O hobbit
O hobbit | |
---|---|
O Outeiro de Hobbiton, onde está a casa de Bilbo Bulseiro | |
Título orixinal | The Hobbit |
Autor/a | J. R. R. Tolkien |
Ilustrador/a | J. R. R. Tolkien |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | Inglés |
Tema(s) | O legendarium de Tolkien |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | George Allen & Unwin |
Data de pub. | 1937 |
Seguido por | O Señor dos Aneis |
Primeira edición galega | |
Tradución | Moisés Barcia Rodríguez |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | 2000 |
ISBN | 84-8302-495-0 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O hobbit é un conto longo de J. R. R. Tolkien, publicado o 21 de setembro de 1937 co título de The Hobbit. Foi traducido ao galego por Moisés Barcia Rodríguez e publicado por Edicións Xerais en 2000 e por Sushi Books en 2021 (ISBN 978-84-16884-11-7).
Esta obra de corte infantil foi iniciada entre 1930 e 1931, e é a primeira vez que aparece o universo mitolóxico da Terra Media que máis tarde definirán O Señor dos Aneis e O Silmarillion, perfilándose algúns dos personaxes que logo participarán de forma moi activa n'O Señor dos Aneis, como Gandalf ou Bilbo.
Trama
[editar | editar a fonte]A historia sitúase cronoloxicamente no ano 2941 da TI, poucas decenas de anos antes das aventuras d’O Señor dos Aneis. Narra a viaxe dun hobbit chamado Bilbo Bulseiro (tío de Frodo, un dos protagonistas principais d’O Señor dos Aneis), ó que non lle gustan as aventuras, á Montaña Solitaria en busca do tesouro roubado polo dragón Smaug anos atrás. Algúns dos feitos narrados n’O hobbit influirán nos acontecementos posteriores d’O Señor dos Aneis, como o achado do Anel, que estaba en mans da criatura Gollum, e o seu traslado á Comarca.
Todo comeza un inesperado día no que Bilbo recibe a visita de Gandalf o Gris xunto con 13 ananos: Dwalin, Balin, Kili, Fili, Dori, Nori, Ori, Oin, Gloin, Bifur, Bofur e Bombur, liderados por Thorin Escudo de Carballo, descendente dos propietarios do tesouro roubado. Os ananos andan na procura dun saqueador experto para levar a cabo o seu plan de chegar a Erebor, derrotar o dragón Smaug e recuperar o reino e o tesouro.
De camiño ás Montañas Bretemosas, a compañía entrou no bosque dos troles, onde foron capturados por un grupiño de tres destes seres. Mentres discutían se ían comer os ananos asados ou cocidos, Gandalf distraeunos, até que co amencer se converteron en estatuas de pedra. Na cova dos troles atoparon unhas espadas do reino élfico de Gondolin. Thorin colleu Orcrist e Gandalf Glamdring, a espada que pertencera ao rei Turgon. Bilbo quedou cunha daga, á que chamou Aguillón. Logo de seguir o camiño, chegaron a Valfendido, a terra gobernada por Elrond, que os axudou a descifrar o mapa do tesouro de Smaug e as inscricións rúnicas das espadas.
Nas Montañas Bretemosas toparon cunha tormenta que os obrigou a resgardarse nunha caverna chea de trasgos. Ao se dispersaren, Bilbo atopou un anel, e despois chegou á beira dun lago subterráneo, onde estaba a criatura Gollum. Este desafiouno a un xogo de adiviñas, prometendo que se gañaba Bilbo, axudaríao a saír. Tras perder, logo dunha pregunta de Bilbo que Gollum tomou como adiviña, Gollum negouse a cumprir a promesa e foi na procura do seu anel para matar a Bilbo, e este botou a correr tras saber que o anel facía invisible a quen o levase. Logo de lograr escapar, logrou reunirse no exterior da montaña coa compañía. Esta foi perseguida de novo por un grupo de trasgos e wargos, pero foron rescatados por un grupo de aguias.
Logo de descenderen a montaña, os ananos, o hobbit e o mago chegaron á casa de Beorn, un home-oso, quen lles prestou armas e ponis para chegaren ao Bosque Negro. Alí Gandalf debeu ausentarse por un tempo, e a compañía foi apresada polas arañas e polos elfos do bosque, gobernados polo rei Thranduil, se ben Bilbo logrou rescatalos as dúas veces.
A compañía chegou a Esgaroth, a Cidade do Lago, desde onde se dirixiron a Erebor. Alí, Bilbo logrou entrar na gorida de Smaug grazas ao anel e roubarlle un cáliz. O dragón, pensando que lle roubaran os homes do Lago, dirixiuse á cidade disposto a destruíla, pero Bardo, príncipe da cidade de Val, logrou matalo ao cravarlle a Frecha Negra nun lugar no que estaba desprotexido.
