Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Suecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reino de Suecia»)
Modelo:Xeografía políticaSuecia
Sverige (sv) Editar o valor en Wikidata
Vista nocturna

HimnoDu gamla, du fria Editar o valor en Wikidata

EpónimoSuecos Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 61°N 15°L / 61, 15
CapitalEstocolmo Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación10.576.145 (2024) Editar o valor en Wikidata (23,64 hab./km²)
Lingua oficiallingua sueca Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie447.425,16 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Báltico, Kattegat e Öresund Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoKebnekaise (2.097,5 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoKristianstad (−2 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Creacióndécada de 700 Editar o valor en Wikidata
Día festivo
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional
democracia representativa Editar o valor en Wikidata
• Rei Editar o valor en WikidataCarlos XVI Gustavo (1973–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGoverno da Suécia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor en WikidataUlf Kristersson (pt) Traducir (2022–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoRiksdag , (Escano: 349) Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialSuprema Corte da Suécia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal636.856.236.396 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaCoroa sueca Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.se Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+46 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor en Wikidata
Código de paísSE Editar o valor en Wikidata
Código NUTSSE Editar o valor en Wikidata

Páxina websweden.se Editar o valor en Wikidata
Facebook: swedense Twitter: sweden Instagram: ru.sweden.se Telegram: swedenofficial VK: swedenofficial Youtube: UCDxRH_wOCO1LDcQlK3F8_HA BNE: XX451526 Editar o valor en Wikidata

Suecia[1] (en suecoSverige[ˈsværjɛ] (AFI)Sv-Sverige.ogg escoitar), oficialmente Reino de Suecia, é un país nórdico situado na península escandinava. Limitado ao norte e oeste con Noruega e ao leste con Finlandia, está conectado con Dinamarca pola ponte-túnel de Oresund, cruzando o estreito de Öresund. Bañada tamén polas costas do Mar Báltico, forma o Golfo de Botnia xunto con Finlandia.

Pertencente á Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 1995, é o terceiro estado membro maior dela e o quinto de Europa, que xunto cunha poboación de pouco máis de nove millóns de habitantes, supón unha das menores densidades de poboación do mundo. Con todo a meirande parte da poboación vive na parte sur do país, o 85% deles en zonas urbanas. A capital, Estocolmo, é ademais a cidade máis poboada, e chega aos dous millóns de habitantes na súa área metropolitana. As dúas seguintes cidades máis poboadas son Gotemburgo e Malmö.

A poboación de Suecia goza dun alto nivel de vida, e é un país xeralmente percibido como moderno e liberal. A conservación da natureza, protección dos ecosistemas e a eficacia enerxética son polo xeral prioridade na formulación de políticas e contan con acollida por parte da poboación sueca en xeral. Suecia ten sido durante moito tempo un importante exportador de ferro, cobre e madeira. Ademais, na década de 1890 a escolarización universal e a industrialización permitiron ao país desenvolver unha grande industria manufactureira. No século XX foi clasificada constantemente entre os países con mellor Índice de Desenvolvemento Humano, e en 2017 ocupaba o sétimo posto a nivel mundial.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome sueco Sverige significa literalmente 'Reino do pobo sueco', excluíndo os Gautas de Götaland. A etimoloxía dos suecos, e polo tanto de Suecia, considérase habitualmente que deriva do protoxermánico Swihoniz, que significa 'propio dun', referíndose á propiedade dunha tribo xermánica.

A maioría das linguas utilizan nomes semellantes, Sweden en inglés ou Svezia en italiano. En danés e noruegués utilizan Sverige como en sueco. Porén, destacan as excepcións das linguas ugrofinesas, que utilizan Ruotsi, en finés e Rootsi, en estoniano, nomes que xeralmente se consideran etimoloxicamente relacionados coa mesma raíz que a palabra Rusia, que se refire ao pobo rus', orixinario das zonas costeiras de Uppsala.

Prehistoria

[editar | editar a fonte]
Runa de Aspa, en Condado de Södermanland, onde se atopa a primeira referencia a Suecia, suiþiuþu, século XI.

A prehistoria en Suecia comeza no período chamado Oscilación de Allerød, ao redor do ano 12000 a.C., durante o paleolítico superior, coa chegada de grupos nómades de cazadores-recolledores na zona sur do país, caracterizados polo uso de puntas de frecha feitas de pedra. A agricultura e a gandaría, xunto coa construción de monumentos megalíticos, chegaron do continente coa cultura dos vasos de embude ao redor do ano 4000 a.C. O sur de Suecia foi parte da área onde se desenvolveu a Idade de Bronce nórdica. Este período comezou preto do ano 1700 a.C. co inicio da importación do bronce do centro de Europa. A minería non foi practicada durante este período, e como Escandinavia non posúe grandes depósitos, tódolos metais eran importados. A Idade de Bronce Nórdica foi completamente pre-urbana, xa que a xente vivía en pequenas aldeas e granxas, en casas comunais feitas de madeira.

Na ausencia da dominación do Imperio Romano, a Idade de Ferro sueca é considerada a partir da introdución da arquitectura de pedra e de ordes monásticas ao redor do ano 1100 a.C. Como os rexistros escritos desta época son de baixa credibilidade, este período é considerado protohistórico, é dicir, que aqueles rexistros apareceron despois do período en cuestión, foron escritos en distintas áreas, ou que os rexistros locais e contemporáneos son extremadamente curtos. Durante esta época o clima empeorou, forzando aos granxeiros a resgardar os seus animais dentro durante os longos invernos. Isto levou a unha acumulación anual de esterco, que puido ser usado por primeira vez de xeito sistemático para o enriquecemento do chan.

Un intento dos romanos por tentar levar o seu imperio máis aló dos ríos Río Rin e Elba foi abortado no ano 9 d.C., cando os xermanos derrotaron as lexións romanas baixo o mando de Publio Quintilio Varo cando os emboscaron na Batalla da fraga de Teutoburgo. Ao redor desta época houbo un gran cambio en materia de cultura en Escandinavia, resultado dun maior contacto cos romanos. A comezos do século II, gran parte do chan cultivado ao sur de Suecia foi dividido en lotes con bardas pequenas feitas de pedra. Dun lado do muro estarían os plantíos permanentes e prados para a forraxe de inverno, mentres do outro estaría o bosque e a terra que era usada para pastar o gando. Esta división da terra foi usada até o século XIX. O período romano tamén viu a primeira grande expansión da agricultura cara á costa norte do mar Báltico.

Suecia entra á protohistoria co libro Xermania de Tácito no ano 98. Aínda que a pouca información que reporta sobre esta distante área foi atopada como incerta, fai mención de varias tribos como os swedes (suiones) e os saamis de séculos posteriores. En canto á escritura en Suecia, o alfabeto rúnico foi inventado entre a elite do sur de Escandinavia no século II, mais todo o que chegou ao presente do período romano, son breves inscricións en artefactos, principalmente nomes masculinos, pondo en evidencia que os pobos do sur de Escandinavia falaban proto-nórdico naquela época, unha linguaxe do que se derivou o sueco e outras linguas nórdicas.

Época viquinga e Idade Media

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Viquingos e Unión de Kalmar.
Cidade medieval de Visby, en Gotland, declarada Patrimonio da Humanidade en 1995.

