Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Pensilvania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaPensilvania
Commonwealth of Pennsylvania (en) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoPennsylvania (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Lema«Virtue, Liberty, and Independence (en) Traducir» Editar o valor en Wikidata
AlcumeKeystone State e Quaker State Editar o valor en Wikidata
EpónimoWilliam Penn (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°00′N 77°30′O / 41, -77.5
EstadoEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
CapitalHarrisburg Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación13.002.700 (2020) Editar o valor en Wikidata (109,01 hab./km²)
Número de fogares5.106.601 (2020) Editar o valor en Wikidata
Lingua oficialsen valor Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie119.283 km² Editar o valor en Wikidata
Auga2,85 % Editar o valor en Wikidata
Lonxitude da costasen valor Editar o valor en Wikidata
Bañado porLago Erie e Rio Delaware (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altitude335 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoMount Davis (en) Traducir (979 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoRio Delaware (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación12 de decembro de 1787 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Órgano executivoGovernment of Pennsylvania (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Governador da Pensilvânia (pt) Traducir Editar o valor en WikidataJosh Shapiro (2023–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAsemblea Xeral de Pensilvania , Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialTribunal Supremo de Pensilvania Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Fuso horario
ISO 3166-2US-PA Editar o valor en Wikidata
Identificador GNIS1779798 Editar o valor en Wikidata

Páxina webpa.gov Editar o valor en Wikidata
BNE: XX453139

Pensilvania[1] é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. O seu nome oficial é Commonwealth of Pennsylvania. O estado deu nome ao período xeolóxico Pennsylvaniano. A capital do estado é Harrisburg.

É un dos estados máis industrializados e urbanizados dos Estados Unidos, sendo un dos berces da Revolución Industrial do país, a mediados do século XIX. É un gran produtor de alimentos, química e electrónica. Produce antracita, un tipo de carbón de altísima calidade e, alén diso, é o maior produtor de carbón bituminoso do país.

Filadelfia é a maior cidade do Estado, sendo un gran centro portuario, bancario, financeiro e industrial. A segunda maior cidade do estado é Pittsburgh, que é un polo educativo e da industria de alta tecnoloxía. Ambos son grandes centros históricos e culturais americanos.

Pensilvania é famosa pola rexión de Pensilvania Dutch (Países Baixos pensilvano), localizada no sur do estado. A rexión é famosa pola súa gastronomía [2] e pola súa arquitectura[3]. A pesar do nome, a gran maioría dos habitantes da rexión son alemáns; de feito, o nome "Dutch" foi unha mala interpretación da palabra alemá deutsch, que significa "alemán" na lingua alemá. Esta rexión é famosa nos Estados Unidos e no Canadá, sendo unha rexión de cuño turístico, histórico e cultural do Estado.

O nome do estado vén de William Penn. O rei inglés Carlos II cedeu a rexión a Penn en 1681. A palabra Pensilvania significa "bosques (silva) de Penn". William Penn era un cuáquero que estabeleceu na súa colonia a liberdade relixiosa, permitindo a grupos relixiosos perseguidos tales como os cuáqueros, entre outros, que se instalaran na rexión. Por isto, por veces o estado denomínase The Quaker State, porque a maioría dos seus habitantes, nos principios da colonización europea do estado, eran cuáqueros. O cognome do Estado é The Keystone State (en inglés: Estado Pedra Angular) e o seu lema é "Virtue, Liberty and Independence" (en inglés: "Virtude, Liberdade e Independencia")[4].

Pensilvania é un dos estados americanos máis ricos historicamente. Foi colonizado inicialmente por suecos e neerlandeses, sendo posteriormente expulsados da rexión polos británicos. Pensilvania foi unha das Trece Colonias que se rebelaron contra o dominio inglés na rexión na Revolución Americana de 1776. Foi en Pensilvania onde se creou a declaración de independencia e a constitución estadounidense polos pais da nación americana. Converteuse no segundo estado americano despois de ratificar a Constitución americana o 12 de decembro de 1787. Durante a Guerra Civil Americana, Pensilvania presenciou da batalla máis sanguenta da guerra civil, a Batalla de Gettysburg.

Nativos indíxenas tales como os iroqueses e os algonquinos vivían na rexión que actualmente constitúe o Estado de Pensilvania millares de anos antes da chegada dos primeiros europeos. En 1609, o explorador inglés Henry Hudson, na súa tentativa de achar un camiño rumbo ás indias, desembarcou na Baía de Delaware. Navegando en nome da coroa neerlandesa, Hudson reivindicou a área para os Países Baixos que, logo, mandarían outras expedicións co intento de explorar a rexión.

