Balaeniceps rex
Balaeniceps rex | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Peteiro zapato (Balaeniceps rex) | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Balaeniceps rex Gould, 1850 | |||||||||||||||
Área de distribución do B. rex
|
Balaeniceps rex é unha especie de ave africana similar a unha cegoña, única especie do xénero Balaeniceps. Caracterízase por ter un peteiro masivo que lembra a forma dun zapato, ao que se debe o nome equivalente a peteiro zapato que ten en moitos idiomas. Aínda que en conxunto ten unha forma parecida a unha cegoña e anteriormente foi clasificado dentro da orde Ciconiiformes, o seu verdadeiro parentesco con outros grupos de aves é ambiguo. Algunhas autoridades reclasificárono e considérano agora dentro da orde Pelecaniformes. Os adultos son principalmente grises e os inmaturos son máis marróns. Vive en África oriental tropical en grandes pantanos desde Sudán a Zambia.[2]
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]O peteiro zapato non foi clasificado ata o século XIX unha vez que se trouxeron algunhas peles a Europa. Pasaron algúns anos ata que os primeiros exemplares vivos chegaron a mans da comunidade científica. Porén, esta ave era coñecida xa polos antigos exipcios e árabes. Tradicionalmente foi relacionado coas cegoñas (Ciconiiformes), e foi mantido dentro do grupo delas na taxonomía de Sibley-Ahlquist, que agrupou un gran número de taxons non relacionados dentro do seu "Ciconiiformes". Máis recentemente, B. rex foi considerado máis próximo aos pelicanos (baseándose en comparacións anatómicas)[3] ou ás garzas (baseándose en probas bioquímicas; Hagey et al., 2002).[4] A análise microscópica da estrutura da casca dos ovos feita por Konstantin Mikhailov en 1995 atopou que a casda dos ovos do B. rex lembra moito á dos outros Pelecaniformes, xa que ten unha cuberta de groso material microglobular sobre a casca cristalina.[5] Unha comparación de ADN recente reforza a idea da súa pertenza a Pelecaniformes.[6]
Ata agora, describíronse dous parentes fósiles do peteiro zapato, que son: Goliathia do Oligoceno temperán de Exipto e Paludavis do Mioceno temperán tamén de Exipto. Suxeriuse que a enigmática ave fósil africana Eremopezus era un parente del tamén, pero as evidencias que o apoian están aínda por confirmar. Todo o que se sabe de Eremopezus é que era unha ave moi grande, probablemente non voadora e con pés flexibles, que lle permitían manexar vexetación ou as presas.
Descrición
[editar | editar a fonte]O peteiro zapato é unha ave alta, cunha altura entre 110 e 140 cm e algúns espécimes acadan os 152 cm. A lonxitude do peteiro á cola pode oscilar entre 100 e 140 cm, e a envergadura de ás é de 230 a 260 cm. En canto ao peso, este varía de 4 a 7 kg.[7][8] Un macho pesa como media uns 5,6 kg e é meirande que unha femia típica, que adoita pesar 4,9 kg.[9] A característica distintiva desta especie é o seu enorme e bulboso peteiro de cor palla e con marcas cincentas erráticas. O culme exposto (ou medida ao longo da parte máis alta da mandíbula superior) é de 18,8 a 24 cm.[9] Igual que ocorre nos pelicanos, a mandíbula superior ten unha nítida quilla, e acaba no extremo nunha forte "uña" vertical. As patas de cor escura son bastante longas, cunha lonxitude tarsal de 21,7 a 25,5 cm. Os pés do B. rex son excepcionalmente longos, e a deda media ten unha lonxitude de 16,8 a 18,5 cm, e probablemente axuda a esta especie a manterse de pé sobre a vexetación acuática cando está a cazar. O pescozo é relativamente máis curto e groso que ao doutras aves acuáticas pernaltas como as garzas e grúas. As ás son largas, cunha lonxitude da corda máxima alar de 58,8 a 78 cm, e están ben adaptadas para o voo planando.