Ao se decataren de que o tesouro de Smaug quedara desprotexido, os elfos e os homes dirixíronse a Erebor. Alí os ananos construíran defensas na porta principal, informados polo corvo Roäc das súas intencións. Os elfos e os homes consideraban que tiñan dereito a parte do tesouro por matar a Smaug e sufrir anteriormente a súa ira, pero Thorin, defendía que o tesouro era seu por dereito, negándose a chegar a calquera tipo de negociación. Mentres os homes e os elfos asediaban a montaña, os ananos buscaron a Pedra da Arca, o obxecto máis prezado por Thorin, pero xa fora collida por Bilbo, que a mantiña escondida por medo a represalias. O hobbit baixou ao campamento dos homes e elfos, onde tamén estaba Gandalf, e deulle a Pedra da Arca a Bardo para que non atacase Erebor.
Ao mostrarlle a Thorin a pedra, este enfadouse. Tiña pensado atacar, agardando por un grupo de ananos chegados desde os Outeiros de Ferro. Porén, ao pouco chegou un exército de trasnos e wargos, provocando a unión de ananos, elfos e homes na Batalla dos Cinco Exércitos. Cando o combate parecía perdido, chegaron as aguias e Beorn, quen matou o xefe dos trasnos, Bolgo, facendo que o seu exército se dispersase e fose destruído. Na batalla morreron Thorin e os seus sobriños Fili e Kili, quedando Balin como rei baixo a Montaña. Os distintos pobos repartiron o tesouro, e Bilbo regresou ao Outeiro cunha pequena parte do tesouro e co anel.
Análise
[editar | editar a fonte]Se ben a análise da obra leva invariablemente á confrontación coa súa "irmá maior", O Señor dos Aneis, non é posible facer unha comparación entre elas, xa que o ton e estilo son completamente distintos, pois estaba destinado por completo a un público infantil. De feito, a obra foi escrita nun principio para os seus fillos, e foi o fillo do editor George Unwin, de dez anos, quen por unha paga (un xilin), escribiu un resumo da obra e aconsellou a súa edición; ese "informe" aínda pode ser consultado.
Debido a que Tolkien non sempre tivo claro o realizar unha continuación desta obra, unha vez creado O Señor dos Aneis, tivo que realizar algúns cambios coa intención de que ambas obras tiveran a coherencia adecuada.
Personaxes principais
[editar | editar a fonte]Nome | Raza | Resumo |
---|---|---|
Bilbo Bulseiro | Hobbit | Nado no ano 2980 da Terceira Idade do Sol, Bilbo é fillo de Bungo Bulseiro e Beladonna Tuc. É o protagonista da novela. |
Gandalf | Maia | Chamado Olórin en Aman, foi enviado á Terra Media na Terceira Idade do Sol xunto a outros catro maiar que formaron a Orde dos Istari, cuxo obxectivo era combater a Sauron e protexer del os habitantes da Terra Media. O elfo Círdan, que foi testemuña da súa chegada, entregoulle un dos tres aneis élficos, Narya. Fixo numerosas viaxes e tratou de coñecer todos os pobos da Terra Media, feito que o conduciu á Comarca e a Bilbo, desencadeando así a historia narrada n’O hobbit. |
Thorin | Anano | Fillo de Thráin II e irmán máis vello de Frerin e Dís, naceu no ano 2746 da Terceira Idade do Sol. Loitou xunto ao seu pobo na batalla de Azanulbizar, onde gañou o alcuño Escudo de Carballo por ter combatido e terse defendido coa póla dun carballo. Tras a derrota dos ananos acompañou a seu pai até as Montañas Azuis e, cando este morreu nos calabozos de Dol Guldur, converteuse no novo rei. |
Smaug | Dragón | É un dos dragóns alados que vivían nas Montañas Grises. Ao ouvir noticias sobre as riquezas de Erebor dirixiuse ao reino, destruíu Esgaroth e expulsou os ananos. Coas xemas do tesouro acoirazou o peito e o ventre do seu corpo. |
Adaptacións
[editar | editar a fonte]Existe unha adaptación de debuxos animados do ano 1977. Peter Jackson fai a versión cinematográfica despois d'O Señor dos Aneis, a xeito de triloxía The Hobbit (2012, 2013, 2014). Bilbo Bulseiro vello é interpretado por Iam Holm, e Bilbo novo por Martin Freeman. A primeira parte (The hobbit: An Unexpected Journey) estreouse en Galicia o 14 de decembro de 2012 en castelán.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha na web de Xerais.