En 1643, exploradores suecos fundaran o primeiro asentamento de carácter permanente da rexión, próximo á actual Filadelfia. Este asentamento converteuse na capital da colonia sueca de Nova Suecia, que foi conmquistada por tropas neerlandesas en 1655, anexionándoa aos Novos Países Baixos. En 1664, os ingleses conquistaron toda a rexión, que quedou baixo o dominio da colonia de Nova York, e que é actualmente o estado de Nova York.

En 1681, o Rei Carlos II de Inglaterra cedeu a rexión a William Penn, como pagamento dunha débeda que a coroa tiña co seu pai, un importante almirante da mariña inglesa. William quería nomear a rexión como Novo País de Gales. Porén, un membro galés do Consello Real de Inglaterra, onde era necesaria a aprobación unánime de todos os membros para que o nome fose aceptado, rexeitou o nome. Penn entón decidiu nomear a rexión como "Sylvania" ("bosque"). O rei Carlos II complementou este nome con Penn.

William Penn (1644-1718), fundador da colonia de Pensilvania.

Penn planeou persoalmente o primeiro asentamento inglés permanente, nomeándoo Filadelfia, fundada en 1685, e garantiu o dereito de liberdade de expresión relixiosa dentro da súa colonia. Posteriormente explorou o interior do territorio, pagando aos nativos indíxenas polas terras que o rei lle dera. Alén diso, Penn instituíu un trato igualitario nos xuízos aos indíxenas con relación aos brancos. Isto fixo que os indíxenas e os colonos europeos mantivesen boas relacións ata mediados do século XIX, mellores que en calquera outra colonia do nordeste dos Estados Unidos. Grazas á liberdade de expresión relixiosa, varios escoceses, irlandeses e alemáns instaláronse no estado.

En 1688, o entón rei da Inglaterra, Xacobe II, foi deposto pola súa filla, María, e o seu marido, Guillerme de Oranxe. A amizade entre Xacobe e Penn foi a causa de que María e Guillerme confiscasen todas as terras de William Penn nas Américas, e o destituísen do cargo de gobernador da colonia de Pensilvania. O gobernador da veciña colonia de Nova York ocupou o seu lugar. En 1693, Penn conseguiu convencer a Guillerme e María de que el, William Penn, era totalmente leal á casa real, o que lle permitiu -un ano despois- recuperar as súas terras e o cargo de gobernador. William Penn morreu en 1718, mais a súa familia continuou gobernando a colonia ata o inicio da Revolución Americana de 1776.

A guerra dos oito anos comezou en 1754, entre colonos británicos e franceses. Unha das principais razóns foron as disputas territoriais entre a colonia británica de Pensilvania e a colonia francesa de Nova Francia sobre o territorio localizado na confluencia dos ríos Allegheny e Monanhaguela, formando o Río Ohio, onde actualmente se localiza a cidade de Pittsburgh. As confrontacións estendéronse a Pensilvania ata 1758, cando os franceses recuaran.

O territorio capturado polos británicos estaba poboado polos nativos indíxenas ottawa, que encabezaran unha revolta contra os británicos en 1763. Porén, esta revolta logo acabou coa derrota dos ottawa na Batalla de Bushy Run, o que non impediu que continuase o resentimento dos ottawa contra os británicos. En 1768, para solucionar o problema, o goberno de Pensilvania pagou polas terras onde estaban instalados os ottawa.

En abril de 1775, comezou a Revolución Americana de 1776. En maio do mesmo ano, o Segundo Congreso Continental reuniuse en Filadelfia, onde os seus membros votaran pola independencia das 13 colonias, do Reino Unido. O 4 de xullo de 1776, o Congreso americano escribiu a Declaración de Independencia das 13 colonias.

En decembro, debido á ameaza dun ataque británico, o Congreso mudouse para Baltimore, Maryland, para regresar a Filadelfia en marzo de 1777. Porén, un ataque británico á Pensilvania en setembro forzou ao Congreso a mudarse definitivamente, a Lancaster, en Pensilvania. O 26 de setembro, os británicos capturaron Filadelfia. As tropas americanas lideradas por George Washington atacaron as forzas británicas o 4 de decembro, para forzar os británicos a saíren da cidade, mais Washington foi derrotado.

A pesar das vitorias en Pensilvania, os británicos estaban tendo dificultades noutras rexións das 13 colonias, e en xuño de 1778, decidiran retirar as súas tropas de Pensilvania. Parte destas tropas inglesas xuntaríanse cos iroqueses, atacando un forte americano, no Val Wyoming, Pensilvania, e matando todos os seus soldados.

