Cyanocorax caeruleus
Cyanocorax caeruleus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
No Parque Nacional de Aparados da Serra (Rio Grande do Sul e Santa Catarina) | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Cyanocorax caeruleus (Vieillot, 1818) | |||||||||||||||||
Área de distribución de Cyanocorax caeruleus
|
Cyanocorax caeruleus é unha especie de ave paseriforme da familia dos córvidos, unha das 17 comprendidas no xénero Cyanocorax.
Encóntrase no suroeste do Brasil (desde o estado de São Paulo até o de Rio Grande do Sul), chegando ao leste de Paraguai e o nordeste da Arxentina, en bosques da chamada Mata Atlántica, especialmente nos que abunda a especie Araucaria angustifolia.
É a ave símbolo do estado do Paraná.[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1818 polo ornitólogo francés Louis Jean Pierre Vieillot,[3] baixo o nome de Pica coerulea,[4] no vixésimo sexto tomo da súa obra Nouveau Dictionnaire d'Histoire Naturelle, dun espécime que encontrou no Paraguai.[5]
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]Para a do xénero ver Cyanocorax.
O epíteto específico, caeruleus, deriva do nominativo singular do adxectivo latino cæruleus, -a, um, "azulado".
Sinónimo
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polo sinónimo:[4]
- Pica coerulea Vieillot, 1818 (protónimo)
Características
[editar | editar a fonte]Cyanocorax caeruleus ten unha lonxitude total de aproximadamente 40 cm, e pesa uns 270 g, e é o córvido máis grande de América do Sur. A súa plumaxe é de cor azul intenso coa cabeza e a parte superior do peito de cor negra contrastante. Os machos e as femias son semellantes, aínda que as femias normalmente son máis pequenas.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Nutrición
[editar | editar a fonte]Aliméntase en gran medida de sementes, como as noces de Araucaria angustifolia, pero non se limita estritamente a isto, xa que tamén consome insectos e froitas.
Costumes
[editar | editar a fonte]Ao igual que outros córvidos, é moi intelixente. A súa comunicación é complexa, e consta de polo menos de 14 distintas vocalizacións. Forma grupos de 4 a 15 individuos que están ben organizados en xerarquías. Estes grupos mantéñense estábeis até polo menos dúas xeracións.
Reprodución
[editar | editar a fonte]A súa época de cría é de outubro a xaneiro. Este paxaro é un criador social. As femias poñen de 2 a 4 ovos no niño, que está feito con paus, e situado entre os 10 e os 20 m sobre o chan nunha árbore do xénero Araucaria.
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, considerando que é probábel que esta especie, que habita nos bosques, estea diminuíndo con moderada rapidez en toda a súa área de distribución como resultado da destrución do seu hábitat, cualifica o seu status como NT (case ameazada).[1]
Folclore e cultura
[editar | editar a fonte]Cóntase que unha gralla negra estaba enriba dunha araucaria, cando se asustou polo son dun home que intentaba derrubar a árbore cunha machada. Entristecido pola destrución do seu fogar, o corvo voou ao ceo, cando escoitou unha voz que dicía que sería pintada coa cor do ceo e que sería gardián das árbores. E como gardián das araucarias, até as armas negarían o fogo cara a ela.[6]
Este folclore baséase sobre todo no hábito que ten esta ave de enterrar sementes de araucaria para consumir posteriormente, favorecendo a propagación da árbore por toda a comarca, e sendo considerada a maior difusora da especie.[6]
Pero, por riba, amosa a importancia que teñen para os habitantes de Paraná a araucaria e a gralla azul. Como quedou dito, é o símbolo oficial do estado de Paraná, dá nome ao máximo premio das artes teatrais de Paraná (Troféu Gralha Azu),[7] e é a mascota do equipo de fútbol Paraná Clube, e figura no escudo deste equipo.[8]
Tamén inspirou ao superheroe de cómics O Gralha (O Gralla), un superheroe creado por artistas de Curitiba.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2017): Cyanocorax coeruleus na Lista vermella da UICN. Versión 2021-3. Consultada o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ Anderson Gonçalves (5 de outubro de 2011). Gazeta do Povo, ed. "Confira dez dos animais mais famosos da fauna paranaense". Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ Cyanocorax caeruleus (Vieillot, 1818) no GBIF. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 en/taxon/id27498/ Cyanocorax caeruleus (Vieillot, 1818) no BioLib. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ Zotta, A. R. (1940): "Lista sistemática de las aves argentinas". El Hornero. Revista de orninología neotropical 7 (3): 447-472. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ 6,0 6,1 A Lenda da Gralha Azul Arquivado 02 de xaneiro de 2006 en Wayback Machine..
- ↑ Bem Vindo ao Troféu Gralha Azul Arquivado 17 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.. Fundação Teatro Guaira.
- ↑ Pedro Melo (27 de xullo de 2015). Banda B, ed. "Em nova ação de marketing, mascote do Paraná desfaz mandinga na Vila Capanema". Consultado o 23 de febreiro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cyanocorax caeruleus |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cyanocorax caeruleus |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chebez, J. C. (1994): Los que se van: especies argentinas en peligro. Buenos Aires: Albatros. ISBN 978-95-0240-623-7.
- Dinerstein, E.; Olson, D. M.; Graham, D. J.; Webster, A. L.; Primm, S. A.; Bookbinder, M. P. e Ledec, G. (1995). A conservation assesssment of the terrestrial ecoregions of Latin America and the Caribbean. Washington, D.C.: World Bank. ISBN 978-0-8213-3295-5.
- Fearnside, P. (1996): "Brazil". En: Harcourt, C. S. & Sayer, J. A. (eds.) The conservation atlas of tropical forests: the Americas. New York, London. etc.: Simon & Schuster. pp. 229-248.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Gralha-azul en wikiaves.com.br (en portugués).
- Cyanocorax caeruleus. Azure jay Arquivado 11 de marzo de 2007 en Wayback Machine. en ZMA. (en inglés).