A época viquinga sueca abrangue os séculos VIII e XI. Durante este período, crese que os suecos se expandiron cara ao leste de Suecia, mesturáronse cos gautas do sur.[2] Os viquingos suecos e os viquingos guter viaxaban principalmente cara ao leste e cara ao sur, indo a Finlandia, os países Bálticos, Rusia, o Mediterráneo e a cidades tan afastadas como Bagdad. As súas rutas atravesaban os ríos de Rusia até chegar á capital do Imperio Bizantino, Constantinopla (actualmente Istambul, Turquía), de onde partían por distintas direccións. O emperador bizantino Teófilo notou as súas destrezas para a guerra, e convidounos a servilo como os seus gardacostas persoais, coñecidos como a Garda varega. Tamén se cre que os viquingos suecos, chamados "rus", son os pais fundadores de Rusia. As aventuras destes viquingos suecos son conmemoradas en moitas pedras rúnicas en Suecia, tales como as pedras rúnicas gregas e varegas. Houbo tamén considerables participacións viquingas en expedicións ao oeste, que son conmemoradas nas pedras rúnicas inglesas. A última grande expedición viquinga foi a errada viaxe que dirixiu Ingvar o Viaxeiro, á rexión do sueste do Mar Caspio. Os seus expedicionarios son conmemorados nas pedras rúnicas de Ingvar, ningunha das cales menciona a algún sobrevivente. Descoñécese o que sucedeu á expedición, pero crese que foron vítimas dalgunha epidemia.

Non se sabe cando nin como se creou o reino de Suecia, pero a lista de monarcas suecos só nomea a aqueles que reinaron Svealand (Suecia) e Götaland (Gothia) ao mesmo tempo, sendo o primeiro Erik o Vitorioso. Previamente, Suecia e Gothia permaneceran como nacións separadas. Con todo, non se sabe dende cando existían aqueles reinos, mais "Beowful" descríbeos nas semi-lendarias guerras entre suecos e gautas do século VI.

Durante os primeiros anos da era viquinga en Escandinavia, Ystad en Escania e Paviken en Gotland, foron grandes centros do comercio daquela época. Existen ruínas do que se pensa era un gran mercado en Ystad, que data de entre os anos 600 e 700. En Paviken, un importante centro de comercio da rexión Báltica durante os séculos IX e X, atopáronse restos dun gran peirao da era viquinga con talleres de construción de barcos e industrias artesanais. Entre os anos 800 e 1000, o comercio levou unha abundancia de prata a Gotland e de acordo con varios especialistas, os guter daquela época tiñan máis prata que todo o resto da poboación de Escandinavia xunta. San Óscar introduciu o cristianismo no ano 829, mais a nova relixión non comezou a substituír as crenzas tradicionais senón até o século XII. Durante o século XI, o cristianismo converteuse na relixión predominante, e cara ao ano 1050 Suecia era contada como unha nación cristiá. O período entre 1100 e 1400 estivo caracterizado por loitas internas polo poder e a competencia entre os reinos nórdicos. Os reis suecos tamén comezaron a expandir o seu territorio cara a Finlandia, creando conflitos cos rus, que xa non tiñan ningunha conexión con Suecia para ese momento.

No século XIV, Suecia foi afectada pola peste negra (peste bubónica). Durante este período as cidades suecas tamén comezaron a adquirir mellores dereitos e foron fortemente influenciadas polos mercadores alemáns da Liga Hanseática, activos especialmente en Visby. En 1319, Suecia e Noruega foron unidos polo rei Magnus Eriksson e en 1397 a raíña Margarida I de Dinamarca efectuou unha unión persoal de Suecia, Noruega e Dinamarca, nacendo así a Unión de Kalmar. Con todo, os sucesores de Margarita, cuxo poder só estaba situado en Dinamarca, non podían controlar a nobreza sueca. O poder real tíñano por longos períodos de tempo, rexentes elixidos polo parlamento sueco. O rei Christian II de Dinamarca, quen fixo valer a súa condición a Suecia por medio das armas, ordenou un masacre da nobreza sueca en Estocolmo. A matanza foi coñecida como o "Baño de sangue de Estocolmo" e incitou á nobreza sueca a formar unha nova resistencia e, o 6 de xuño, hoxe a festa nacional de Suecia, de 1523, nomearon a Gustavo I de Suecia como o seu rei. Este feito a miúdo é considerado como a fundación do estado moderno de Suecia. Pouco despois, Gustavo I rexeitou o catolicismo e introduciu a Suecia á Reforma protestante. Por estes acontecementos Gustavo I é considerado como o "Pai da Nación".

Imperio Sueco

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Imperio Sueco.
Formación do Imperio sueco, 1560-1660.

Durante o século XVII Suecia emerxeu como unha potencia europea. Antes de xurdir o Imperio Sueco, Suecia era un país moi pobre, escasamente poboado, pouco coñecido no norte de Europa e sen ningún poder importante nin reputación. Con todo, foi repentinamente convertido nunha das nacións líderes en Europa por Axel Oxenstierna e o rei Gustavo II Adolfo de Suecia, grazas á conquista de territorios de Rusia e Polonia-Lituania, mais tamén grazas á súa participación na guerra dos 30 anos, a cal converteu a Suecia no líder continental do protestantismo até o colapso do imperio en 1721.

A guerra de Gustavo II Adolfo en contra do Sacro Imperio Romano Xermánico tivo un alto custo para este último, morrendo un terzo da súa poboación, e conquistando Suecia preto da metade dos estados que o compuñan. O plan de Gustavo II Adolfo era converterse no novo emperador do Sacro Imperio, sobre a base da unidade entre Escandinavia e os estados xermánicos. Porén, despois da súa morte en 1632 na batalla de Lützen, os reveses comezaron a sucederse. Despois da batalla de Nördlingen a esperanza de controlar os estados xermánicos volveuse improbable, e as provincias conquistadas separáronse do dominio sueco unha a unha, deixando a Suecia con só un par de territorios ao norte de Alemaña: Pomerania Sueca, Bremen-Verden e Wismar.

Suecia alcanzou a súa máxima expansión territorial baixo o reinado de Carlos X de Suecia (1622-1660) despois do Tratado de Roskilde en 1658.[3][4] O rei Gustavo I, a mediados do século XIV converteu ao país ao protestantismo e fixo unha reforma con éxito na economía.[5] O século XVII viu a Suecia envolvida en varias guerras, como a que sostivo en contra de Polonia-Lituania, con ambos os bandos competindo polos territorios dos Países Bálticos, sendo a batalla de Kircholm unha das peores derrotas suecas.[6] Este período tamén foi testemuña de "A Inundación", a invasión sueca da Unión de Polonia-Lituania. Despois de máis de medio século dunha guerra case constante, a economía sueca deteriorouse seriamente. Reconstruír a economía e recuperar o poder militar converteríase nun labor que se estendería durante toda a vida do sucesor de Carlos X, Carlos XI de Suecia. O legado para o seu fillo, o seguinte rei de Suecia Carlos XII, foi un dos mellores arsenais no mundo, un exército numeroso e unha gran frota.

Gustavo II Adolfo de Suecia.

Despois da batalla de Narva en 1700, unha das primeiras batallas da gran guerra do Norte o exército ruso, peor equipado e adestrado, e moi desmoralizado pola retirada de Pedro I antes da batalla, foi severamente danado, dándolle a Suecia a oportunidade de invadir Rusia. Con todo, Carlos XII non perseguiu o exército ruso, senón que se dirixiu para Polonia-Lituania e derrotou o rei polaco Augusto II e os seus aliados saxóns na batalla de Kliszow en 1702. Despois da exitosa invasión a Polonia, Carlos XII tiña preparado o terreo para invadir Rusia atacando a súa capital, Moscova, dende Ucraína. Ademais do seu exército contaba coa axuda de preto de dous mil cosacos ucraínos, mais nesta ocasión o exército tsarista estaba mellor preparado e motivado, e despois de acosar os invasores cos xinetes cosacos e minguar as súas subministracións con técnicas de terra queimada, Pedro I derrotou decisivamente os suecos na batalla de Poltava en 1709. Os suecos foron perseguidos rendéndose tres días despois en Perevolochna. Esta derrota significou o comezo do fin do Imperio sueco.