Entre maio e setembro de 1787, os membros da Convención Constitucional reuníronse en Filadelfia. Pensilvania tornouse o segundo estado en ratificar a Constitución americana, o 12 de setembro. Filadelfia foi a capital provisional dos Estados Unidos entre 1790 a 1800, cando a sede de goberno se mudou definitivamente a Washington DC.

Johann Georg Rapp, 1757-1847.

Despois do fin da guerra, e coa independencia dos Estados Unidos, Pensilvania converteuse no maior centro industrial do novo país. A abundancia de carbón, madeira e ferro na rexión, así como a presenza de ríos e a construción de ferrocarrís, foron os principais motivos desta situación. A industria do estado creceu aínda máis axiña despois do descubrimento das primeiras reservas de antracita no territorio americano, un tipo de carbón de altísima calidade. A substitución do carbón bituminoso pola antracita nas industrias siderúrxicas de Pittsburgh, ao longo da década de 1830, xunto á crecente demanda nacional, fixeron de Pittsburgh o maior polo siderúrxico do país, en canto que Filadelfia pasaba a ser un dos maiores fabricantes de produtos de aceiro e de coiro, así como un forte centro téxtil. Naquela época, ambas as cidades eran importantes centros portuarios americanos. A construción dunha malla de canais navegables e de liñas ferroviarias ao longo do estado realizouse durante a década de 1840.

A maior parte da poboación de Pensilvania era pro-abolicionista, e querían o fin inmediato do uso do traballo escravo. Ao longo da Guerra Civil Americana, entre 1861 e 1865, Pensilvania, que loitou do lado da Unión, enviou aproximadamente 340.000 soldados ás frontes de batalla, máis que calquera outro estado nortista, exceptuando Nova York. O estado foi o escenario da Batalla de Gettysburg, a batalla máis sanguenta da guerra, e unha das máis sanguentas da historia, ocorrida entre o 1 e o 4 de xullo de 1863, onde 83.000 soldados nortistas comandados por George G. Meade derrotaron 75.000 soldados confederados comandados por Robert E. Lee. Por causa das 55.000 baixas, o 19 de novembro de 1863, o entón presidente americano Abraham Lincoln dedicou a G Adress nunha homenaxe a todos os soldados americanos mortos na batalla.

Coa demanda material de guerra, Pittsburgh tornárase o maior polo siderúrxico do mundo, e tamén o maior fabricante de vidro do mundo. O estado era o maior produtor de petróleo, cemento e aluminio do país, e el só producía máis do 60% do aceiro americano. Esta prosperidade industrial atraeu moitos inmigrantes e, no fin do século, vivían máis persoas en cidades que no campo, mais tamén trouxo varios problemas socioeconómicos. Traballadores industriais traballaban en pésimas condicións e eran mal pagados. Moitos se xuntaron en sindicatos que organizaron varias manifestacións, que foron reprimidas violentamente pola policía.

En 1889, Johnstown sufriu unha inundación na que morreron máis de 2.200 persoas. A inundación produciuse despois de que o encoro de South Fork cedese despois de días de fortes choivas.

O crecemento industrial de Pensilvania continuou nas primeiras décadas do século XX, atinxindo o seu máximo nos anos da primeira guerra mundial e nos anos que sucederan á guerra. Porén, a Gran Depresión interrompeu o crecemento económico do estado. Millares de persoas perderon os seus empregos, e moitas empresas quebraron. Para tentar minimizar estes problemas, o goberno do estado comezou a construír autoestradas, grandes edificios gobernamentais e a reforestar as montañas, para así xerar empregos; e promulgar leis que estipulaban un salario mínimo para os traballadores e programas de axuda social. A economía do estado recuperaríase por completo coa chegada da segunda guerra mundial.

Varias das cidades de Pensilvania, por causa do inmenso crecemento industrial das décadas anteriores, creceran sen ordeamento urbano. Entre as décadas de 1940 e 1950 varias cidades do estado comezaran a pasar por programas de planificación urbana, especialmente Pittsburgh e Filadelfia.

Porén, durante a década de 1950 en diante, Pensilvania tivo que enfrontarse con varias recesións económicas. A demanda por carbón diminuíra no país, grazas ao crecente uso do petróleo como materia prima para centrais xeradoras de electricidade, e isto causou o peche de varias minas. Durante a década de 1960, moita da industria téxtil se desprazou aos estados do sur, onde os custos operacionais eran máis baixos, e as industrias téxtiles que se mantiveron automatizaron gradualmente as súas fábricas, modernizándoas. Alén diso, debido á concorrencia do aceiro estranxeiro, varias das siderúrxicas foron pechando durante as décadas de 1970 e 1980. Todo isto fixo que millares de persoas ficasen desempregadas e que moitos habitantes, especialmente os novos, deixaron o estado, buscando oportunidades de traballo noutros lugares do país.

