Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Hábitat

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este arrecife de coral no Espazo protexido das illas Phoenix é un hábitat rico para a vida mariña.

En ecoloxía, un hábitat é o lugar ou o tipo de lugares onde vive unha especie de organismo particular ou onde a súa poboación aparece de xeito natural.[1][2] Pódese entender que é tamén o ambiente e o conxunto de condicións dese ambiente que permiten a especie estea presente alí.[3]

Un hábitat está caracterizado por características tanto físicas como biolóxicas. Para unha especie os seus hábitats son aqueles onde poden atopar os seus alimentos, un lugar onde acollerse ou medrar, protección para a súa supervivencia ou un lugar onde propagarse ou reproducirse, como é atopando parella. Os factores físicos que determinan un hábitat poden ser algúns como o tipo de solos ou augas, a humidade do ambiente, o abano de temperaturas dese espazo ou a intensidade de luz. Pola outra banda, os factores biolóxicos son aqueles como a dispoñibilidade de nutrientes ou alimentos, ou a presenza ou ausencia de depredadores. Cada especie e cada organismo teñen certas necesidades e precisan duns ou doutros hábitats para poder prosperar. Algunhas especies son tolerantes a grandes variacións na presenza desas variables físicas ou biolóxicas, namentres que outras especies están especializadas e precisan dunhas condicións concretas para persistir.

Un hábitat non é necesariamente unha área xeográfica: pode ser o interior dun toro que podrece, o interior dunha rocha ou no musgo dun monte, o corpo ou un tracto dixestivo dun hóspede para aqueles organismos parasitos o corpo do seu hóspede etc. Os grandes tipos de hábitat terrestres van desde condicións de rexións polares, a temperadas, subtropicais e tropicais. O tipo de vexetación terrestre pode ser bosque, estepas, prados, semiárido ou desértico. Os hábitats das augas fresca inclúen a marismas, regatos, ríos, rías, lagos e lagoas; e os hábitats mariños inclúen a marismas, costa, as zonas intermareais, arrecifes, rías e baías, o mar aberto, os leitos mariños, as augas profundas e as augas submariñas.

Os hábitats mudan co paso do tempo, tanto por cambios estacionais como por outras causas que os fan mudar definitivamente. Nese último caso poden deberse a evento violentos como erupción de volcáns, a terremotos, a tsunamis, a incendios forestais, a cambios nas correntes oceánicas ou a morte dos hóspedes. Os outros cambios poden ser estacionais ou ser máis gradual, que fan mudar os hábitats. Esa mudanza pódese dar ao longo de milenios por alteracións no clima, xa que os xeos e os glaciares avanzan e retroceden, e por patróns climáticos diferentes que implican cambios das precipitación e da radiación solar. Outros cambios nos hábitats son resultado directo das actividades humanas, como o son a deforestación, o arado de pastos ou agricultura intensiva, os cambios nos caudais dos ríos e rías, a drenaxe das marismas, o dragado do litoral ou dos fondos do mar. A introdución de especies exóticas pode ter un efecto devastador na fauna e flora nativa; por implicar unha maior depredación, maior competencia polos recursos ou porque supoñan a introdución de pragas e enfermidades ás que as especies nativas non teñen inmunidade.

Un dos maiores problema nas conservacións dos ambientes e da biodiversidade é a fragmentación dos hábitats.[4] Ademais, ante a degradacións dos hábitats non todas as especies responden igual xa que algunhas dependen doutras nos ecosistemas, como é o caso da dispersión de vexetación en bosques ligada aos desprazamentos de animais.[5]

Definición

[editar | editar a fonte]

Hábitat provén do verbo latino habitāre en terceira persoa singular do presente, ou de habitatio, e refírese a "vivir" ou a "morar".[6] As primeiras definicións de hábitat fixéronas os naturalistas cando cuestionaron porqué as especies están presentes nalgúns lugares e noutros non.

