Allen Ginsberg
Irwin Allen Ginsberg, nado en Newark (Nova Jersey) o 3 de xuño de 1926 e finado en East Village (Nova York) o 5 de abril de 1997, foi un poeta estadounidense. Foi o enlace entre a Xeración beat da década de 1950 e os hippis da década de 1960. Compartiu amizade con, entre outros, Jack Kerouac, Neal Cassady, William S. Burroughs, Patti Smith, Gregory Corso, Herbert Huncke, Rod McKuen e Bob Dylan.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A poesía de Ginsberg estaba moi influenciada polo modernismo, o romanticismo, o beat e a cadencia do jazz, ademais de pola súa práctica do budismo Kagyu e a súa orixe xudía. Considerábase herdeiro de William Blake e Walt Whitman. A potencia dos poemas de Ginsberg, os seus longos versos e a súa exuberancia do Novo Mundo reflectían a continuidade da inspiración que reclamaba. Outras influencias incluían ao poeta estadounidense William Carlos Williams.
A principal obra de Ginsberg, Howl ("Ouveo"), é moi coñecida pola súa frase inicial: Vin ás mellores mentes da miña xeración destruídas pola loucura. A obra considerouse escandalosa no momento da súa publicación pola crudeza da súa linguaxe, que é explícita. Pouco tempo despois da súa publicación en 1956 por unha pequena editora de San Francisco, a obra foi prohibida. A prohibición foi un caso célebre entre os defensores da primeira emenda da Constitución estadounidense; foi anulada despois de que o xuíz Clayton W. Horn declarara que o poema posuía importancia social redentora. As ideas políticas libertarias e en xeral anti-sistema de Ginsberg atraeron a atención do FBI, que o consideraba como unha grande ameaza para a seguridade.
Hai que resaltar que a segunda parte de Ouveo estivo inspirada e escrita principalmente durante unha visión causada polo peiote. Ginsberg intentou escribir varios poemas baixo a influencia de varias drogas, incluíndo o LSD. Esta práctica era unha manifestación específica do seu enfoque experimental de carácter máis xeral; por exemplo, tamén "escribiu" poemas recitándoos, gravándoos en cintas de casete e transcribindo os resultados.
Nos seus escritos e na súa vida, Ginsberg defendía a liberdade e a autenticidade. Moitos dos seus poemas son extremadamente sinceros e directos. Por exemplo, en Kaddish describe a loucura da súa nai en termos claros. En Many Loves ("Moitos amores"), describe o seu primeiro contacto sexual con Neal Cassady, que foi o seu amante e amigo. Algúns dos seus poemas posteriores céntrase na súa relación con Peter Orlovsky, o seu amante de toda a vida a quen dedicou Kaddish and Other Poems (Kaddish e outros poemas).
A súa viaxe espiritual comezou pronto con visións espontáneas e continuou cunha viaxe á India e un encontro casual nunha rúa de Nova York con Chögyam Trungpa, Rinpoche, un budista tibetano mestre de meditación da escola Vajrayana, quen se converteu no seu amigo e mestre durante toda a súa vida.
Na súa vida política foi un iconoclasta, usando o seu enxeño e humor para loitar pola causa da liberdade persoal dos outros, a miúdo arriscándose el mesmo. Ginsberg axudou a financiar a School of Disembodied Poetics de Jack Kerouac na Universidade de Naropa en Boulder, Colorado, unha escola formada por Chögyam Trungpa, Rinpoche. Tamén foi cofundador, xunto ao poeta francés Jean Jacques Lebel, dun dos festivais de poesía máis importantes do mundo, coñecido como Poliphonix.
En 1993 o Ministerio de Cultura francés nomeouno Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras.
Obras
[editar | editar a fonte]- Ouveo e outros poemas (Howl and Other Poems, 1956). Tradución de Daniel Salgado (Edicións Positivas, 2007). A Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe publicou a versión de Xoán Abeleira, con notas e comentarios, de "Ouveo I", no número do 27 de agosto de 2009[1]
- Kaddish and Other Poems (1961)
- Reality Sandwiches (1963)
- Planet News (1968)