O 28 de marzo de 1979, tivo lugar unha fusión parcial do reactor da central nuclear de Three Mile Island, nas proximidades de Harrisburg.[5] Foi o maior accidente no uso civil de enerxía nuclear ata Chernóbil. As investigacións oficiais consideraron que o accidente fora provocado por un erro humano[6].

Para resolver os problemas industriais, o goberno de Pensilvania comezou un agresivo programa para atraer industrias ao estado. Para custear este programa, o estado decidiu aumentar os impostos e a economía foise recuperando gradualmente, para estabilizarse na década de 1990. Nun estado principalmente industrial, a economía de Pensilvania diversificouse e o estado foise convertendo nun gran polo financeiro, comercial, cultural e educativo americano. E a pesar da crise da década de 1970 e 1980, Pensilvania aínda é o maior produtor de aceiro dos Estados Unidos.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Casa Kaufmann, situada nos Montes Allegheny. Un proxecto de Frank Lloyd Wright (1934).

O apelido de Pensilvania, The Keystone State, fai referencia á localización xeográfica do Estado. Keystone, en inglés, significa "pedra angular", e Pensilvania forma unha ponte xeográfica entre os estados do norte e do sur americano, e entre as planicies litorais do océano Atlántico e as rexións centrais do país. Pensilvania limita ao norte e ao nordeste con Nova York, ao sueste coa Nova Jersey, ao sur con Delaware, Maryland e Virxinia Occidental, ao leste con Ohio e no extremo noroeste co Lago Erie.

Pensilvania posúe 255 quilómetros de extensión norte-sur e 455 quilómetros leste-oeste. A superficie do estado é de 119.283 km², dos cales 2.990 km² son corpos de auga. Os maiores ríos que atravesan o estado son os ríos Allegheny, Monongahela, o Ohio e o Delaware. O estado, pola gran presenza de ríos e polo terreo accidentado, posúe unha gran cantidade de cascadas, algunhas de ata 30 metros de altura. Pensilvania é o único dos 13 estados orixinais dos Estados Unidos que non posúe litoral co océano Atlántico.

Pensilvania pódese dividir en sete rexións:

  • O extremo noroeste do estado fai parte das Planicies do Erie, á beira do lago Erie. Está caracterizada pola baixa altitude e polo seu solo fértil. Anteriormente facía parte do leito do lago.
  • A Meseta dos Apalaches abrangue todo o leste e o norte do estado, agás o extremo nordeste, cubrindo máis do 50% de Pensilvania. Está caracterizada por un terreo moi accidentado, con vales profundos, irregulares e estreitos. Aquí localízase o punto máis alto do estado, o Monte Davis, cos seus 979 metros de altitude.
  • A Rexión dos Vales e Serras dos Apalaches esténdese inmediatamente ao leste e ao sur da Meseta dos Apalaches. A súa principal característica é a presenza de vales estreitos e moi profundos, que están aproximadamente aliñados, correndo no sentido leste-sur, formando un cuarto dun círculo. O solo da rexión é moi fértil.
  • O Blue Ridge, unha pequena rexión inmediatamente ao leste dos Vales dos Apalaches, está localizado no centro-sur de Pensilvania. É o comezo dunha cadea de montañas que se estende desde Pensilvania ata Xeorxia.
  • A Meseta da Nova Inglaterra esténdese do extremo oeste de Pensilvania ata Maine. En Pensilvania, forma unha estreita faixa de terra entre o Piemonte e os Vales dos Apalaches. Caracterízase pola súa grande altitude, en relación ás rexións veciñas. O seu solo é menos accidentado que os Vales do Apalache.
  • O Piemonte esténdese inmediatamente ao leste do Blue Ridge, sueste dos Vales do Apalache e ao sur do Meseta da Nova Inglaterra. Caracterízase pola presenza do solo máis fértil do estado. Posúe baixas altitudes e é pouco accidentado.
  • As Planicies litorais do Atlántico están localizadas no extremo sueste do estado. Debido á súa proximidade co océano Atlántico, posúe as máis baixas altitudes de Pensilvania.

