emmy e un Grammy. En 2014 foi nomeada Dama da Orde do Imperio Británico pola raíña Isabel II.[1]
Filmografía
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Angela Lansbury 'proud' to be made a Dame by the Queen". BBC News. 16 de abril de 2014. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2019. Consultado o 6 de maio de 2021.
- ↑ "The Four Horsemen of the Apocalypse (1962)".
- ↑ Fujishima, Kenji (2022-09-14). "'Glass Onion: A Knives Out Mystery' Review: A Pandering Yarn". Slant Magazine (en inglés). Consultado o 2022-10-01.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Angela Lansbury |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bonanno, Margaret Wander (1987). Angela Lansbury: A Biography. Nova York: St. Martin's Press. ISBN 978-0-312-00561-0.
- Cariou, Len (abril de 2012). "Angela Lansbury". Vanity Fair 54 (4): 200.
- Crampton, Caroline (abril de 2014). "Angela Lansbury's Life on the Stage". New Statesman 143 (5205): 16.
- Edelman, Rob; Kupferberg, Audrey E. (1996). Angela Lansbury: A Life on Stage and Screen. Secaucus, New Jersey: Carol Publishing Corporation. ISBN 978-1-55972-327-5.
- Gilvey, John Anthony (2005). Before the Parade Passes By: Gower Champion and the Glorious American Musical. Nova York: Macmillan. ISBN 0-312-33776-0.
- Gottfried, Martin (1999). Balancing Act: The Authorized Biography of Angela Lansbury. Nova York: Little, Brown & Company. ISBN 0-316-32225-3.