Carlos XII tentou invadir Noruega en 1716, con todo acabou morrendo no sitio da fortaleza Fredriksten en 1718. Os suecos non foron derrotados militarmente en Fredriksten, pero a organización e estrutura da campaña norueguesa levaron á morte ao rei e ao retiro do exército. Forzada a ceder grandes extensións de terra no Tratado de Nystad en 1721, Suecia tamén perdeu o seu lugar como imperio e como o estado dominante do mar Báltico. Coa perda da influencia sueca, Rusia emerxeu como un imperio e converteuse nunha das nacións dominantes en Europa.

No século XVII, Suecia xa non tiña os suficientes recursos para manter os seus territorios fóra de Escandinavia, debido ao cal perdeu a maioría, culminando na perda do leste de Suecia con Rusia, territorios que se converterían no semi-autónomo Ducado de Finlandia na Rusia Imperial. Despois de que Dinamarca-Noruega fose derrotada nas guerras napoleónicas, Noruega foi cedida a Suecia o 14 de xaneiro de 1814 a cambio das provincias do norte de Alemaña, no Tratado de Kiel. Os intentos de Noruega de manterse como unha nación soberana foron repelidos polo rei Carlos XIII de Suecia, lanzando unha campaña militar contra ese país o 27 de xullo de 1814, terminando coa Convención de Moss, a cal forzou a Noruega a unha unión persoal con Suecia baixo o poder sueco, que permaneceu até 1905. A campaña de 1814 foi a última guerra na que Suecia participou como belixerante.

A modernización

[editar | editar a fonte]
August Palm, figura clave na introdución do socialismo en Suecia.

Os séculos XVIII e XIX viron un importante crecemento demográfico, que o escritor Esaias Tegnér en 1833 atribuíu a "a paz, a vacina (contra a varíola), e as patacas".[7] Entre 1750 e 1850 a poboación sueca duplicouse. De acordo a algúns especialistas, a emigración en masa cara a Estados Unidos converteuse na única forma de evitar a fame e a rebelión; máis do 1% da poboación emigraba anualmente durante a década de 1880, así pois entre 1850 e 1910 máis dun millón de suecos migraron cara aos Estados Unidos e a comezos do século XX, vivían máis suecos en Chicago que en Gotemburgo, a segunda cidade maior de Suecia.[8] A maioría dos inmigrantes suecos radicáronse no Medio Oeste estadounidense, alcanzando unha grande incidencia na poboación de Minnesota. Como destinos secundarios, outras correntes suecas dirixíronse a Delaware, ao Canadá, a Chile e con menor intensidade á Arxentina.

Aínda que o proceso de industrialización de Suecia desenvolveuse lentamente, a agricultura experimentou cambios importantes debido ás innovacións tecnolóxicas e ao crecemento da poboación. Estas innovacións incluían programas do goberno de cercamento, sobre-explotación das terras agrícolas e a introdución de novas especias. Tamén debido ao feito de que os campesiños suecos foran explotados como en ningún outro lugar en Europa,[9] a cultura granxeira sueca adquiriu un papel destacado na política, característica que se mantivo no tempo, co Partido Agrario, actualmente chamado Partido do Centro. Entre 1870 e 1914, Suecia comezou a industrializarse nun proceso que se mantería en diante.

Durante a segunda metade do século XIX, producíronse fortes movementos sociais e sindicais, así como de grupos abstinentes e relixiosos independentes, que comezaron a pular por un Estado democrático e en 1889 fundouse o Partido Socialdemócrata Sueco. Estes movementos levaron o país a unha moderna democracia parlamentaria, acadada na época da primeira guerra mundial. Como a Revolución Industrial avanzaba durante o século XX, a poboación rural comezou a migrar ás cidades para traballar nas fábricas e comezaron a ser incluídos en sindicatos. En 1917 fracasou unha revolución socialista, mais para iso debeuse establecer unha monarquía parlamentaria de tipo democrático.

Guerras mundiais

[editar | editar a fonte]
Soldado sueco durante a segunda guerra mundial.

Suecia mantívose oficialmente neutral durante ambas as guerras mundiais, aínda que a súa neutralidade na segunda guerra mundial foi debatida moitas veces, estando baixo a influencia alemá a maior parte da guerra e illados do resto do mundo por medio de bloqueos. Inicialmente, o goberno sueco considerou que non estaba en posición de oporse a Alemaña, posteriormente colaborou con Hitler.[10] Os voluntarios suecos nas unidades nazis Schutzstaffel (SS) estiveron entre os primeiros en invadir a Unión Soviética durante a Operación Barbarroxa. Suecia tamén proporcionou aceiro, rodamentos e maquinaria a Alemaña durante a guerra. No final da contenda, cando a derrota alemá parecía inminente, Suecia comezou a ter un papel relevante nos esforzos humanitarios e acoller refuxiados, entre eles os moitos xudeus da Europa ocupada polos nazis que foron salvados en parte porque Suecia participou en misións de rescate en campos de concentración, sendo o principal centro de refuxiados de Escandinavia e os países Bálticos. Con todo, críticas internas e externas aseguran que Suecia puido facer máis para resistir as ameazas dos nazis, mesmo se corría o risco dunha ocupación.

Desde aproximadamente 1934 até 1975, Suecia esterilizou a máis de 62.000 persoas levando á práctica as teorías euxenéticas que supoñen que existe unha relación a etnia e a raza coa saúde mental e física. En 1996 os socialdemócratas rexeitaron o pago de compensacións ás vítimas, porén en 1999 o goberno sueco comezou a indemnizar as vítimas e os seus familiares.[11]

Historia recente

[editar | editar a fonte]

Durante a guerra fría Suecia adoptou publicamente unha posición de neutralidade, mais de xeito non oficial os líderes suecos mantiveron conexións estreitas cos Estados Unidos. A principios de 1960, Suecia e os Estados Unidos acordaron despregar submarinos nucleares fóra da costa leste sueca e ese mesmo ano ambos os países fixeron un pacto secreto de defensa que foi dado a coñecer recentemente en 1994.

Despois da segunda guerra mundial, Suecia tomou vantaxe da súa base industrial intacta, estabilidade social e dos seus recursos naturais para expandir a súa industria e apoiar a reconstrución de Europa. Suecia foi parte do Plan Marshall e participou na Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Durante a maior parte da posguerra, o país foi gobernado polo Partido Socialdemócrata Sueco (en sueco: Socialdemokraterna). Este partido estableceu un modelo corporativista que favoreceu as grandes empresas capitalistas, pero tamén aos sindicatos, organizados na Confederación de Sindicatos Suecos (LTC), afiliada ao mesmo partido.[12]

Carlos XVI Gustavo é o xefe de estado e Rei de Suecia dende 1973.

O Estado sueco adquiriu un rol decisivo e a cantidade de empregados públicos aumentou notablemente entre 1960 e 1980.[12] Finalmente, o país abriuse ao comercio internacional e orientouse ao competitivo sector manufactureiro internacional, obtendo boas taxas de crecemento até a década de 1970.