O clima de Pensilvania é temperado, con catro estacións distintas, con veráns quentes, e invernos fríos. A proximidade de grandes masas de auga no noroeste e no sueste do estado tornan estas áreas máis agradables ao longo do ano, en tanto que o nordeste e o oeste do estado posúen as temperaturas de Pensilvania máis baixas no inverno.

A temperatura media do estado no inverno é de -3,3 °C no norte, -2,8 °C no noroeste e de 1 °C no sueste. No verán, as maiores temperaturas rexístranse no sueste. A temperatura media, no verán, no noroeste é de 21 °C, de 24 °C no suroeste e de 25 °C no sueste. A temperatura máis alta xa rexistrada en Pensilvania é de 44 °C, o 10 de xullo de 1936, en Phoenixville; e a temperatura baixa rexistrada foi de -41 °C, o 5 de xaneiro de 1904.

As taxas de precipitación media anual de choiva de Pensilvania son de 104 centímetros. As maiores medias rexistráronse na rexión metropolitana de Pittsburgh e no leste do estado, onde a media é de 130 centímetros. O centro-norte e o oeste posúen as menores medias de precipitación, de apenas 98 centímetros. As taxas de precipitación media anual de neve varían entre 50 centímetros no suroeste a 230 centímetros no noroeste.

Política

[editar | editar a fonte]
Vista do edificio do concello de Filadelfia.

A actual Constitución de Pensilvania adoptouse en 1968, substituíndo outras constitucións máis antigas aplicadas en 1776, 1790, 1838 e 1874.[7] As emendas á constitución deben ser propostas polo Poder lexislativo e, para aprobarse, precisan recibir ao menos dous terzos dos votos do Senado e da Casa dos Representantes do Estado, e logo ao menos dous terzos dos votos da poboación electoral de Pensilvania, nun referendo.[8]

O principal oficial do Poder executivo é o gobernador. Este é elixido polos electores do estado para mandatos de ata 4 anos de duración.[9] Unha persoa pode ser elixida cantas veces quixer para o cargo de gobernador, pero non máis de dúas veces consecutivas. Os oficiais que se escollen polo gobernador-tesoureiro, commonwealth (secretario de estado), entre outros, tamén serven por períodos máximos de 4 anos. Como o gobernador, poden ser escollidos cantas veces quixeren, mais non poden desempeñar as súas funcións máis de dúas veces consecutivas.

O Poder lexislativo do estado consiste na Asemblea Xeral formada polo Senado e a Cámara de Representantes. O Senado posúe un total de 50 membros, en tanto que a Casa dos Representantes posúe un total de 203 membros.[8] Pensilvania está dividido en 50 distritos senatoriais e 203 distritos representativos. Os electores de cada distrito elixen un senador ou representante, que representará o distrito. O mandato dos senadores é de 4 anos e o dos representantes de 2 anos. As sesións lexislativas comezan na primeira terza feira de xaneiro para estenderse ata o final de novembro. Tales sesións realízanse diariamente.

O tribunal máis alto do Poder xudicial é o Tribunal Supremo de Pensilvania. Fundado como Tribunal Provincial (Provincial Court) en 1684, é considerado o máis antigo tribunal de apelación dos Estados Unidos[10]. Os seus sete xuíces escóllense pola poboación para mandatos de ata 10 anos de duración, podendo ser reelixidos só unha vez. Aquel que leva máis tempo exercendo no tribunal convértese no Xuíz Presidente. A sede do Tribunal Supremo está repartida entre Harrisburg, Filadelfia e Pittsburgh.

En Pensilvania está vixente a pena capital para certos crimes. Dende que o Tribunal Supremo dos Estados Unidos declarou este castigo como constitucional, en 1976, foron executados 3 reos neste estado. En 2015, o gobernador Tom Wolf anunciou unha moratoria na aplicación destas penas[11]. Con todo, en outubro de 2020, Pensilvania era o quinto estado por número de presos no corredor da morte (142).[12]

O estado está dividido en 67 condados, municipalidades rurais (townships), 56 cidades (cities) e distritos municipais (boroughs). É un dos poucos Estados americanos en usar boroughs como subdivisión estatal.

A nivel federal, Pensilvania está representada por dous senadores: o republicano Pat Toomey e o demócrata Bob Casey[13]; e por 18 deputados na Cámara de Representantes[14].