Unha das definicións de hábitat argumenta que é o conxunto de recursos e condicións ambientais, tanto bióticas como abióticas, que determinan se a poboación dunha especie pode ter alí presenza, sobreviva ou se chegue a reproducir. Isto é, o conxunto de condicións que permiten que unha especie viva nalgunha das súas fases do seu ciclo vital. Porén, outro tipo de definición para hábitats argumenta que é son cada unha das diferentes comunidades que existen cunha fisioloxía de vexetación común. Iso incluiría dentro dun mesmo hábitat a ás masa vexetais ou outras entidades que existirán sempre no espazo aínda que a fauna as aproveite dun xeito ou outro. Esta definición é similar ao concepto de biotopo.[7] Algunha revisión resalta que cabe achegar as dúas posturas e definir os hábitats considerando tanto o aproveitamento dos recursos que as especies fan como dos cambios no espazo e no tempo que se producen. Isto é, considerar os recursos que unha especie aproveita e consideralos como algo que cambia ao longo do espazo e do tempo.[8]

A directiva europea para a conservación de hábitats e fauna e flora salvaxe emprega a primeira definición, no que se consideran que a un hábitat o definen as condicións que permiten a presenza das especies de interese.[9] Outras convencións internacionais como a Convención para Diversidade Biolóxica e a Convención de Especies Migratorias empregan un concepto de hábitat máis xenérico, xa que a entenden tan só como aquelas áreas que lle dan ás especies de interese de conservación, ou similar, un lugar axeitado para elas ocupar e sobrevivir.

Factores ambientais

[editar | editar a fonte]

Os principais factores ambientais que afectan á distribución de organismos vivos son a temperatura, a humidade, o clima, o tipo de solo e a intensidade da luz, así como a presenza doutros elementos limitantes que o organismo necesita para sobrevivir. Como norma xeral, as comunidades dun sistema trófico superior, como os animais, dependen das comunidades dos sistemas tróficos anteriores, como as masas vexetais.[10]

Algunhas plantas e animais son xeralistas e os seus requisitos de hábitat cúmprense nun amplo número de lugares. Como exemplo, a pequena bolboreta branca Pieris rapae atópase en todos os continentes agás na Antártida. As súas larvas aliméntanse dunha ampla variedade de Brassicas e outras especies vexetais, e prosperan en calquera lugar aberto con diversas asociacións vexetais. Outras, como a gran bolboreta azul son moito máis específicas e teñen uns requisitos máis específicos. Atópase só en áreas nun tipo concreto de pastos, e alí as súas larvas aliméntanse de especies de Thymus. Ademais, por complexos requisitos do seu ciclo vital só habita en lugares onde vivan as formigas Myrmica.[11]

As perturbacións nos ecosistemas son importantes para a creación de hábitats cunha alta diversidade. Coa falta de perturbación, a sucesión da comunidade avanza e chega a unha estabilidade onde un grupo de especies domina, como poden ser de vexetación de crecemento lento. Porén, as perturbacións constantes favorecen a entrada de especies e os cambios nas especies que dominan a comunidade. As especies pioneiras poden ocupar hábitats desocupados, como espazos desocupados despois dun incendio, e posteriormente habitalas outras especies na sucesión.[12][13] Do mesmo xeito, nos hábitats costeiros poden chegar a estar dominados por algas mariñas ata acontezan tormentas ou outros procesos que arrastren o sedimento que no están, e estas se vexan substituídas por outras especies.

Macrohábitats

[editar | editar a fonte]

Terrestres

[editar | editar a fonte]
Hábitats dunha rica selva da illa de Dominica

Os hábitats terrestres inclúen a bosques, pastos, zonas húmidas e desertos. Dentro destes amplos biomas hai hábitats con condicións máis específicas: con diferentes tipos de clima, réximes de temperatura, solos, altitude ou tipos de vexetación. Moitos destes hábitats continúan uns cos outros, namentres que cada un ten as súas propias típicas comunidades de vida. Un hábitat pode prestarlle ben a unha especie en particular, mais a súa presenza ou ausencia nalgúns deses lugares é un proceso estocástico ou que depende das capacidades de dispersión e eficiencia de colonización das especies.[14]

Augas doces

[editar | editar a fonte]
Zonzas húmidas de Borneo

Os hábitats de auga doce inclúen aos ríos, regatos, lagos, lagoas, pantanos e mangleiros. Aínda que algúns organismos se atopan na maioría destes hábitats, case todas as especies teñen requisitos específicos dalgúns deses hábitats. A velocidade da auga, a temperatura ou saturación de osíxeno son factores clave. Nos sistemas fluviais hai ademais seccións onde o fluxo da auga é rápidas ou lentas; onde se forman pozas ou estancamentos, ou bolsas de augas paralelas, que proporcionan un abano amplo de hábitats. Do mesmo xeito, as plantas acuáticas poden flotar, estar mergulladas en parte ou no seu total, ou medrar en solos saturados de auga de xeito permanente ou temporal. As plantas marxinais proporcionan un hábitat importante para os invertebrados e os vertebrados, e as plantas mergulladas proporcionan oxixenación na auga, absorben nutrientes e desempeñan un papel na redución da contaminación.[15]

Peixes arredor de esponxas nun arrecife de coral.