Como outros países do mundo, entrou nun período de declinación económica, logo dos embargos de petróleo de 1973-1974 e 1978-1979. Na década de 1980 os alicerces da industria sueca foron fortemente reestruturados. A construción de barcos foi descontinuada, a talla de bosques foi integrada á produción moderna de papel, a industria do aceiro foi concentrada e especializada, e a enxeñaría mecánica foi robotizada. Entre 1970 e 1990 case tódolos impostos foron elevados máis do 10%, e o crecemento foi moi lento comparado coa maioría dos países de Europa Occidental. O imposto de límite de ingresos para os traballadores alcanzou a máis do 80% e o gasto público superou a metade do PIB nacional, á vez que a súa política económica era cuestionada polos economistas clásicos.[12]

A principios da década de 1990 Suecia caeu nunha crise fiscal. A resposta do goberno foi reducir os gastos e instituír unha serie de reformas para impulsar a competitividade de Suecia, entre as que se atopaban reducir o estado de benestar sueco e privatizar bens e servizos públicos. As reformas permitíronlle entrar na Unión Europea, á cal Suecia pertence dende o 1 de xaneiro de 1995, aínda que sen adoptar o euro, mantendo a coroa sueca como a súa moeda nacional.

Actualmente Suecia é un dos países con máis alto Índice de Desenvolvemento Humano, atopándose entre as vinte economías maiores do mundo. Suecia tamén adoita participar en operacións militares internacionais, incluíndo Afganistán, onde as tropas suecas están baixo o mando da OTAN; e na Unión Europea apoiando operacións das "forzas de paz" en países como Kosovo, Bosnia e Hercegovina e Chipre. Ademais, varias empresas suecas exportan armamento que é utilizado polo exército estadounidense en Iraq.[13]

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Lapporten, a "Porta de Lapland".
Igrexa de Kiruna, a cidade sueca máis setentrional.

Situada no norte de Europa, Suecia limita ao leste co Mar Báltico e o Golfo de Botnia, dando ao país unha longa liña costeira, que forma a parte leste da península Escandinava. O país mide 1.600 km ao longo e 500 ao ancho. Na zona oeste atópanse os Alpes escandinavos (en sueco: Skaderna), os cales forman unha fronteira natural con Noruega, cubertos de neves eternas, nos que ademais teñen a súa orixe infinidade de fluxos de auga que cruzan o país de oeste a leste.

A altitude mínima de Suecia atópase na baía do Lago Hammarsjön, preto de Kristianstad con 2,41 metros baixo o nivel do mar. A altitude máxima do país está no monte Kebnekaise con 2.111 m de altitude. No centro do país concéntranse os lagos, sendo o Vättern e o Vänern os máis extensos de Suecia, sendo este último o lago maior do norte de Europa e o terceiro maior do continente europeo, despois dos lagos Ladoga e Onega en Rusia.

Con 449.964 km², Suecia é o 57° país maior do mundo, sendo o quinto maior de Europa e o maior de Europa do norte. Ao nordés limita con Finlandia, ao suroeste cos estreitos de Skagerrak, Kattegat e Öresund. Ademais, posúe límites mariños con Dinamarca, Alemaña, Polonia, Rusia, Lituania, Letonia e Estonia, estando conectada con Dinamarca pola ponte de Oresund. Condado de Gotland e Öland son as dúas maiores illas de Suecia, inda que hai ademais unha gran cantidade de illas máis pequenas como as que forman a capital, Estocolmo.

Suecia conta con vinte e cinco provincias históricas chamadas landskap, baseadas en cultura, xeografía e historia: Bohuslän, Condado de Blekinge, Condado de Dalarna, Dalsland, Condado de Gotland, Gästrikland, Condado de Halland, Hälsingland, Härjedalen, Condado de Jämtland, Lappland, Medelpad, Norrbotten, Närke, Skåne, Småland, Condado de Södermanland, Uppland, Condado de Värmland, Condado de Västmanland, Condado de Västerbotten, Västergötland, Ångermanland, Öland e Condado de Östergötland. Estas provincias teñen importancia na identidade da xente que as habita. As provincias habitualmente son agrupadas en tres grandes rexións: o norte Norrland, o centro Svealand e o sur Götaland. A escasamente poboada Norrland ocupa case o 60% do país. Preto do 15% do territorio de Suecia esta dentro do Círculo polar ártico. O sur de Suecia é predominantemente agrícola, mentres no norte a actividade forestal é ampla. As rexións máis densamente poboadas son Öresund no sur, e o val do lago Mälaren preto de Estocolmo.

Foto satélite de Escandinavia, cuberta pola neve, e Golfo de Botnia. Tomada o 15 de marzo de 2002.

A maior parte de Suecia posúe un clima tépedo, a pesar da súa latitude, con catro estacións diferentes e temperaturas tépedas todo o ano. O país pode ser dividido en tres tipos de clima: a parte sur cun clima oceánico, a parte central cun clima húmido continental e a parte norte cun clima boreal. Con todo, Suecia é máis cálida e seca que outros lugares de latitudes similares e doutras mesmo máis ao sur, debido principalmente á corrente do Golfo.[14][15] Por exemplo, o centro e sur do país teñen invernos máis cálidos que moitas partes de Rusia, o Canadá e os Estados Unidos.[16] Debido á súa localización, a duración do día varía enormemente. Ao norte do Círculo polar ártico, o sol nunca se pon nalgúns días do verán, e nalgúns días do inverno nunca amence. O día en Estocolmo dura máis de 18 horas no final de xuño, pero só ao redor de 6 horas no final de decembro. Gran parte do territorio sueco recibe entre 1.600 e 2.000 horas de luz solar anualmente.

A temperatura varía de norte ao sur. A parte central e sur do país ten veráns cálidos e invernos fríos, con temperaturas máximas entre 20 a 25 °C e mínimas entre 12 e 15 °C durante o verán; e unha temperatura media de -4 a 2 °C no inverno. Pola súa banda, a parte norte do país ten veráns máis curtos e frescos, e invernos máis longos e fríos con temperaturas usualmente baixo o punto de conxelación desde setembro até maio. Ondas de calor ocorren ocasionalmente, e temperaturas por encima dos 25 °C preséntanse durante varios días no verán, ás veces até na parte norte do país. A temperatura máis alta rexistrada en Suecia foi de 38 °C en Målilla, en 1947, mentres a temperatura máis baixa foi de -52,6 °C en Vuoggatjålme en 1966.[17]

De media, a maior parte de Suecia recibe entre 500 e 800 mm de precipitación cada ano, facendo o país considerablemente máis seco que a media mundial. O suroeste é a rexión do país con máis precipitacións, entre 1000 e 1200 mm, e nalgunhas zonas montañosas do norte estímase que se reciben máis de 2000 mm de precipitacións. As nevadas ocorren de decembro a marzo no sur, de novembro a abril no centro e de outubro a maio no norte de Suecia. A pesar da súa situación xeográfica, a parte central e sur do país tenden a estar virtualmente libres de neve.