Máis da metade do orzamento de Pensilvania vén de impostos estatais. O resto vén de orzamentos recibidos do goberno federal e de préstamos. En 2002, o goberno do estado gastou 55.171 millóns de dólares, xerando 46.165 millóns de dólares. A débeda gobernamental de Pensilvania é de 20.983 millóns de dólares. A débeda per capita é de 1.702 dólares, o valor dos impostos estatais per capita é de 1.795 dólares, e o valor dos gastos gobernamentais per capita é de 4.475 dólares.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Crecemento demográfico de Pensilvania
Ano Habitantes
1790 434 373
1800 602 365
1810 810 091
1820 1 049 458
1830 1 348 233
1840 1 724 033
1850 2 311 786
1860 2 906 215
1870 3 521 951
1880 4 282 891
1890 5 258 113
Ano Habitantes
1900 6 302 113
1910 7 665 111
1920 8 720 017
1930 9 631 350
1940 9 900,180
1950 10 498 012
1960 11 319 366
1970 11 800 766
1980 11 864 751
1990 11 924 710
2000 12 281 054

Segundo as estimacións da Oficina do Censo dos Estados Unidos, en xullo de 2019, 12.801.989 persoas residían en Pensilvania. A veciñanza que non é cidadá dos Estados Unidos supón o 8,3%. O 21,6% ten menos de 18 anos e os maiores de 65 supoñen o 14,4%

De acordo co censo nacional de 2000, a poboación de Pensilvania en 2000 era de 12 281 054 habitantes. Unha estimación realizada en 2004 aumentou esta cifra a 12 406 292. O 4,6% da poboación do estado (568 800 habitantes) non naceu nos Estados Unidos. Pensilvania posúe unha das poboacións hispanas e asiáticas en máis rápido crecemento de todo país. O crecemento de poboación estancouse na década de 1970 e 1980, por causa da recesión económica que se abateu sobre o estado nese momento. Durante a década de 1990, maiores niveis de inmigración e a recuperación económica do Estado fixeron que a poboación volvese a crecer novamente. Por primeira vez, os niveis de inmigración aumentaran desde a segunda guerra mundial.

Composición racial da poboación de Pensilvania segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos é[15]:

A principal razón para a alta porcentaxe de brancos no Estado está nas grandes poboacións de brancos en certos condados e na pequena inmigración a estes condados. A inmigración é máis común nas cidades de gran tamaño tales como Erie, Filadelfia, Pittsburgh e Scranton. A poboación do estado é maioritamente branca en certas áreas como o norte do estado e no contorno de Pittsburgh. A rexión metropolitana de Filadelfia e os condados que a rodean posúen gran número de afroamericanos, hispanos, asiáticos e árabes.

Os cinco maiores grupos étnicos do estado son alemáns (que forman 25,4% da poboación), irlandeses (16,1%) italianos (11,5%), afroamericanos (10%) e ingleses (7,9%). O 6,9% da veciñanza do estado non ten a cidadanía estadounidense.

O 5,5 % da poboación de Pensilvania ten menos de 5 anos de idade, o 20,6 % é menor de 18 anos, e o 18,7 % ten máis de 65 anos. As persoas do sexo feminino compoñen o 51% da poboación do estado. A porcentaxe de persoas que viven na pobreza ascende o 12%.

Relixión

[editar | editar a fonte]

Porcentaxe da poboación de Pensilvania por afiliación relixiosa:

Historicamente, os cuáqueros instalaron unha política de tolerancia relixiosa despois da fundación da colonia de Penn, a Pennsylvania inicial, o cal beneficiou a outros grupos relixiosos que xa vivían na rexión tales como luteranos da Nova Suecia, e que tamén atraeu a grupos relixiosos europeos, tales como os amish e os menomitas. Outros grupos tamén se instalaron, como os moravianos, que fundaran a cidade de Bethlehem, e os presbiterianos, que se instalaron na fronteira. Esta diversidade relixiosa era rara durante os séculos XVIII e XIX.

Posteriormente, inmigrantes de varios países católicos europeos comezaron a instalarse en gran número en Pensilvania despois do comezo da industrialización do estado. Alén diso, o estado posúe unha das maiores comunidades xudaicas do país, con aproximadamente 440 mil xudeus. Nas últimas dúas décadas [cando?], a maior parte dos inmigrantes que se instalaron no estado foron budistas, hindús, mulsumáns e sikhs.

Principais cidades

[editar | editar a fonte]

Máis de 85% da poboación de Pensilvania vive nas cidades, e máis de 80% vive en rexións metropolitanas. As maiores cidades de Pensilvania son, en orde decrecente, Filadelfia, Pittsburgh, Allentown, Erie, Reading, Scranton, Bethlehem e Harrisburg.

E por orde alfabética:

Economía

[editar | editar a fonte]
Moeda de 1/4 dólar dedicada a Pensilvania, que reproduce o mapa do Estado (deseño: J. Mercanti).