Os hábitats mariños inclúen as masas de auga salobre, os estuarios, as rías, as baías, a zona intermareal, o mar aberto, o leito mariño, os arrecifes e as zonas de augas profundas.[16] Outras variacións inclúen pozas intermareais, pradeiras mariñas baixíos, chairas de mareas, lagoas salobres, praias de area fina ou cantos ou leitos mariños, e nos que todos existen un ampla diversidade. A zona bentónica ou o leito mariño proporciona un fogar tanto para os organismos estáticos, que viven ancorados ao substrato, como para unha gran variedade de organismos que se arrastran ou se pegan á superficie. Algunhas especies, viven flotando entre as ondas da superficie da auga, ou entre os restos flotantes na superficie do mar, outros nadan a diferentes rangos de profundidades, incluíndo a organismos da zona demersal xa preto do fondo mariño, e moitas especies que derivan coas correntes oceánicas e que forman o plancto.[17]

Desertos e rexións con secas

[editar | editar a fonte]
Deserto de Exipto.

Os desertos non son un tipo de hábitat que favoreza a presenza de grupos como os anfibios, porque estes precisan de auga para manter as súas peles húmidas e para criar as súas larvas. Con todo, algunhas ras adaptáronse e viven en desertos xa que crean hábitats húmidos subterráneos e hibernan cando as condicións son adversas. O sapo Scaphiopus couchii sae da súa lapa cando se produce un choiva e pon os ovos nas pozas que se forman. Os cágados medran rápido, ás veces en tan só nove días, e sofren unha metamorfose.[18]

Outros organismos afrontan a seca dos seus hábitats acuosos doutros xeitos. Hai pozas que son efémeras e que só se forman nunha época de choivas ao longo do ano. A súa flora é característica e está especialmente adaptada a elas. Está formada principalmente por especies anuais cuxas sementes sobreviven á seca, pero tamén por especies perennes que se adaptaron dun xeito único.[19] Os animais tamén se adaptaron a estes hábitats extremos. Algunhas especies de camaróns depositan "ovos de inverno", que son resistentes ao desecamento e que ás veces se estenden co po e que se desprazan a novas pozas do chan. Estas especies sobreviven en estados latentes de ata quince anos.[20] Algunhas especies de peixes de Ciprinodontiformes, que viven en auga doce, compórtanse dunha forma similar. Os seus ovos rompen axiña e os xuvenís axiña medran alí, sempre que as condicións sexan boas. Porén, cando as pozas se secan os ovos desas poboacións entran nunha diapausa e resisten durante máis tempo.[21]

Moitos animais e plantas coexisten coa xente nos ambientes urbanos. Tenden a ser especies xeralistas, que se adaptan axiña e que empregan lugares das casas e edificios para residir. As ratas e os ratos seguiron ao home ao redor do globo; as pombas, os peregrinos, os gorrións ou as andoriñas usan os edificios para aniñar; os morcegos empregan os ocos dos tellados para comer; os raposos visitan as hortas e aliméntanse do tirado no lixo; e outras como os esquíos, os mapaches ou as mofetas vagan polas rúas. Estímase que máis de 2.000 coiotes viven adaptados aos arredores da cidade de Chicago.[22] Un estudo sobre das vivendas das cidades no norte de Europa estimou que no século XX había 75 especies de invertebrados vivindo dentro delas, incluíndo 53 especies de escaravellos, 21 moscas, 13 bolboretas e couzas, 13 ácaros, 9 piollos, 7 abellas, 5 nespras, 5 cascudas, 5 arañas, 4 formigas e outras tantas especies.[23] En climas cálidos, as termitas son pragas graves no hábitat urbano. Coñécese que 183 especies afectan a estrutura dos edificios e que 83 especies causan danos estruturais graves.[24]

Microhábitats

[editar | editar a fonte]

A aquelas condicións a pequena escala que precisa unha poboación ou un organismo en particular chamásenlle microhabitat. Cada hábitat, ou macrohábitat, inclúe un gran número de microhábitats que se diferencian por variacións miúdas de exposición á luz, da humidade, da temperatura, do movemento do aire ou doutros factores. Así, os liques que medran na aba cara ao norte dunha rocha ou outeiro son diferentes dos que medran na cara ao sur, ou dos que se atopan no nivel superior ou preto do chan. Os liques que medran entre as fisuras das rochas de granito ou os das superficies expostas ao vento tamén o son. Ademais, esa flora en cada microhábitat convértese nun pequeno espazo que acolle a diferentes especies da microfauna.[25]

