Micrococcus
Micrococcus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrococcus mucilaginosis | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
M. antarcticus |
Micrococcus é un xénero de bacterias grampositivas do filo Actinobacteria. Viven en ambientes diversos, incluíndo a auga e o solo. Son esféricas (cocos) cun diámetro comprendido entre 0,5 e 3 micrómetros, e tipicamente aparecen agrupadas formando tétrades. Micrococcus ten unha grosa parede celular que pode abranguer o 50% da célula. Son catalase positivas, oxidase positivas, indol negativas e citrato negativas. O seu xenoma é rico en guanina e citosina, cun contido GC entre o 65 e o 75%. Con frecuencia conteñen plásmidos (cun peso de entre 1 e 100 MDa), que lle dan ao organismo características útiles.
Especies
[editar | editar a fonte]Algunhas especies de Micrococcus, tales como M. luteus (de cor amarela) e M. roseus (avermellados) producen colonias de cor amarela ou rosa cando crecen sobre un medio sólido. En mostras de M. luteus detectouse que sobreproducen riboflavina cando crecen en medios con contaminantes orgánicos tóxicos como a piridina.[1] Estudos de hibridación indican que as distintas especies do xénero Micrococcus non están moi emparentadas, e presentan unha homoloxía de secuencias xenéticas pequena de só o 50%. Isto suxire que algunhas especies de Micrococcus poderían ser reclasificadas noutros xéneros, baseándose en análises de ARN ribosómico, como no xénero Kocuria.
Hábitats
[editar | editar a fonte]Estas bacterias illáronse da pel humana, produtos lácteos e outros de orixe animal, ou cervexa. Tamén se encontran en moitos outros ambientes, como o po, a auga e o solo. M. luteus vive sobre a pel humana (ver flora da pel), onde pode transformar a suor en compostos de cheiro desagradable. As especies deste xénero poden crecer ben en ambientes con pouca auga ou con altas concentracións de sales. A maioría son organismos mesófilos; algúns como Micrococcus antarcticus (encontrado na Antártida) son psicrófilos.
Aínda que non forman esporas, as células de Micrococcus poden sobrevivir durante longos períodos: cultivos non protexidos en mostras de chan reviviron despois de estar almacenados nun refrixerador durante 10 anos. Un traballo recente de Greenblat et al. informa de que se puido illar de ámbar fósil unha bacteria que polas análises bioquímicas e xenéticas parece ser da especie Micrococcus luteus.[2]
Patoxénese
[editar | editar a fonte]Pénsase que Micrococcus é xeralmente un organismo comensal ou saprofítico, aínda que máis raramente pode ser tamén un patóxeno oportunista, especialmente en pacientes con inmunodeficiencia, como os infectados polo VIH.[3] Identificar a Micrococcus como o causante dunha infección pode ser difícil, porque o organismo está presente normalmente na microflora cutánea. O xénero raramente se asocia con enfermidades. En raras ocasións infeccións pulmonares por Micrococcus ocasionaron a morte de pacientes inmunodeprimidos. Tamén pode estar implicado noutras infeccións, como a bacteremia recorrente, shock séptico, artrite séptica, endocardite, meninxite e pneumonía cavitante (en pacientes inmunodeprimidos).
Usos industriais
[editar | editar a fonte]Os Micrococcus, como as especies de moitos outros xéneros de Actinobacteria, poden ser catabolicamente versátiles, xa que teñen a capacidade de utilizar unha ampla gama de substratos infrecuentes, como a piridina, herbicidas, bifenilos policlorados e petróleo.[4][5] Poden tamén realizar a detoxificación ou biodegradación de moitos outros contaminantes ambientais.[6] Outros Micrococcus produce varios produtos útiles, tales como hidrocarburos alifáticos de cadea longa (C21-C34) usados en aceites lubricantes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sims GK, Sommers LE, Konopka A (1986). "Degradation of Pyridine by Micrococcus luteus Isolated from Soil". Appl Environ Microbiol 51 (5): 963–968. PMID 16347070.
- ↑ Greenblat, C.L., Baum, J., Klein, B.Y., Nachshon, S., Koltunov, V., Cano, R.J., (2004). "Micrococcus luteus – Survival in Amber". Microbial Ecology 48: 120–127. PMID 15164240.
- ↑ Smith K, Neafie R, Yeager J, Skelton H (1999). "Micrococcus folliculitis in HIV-1 disease". Br J Dermatol 141 (3): 558–61. PMID 10583069.
- ↑ Doddamani H, Ninnekar H (2001). "Biodegradation of carbaryl by a Micrococcus species". Curr Microbiol 43 (1): 69–73. PMID 11375667.
- ↑ Sims GK, O'loughlin EJ (1992). "Riboflavin Production during Growth of Micrococcus luteus on Pyridine". Appl Environ Microbiol 58 (10): 3423–3425. PMID 16348793.
- ↑ Zhuang W, Tay J, Maszenan A, Krumholz L, Tay S (2003). "Importance of Gram-positive naphthalene-degrading bacteria in oil-contaminated tropical marine sediments". Lett Appl Microbiol 36 (4): 251–7. PMID 12641721.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Microbewiki Arquivado 27 de outubro de 2013 en Wayback Machine.