Temperaturas máximas e mínimas (°C)[18]
Cidade Xan Feb Mar Abr Mai Xun Xul Ago Set Out Nov Dec
Kiruna -10/-16 -8/-15 -4/-13 2/-7 8/0 14/6 17/8 14/6 9/2 1/-4 -5/-10 -8/-15
Östersund -5/-10 -3/-9 0/-6 5/-2 12/3 16/8 18/10 17/10 12/6 6/2 0/-3 -3/-8
Estocolmo 1/-2 1/-3 4/-2 11/3 16/8 20/12 23/15 22/14 17/10 10/6 5/2 1/-1
Gotemburgo 2/-1 4/-1 6/0 11/3 16/8 19/12 22/14 22/14 18/10 12/6 7/3 3/-1
Visby 1/-2 1/-3 3/-2 9/1 14/6 18/10 21/13 20/13 16/9 10/6 5/2 2/0
Malmö 3/-1 3/-1 6/0 12/3 17/8 19/11 22/13 22/14 18/10 12/6 8/4 4/1

Política e goberno

[editar | editar a fonte]
O Riksdag en Estocolmo.
A Asemblea sueca en 2006.
Trono do Rei de Suecia, datado de 1650.

Suecia é unha monarquía constitucional parlamentaria, sendo o poder do rei constantemente reducido. A constitución de 1974 restrinxiu a actuación da realeza a funcións cerimoniais, mais o rei conserva aínda a función de xefe de estado. A sociedade e a opinión pública sueca nunca expresaron un forte desexo pola instalación dunha república, porén o Partido Social-Demócrata e o Partido de Esquerda manteñen nas súas propostas políticas a abolición da monarquía.

Constitucionalmente, os 349 membros do Riksdag (Parlamento) teñen a autoridade suprema de goberno. O Riksdag é responsable da elección do Primeiro Ministro, quen dirixe o goberno (os ministerios). O poder lexislativo é compartido entre o Parlamento e o Primeiro Ministro. O poder executivo é exercido polo gobernante, mentres o poder xudicial é independente. Conta cun organismo chamado Lagrådet (Consello de Leis), que ten a facultade de examinar a constitucionalidade das leis e decisións do goberno, aínda que as súas resolucións non son obrigatorias; con todo, debido ás restricións desta forma de control de constitucionalidade e a unha débil xurisdición, os seus labores tiveron pouca actividade.

Os proxectos de lei deben ser presentados polo gabinete ou polos parlamentarios. Os membros do Parlamento son elixidos en base de escrutinio proporcional plurinominal para un período de catro anos. A Constitución pode ser modificada polo Riksdag, para o que se require que a decisión sexa aprobada por unha maioría absoluta entre períodos de eleccións xerais. Suecia ten outro tres leis constitucionais: A Acta de Sucesión Real, a Acta de Liberdade de Prensa e a Lei Fundamental para a Liberdade de Expresión.

En Suecia o número de votantes sempre foi alto a comparación de moitos países, aínda que ha ir en descenso en décadas recentes, e actualmente é de ao redor do 80% (80,11% en 2002 e 81,99% en 2006). Os políticos suecos gozaban dun alto grao de confianza dos cidadáns na década de 1960, mais co paso dos anos esta foi diminuíndo até alcanzar o nivel de confianza máis baixo dos países da rexión. En canto a movementos políticos, Suecia ten unha longa historia dos chamados Folkrörelser ("movementos populares"), sendo os máis notables os sindicatos, o movemento independente cristián, o movemento de abstinencia, o movemento feminista e, máis recentemente, o movemento deportivo.

Polas décadas de 1960 e 1970 xurdiu por primeira vez en Suecia un movemento que agora se coñece como a "revolución sexual", especialmente promovendo a igualdade de xénero. Actualmente, a porcentaxe de persoas solteiras é un dos máis altos no mundo. En décadas recentes, Suecia converteuse nun país tolerante coa homosexualidade e dende 2009 está permitido o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Os principais partidos políticos do país son o Socialdemócrata (SAP), o Partido da Esquerda (V), o Partido Verde (MP), o Partido da Coalición Moderada (M), o Partido Demócrata cristiá (Kd) e Partido Popular Liberal (FP). En setembro do ano 2006, os seguintes partidos tiñan asentos no Riksdag:

  • Socialdemokraterna (Social Demócratas): 130 asentos, 35% dos votos.
  • Moderaterna (Moderados): 97 asentos, 26.2% dos votos.
  • Centerpartiet (Partidos de Centro): 29 asentos, 7.9% dos votos.
  • Folkpartiet liberalerna (Partido Liberal): 28 asentos, 7.5% dos votos.
  • Kristdemokraterna (Demócratas Cristiáns): 24 asentos, 6.6% dos votos.
  • Vänsterpartiet (Partido de Esquerda): 22 asentos, 5.8% dos votos.
  • Miljöpartiet (Os Verdes): 19 asentos, 5.2% dos votos.
Vehículo da Policía, fabricado pola casa sueca Volvo (modelo Volvo V70).

A Suprema Corte de Suecia é a terceira e última instancia en todos os casos civís e criminais en Suecia. A Suprema Corte consiste en dezaseis Conselleiros de Xustiza ou Justitieråd os cales son apoiados polo goberno sueco, pero a corte como unha institución é independente do Parlamento, e o goberno non pode interferir nas decisións da corte.

A aplicación da lei en Suecia é levada a cabo por varias institucións gobernamentais. O Servizo Policial Sueco (encargado da organización da policía), a Forza Operante Nacional (semellante á unidade SWAT dos Estados Unidos), o Departamento Nacional de Investigación Criminal e o Servizo de Seguridade Sueco (responsables de actividades anti-terroristas e de contraespionaxe) son algunhas das axencias do goberno encargadas de facer cumprir a constitución e protexer o país.

De acordo cun estudo de vitimización feito a 1.201 suecos en 2005, Suecia ten un alto índice de delincuencia comparado con outros países da Unión Europea. Os delitos máis frecuentes son asaltos, crimes sexuais, crimes de odio e fraudes. Con todo, Suecia presenta baixos niveis de roubos a vivendas e de automóbiles, problemas de adiccións e corrupción.

Subdivisións administrativas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Condados de Suecia.

Suecia está dividida en tres grandes partes, Götaland, ao sur, englobando a cidade de Malmö, Svealand, na parte central, que engloba Gotemburgo, Estocolmo e Norrland, que fica ao norte. Cada unha desas tres partes está subdividida en rexións menores chamadas landskaps. Os landskaps non teñen máis significado administrativo ningún, mais sen un significado histórico. Actualmente, os landstings son os equivalentes ao landskaps con significado administrativo de aproximadamente o mesmo deseño dos antigos landskaps.

Imaxe do norte da Laponia.
Arquipélago en Gotemburgo.
Imaxe de Skåne.
Suecia Identificación Escudo Condado Capital
AB Estocolmo Estocolmo Estocolmo
AC Västerbotten Västerbotten Umeå
BD Norrbotten Norrbotten Luleå
C Uppsala Uppsala Uppsala
D Södermanland Södermanland Nyköping
E Östergötland Östergötland Linköping
F Jönköping Jönköping Jönköping
G Kronoberg Kronoberg Växjö
H Kalmar Kalmar Kalmar
I Gotland Gotland Visby
K Blekinge Blekinge Karlskrona
M Escania Escania Malmö
N Halland Halland Halmstad
O Västra Götaland Västra Götaland Gotemburgo
S Värmland Värmland Karlstad
T Örebro Örebro Örebro
U Västmanland Västmanland Västerås
W Dalarna Dalarna Falun
X Gävleborg Gävleborg Gävle
Y Västernorrland Västernorrland Härnösand
Z Jämtland Jämtland Östersund

Demografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Demografía de Suecia.
Castelo Kalmar

Suecia ten unha das maiores esperanzas de vida do mundo. O 4 de agosto do ano 2004, a poboación de Suecia pasou a barreira dos nove millóns segundo o SCB. En setembro do 2013, a poboación era de 9.625.444[19]. O 86.7% da poboación era de etnia Sueca.