Tamén hai numerosos microhabitats nas madeira, que non son iguais para os bosques de coníferas, os bosques de árbores caducifolias, nas cascas das árbores ou no moamo que cobre o solo.[26] Canto maior sexa a diversidade estrutural da madeira, maior será o número de microhabitats que acolle. Unha variedade de especies de árbores con espécimes individuais de diferentes tamaños e idades, e unha variedade de características como regatos, diferentes alturas do chan, pistas ou outras, proporcionan diferentes condicións axeitadas para acoller a un maior diversidade biolóxica. Por exemplo, en Gran Bretaña estímase que varios tipos de madeira podre conteñen máis de 1700 especies de invertebrados.[26]

Para un organismo parasito, o seu hábitat é aquela parte exterior ou interior do seu hospede para a que está adaptado a vivir. O ciclo de vida dalgúns parasitos implica a varias hóspedes diferentes, así como tamén un hóspede para cada etapas da súa vida, que ás veces son microhabitats moi diferentes.[27] Un destes organismos é do trematodo Microphallus turgidus que vive en augas doces lamacentas. O seu primeiro hóspede é un caracol e o seu segundo unha gamba Palaemonetes pugio. O anfitrión final son aves acuáticas ou mamíferos, que consome esas gambas.[28]

Hábitats extremos

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Extremófilo.

Aínda que a gran maioría de organismos da Terra viven en ambientes mesofílicos (isto é, moderados), algúns organismos, case todos microorganismos, son quen de colonizar hábitats de condicións extremas; que non son quen de ocupar a meirande parte das especies.

Como exemplo, hai bacterias que viven no lago Whillans, que está a máis de medio quilómetro de profundidade da Antártida. Sendo un hábitat sen luz e sen entrada de materia orgánica doutros lugares, a materia orgánica da que dependen esas bacterias sexa a que procede da materia en descomposición da auga de fusión do glaciar e de minerais das rochas do fondo do lago.[29] Hai tamén un grupo de bacterias que se atopan en abundancia na foxa das Marianas, que é o lugar máis profundo do océano e da Terra. Nese lugar deposítase unha alta cantidade de "neve mariña", que son os detritos que caen desde as capas superficiais da auga e que se acumulan no val submarino, e proporciona alimento a unha extensa comunidade de bacterias.[30]

Outros microorganismos viven en hábitats onde non hai osíxeno co que dependen de rutas químicas distintas da fotosíntese. En pozos perforados a 300 m nos fondos do mar, en substratos rochosos, atopáronse comunidades microbianas que aparentemente se sustentan en reaccións entre a auga e os compoñentes químicos das rochas. Inda que están aínda pouco estudadas, estas comunidades poderían ter un papel importante no ciclo global do carbono.[31] Do mesmo xeito, atopáronse microorganismos a máis de dous quilómetros de profundidade asociadas a pequenas trazas de hidróxeno, que se xeran por reaccións de oxidación dentro das rochas.[32][33]

A zona intermareal e na capa fótica dos océanos son hábitats que acollen unha ampla diversidade.[34] Porén, o gran volume de augas por debaixo do límite onde se pode realizar a fotosíntese, que está arredor dos 100 e 200 metros, atópase nunha escuridade total, de alta presión e pouco osíxeno (dependendo da área do océano), escasos recursos alimenticios e condicións de frío.[35] Eses hábitat do océano profundo son un desafío para a investigación xa que se estima que supoñen case o 79% do total da biosfera, mais que, en especial, non son accesibles a mergullo e por ser moitas as rexións nas que superan mesmo 1000 metros de profundidade.[35] Os animais nesta zona ou son detritívoros e dependen dos alimentos que desaparecen das capas superficiais ou son depredadores que se alimentan uns dos outros. Algúns organismos son peláxicos, nadan ou á deriva no medio do océano, namentres que outros son bentónicos, viven preto ou preto do fondo do mar. As súas taxas de crecemento e o seu metabolismo adoita ser lento. Os seus ollos poden ser moi grandes para detectar a pouca iluminación que hai, ou tamén poden ser cegos e contar con outros receptores sensoriais. Hai unha serie de especies betónicas bioluminiscentes, que teñen esa características para unha variedade de funcións, incluíndo a depredación, a protección e o recoñecemento social.[35] En xeral, os corpos de animais que viven a grandes profundidades están adaptados aos ambientes de alta presión grazas a que dispoñen de biomoléculas resistentes á presión e unhas pequenas moléculas orgánicas presentes nas súas células coñecidas como piezolites, que lle dan a flexibilidade que precisan ás proteínas. Tamén teñen graxas insaturadas nas súas membranas, que impiden que se solidifican a baixas temperaturas.[36]

Unha densa masa de cangrexos brancos nun afloramento termal, con percebes ao seu lado da dereita.

