Hipias de Atenas
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VI a. C. Atenas, Grecia |
Morte | 490 a. C. Maratona, Grecia (pt) |
Arconte epónimo | |
525 a. C. – 524 a. C. | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Período de tempo | Antigüidade clásica |
Familia | |
Familia | Pisistrátidas |
Fillos | Archedice |
Pais | Pisístrato e Hippias' and Hipparchus' mother |
Irmáns | Hiparco de Atenas Hegesistratus of Sigeum |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron The Nuttall Encyclopædia >>>:Hippias Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Hipias (en grego antigo: Ἱππίας), finado en 490 a.C., foi tirano de Atenas do 527 ao 510 a.C..
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hipias era fillo do tirano Pisístrato, ao que sucedeu xunto co seu irmán Hiparco. Foi Hipias quen asumiu a dirección efectiva dos asuntos públicos, aínda que non é fácil delimitar que parte dos logros da tiranía en Atenas foi obra do pai e cal dos fillos, polo menos até a morte de Hiparco. Unha das actuacións principais de Hipias foi a introdución dun novo sistema monetario en Atenas en -525. Polo demais, os seus primeiros anos no poder estiveron marcados polas sucesivas concesións á aristocracia e por unha relativa estabilidade política.
O período de tranquilidade terminou co asasinato de Hiparco, o seu irmán. Este abusara da súa posición sometendo a un asedio amoroso a Harmodio, amante de Aristoxitón. Foron a humillación e os celos os que levaron a ambos a asasinar o tirano (-514), aínda que a opinión popular ateniense os elevou ao rango de heroes contra a opresión, especialmente despois de que Hipias os fixese executar.
A partir dese momento Hipias estableceu un réxime de terror, desconfiando de todos e de todo e multiplicando as vexacións contra as clases altas, mentres o panorama internacional se ía volvendo cada vez máis sombrío: desaparición dos tiranos aliados, Polícrates de Samos e Ligdamis de Naxos; ofensiva persa que esnaquiza o primeiro imperio marítimo ateniense, creado por Pisístrato; e, en fin, ruptura de relacións entre Tebas e Atenas tras a alianza selada por esta última coa cidade de Platea.
Esparta, preocupada pola progresiva expansión de Atenas, dubida en intervir directamente. Non se decidirá até o -511, a instancias do oráculo de Delfos, comprado pola familia exiliada dos Alcmeónidas ―inimigos acérrimos de Hipias― mediante a construción dun novo templo na cidade sacra. Un primeiro exército espartano ás ordes de Anquimolio foi derrotado.[1] Pero un novo intento dirixido polo propio rei de Esparta, Cleómenes I, conseguiu cercar a Hipias e os seus seguidores na Acrópole ateniense. Para salvar as vidas dos seus fillos, que caeran en poder dos sitiadores, consentiu en partir ao desterro no Helesponto (-510).[2][3]
O exilio de Hipias supuxo o inicio da democracia en Atenas, que chegou co alcmeónida Clístenes de Atenas. Máis tarde os espartanos consideraron que unha Atenas libre e democrática podería representar un perigo para a hexemonía de Esparta e tentaron repor a Hipias como tirano, pero este refuxiouse xa na corte persa de Darío I. Persia ameazou con atacar a Atenas se esta non readmitía a Hipias, posibilidade que os atenienses rexeitaron de plano aínda a risco de entrar en conflito coa gran potencia asiática. Pouco despois produciríase a Revolta xónica contra os persas de -499, apoiada calorosamente por Atenas. Esmagado o levantamento o -494, os persas buscaron o desquite. Hipias animou a Darío a iniciar a primeira das Guerras Médicas e participou na expedición. Este, entre outras cousas, aconsellou o desembarco na chaira de Maratón.[4] Resultou morto en Lemnos, durante a devandita guerra, pouco despois da batalla de Maratón (-490).
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Herodoto Historia (qui)
- Dennis L. Fink, The Battle of Marathon in Scholarship, McFarland, 2014, ISBN 978-0-7864-7973-3.
- Elena Pastorio, Storia Greca, lineamenti essenziali, Monduzzi editore, Parma, 2006, ISBN 978-88-323-6028-8