O produto interior bruto de Pensilvania foi de 383 000 millóns de dólares, o sexto maior do país. A renda per capita do estado, á súa vez, foi de 29 539 dólares, a décimo oitava maior do país.

Ata a década de 1970, Pensilvania era un estado fundamentalmente industrial. As súas principais fontes de renda eran, entón, a industria siderúrxica e a fabricación de produtos industriais. Despois dunha gran recesión económica que sufriu entre as décadas de 1970 e 1980, a industria siderúrxica, pola concorrencia do aceiro máis barato doutros países, caeu drasticamente. Varias fábricas pecharon, e outras mudáronse a outras partes do país. O estado aínda é o maior polo siderúrxico dos Estados Unidos, pero desde entón, a economía diversificouse notablemente. Hoxe, a principal fonte de renda do Estado é o comercio en xeral. A capital industrial de alta tecnoloxía é Pittsburgh, e a capital financeira é Filadelfia.

O sector primario representa un 1% do PIB. O estado posúe 59 mil facendas, e emprega a case 151 mil persoas.

O sector secundario representa un 24% do PIB. Pensilvania é un dos principais centros industriais dos Estados Unidos e un dos líderes nacionais na industria de alta tecnoloxía, como robótica e biotecnoloxía. O valor total dos produtos fabricados no estado é de 93.000 millóns de dólares. Os principais produtos industrializados fabricados no estado son aceiro e derivados, produtos químicos, produtos alimenticios e maquinaria. A industria de manufactura aínda é a segunda maior fonte de renda de Pensilvania, representando un 19% do PIB, empregando aproximadamente a 960.000 persoas. A industria de construción, que emprega a 371.000 persoas, representa un 4% do PIB. A minería (de carbón e de ferro, principalmente) representa un 1% do PIB, empregando menos de 26.000 persoas.

O sector terciario representa un 75% do PIB. Cerca do 23% do PIB vén de servizos comunitarios, persoais e comerciais. Este sector emprega a máis de 2,4 millóns de persoas. Pensilvania é un gran polo financeiro: os servizos financeiros e inmobiliarios representan máis do 19% do PIB, empregando aproximadamente a 525.000 persoas. O comercio representa un 13% do PIB, e emprega a máis de 1,5 millón de persoas. Os servizos gobernamentais representan o 10% do PIB, empregando aproximadamente a 790.000 persoas. E transportes e telecomunicacións empregan a 350 mil persoas e representan o 8% do PIB.

Educación

[editar | editar a fonte]
Estatua de Benjamin Franklin diante da Universidade de Pensilvania (Filadelfia)

Inicialmente, a gran maioría das escolas de Pensilvania estaban administradas por entidades relixiosas. A primeira destas escolas relixiosas foi instituída a mediados da década de 1640, por suecos luteranos. En 1834, unha lei aprobada polo estado instituíu a obrigatoriedade do ensino a todos os nenos entre 6 e 16 anos. Tamén instituíu escolas públicas, para o ensino de nenos de pais pobres.

Actualmente, todas as institucións educativas en Pensilvania precisan seguir regras e normas ditadas polo Consello Estatal de Educación. Este consello controla directamente o sistema de escolas públicas, que está dividido en diferentes distritos escolares. O Consello está composto por 21 membros, 17 deles escollidos polo gobernador e 4 pola Asemblea Lexislativa, por ata 4 anos de duración. Cada cidade primaria (city), diversas cidades secundarias (towns) e cada condado, é servida por un distrito escolar. Nas cidades, a responsabilidade de administrar as escolas é do distrito escolar municipal, en tanto que en rexións menos densamente habitadas, esta responsabilidade é dos distritos escolares operando en todo o condado en xeral. Todos as nenos e adolescentes entre 6 e 16 anos de idade deben asistir á escola.

En 1999, as escolas públicas do estado atenderon a 1.817.000 estudantes, empregando aproximadamente 114.500 profesores. As escolas privadas atenderon a 339.500 estudantes, empregando aproximadamente 24.500 profesores. O sistema de escolas públicas do Estado consumiu preto de 13.532 millóns de dólares, e o gasto das escolas públicas por estudante é de aproximadamente 8.000 dólares.

Pensilvania posúe centos de bibliotecas públicas, algunhas administradas polo estado e outras polos municipios onde están localizadas as bibliotecas.

Posúe máis de 40 universidades e facultades, varias de renome internacional. Entre estas destaca a Universidade de Pensilvania en Filadelfia, fundada en 1740 por Benjamin Franklin[16].