Os afloramentos hidrotermais descubríronse por primeira vez no océano en 1977.[37] Xorden naqueles lugares onde a auga do mar quence nas fisuras do chan xa que hai unha calor de magma que está preto da superficie. O afloramento de auga pode chegar a temperaturas de máis de 340 °C e aínda así ser o lugar onde habitan amplas comunidades de microorganismos.[37] A base desta vida é a quimiosíntese un proceso polo cal os microbios converten substancias como sulfuro de hidróxeno ou amoníaco en moléculas orgánicas.[38] Estas bacterias e arqueas son os principais produtores destes ecosistemas, e soportan amplo abano de especies. Téñense descuberto arredor de 350 especies de organismos, moitas endémicas, nesas comunidades: moluscos dominándoas, vermes, crustáceos ou poliquetos.[39]

A atmosfera pódese considerar un hábitat de por si: é un espazo polo que poden moverse especies aladas, como morcegos e aves, ou ser o medio de dispersión de pole, esporas ou sementes. Mesmo existen microorganismos metabolicamente activos, que se reproducen e aproveitan case toda a súa vida sendo aerotransportados. Estímase que hai centos de miles de células presentes nun só metro cúbico de aire. A comunidade microbiana aerotransportada chega a ser tan diversa como a que se atopa no solo ou noutros ambientes terrestres. Incluso a súa distribución non é uniforme no aire: a súa densidade varía en función da altitude e doutras condicións ambientais. Ata hai probas de fixación do nitróxeno nas nubes, e dúbidas do seu papel no ciclo de carbono, mediado pola actividade microbiana.[40]

Hai outros tantos exemplos de hábitats extremos onde existen formas de vida especialmente adaptadas. Van desde pozos de petróleo que conteñen organismos microbianos;[41] fontes termais a temperaturas de 71 °C nas que habitan cianobacterias formando tapetes[42], fosas oceánicas de augas frías, con afloramentos de sulfuro de hidróxeno e metanos, e nos que viven desde bacterias a mexillóns asociados en simbiose cos organismos anaeróbicos;[43] salinas con especies tolerantes ao sal como Wallemia ichthyophaga, un fungo basidiomiceto;[44] capas de xeo da Antártida nas que habitan fungos de Thelebolus spp.[44]; ou mesmo campos de neve nos que medran microalgas.[45]

Cambios nos hábitats

[editar | editar a fonte]

Ben por procesos naturais, ben por actividades da humanidade as paisaxes e os hábitats que teñen asociados cambian co paso do tempo. Os procesos xeolóxicos supoñen tanto mudanzas miúdas na xeomorfoloxía do territorio, que xorden de procesos como o levantamento tectónico como o afundimento, como mudanzas bruscas por terremotos, esvaramentos de terra, tormentas, inundacións, incendios forestais, erosións do litoral costeiro, deforestación ou cambios no uso da terra.[46] Tamén se dan cambios nos hábitats que os causan o uso agrícola do territorio, o turismo, a contaminación, a fragmentación ou os procesos ligados aos cambios climáticos.[47]

A perda do hábitat é a maior ameaza para calquera especie. Se a illa na que vive a poboación dunha especie endémica deixa de ser habitable por algún motivo, esa poboación da especie extinguirase (agás que haxa cambios posteriores). De feito, calquera tipo de hábitat que estea rodeado por outro hábitat diferente pódese definir como unha illa, é un hábitat illado. Por cuestión de probabilidade, as pequenas poboacións polo xeral teñen unha diversidade xenética menor e teñen un maior risco de verse ameazadas pola depredación, a maior competencia interespecífica, por enfermidades ou catástrofes. A fragmentación de hábitats vese mellorada, en certa medida, grazas a presenza de corredores para a fauna que conecten as illas, ou pezas do territorio.[47] Eses corredores poden ser ríos, gabias, liñas de árbores ou mesmo pasos subterráneo nas estradas.[47] Sen os corredores as sementes da flora non pode dispersarse de igual xeito e os animais, en particular os pequenos, non poden viaxar por ese territorio, hostil para eles; co que son poboacións máis expostas ao risco de extinción local.[48]