As maiores comunidades de non-suecos están formadas polos fineses os cales fan o 2% da poboación. Outros importantes proveñen doutros países Escandinavos, da antiga Iugoslavia, e do Oriente Medio. Outro importante grupo son os indíxenas saami que viven no norte de Suecia nunha comunidade de 17.000 persoas.

Suecia transformouse dunha nación de emigrantes ó acabar a primeira guerra mundial a unha nación de inmigrantes ao acaba-la segunda guerra mundial. Hoxe en día o 12% dos habitantes naceu no estranxeiro, e un quinto da poboación son fillos ou netos de inmigrantes. Os maiores grupos veñen de Finlandia, da antiga Iugoslavia, do Oriente Medio e doutros países nórdicos nesa orde.

As intervencións Soviéticas contra a Revolución Húngara de 1956 e a liberación de Checoslovaquia en 1968 resultou na primeira chegada de refuxiados políticos. Algúns americanos desertores da guerra de Guerra de Vietnam tamén atoparon refuxio entre os Suecos, os cales estaban encontra do imperialismo feito pola Unión Soviética e os Estados Unidos de América. Despois do golpe militar de 1973 en Chile, e as seguintes ditaduras de Chile e outros países suramericanos, os refuxiados políticos cambiaron a imaxe da inmigración en Suecia , incluídos os refuxiados de Irán, Iraq e Palestina.

Cidades máis importantes

[editar | editar a fonte]
Área de distribución da lingua sueca.
Artigo principal: Idiomas de Suecia.

O sueco é unha lingua xermánica falada no norte de Europa , en concreto en Suecia e na costa de Finlandia (falada por un 5% dos fineses) , é moi similar ó danés e ao noruegués, mais diferénciase deles na pronunciación e ortografía. Suecia non ten ningunha lingua oficial aínda que o Sueco ten de facto o status de lingua oficial. A lingua dominante sempre foi o sueco por iso nunca houbo unha necesidade política de facela oficial Aínda así con recoñecemento de cinco linguas minoritarias (finés, meänkieli, saami, romaní e yiddish) o 1 de abril do ano 2000, a necesidade de facer o sueco oficial faise cada vez máis popular e o 7 de decembro do ano 2005, o parlamento votou para este recoñecemento, porén non tivo éxito.

A maioría dos suecos, especialmente aqueles menores de 60 anos , son capaces de entender e falar inglés grazas ó comercio e a popularidade de viaxar ó estranxeiro xunto co a forte influencia Anglo-americana e tamén a tradición de subtitular as series de televisión e os filmes. O inglés se converteu nunha materia obrigatoria na escola secundaria para os estudantes de Ciencias Naturais en 1849 e para o resto dos estudantes suecos dende 1940. Dependendo da escola, o Inglés é unha materia obrigatoria dende terceiro ata noveno grao, todos os estudantes continúan estudándoo tamén no primeiro curso da escola secundaria.

Relixión

[editar | editar a fonte]
Catedral de Uppsala.

Suecia é un dos países onde existe menos sentimento relixioso, entre 46 e un 85%, segundo diversos estudos sociolóxicos, da poboación sueca pódese categorizar como ateos, agnosticos ou que non cren en ningún tipo de deus.[20] Non obstante o anterior no ano 2011 o 68,8% dos suecos son formalmente membros da Igrexa de Suecia, de tradición luterana e que ata o ano 2000 tiña o rango de igrexa de estado. Así e todo a alta porcentaxe de bautizados, un 65%, a participación en actos relixiosos é moi baixa, salientando tan só a porcentaxe de funerais, un 84% fanse no seo da igrexa.[21] Aproximadamente un 0,7% dos membros da igrexa abandónana cada ano.[22] En Suecia existen outras confesións relixiosas, moitas son numerosas por efecto dos inmigrantes chegados á Suecia ao longo da súa historia, así teñen tradición no país os católicos, ortodoxos, musulmáns e outras denominacións protestantes, coñecidas no país co termo de Igrexa Libre, por oposición á antiga Igrexa oficial, a Igrexa de Suecia. No ano 2006 había 400.000 musulmáns no país[23] calculándose un 5% os practicantes.[24] Outras confesións presentes en Suecia pero cun número de membros máis reducido son os budistas, xudeus, hindús e bahaítas e nos últimos anos apareceron tamén neopaganos e reviviuse a relixión tradicional saami.

Economía

[editar | editar a fonte]
Sede de Volvo, en Gotemburgo.
Sede de Ericsson, en Estocolmo.
IKEA, en Elmhult.
Artigo principal: Economía de Suecia.

Suecia ten unha economía de mercado fortemente regulada polo Estado, que foi coñecida como modelo sueco e presentada como exemplo do proposta socio-económica da socialdemocracia europea.[25] Orientada principalmente á exportación, conta cun moderno sistema de distribución, suficientes comunicacións externas e internas e unha forza de traballo especializada. A madeira, a enerxía hidráulica e o ferro constitúen a base da súa economía altamente enfocada cara ao comercio internacional. A enxeñaría achega o 50% da produción e exportacións. As telecomunicacións e as industrias automotriz e farmacéutica son tamén de grande importancia. A agricultura conta co 2% do PIB e emprego.

No final do 2007 as vinte compañías maiores rexistradas en Suecia eran Volvo, Ericsson, Vattenfall, Skanska, Sony Ericsson Mobile Communications AB, Svenska Cellulosa Aktiebolaget, Electrolux, Volvo Personvagnar, TeliaSonera, Sandvik, Scania, IKEA, Hennes & Mauritz, Nordea, Preem, Atlas Copco, Securitas, Nordstjernan e SKF.[26]

Case toda a produción industrial sueca é realizada por empresas privadas, feito que contrasta con outros países industrializados, como Austria e Italia, onde as empresas do Estado teñen maior presenza. O goberno de centro-dereita do primeiro ministro Fredrik Reinfeldt instalado en 2006, anunciou que privatizaría a maioría das empresas estatais e até 2008 vendera Vin & Sprit (V&S), produtora do vodka Absolut, a aseguradora Vasakronan e as accións en OMX, empresa que controla a Bolsa de Valores.[27]

A poboación economicamente activa (PEA) é duns 4,5 millóns de persoas, dos cales ao redor dun terzo contan con estudos de educación superior. A economía do país crece a un ritmo de 2% por ano. O traballador medio recibe 40% do seu salario despois do cobro de impostos e achegues á seguridade social, polo que a presión impositiva en Suecia é alta comparada cos demais países desenvolvidos, alcanzando o 51,1% do PIB en 2007, case o dobre que a de países como Estados Unidos ou Irlanda. Os empregados públicos suman case un terzo da forza de traballo, unha taxa máis alta que a maioría dos países. O crecemento do PIB acelerouse desde as reformas realizadas na década de 1990, especialmente no sector manufactureiro.[28]

O Foro Económico Mundial de 2008 considerou a Suecia como o terceiro país máis competitivo do mundo.[29] Pola súa banda, o Índice de Liberdade Económica situouna no posto 27 entre 162 países avaliados, e 14 entre os 41 países europeos. Finalmente, ocupou o posto número 9 do Anuario IMD de Competitividade 2008.[30] Suecia rexeitou o euro como moeda a través de voto popular e actualmente a moeda oficial do país é a coroa sueca (SEK). O Banco Central Sueco (Sveriges Riksbank), fundado en 1668 o que o fai o banco central máis antigo do mundo, ocúpase da estabilidade dos prezos, mantendo a inflación nun 2% anual, un dos máis baixos entre os países europeos dende mediados da década de 1990. Os países cos que efectúa a maior parte da actividade financeira son Alemaña, Estados Unidos, Noruega, Reino Unido, Dinamarca e Finlandia.