A Orquestra de Filadelfia, fundada en 1900, é considerada unha orquestras sinfónicas máis prestixiosas dos Estados Unidos facendo parte das chamadas "big five" xunto coa Filharmónica de Nova York, a Sinfónica de Boston, a Sinfónica de Chicago e a de Cleveland.

Nos anos 60 e 70 do século XX desenvolveuse un estilo de música soul coñecido como Philly Soul, caracterizado pola influencia funk.

As dúas principais cidades do estado acollen os equipos deportivos máis seguidos. En béisbol, os Philadelphia Phillies e os Pittsburgh Pirates compiten na MLB. En fútbol americano, Philadelphia Eagles e Pittsburgh Steelers participan na NFL e manteñen unha rivalidade que fai que os seus encontros se coñezan como "a batalla de Pensilvania". Pola contra, en baloncesto, os Philadelphia 76ers, chamados "Sixers", son o único equipo deste estado na NBA.

Transportes e telecomunicacións

[editar | editar a fonte]

Pensilvania, desde os principios da colonización europea, foi un gran polo de transportes. As primeiras estradas do estado datan da década de 1650. Construíu un gran sistema de canais navegables e unha extensa rede ferroviaria ao longo do século XIX. O estado xa foi o maior polo ferroviario dos Estados Unidos. A recesión económica das décadas de 1970 e 1980 levaran ao peche de varias delas.

Filadelfia e Pittsburgh continúan a ser grandes centros portuarios americanos e, alén diso, ambas as cidades son grandes polos ferroviarios e de estradas. Tanto unha como outra dispoñen dun aeroporto internacional cada. En 2002, Pensilvania posuía 8.206 quilómetros de vías ferroviarias e, en 2003, 193.802 km de estradas e autoestradas, dos que 2.869 km eran considerados parte do sistema federal de autoestradas interestatais.

O primeiro xornal publicado en Pensilvania foi o American Weekly Mercury, publicado pola primeira vez en Filadelfia, en 1719, sendo o primeiro xornal publicado fóra de Boston, e a cuarta publicada en toda as Trece Colonias. Actualmente publícanse no estado preto de 400 xornais, dos que aproximadamente 85 son diarios. A primeira estación de radio de Pensilvania fundouse en 1919, en Pittsburgh, e a primeira emisora de televisión fundouse en 1941, en Filadelfia. Actualmente, Pensilvania posúe preto de 370 emisoras de radio e aproximadamente 45 de televisión.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pensilvano.
  2. ShareAmerica (2016-01-27). "Pennsylvania: History, cultural hubs, candy". ShareAmerica (en inglés). Consultado o 2021-01-24. 
  3. "Pennsylvania German Traditional 1700 - 1870 | PHMC > Pennsylvania Architectural Field Guide". www.phmc.state.pa.us. Consultado o 2021-01-24. 
  4. "Guide: State Symbols". PA.Gov (en inglés). Consultado o 2021-01-24. 
  5. "Backgrounder on the Three Mile Island Accident". NRC Web. Consultado o 2021-02-25. 
  6. Welle (www.dw.com), Deutsche. "1979: Acidente nuclear em Three Mile Island | DW | 28.03.2017". DW.COM (en portugués). Consultado o 2021-01-24. 
  7. "PENNSYLVANIA'S CONSTITUTION: A BRIEF HISTORY". Pennsylvania Bar Association Constitutional Review Commission. Consultado o 2022-09-04. 
  8. 8,0 8,1 "The Constitution of Pennsylvania". The official website for the Pennsylvania General Assembly. (en English). Consultado o 2021-01-23. 
  9. "Constitution of the Commonwealth of Pennsylvania – 1968". PA Constitution (en inglés). Consultado o 2022-09-04. 
  10. "Learn | Unified Judicial System of Pennsylvania". www.pacourts.us. Consultado o 2021-01-23. 
  11. "Moratorium on the Death Penalty in Pennsylvania Is Announced". Governor Tom Wolf (en inglés). 2015-02-13. Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-01-24. 
  12. "Facts about the Death Penalty: Death priosioners by state. (October 1, 2020)" (PDF). Death Penalty Information Center. Consultado o 24-01-2021. 
  13. "U.S. Senate: Senators of the 117th Congress". www.senate.gov. Consultado o 2021-01-23. 
  14. "Representatives | house.gov". www.house.gov. Consultado o 2021-01-23. 
  15. "U.S. Census Bureau QuickFacts: Pennsylvania". www.census.gov (en inglés). Consultado o 2021-01-23. 
  16. "Penn’s History | University of Pennsylvania". www.upenn.edu. Consultado o 2021-01-23. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Constitución de Pensilvania