A perturbación dos hábitats poden chegar a ter efectos a longo prazo nos ecosistemas. A herba americana Bromus tectorum introduciuse en Europa e converteuse en invasora. Produce unha alta cantidade de detritos inflamables e está adaptada aos lumes. Por iso, esta planta supera en taxas de supeviviencia a outras especies locais despois dos incendios, e convértese en dominantes sobre destas.[49] Un exemplo mariño son as poboacións dos ourizos de mar. Teñen taxas de crecemento elevadas en determinados momentos e son quen de desprazar as macroalgas dos fondos do litoral que ocupan. Cando dominan unha área do litoral son quen de permanecer ata anos dominando e iso ten un efecto na cadea trófica local. Incluso, cando as altas densidades do ourizo de mar fan que aparezan maiores taxas de mortaldade por enfermidades, as algas que os van a substituír son aquelas con altas taxas de crecemento.[50]

Hábitat monotípico

[editar | editar a fonte]

Un hábitat monotípico é aquel o que unha soa especie de animal ou planta é tan dominante que exclúe practicamente a todas as demais especies. Un exemplo son as plantacións de cana de azucre, que se plantan, queiman e colleitan e para as que se empregan herbicidas que matan as herbas e controlan os invertebrados.[51]

Algunhas especies invasoras son quen de crear espazos monotípicos nos que substitúen e/ou impiden que outras especies, especialmente as locais, medren. Unha colonia dominante pode ocorrer grazas á liberación de produtos químicos retardantes que exudan, pola monopolización do consumo ou aproveitamento de nutrientes ou espazo, a carencia de especies que as consuman. Outro hábitat monotípico son aqueles producidos en lugares para a conservación ou exposición de especies nun xardín botánico, un zoolóxico ou similar. Malia a que o nome suxire a presenza dunha única especie, esa especie pode crear hábitats ou condicións que determinen que outras especies coexisten no hábitat que ocupa. Como exemplo, nos hábitats acuáticos nos que aparecen leitos da planta acuática Hydrilla aparece unha fauna rica en macroinvertebrados, similar a doutro hábitat politípico ou variado. Porén, esa especie afecta a macrofauna que as habita e varios hábitats de Hydrilla poden acoller a diferentes conxuntos de especies.[52]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
  1. Secretaría da Convención sobre da Diversidade Biolóxica, Nacións Unidas, eds. (1992). "Convention on Biological Diversity" (PDF). Montreal, Canada. 
  2. Hall, Linnea S. et al. (1997). Wiley, Wildlife Society, eds. "The Habitat Concept and a Plea for Standard Terminology". Wildlife Society Bulletin (1973-2006) 25 (1): 173–182. ISSN 0091-7648. doi:10.2307/3783301. 
  3. Michael Bamford; Michael Calver (2014). "A precise definition of habitat is needed for effective conservation and communication". Australian Zoologist 37 (2): 245–247. doi:10.7882/AZ.2014.015. 
  4. Gao, Yu; Ma, Lei; Liu, Jiaxun; Zhuang, Zhuzhou; Huang, Qiuhao; Li, Manchun (2017). "Constructing Ecological Networks Based on Habitat Quality Assessment: A Case Study of Changzhou, China". Scientific Reports 7 (46073). doi:10.1038/srep46073. 
  5. Montoya, Daniel (2008). "Habitat loss, dispersal, and the probability of extinction of tree species". Communicative & Integrative Biology 1 (2): 146–147. PMC 2686003. 
  6. Silvia Jaquenod De Zsogon (2007). Dykinson, S.L., eds. Vocabulario ambiental práctico : jurídico, técnico, etimológico : con ejercicios y ejemplos prácticos. p. 384. ISBN 8498491096. 