A plumaxe dos adultos é gris azulada con plumas de voo de cor gris lousa máis escuras. O peito presenta algunhas plumas alongadas, que teñen talos (cálamos) escuros. Os inmaturos teñen unha cor da plumaxe similar, pero cun ton gris máis escuro ou marrón.[2] Cando acaban de eclosionar, teñen un peteiro bastante pequeno, que é inicialmente de cor gris prata. O peteiro faise máis grande cando os pitos teñen 23 días de vida e está ben desenvolvido aos 43 días.[9]
Patrón de voo
[editar | editar a fonte]Cando planan manteñen as ás estendidas e, igual que fan os pelicanos e as cegoñas do xénero Leptoptilos, voan co pescozo retraído. A súa velocidade de batido de ás é duns 150 batidos por minuto, polo que é unha das máis lentas entre as aves, coa excepción das especies grandes de cegoñas. O padrón é alternar o batido con ciclos de deslizamento de aproximadamente sete segundos, o que sitúa a súa distancia de deslizamento entre a das cegoñas grandes e o cóndor andino (Vultur gryphus). Cando se asusta, o peteiro zapato intenta voar, pero a non máis de 100 a 500 m da súa anterior posición.[9] É raro que faga voos longos, e só fai uns poucos voos que vaian alén da distancia mínima para procurar alimento de 20 m.
Identificación
[editar | editar a fonte]A curta distancia pode distinguirse doadamente polas súas características únicas. En voo, o seu singular peteiro non pode distinguirse tan ben, e a súa silueta lembra a dunha cegoña ou cóndor, pero as súas plumas son dun distintivo gris azulado. Tamén é infrecuente que a súa cola teña a mesma cor que as ás. En condicións de mala visibilidade, o seu tamaño e envergadura alar poden distinguilo doutras aves do seu hábitat. As patas teñen máis ou menos a mesma lonxitude que as das cegoñas, e cando voa esténdense cara a atrás bastante máis que a cola. O tamaño das ás á cola non pode utilizarse para a identificación; é similar ao de diversas especies de aves.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Vive en pantanos de auga doce de África tropical central, desde o sur do Sudán ata partes do oriente da República Democrática do Congo, Ruanda, Uganda, occidente de Tanzania e norte de Zambia. A especie é máis numerosa na subrexión do Nilo occidental e áreas adxacentes do sur do Sudán; a súa presenza é tamén significativa en zonas húmidas de Uganda e oeste de Tanzania. Hai rexistros de poboacións máis illadas en Kenya, a República Centroafricana, norte do Camerún, suroeste de Etiopía, e Malaui. Tamén se observaron exemplares divagantes na cunca do Okavango, Botswana e no tramo alto do río Congo. A distribución desta especie parece coincidir en gran medida coa do papiro e peixes pulmonados africanos. Non é migratorio e só realiza limitados movementos estacionais debido aos cambios no seu hábitat, a dispoñibilidade de comida e as molestias causadas polos humanos.[9]
O peteiro zapato viven en grandes pantanos de auga doce. Case todas as zonas húmidas que son atractivas para a especie teñen vexetación non alterada de Cyperus papyrus e xuncos Phragmites e Typha. Aínda que a súa distribución corresponde grosso modo coa do papiro en África central, a especie parece evitar os pantanos con só papiros e a miúdo vese máis atraída por áreas con vexetación mixta. Máis raramente, a especie viuse alimentándose en campos de arroz e plantacións inundadas.[9]
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]O B. rex é unha ave de movementos lentos e tende a permanecer quieta durante longos períodos de tempo, polo que a especie se ten descrito como "similar a unha estatua". Son moi sensibles ás molestias creadas polos seres humanos e poden abandonar os seus niños se son asustadas polos humanos. Porén, cando se están a alimentar e hai unha mesta vexetación entre eles e os humanos, esta ave pode ser bastante tranquila. É atraída por augas pouco oxixenadas nas que os peixes van con frecuencia á superficie para respirar. Excepcionalmente nunha ave do seu tamaño, permanece de pé ou sobre vexetación flotante, de modo que se parece algo a un xacánido xigante, aínda que tamén fai o mesmo a especie de garza de similar tamaño e ocasionalmente simpátrica Ardea goliath. Os peteiro zapatos aliméntanse normalmente en augas lamacentas e, como son animais solitarios, procuran comida a unha distancia mínima unhas das outras de 20 m, mesmo cando as poboacións son relativamente densas. Esta especie axexa as súas presas pacientemente, nunha lenta espera. Mentres está a cazar, dá pasos moi lentos e frecuentemente permanece inmóbil. A diferenza doutras aves acuáticas similares, esta especie caza fiándose exclusivamente da vista e que se saiba non realiza unha caza táctil. Cando descobre unha presa, lanza un forte golpe ou estocada co seu peteiro. Porén, dependendo do tamaño da presa, o tempo que a manexa no peteiro despois da captura pode ser de máis de 10 minutos. Arredor do 60% dos intentos de captura teñen éxito. Con frecuencia arrastra auga e vexetación durante o peteirazo, que despois son expelidas polas beiras das mandíbula. A actividade dos hipopótamos pode beneficiar inadvertidamente a esta ave, xa que estes mamíferos cando están mergullados ás veces forzan os peixes a iren á superficie da auga.[9]
