Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Viño branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uvas brancas

O viño branco é un tipo de viño elaborado a partir do mosto da uva, preferentemente branca, que se separa do bagazo ou bagaño para que non desprenda as substancias colorantes. Os viños brancos son famosos en Galicia sobre todo nas denominacións de orixe do Ribeiro, Valdeorras e Rías Baixas. Algunhas castes de uva como o albariño son as máis tradicionais na produción do viño branco.

Ten unha especial relevancia culinaria para engadir á cocción de carnes, peixes ou mariscos como os mexillóns. Recoméndase para acompañar nas comidas sobre todo peixes e mariscos cos que se toma normalmente fresco. Son normalmente viños novos, é dicir, viños que se consomen no mesmo ano en que foron producidos e que non se deixan envellecer.

Elaboración

[editar | editar a fonte]

A uva recóllese das vides na vendima. Para facer o viño, non se lavan. O proceso tradicional de pisado realizábase cos pés e foi substituído por prensas mecánicas que facilitan o traballo dos colleiteiros. Hoxe para a elaboración do viño branco, inténtase esmagar a uva sen triturar a pel a fin de evitar a extracción das antocianinas da pel, que lle dan cor aos viños rosados e tintos.

A fermentación transforma o mosto en viño. Vese afectada por diversos de factores como a temperatura. A franxa de temperatura de fermentación dos viños brancos é posíbel entre 8°C e 14 °C. O principal efecto deste proceso é a conversión dos azucres do mosto en alcol etílico pola acción dos lévedos do xénero das Saccharomyces.

As cartas dos restaurantes e casas de comidas adoitan distinguir os viños pola súa cor. Isto débese a que acostuma ser un dos criterios para a súa elección. Habitualmente, o viño branco é aconsellábel para acompañar ensaladas, carnes brancas, peixes e froitos do mar. A súa frescura e aromas combinan mellor con estes alimentos. Os sabores dos viños brancos tenden a ser menos intensos e acompañan mellor produtos máis magros (menos graxentos).

Tamén é costume bebelos frescos. Recoméndase o seu consumo en temperaturas entre 8 °C a 10 °C. Demasiado fríos, perden o seu aroma e non se aprecian os seus matices.

Copa de viño branco

Conservación

[editar | editar a fonte]

Non todos os viños están preparados para o almacenamento a longo prazo. En xeral, os viños brancos non son envellecidos a non ser que sexan viños con certa graduación como o Porto ou o Xerez que teñen de 15º para arriba. No resto dos casos, o máis aconsellábel é consumilos no mesmo ano para que non se derramen. Deste xeito, é infrecuente topar viños brancos de crianza ou reservas.

Segundo o artigo 8º de 157/88 do Real decreto de 22 de febreiro, un viño branco de reserva significa un mínimo de dous anos en barril e botella, cun mínimo de seis meses en barril.

O viño branco nas denominacións de orixe galegas

[editar | editar a fonte]

Todas as denominacións de orixe galegas teñen viños brancos de referencia:

Monterrei

[editar | editar a fonte]

Pode ter uvas de tipo palomino, verdello e dona Branca.

Rías Baixas

[editar | editar a fonte]

O albariño é a súa produción máis coñecida: monovarietal, baixa graduación e sen crianza.

Ribeira Sacra

[editar | editar a fonte]

As variedades máis cultivadas son o godello, o albariño e a treixadura.

As uvas brancas autorizadas son treixadura, o torrontés, a loureira e o albariño como autóctonas e o Xerez e Macabeo como foráneas.

Valdeorras

[editar | editar a fonte]

As súas variedades de uva branca son o godello, palomino e dona Branca.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Equipo Staff, Galicia. (1996). Elaboracion Dos Viños Galegos. Santiago: Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
  • Posada, X. (1981). Os viños de Galicia. Vigo: Galaxia.
  • Walton, S. (1984) Atlas ilustrado de los vinos del mundo. Madrid: Susaeta. (en castelán)