National Gallery
National Gallery | |
---|---|
Coordenadas | 51°30′32″N 0°07′42″O / 51.508888888889, -0.12833333333333 |
País | Reino Unido |
Cidade | Cidade de Westminster |
Director | Gabriele Finaldi |
Inauguración | 1824 |
Visitantes | 5.253.216 (2011) |
Na rede | |
https://www.nationalgallery.org.uk/ e https://www.nationalgallery.org.uk | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A National Gallery ou Galería Nacional é o principal museo de arte de Londres, sito na parte norte de Trafalgar Square. Exhibe pintura europea de 1250 a 1900, prodecente da colección nacional de arte do Reino Unido [1]. A colección permanente, que consta de 2,300 pinturas, pertence ao Estado británico, polo que a entrada é publica, só sendo necesario pagar para asistir a determinadas exposicións especiais. Ten entre 4 e 5 millóns de visitantes ao ano.
Maila ser fundada sen unha colección real que a sustentase, a National Gallery converteuse nunha galería de arte de sona internacional dende a súa fundación en 1824. Foi conformada inicialmente polos seus primeiros directores, incluído o pintor Sir Charles Lock Eastlake, e aumentada con doazóns privadas, que hoxe en día compoñen dous terzos da súa colección permanente. Aínda que de tamaño reducido en comparación con outras pinacotecas coma o Louvre, a National Gallery destaca por amosar obras mestras de toda a Historia da Arte occidental, sendo posible admirar a través da súa colección a evolución dos estilos pictóricos dende o comezo do Renacemento ata o Postimpresionismo. A galería orixinal do século XIX baseábase fundamentalmente na arte italiana e no neerlandesa, pero pouco a pouco foi adquirindo obras de arte moderna.
A galería foi aloxada en tres edificios diferentes, cada un dos cales resultou co tempo pouco axeitado para os propósitos expositivos. O edificio actual foi comezado por Williams Wilkins e sufriu notables ampliacións, cuxas obras principais foron a cargo de Edward Middleton Barry e Robert Venturi. Dende 2002 e ata 2006, o director da institución foi Charles Saumarez Smith. Dende decembro de 2007, o prestixioso historiador de arte Nicholas Penny está á fronte da galería.
Colección
[editar | editar a fonte]Fronte á riqueza asimétrica de moitos museos de orixe real, a National Gallery é un museo bastante homoxéneo en calidade e variedade, cunha mostra moi extensa da historia da pintura. A súa política foi sumamente ríxida: adquirir só pinturas (non hai esculturas nin obxectos decorativos coma noutros museos) e sempre da máxima calidade. Asemade, hai que considerar as achegas do coleccionismo privado. Nos séculos XVIII e XIX a aristocracia británica foi seguramente a máis activa de Europa adquirindo obras mestras europeas, e gradualmente, moitas destas obras foron ingresando na National Gallery.
A colección do Renacemento italiano é moi famosa e está considerada coma o exemplo máis completo desta arte fóra de Italia. Así, algúns artistas italianos teñen maior presenza nesta galería que noutros museos de sona do seu país. Destacan as obras de Piero della Francesca, a colección de Rafael e as pinturas de Tiziano, na súa maior parte procedentes da súa etapa xuvenil.
A colección holandesa do século XVII é tamén considerable, con abundantes obras de Rembrandt. A colección de pintura española é reducida en número, pero abrangue obras fundamentais dende Bartolomé Bermejo ata Goya. Destaca a Venus do espello, de Diego Velázquez.
Entre as obras máis destacadas que se poden ver nesta pinacoteca atópanse:
- O matrimonio Arnolfini, de Jan van Eyck (1434)
- O bautismo de Cristo (cara a 1450) e Natividade (cara a 1460-75), de Piero della Francesca
- A Virxe das Rochas, de Leonardo da Vinci (1492-1508)
- Os Embaixadores, de Hans Holbein o Novo, (1533)
- Alegoría do triunfo de Venus, de Bronzino (1540-1550)
- O xastre, de Giovanni Battista Moroni (1570-1575)
- Cristo na casa de Marta e María (1618-1620) e Venus do espello (1648), de Diego Velázquez
- Santa Margarida de Francisco de Zurbarán (1631-1640)
- The Sacrifice of Polyxena de Giambattista Pittoni (1740)
- A vendedora de camaróns, de William Hogarth (1740-1750)
- A rúa do mercado, de Thomas Gainsborough (1786)
- Choiva, vapor e velocidade. O gran ferrocarril do Oeste, de J. M. W. Turner (1844).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A escultura e as artes decorativas atópanse no Victoria and Albert Museum. O Museo Británico exhibe arte antiga, arte non occidental, gravados e debuxos, e a arte contemporánea está na Tate Modern. Parte da arte británica atópase na National Gallery, pero a meirande colección nacional de arte británica atópase na Tate Britain.