  7. Gaillard, J.-M., Hebblewhite, M., Loison, A., Fuller, M., Powell, R., Basille, M., & Van Moorter, B. (2010). "Habitat–performance relationships: finding the right metric at a given spatial scale". Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences 365 (1550): 2255–2265. doi:10.1098/rstb.2010.0085. 
  8. Dennis, R.L.H., Shreeve, T.G. & Van Dyck, H. (2006). "Habitats and Resources: The Need for a Resource-based Definition to Conserve Butterflies". Biodiversity Conservation 15 (1943). doi:10.1007/s10531-005-4314-3. 
  9. "Council Directive 92/43/EEC of 21 May 1992 on the conservation of natural habitats and of wild fauna and flora". 22/07/1992. pp. 0007 – 0050. 
  10. J.M. Dent, eds. (1967). Everyman's Encyclopedia 4. p. 581. ASIN B0015GRC04. 
  11. Spitzer, L.; Benes, J.; Dandova, J.; Jaskova, V.; Konvicka, M. (2009). "The Large Blue butterfly ("Phengaris [Maculinea] arion"), as a conservation umbrella on a landscape scale: The case of the Czech Carpathians". Ecological Indicators 9: 1056–1063. doi:10.1016/j.ecolind.2008.12.006. 
  12. Sutherland, William J.; Hill, David A. (1995). Cambridge University Press, eds. Managing Habitats for Conservation. p. 6. ISBN 978-0-521-44776-8. 
  13. Richard J. Huggett (2004). Fundamentals of Biogeography. Psychology Press. p. 146. ISBN 978-0-415-32347-5. 
  14. Breed, Michael D.; Moore, Janice (2011). Academic Press, eds. Animal Behavior. p. 248. ISBN 978-0-08-091992-8. 
  15. Cook, C.D.K.; Gut, B.J.; Rix, E.M.; Schneller, J. (1974). Springer Science & Business Media, eds. Water Plants of the World: A Manual for the Identification of the Genera of Freshwater Macrophytes. p. 7. ISBN 978-90-6193-024-2. 
  16. "Habitats". BBC Nature. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2018. 
  17. Roff, John (2013). Routledge, eds. Marine Conservation Ecology. p. 105. ISBN 978-1-136-53838-4. 
  18. Arizona–Sonora Desert Museum (eds.). "Couch’s spadefoot (Scaphiopus couchi)". 
  19. Witham, Carol W. (1998). California Native Plant Society, eds. Ecology, Conservation, and Management of Vernal Pool Ecosystems. p. 1. ISBN 978-0-943460-37-6. 
  20. Green, Scott. The Vernal Pool Association, eds. "Fairy shrimp". Arquivado dende o orixinal o 23/04/2016. Consultado o 28/03/2018. 
  21. Walker, Matt (21/05/2015). "The most extreme fish on Earth". BBC Earth. 
  22. Read, Nicholas (2012). Orca Book Publishers, eds. City Critters: Wildlife in the Urban Jungle. p. 2. ISBN 978-1-55469-394-8. 
  23. John G. Kelcey, John G. (2015). Springer, eds. Vertebrates and Invertebrates of European Cities:Selected Non-Avian Fauna. p. 124. ISBN 978-1-4939-1698-6. 
  24. Abe, Y.; Bignell, David Edward; Higashi, T. (2014). Springer, eds. Termites: Evolution, Sociality, Symbioses, Ecology. p. 437. ISBN 978-94-017-3223-9. 
  25. Government of the Commonwealth of Australia (eds.). "Microhabitats". Australian National Botanic Gardens, Centre for Australian National Biodiversity Research. 
  26. 26,0 26,1 Offwell Woodland & Wildlife Trust (eds.). "Woodlands & Biodiversity". 
  27. Lewis, E.E.; Campbell, J.F.; Sukhdeo, M.V.K. (2002). CABI, eds. The Behavioural Ecology of Parasites. p. 183. ISBN 978-0-85199-754-4. 
  28. Pung, Oscar J.; Burger, Ashley R.; Walker, Michael F.; Barfield, Whitney L.; Lancaster, Micah H.; Jarrous, Christina E. (2009). "In vitro cultivation of Microphallus turgidus (Trematoda: Microphallidae) from metacercaria to ovigerous adult with continuation of the life cycle in the laboratory". Journal of Parasitology (4 ed.) 95: 913–919. JSTOR 27735680. doi:10.1645/ge-1970.1. 
  29. Gorman, James (6/02/2013). "Bacteria Found Deep Under Antarctic Ice, Scientists Say". New York Times. 
  30. Choi, Charles Q. (17/03/2013). LiveScience, eds. "Microbes Thrive in Deepest Spot on Earth". 
