Kopi Luwak
O Kopi Luwak ou café de civeta é o café obtido de grans que, tras seren inxeridos polo devandito animal, pasan polo seu tracto intestinal e son expulsados entre os seus excrementos. Estes vivérridos énchense de froitos maduros de café e expulsan o gran parcialmente dixerido.
Características
[editar | editar a fonte]As civetas moran nas illas de Sumatra, Xava e Célebes, no arquipélago de Indonesia, en Filipinas (alí o produto coñécese por Kape Alamid), Vietnam e algúns estados produtores de café do sur da India. O café de Vietnam é lixeiramente diferente xa que en realidade alí o animal que realiza o proceso é unha donicela, e os grans de café son da variedade robusta.
O café de civeta é a variedade máis cara actualmente, sendo o seu prezo orientativo duns 900 €/kg. Véndese principalmente no Xapón e nos Estados Unidos, mais o seu consumo estase a estender e xa é posible atopalo en moitos outros lugares aínda que en cantidades limitadas.
Kopi é a palabra indonesia para café, e luwak é o nome local que recibe a civeta. Os froitos vermellos de café son parte natural da súa dieta, así como de insectos, pequenos mamíferos e outras froitas. O gran interno do café non é dixerido, pero parece ser que si é modificado quimicamente polas encimas presentes no estómago da civeta, que engaden sabor ao café rompendo as proteínas que producen o seu amargor.
Os grans son excretados aínda cubertos polas capas internas do froito, recolleitos polos habitantes do lugar e logo vendidos aos distribuidores. Os grans lávanse e tórranse só lixeiramente, para non estragar os complexos sabores desenvolvidos durante o proceso.
Dende 1996 existe un proceso industrial polo que se obtén un café semellante ao Kopi Luwak a un custo moito menor.