Son esencialmente piscívoros pero poden depredar unha considerable variedade de vertebrados acuáticos do tamaño axeitado. As especies de presas preferidas son os peixes pulmonados Protopterus aethiopicus e o Polypterus senegalus e varias especies do xénero Tilapia e de siluros principalmente do xénero Clarias. Outras presas que poden comer son ras, cobras acuáticas, monitores (Varanus niloticus) e crías de crocodilos. Máis raramente, comen tartarugas, caracois, roedores e pequenas aves anseriformes. Hai un só informe de que comeron crías do antílope Kobus leche, pero isto necesita confirmación. Como ten un peteiro de beiras cortantes, de gran tamaño e de ampla apertura, pode cazar presas grandes, e a miúdo trata de capturar presas de maior tamaño que outras aves similares. Os peixes que come teñen unha lonxitude entre 15 e 50 cm e un peso de arredor de 500 g, aínda que teñen atacado peixes pulmonados de ata 1 m. As cobras que comen son normalmente de entre 50 e 60 cm de longo. Nos pantanos do lago Bangweulu de Zambia, as principais presas que levan para alimentar as crías son os siluros Clarias gariepinus [10](syn. C. mossambicus) e cobras acuáticas. En Uganda, os peixes pulmonados e os siluros son o alimento preferido para darlles ás crías.[9] O seu gran peteiro úsano ás veces para cavar na lama do fondo das lagoas para extraer os peixes pulmonados que están soterrados pasando a súa estivación.
Reprodución
[editar | editar a fonte]A natureza solitaria de B. rex aplícase tamén aos seus hábitos reprodutores. Os niños normalmente aparecen nunhas densidades de menos de tres niños por quilómetro cadrado, o que os diferencia de garzas, corvos mariños, pelicanos e cegoñas, que aniñan predominantemente en colonias. A parella reprodutora defende vigorosamente un territorio de 2 a 4 km2 dos seus conespecíficos. No extremo norte e sur da área de distribución da especie a nidación empeza xusto despois de que acaba a época de chuvias. En rexións máis centrais da súa área, pode aniñar preto do final da estación húmida para que a eclosión teña lugar arredor do comezo da seguinte estación húmida. O niño constrúeno entre ambos os membros da parella sobre unha plataforma flotante, despois de limpar unha área de aproximadamente 3 m de diámetro. A gran, plataforma de nidación plana está a miúdo parcialmente mergullada na auga e pode ter 3 m de profundidade. O niño propiamente dito ten un diámetro de 1 a 1,7 m. Tanto o niño coma a plataforma están feitas de vexetación acuática. En Sudan, os niños aparentemente podían soportar o peso dun home adulto, aínda que non son tan robustos en Zambia. Poñen dun a tres ovos. Estes ovos miden de 80 a 90 mm de alto por 56 a 61 mm, e pesan arredor de 164 g. A incubación dura uns 30 días. Ambos os proxenitores incuban, dan sombra, protexen e alimentan as crías, aínda que as femias parecen dedicarse a iso algo máis. Os alimentos son regurxitados enteiros desde a gorxa directamente ao peteiro dos pitiños. Os peteiro zapatos raramente crían máis dun polo, pero poden eclosionar máis. Os polos novos considéranse como reservas de seguridade en caso de que o máis vello deles morra ou sexa débil. Empluman arredor de 105 días despois da eclosión e as aves poden voar ben aos 112 días. Con todo, despois, aínda son alimentados durante un mes ou máis. As crías chegan á madureza sexual completa en tres anos.[9]
Voz
[editar | editar a fonte]O peteiro zapato é normalmente silencioso, pero realiza exhibicións de repeniques co peteiro no niño.[2] Cando están facendo estas exhibicións, os adultos poden tamén emitir un son parecido ao mu das vacas e tamén chíos moi agudos. Tanto as crías coma os adultos realizan repeniques co peteiro durante a tempada de nidación como unha forma de comunicarse. Cando as crías piden comida, fan chamadas cun son incriblemente semellante ao do impo humano. Nun caso, oiuse a un adulto en voo grallar roucamente, aparentemente como un signo de agresión cara a un marabú (Leptoptilos crumeniferus) que se aproximaba.[9]
Status e conservación
[editar | editar a fonte]A súa poboación estímase entre 5.000 e 8.000 individuos, a maioría dos cales viven en pantanos do Sudán, Uganda, parte oriental da República Democrática do Congo, e Zambia.[11] Hai tamén unha poboación viable na zona húmida de Malagarasi en Tanzania.[12] BirdLife International clasificouna como Vulnerable, e a principal ameaza que a afecta é a destrución do hábitat, molestias e a caza.