Ciencia e tecnoloxía

[editar | editar a fonte]
Sede da Real Academia das Ciencias de Suecia.

Sendo un país desenvolvido moi avanzado, as investigacións científicas teñen un papel clave para o desenvolvemento económico e para a sociedade en xeral, e a alta calidade no desenvolvemento científico e tecnolóxico de Suecia é recoñecida ao redor do mundo. Xuntos, o sector público e privado destinan preto do 4% do PIB á investigación e desenvolvemento, o cal converte a Suecia nun dos países que máis inviste en I+D+I en termos de porcentaxe do PIB. O estándar das investigacións suecas é alto e o país é líder mundial en múltiples campos importantes. Estatisticamente, Suecia é o primeiro en Europa en canto ao número de traballos científicos publicados per cápita.[31]

Aínda que é un país relativamente pequeno, Suecia estivo dende hai moito tempo na vangarda de I+D+I. Por varias décadas, o goberno decidiu poñer como prioritarias algunhas actividades científicas de investigación. Este forte apoio axudou a Suecia a converterse nun país líder en termos de innovación. As estatísticas demostran que dende 1970 a 2003, o sistema nacional de innovación sueco estaba entre os mellores dos países membros da OCDE en canto á xeración de invencións tecnolóxicas e o número de patentes rexistradas de acordo co tamaño da poboación. Só Suíza reportou un maior índice de patentes en relación á súa poboación. Alén diso, Suecia atopábase entre os países co maior número de publicacións científicas nos campos de ciencia médica, ciencias naturais e enxeñaría no 2001.

En termos de estrutura, a economía de Suecia é caracterizada polas súas grandes exportacións orientadas cara ao sector tecnolóxico e industrial, así como os comparativamente pequenos sectores de servizos e finanzas. Así a ciencia e tecnoloxía volvéronse unha parte importante para a economía do país, principalmente para as grandes organizacións industriais e de servizos que a dominan.

Alfred Nobel

Foi no século XVIII cando tivo lugar a Revolución científica. Previamente, os avances tecnolóxicos chegaran da man de profesionais que inmigraran doutros países europeos. En 1739 fundouse a Real Academia das Ciencias de Suecia, con personaxes como Carl von Linné e Anders Celsius entre os seus primeiros membros. Dende 1870, moitas compañías de enxeñaría foron creadas a un ritmo nunca antes visto e os enxeñeiros convertéronse nos heroes da época. Moitas das compañías fundadas por estes pioneiros son aínda recoñecidas a nivel internacional.

Alfred Nobel inventou a dinamita e instituíu o Premio Nobel. Gustaf Dalén fundou a compañía de gas AGA e gañou o Premio Nobel de Física polas súas válvulas solares. Lars Magnus Ericsson comezou a empresa que leva o seu nome, Ericsson, que hoxe en día é unha das compañías de telecomunicacións maiores do mundo. Jonas Wenström foi un pioneiro na corrente alterna e xunto co inventor croata Nikola Tesla, inventou o sistema electrónico de tres fases.

A tradicional industria e enxeñaría son aínda unha das principais fontes de invencións suecas, pero a electrónica, farmacéutica e outras industrias de alta tecnoloxía comezan a gañar terreo. O Tetra pack foi inventado polo sueco Erik Wallenberg. Håkan Lans inventou o Automatic Identification System, unha ferramenta usada por buques e avións civís a nivel mundial. Losec, un medicamento contra as úlceras, foi a medicina máis vendida na década de 1990 e foi desenvolvida por AstraZeneca, unha compañía anglo-sueca. Gran parte das industrias suecas multinacionais tiveron as súas orixes no enxeño de múltiples inventores suecos.[32] Suecia tiña un total de 33.523 patentes até o ano 2007, de acordo coa Oficina de Patentes e Marcas Rexistradas dos Estados Unidos, con só dez países superando este número.[33]

Véxase tamén: Premios Nobel.
Tradicional casa rural en Suecia.

A cultura de Suecia é percibida tipicamente como igualitaria, sinxela e aberta a influencias doutros países. O país recibiu a influencia cultural doutros países e institucións: a Igrexa católica e Alemaña durante a Idade Media, Francia durante o século XVIII, de novo Alemaña no século XIX e os países de cultura anglosaxoa despois da segunda guerra mundial.

Outro aspecto cultural destacado a nivel internacional é a entrega do Premio Nobel, instituídos polo inventor sueco Alfred Nobel. Este galardón outorgase cada ano dende 1901 a persoas que fixeron investigacións sobresalientes, inventado técnicas ou equipamento revolucionario ou contribucións notables á sociedade.

Suecia foi berce de varios escritores recoñecidos a nivel mundial incluíndo a August Strindberg, Astrid Lindgren, Stieg Larsson e os gañadores do Premio Nobel Selma Lagerlöf e Harry Martinson. En total entregáronse sete Premios Nobel de Literatura a escritores suecos. Entre os artistas máis coñecidos do país atópanse pintores como Carl Larsson e Anders Zorn, e os escultores Tobias Sergel e Carl Milles.

Agnetha Fältskog, vocalista de ABBA, Oslo (1977)
Amon Amarth

Suecia conta cunha rica tradición musical que abrangue dende as baladas folclóricas medievais até o hip hop. A música nórdica pre-cristiá perdeuse co paso do tempo, aínda que existen recreacións históricas baseadas en instrumentos atopados en sitios arqueolóxicos viquingos. Entre os instrumentos utilizados atópanse o lur (unha especie de trompeta), instrumentos de corda sinxelos, frautas de madeira e tambores. É posible que algúns trazos da música viquinga permanezan até hoxe nas cancións tradicionais suecas.

A música tradicional é un escenario musical importante, tanto no estilo tradicional e no estilo moderno, que a miúdo incorpora elementos doutros xéneros como o rock e o jazz. Entre os principais grupos de música sueca tradicional destacan Väsen (único grupo que usa un instrumento sueco chamado nyckelharpa), Garmarna, Nordman e Hedningarna. Tamén está a música de Laponia, chamada yoik, a cal é unha especie de canto que é parte da espiritualidade tradicional do pobo saami, que gañou recoñecemento mundial no eido da música folclórica.

Suecia é un gran mercado para a música de new age e de conciencia ambiental, así como para a música pop e rock que conteñen mensaxes de liberalismo e de esquerda. Ademais, o país tamén ten unha prominente tradición en música coral, derivada en parte da importancia cultural da música folclórica. De feito, dos 9,2 millóns de habitantes, estímase que entre 500 e 600 mil acodes cantan en coros.

Suecia é o terceiro exportador de música maior do mundo, con máis de 800 millóns de dólares de ingresos en 2007, excedido só polos Estados Unidos e o Reino Unido.[34] ABBA foi un dos primeiros grupos musicais de Suecia que se fixo famoso ao redor do mundo, que aínda se atopan entre os artistas con máis éxito, con preto de 370 millóns de discos vendidos.[35] Con ABBA, a música de Suecia entra a unha nova era, na cal o pop sueco gañou importancia internacional. Outras bandas que se fixeron mundialmente famosas son Roxette, Irene, Loveninjas, Mando Diao, The Hives ou The Cardigans. Por outra banda, Suecia gañou en catro ocasións o Festival da Canción de Eurovisión con ABBA, os Herreys, Carola Häggkvist e Charlotte Perrelli.

