Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Historia animalium (Gessner)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tigre e leopardo, Libro 1: Cuadrúpedes vivíparos

A obra en cinco volmes Historia animalium ("Historia dos animais"), publicada en Zürich en 1551–58 e 1587, é un "inventario da zooloxía do Renacemento" enciclopédico escrito en latín por Conrad Gessner (1516–1565). Gessner foi médico e profesor no Carolinum de Zürich, a institución precursora da Universidade de Zürich. A Historia animalium é o primeiro traballo zoolóxico moderno que intentou describir todos os animais coñecidos, e a primeira bibliografía de escritos de historia natural. Os cinco volumes (o último póstumo) da historia natural dos animais abranguen máis de 4500 páxinas.[1]

Introdución

[editar | editar a fonte]
Unicornio
Cans de caza, Libro 1

A Historia animalium foi a obra mestra de Gessner, e foi a máis lida de todas as historias naturais do Renacemento. A obra xenerosamente ilustrada foi tan popular que se publicou en Zürich en 1563 unha abreviación en alemán do propio Gessner titulada Thierbuch ("Libro dos animais"), e en Inglaterra Edward Topsell traduciuno e condensouno co título Historie of foure-footed beastes ("Historia das bestas de catro patas", Londres: William Jaggard, 1607).[1] A obra monumental de Gessner pretende construír unha conexión entre o coñecemento antigo do mundo animal (o seu título é o mesmo que o da famosa obra de Aristóteles sobre os animais: ver Historia dos animais), e do que se coñecía sobre animais daquela. Despois engadiu as súas propias observacións e as dos seus informadores, nun intento de formular unha descrición completa da historia natural dos animais.[2]

A Historia animalium de Gessner está baseada en fontes clásicas. Está compilada a partir de textos antigos e medievais, incluíndo o coñecemento herdado dos antigos naturalistas como Aristóteles, Plinio o Vello,[1] e Aeliano.[2] Gessner foi coñecido como "o Plinio suízo."[3] Para obter información baseouse en gran medida no libro Physiologus.[3]

Nos seus grandes traballos Gessner trataba de distinguir os feitos dos mitos e ideas equivocadas populares,[4] e así o seu traballo enciclopédico incluía tanto criaturas extintas coma animais recentemente descubertos das Indias Orientais, do norte distante e de animais traídos do Novo Mundo. A obra incluía extensa información sobre mamíferos, aves, peixes e réptiles. Describiu en detalle os seus hábitos diarios e movementos. Tamén incluíu os seus usos en medicina e nutrición.[1]

Historia animalium mostraba o lugar dos animais na historia, literatura e arte. As seccións de cada capítulo detallaban o animal e os seus atributos, na tradición dos libros de emblemas. A obra de Gessner incluía algúns feitos en diferentes linguas, como os nomes dos animais.[5]

  • Volume 1: Animais de catro patas que paren as crías (cuadrúpedes vivíparos) (1551). O título deste primeiro volume é Historiae animalium Liber Primus. De Quadrupedibus viulparis[6], é dicir, "Libro primeiro de Historia dos animais. Cuadrúpedes vivíparos.", onde aparece a forma en xenitivo Historiae (de Historia). O título xeral do conxunto da obra é, non obstante, Historia animalium (nominativo), que, por tanto, foi o usado como título deste artigo.
  • Volume 2: Cuadrúpedes que poñen ovos (ovíparos) (réptiles e anfibios) (1554).
  • Volume 3: Aves (1555).
  • Volume 4: Peixes e animais acuáticos (1558).
  • Volume 5: Serpes e escorpións (incompleto, publicado postumamente en 1587).[7]

Ilustracións

[editar | editar a fonte]
Copia de Gessner do Rinoceronte de Dürer

As ilustracións de gravados en madeira coloreadas foron o primeiro intento real de representar animais no seu ambiente natural. É o primeiro libro que ilustra fósiles.[5][8]

Gessner agradece a obra dun dos seus principais ilustradores, Lucas Schan,[9] un artista de Estrasburgo. Probablemente usou outros ilustradores e tamén debuxou el mesmo;[3] porén, o libro é famoso por copiar ilustracións doutras fontes, incluíndo o rinoceronte de Dürer a partir dun gravado en madeira ben coñecido.[2] A historia natural de Gessner foi pouco común para os lectores do século XVII en canto ás ilustracións que se proporcionaban.[3]

No tempo en que saíu do prelo a Historia animalium había en Europa unha tensión relixiosa extrema. Baixo o papado de Paulo IV considerábase que as convicións relixiosas dun autor contaminaban todos os seus escritos,[10] e como Gessner era protestante, o libro foi engadido pola Igrexa católica ao Índice de libros prohibidos.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Featured book archive: Historia animalium libri I-IV. Cum iconibus. Lib. I. De quadrupedibus uiuiparis. Zurich: C. Froschauer, 1551. N*.1.19(A)". Cambridge University Library. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2015. Consultado o 29 November 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Huxley, 2007. Páxinas 71–75
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Conran Gessner biography". Consultado o 2018-05-18. 
  4. Pettitt 2014.
  5. 5,0 5,1 Anzovin, p. 366 item 5210 As primeiras ilustracións de fósiles estaban contidas na Historia animalium, publicada en 1551 polo médico suízo e naturalista Conrad von Gessner.
  6. Historiae Animalium Liber Primum facsímile en liña
  7. Pettit 2014.
  8. Tallack, Peter, The Science Book, Sterling Publishing Company, 2006, ISBN 1-84188-254-2, p. 46 O adestramento clásico de Gessner ensinouno a darlle un posto de honor a nomear e clasificar os fósiles que describiu. Moi importantemente, preocupouse de facer unha identificación precisa. O seu libro foi o primeiro en presentar ilustracións de fósiles para que os estudantes puidesen recoñecer máis doadamente obxectos que non podían ser descritos claramente con palabras.
  9. Kusukawa, S. (July 2010). "The sources of Gessner’s pictures for the Historia animalium" (PDF). Annals of Science 67 (3): 303–328. doi:10.1080/00033790.2010.488899. 
  10. Schmitt, p. 46,

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]