Relacións cos humanos
[editar | editar a fonte]Esta especie é considerada unha das máis desexables en África polos ornitólogos.[13] Hai imaxes do antigo Exipto que representan esta ave.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2012). "Balaeniceps rex". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 del Hoyo, J. Elliott, A. & Sargatal, J. (editors). (1992) Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5
- ↑ Mayr, Gerald (2003). "The phylogenetic affinities of the Shoebill (Balaeniceps rex)" (PDF). Journal für Ornithologie. doi:10.1046/j.1439-0361.2003.03002.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2018. Consultado o 19 de febreiro de 2016.
- ↑ Hagey, J. R.; Schteingart, C. D.; Ton-Nu, H.-T. & Hofmann, A. F. (2002). "A novel primary bile acid in the Shoebill stork and herons and its phylogenetic significance". Journal of lipid research 43 (5): 685–90. PMID 11971938.
- ↑ Mikhailov, Konstantin E. (1995). "Eggshell structure in the shoebill and pelecaniform birds: comparison with hamerkop, herons, ibises and storks". Canadian Journal of Zoology 73 (9): 1754–70. doi:10.1139/z95-207.
- ↑ Hackett, SJ; Kimball, RT; Reddy, S; Bowie, RC; Braun, EL; Braun, MJ; Chojnowski, JL; Cox, WA; Han, KL; et al. (2008). "A phylogenomic study of birds reveals their evolutionary history" (PDF). Science 320 (5884): 1763–8. PMID 18583609. doi:10.1126/science.1157704. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de agosto de 2013. Consultado o 19 de febreiro de 2016.
- ↑ Balaeniceps rex Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. Fsbio-hannover.de. Retrieved on 2012-08-21.
- ↑ Stevenson, Terry and Fanshawe, John (2001). Field Guide to the Birds of East Africa: Kenya, Tanzania, Uganda, Rwanda, Burundi. Elsevier Science, ISBN 978-0-85661-079-0
- ↑ 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 Hancock & Kushan, Storks, Ibises and Spoonbills of the World. Princeton University Press (1992), ISBN 978-0-12-322730-0.
- ↑ Tomita, Julie. "Challenges and successes in the propagation of the Shoebill Balaeniceps rex: with detailed observations from Tampa's Lowry Park Zoo, Florida". International zoo yearbook 48 (1): 69-82. doi:10.1111/izy.12038.
- ↑ Williams, J.G; Arlott, N (1980). A Gield Guide to the Birds of East Africa. Collins. ISBN 0-00-219179-2.
- ↑ John, Jasson; Nahonyo, Cuthbert; Lee, Woo; Msuya, Charles (March 2013). "Observations on nesting of shoebill Balaeniceps rex and wattled crane Bugeranus carunculatus in Malagarasi wetlands, western Tanzania". African Journal of Ecology 51 (1): 184-187. doi:10.1111/aje.12023.
- ↑ Matthiessen, Peter (1991). African Silences. New York: Random House. p. 56. ISBN 0-679-40021-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Balaeniceps rex |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Balaeniceps rex |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Muir, Allan; King, C.E. (January 2013). "Management and husbandry guidelines for Shoebills Balaeniceps rex in captivity". International Zoo Yearbook 47 (1): 181–189. doi:10.1111/j.1748-1090.2012.00186.x.
- Guillet, A (1978). "Distribution and Conservation of the Shoebill (Balaeniceps Rex) in the Southern Sudan". Biological Conservation 13 (1): 39–50. doi:10.1016/0006-3207(78)90017-4.
- Tomita, Julie. "Challenges and successes in the propagation of the Shoebill Balaeniceps rex: with detailed observations from Tampa's Lowry Park Zoo, Florida". International Zoo Yearbook 132 (1): 69-82. doi:10.1111/izy.12038.
- John, Jasson; Nahonyo, Cuthbert; Lee, Woo; Msuya, Charles (March 2013). "Observations on nesting of shoebill Balaeniceps rex and wattled crane Bugeranus carunculatus in Malagarasi wetlands, western Tanzania". African Journal of Ecology 51 (1): 184-187. doi:10.1111/aje.12023.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- O B. rex no San Diego Wild Animal Park en EUA
- BirdLife species factsheet
- The Internet Bird Collection - Balaeniceps rex