  31. Oskin, Becky (14/03/2013). LiveScience, eds. "Intraterrestrials: Life Thrives in Ocean Floor". 
  32. Schultz, Steven (13/12/1999). Princeton Weekly Bulletin, eds. "Two miles underground". Arquivado dende o orixinal o 13/01/2016. 
  33. Chang, Kenneth (12/09/2016). "Visions of Life on Mars in Earth’s Depths". New York Times. 
  34. Cole, Bob (March 2008). "Appendix 6". En Sub-Aqua Association. The SAA BUhlmann DeeP-Stop System Handbook. pp. vi–1. ISBN 978-0-9532904-8-2. 
  35. 35,0 35,1 35,2 MarineBio Conservation Society, eds. (29/12/2011). "The Deep Sea". 
  36. BBC Earth, eds. (2016). "What does it take to live at the bottom of the ocean?". 
  37. 37,0 37,1 National Ocean Service, eds. (11/02/2013). "A hydrothermal vent forms when seawater meets hot magma". Ocean facts. 
  38. Smithsonian National Museum of Natural History (eds.). "Hydrothermal Vent Creatures". Ocean Portal. 
  39. Desbruyères, Daniel; Segonzac, Michel (1997). Editions Quae, eds. Handbook of Deep-sea Hydrothermal Vent Fauna. p. 9. ISBN 978-2-905434-78-4. 
  40. Womack, Ann M.; Bohannan, Brendan J.M.; Green, Jessica L. (2010). "Biodiversity and biogeography of the atmosphere". Philosophical Transactions of the Royal Society B (1558 ed.) 365: 3645–3653. doi:10.1098/rstb.2010.0283. 
  41. The Gale Group, eds. (2004). Petroleum fly. Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Volume 3: Insects (2º ed.). p. 367. ISBN 0-7876-5779-4. 
  42. McGregor, G.B.; Rasmussen, J.P. (2008). "Cyanobacterial composition of microbial mats from an Australian thermal spring: a polyphasic evaluation". FEMS Microbial Ecology (1 ed.) 63: 23–35. PMID 18081588. doi:10.1111/j.1574-6941.2007.00405.x. 
  43. Hsing, Pen-Yuan (18/10/2010). NOAA, eds. "Gas-powered Circle of Life: Succession in a Deep-sea Ecosystem". Lophelia II 2010. 
  44. 44,0 44,1 Gostincar, C.; Grube, M.; De Hoog, S.; Zalar, P.; Gunde-Cimerman, N. (2010). "Extremotolerance in fungi: Evolution on the edge". FEMS Microbiology Ecology (1 ed.) 71: 2–11. PMID 19878320. doi:10.1111/j.1574-6941.2009.00794.x. 
  45. Takeuchi, Nozomu (2014). "Snow algae on Alaskan glaciers". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2018. Consultado o 31 de marzo de 2018. 
  46. Lindenmayer, David B.; Fischer, Joern (2013). Island Press, eds. Habitat Fragmentation and Landscape Change: An Ecological and Conservation Synthesis. pp. 1–10. ISBN 978-1-59726-606-2. 
  47. 47,0 47,1 47,2 Miller, G. Tyler; Spoolman, Scott (2008). Cengage Learning, eds. Living in the Environment: Principles, Connections, and Solutions. pp. 193–195. ISBN 978-0-495-55671-8. 
  48. Holland, Matthew D.; Hastings, Alan (2008). "Strong effect of dispersal network structure on ecological dynamics". Nature 456: 792–794. doi:10.1038/nature07395. 
  49. Brooks, M.L.; D'Antonio, C.M.; Richardson, D.M.; Grace, J.B.; Keeley, J.E.; DiTomaso, J.M.; Hobbs, R.J.; Pellant, M.; Pyke, D. (2004). "Effects of invasive alien plants on fire". BioScience (7 ed.) 54: 677–688. doi:10.1641/0006-3568(2004)054[0677:EOIAPO]2.0.CO;2. 
  50. Lawrence, John M. (2013). Academic Press, eds. Sea Urchins: Biology and Ecology. pp. 196–202. ISBN 978-0-12-397213-2. 
  51. United States. Army. Corps of Engineers (1994). Rio Guanajibo river basin flood protection project, Mayaguez, Hormigueros, San German: environmental impact statement. p. 94. 
  52. Theel, Heather J.; Dibble, Eric D.; Madsen, John D. (2008). "Differential influence of a monotypic and diverse native aquatic plant bed on a macroinvertebrate assemblage; an experimental implication of exotic plant induced habitat". Hydrobiologia 600: 77–87. doi:10.1007/s10750-007-9177-z.