Outro tipo de música que cobrou importancia é heavy metal (incluíndo os subséneros death metal, o metal progresivo e o power metal). Algunhas bandas suecas que sobresaen dentro deste xénero son Bathory, Amon Amarth, K2, Opeth ou a vocalista de Nightwish, Anette Olzon, entre outros.

Finalmente, o jazz é outro dos xéneros importantes dentro da música sueca. Durante o últimos sesenta anos mantivo un estándar artístico elevado, en gran parte debido ás bandas locais que reciben influencia doutros países como Bélxica, Francia, Reino Unido e Estados Unidos. Lars Gullin é o máximo representante do jazz sueco.[36]

Literatura

[editar | editar a fonte]
Astrid Lindgren en 1924.

O primeiro texto literario achado en Suecia é a Pedra de Rök, tallada durante a Era Viquinga preto do ano 800. Coa conversión do país ao cristianismo en 1100, Suecia entrou na Idade Media, durante a cal os monxes preferiron usar o latín, polo que son escasos os textos escritos en sueco antigo desa época. A literatura sueca floreceu só despois de que o idioma sueco fose estandarizado no século XVI, sendo a Biblia un dos primeiros libros traducidos ao sueco en 1541. A miúdo esta tradución é chamada a Biblia de Gustavo Vasa.

Coa implantación do sistema educativo e a liberdade que deu a secularización, o século XVII viu o desenvolvemento de múltiples escritores suecos. Exemplo disto son Georg Stiernhielm (século XVII), quen foi o primeiro en escribir poesía clásica en sueco; Johan Henric Kellgren (século XVIII), o primeiro en escribir unha prosa fluída en sueco; Carl Michael Bellman (final do século XVIII), o primeiro escritor de baladas de burlesque; e August Strindberg (final do século XIX), un escritor a socio-realista dramaturgo que alcanzou a fama mundial. O século XX continuou dando notables autores como Selma Lagerlöf, (Premio Nobel de Literatura 1909), Verner von Heidenstam (Premio Nobel de Literatura 1916) e Pär Lagerkvist (Premio Nobel de Literatura 1951). Entre outros autores destacados anteriores o século XX cómpre sinalar a Carl Jonas Love Almqvist, Per Daniel Amadeus Atterbom, Carl Michael Bellman ou Lina Sandell.

En décadas recentes, varios escritores suecos foron recoñecidos internacionalmente, incluíndo a Henning Mankell, escritor de novelas de detectives e Jan Guillou, escritor de novelas de espías ou Harry Martinson (Premio Nobel de Literatura 1974) e a súa muller Moa Martinson. Mais a única autora sueca que deixou unha marca importante dentro do mundo da literatura foi a escritora de contos para nenos Astrid Lindgren, e os seus libros Pippi Mediaslongas, Emil of Maple Hills, entre outros. Outros autores destacados deste século son Maria Gripe ou Christina Lilliestierna. Finalemente cómpre destacar a Stieg Larsson, autor da triloxía de novelas policiais Millenium.

Festividades

[editar | editar a fonte]
Procesión de Luciadagen no ano 2007, antiga tradición pagá, hoxe festividade de Santa Lucía.

Á parte das festividades tradicionais da Igrexa, Suecia tamén celebra varias datas senlleiras, algunhas das cales levan a cabo desde a época pre-cristiá. Entre as principais festividades suecas podemos atopar:

  • A Pascua (Påsk)
  • A véspera de Walpurgis (Valborgsmässoafton)

Festexado o 30 de abril este rito marca o comezo da primavera para moitos suecos. Acéndense grandes cacharelas con pólas secas.

  • Festa nacional (Nationaldagen)

Festexada 6 de xuño, foi lexislada en 1983 para determinar o día nacional de Suecia. Elixiuse esta data por ser o día no cal Gustavo Vasa foi elixido rei de Suecia. En 2005 foi decretado festivo nacional.

  • Midsommarafton: A fin de semana máis próxima ao 24 de xuño celébrase o Midsommar (Medio de verán), o día máis longo do ano, que corresponde co solsticio de verán. É unha das festas máis representativas de Suecia que se adoita celebrar no campo, con bailes e xogos infantís. É unha festa de importancia comparable co Nadal.
  • Lucia (Luciadagen)

A festividade de Santa Lucía coroa as celebracións de advento e celébrase o 13 de decembro. Segundo a tradición nenas vestidas de branco percorren as rúas cantando e portando veas, encabezadas por unha delas que realiza o papel de Lucía, portando unha cinta vermella na cintura e unha coroa de luz formada por ramas e follas de arandos sobre a que se fixan unhas candeas. Unha antiga tradición pagá, que adoptou tras os conflitos relixiosos da Reforma, o nome da santa Lucía de Siracusa.

  1. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1445. ISBN 9788482893419. 
  2. Sweden, The Columbia Encyclopedia
  3. "A Political and Social History of Modern Europe". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2007. Consultado o 15 de decembro de 2009. 
  4. Con todo, a máxima extensión rexistrouse entre 1319 e 1343 con Magnus Eriksson, abarcando os territorios tradicionais de Suecia e Noruega.
  5. "EBConcise-Gustav-I-Vasa Enciclopedia Britannica Online". Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2008. Consultado o 15 de decembro de 2009. 
  6. "Batalla de Kircholm 1605". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2009. Consultado o 15 de decembro de 2009. 
  7. Magocsi, Pasul Robert (1998). Paul Robert Magocsi, ed. Enciclopedia dos Pobos de Canadá. University of Minnesota Press. p. 1220. ISBN 0-8020-2938-8. 
  8. "Emigración europea, American West". Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2008. Consultado o 15 de decembro de 2009. 
  9. Suecia: condicións económicas e sociais, Enciclopedia Britannica
  10. Zubicky, Sioma (1997). Med förintelsen i bagaget (en sueco). Estocolmo: Bonnier Carlsen. p. 122. ISBN 91-638-3436-7. 
  11. Social Democrats implemented measures to forcibly sterilise 62,000 people
  12. 12,0 12,1 12,2 "Globalization and Taxation, Sven Steinmo". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2007. Consultado o 15 de decembro de 2009. 
  13. "Novas Armas Suecas en Iraq". Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2021. Consultado o 22 de decembro de 2021. 
  14. BBC Weather
  15. The Gulf Stream Myth
  16. "título Mapa do clima mundial". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2006. Consultado o 18 de decembro de 2009. 
  17. "Instituto de Meteoroloxía de Suecia". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2008. Consultado o 18 de decembro de 2009. 
  18. SMHI.se Instituto de Meteoroloxía de Suecia
  19. "Datos de poboación da oficina de estatísticas de Suecia". Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2013. Consultado o 13 de marzo de 2014. 
  20. Zuckerman, Phil (2007), Atheism: Contemporary Rates and Patterns Arquivado 12 de xuño de 2009 en Wayback Machine. en Cambridge Companion to Atheism. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-60367-6
  21. Döpta, konfirmerade, vigda och begravda enligt Svenska kyrkans ordning år 1970-2010[Ligazón morta]
  22. Svenska kyrkan (2008). Medlemsstatistik 2008 Arquivado 13 de agosto de 2010 en Wayback Machine.
  23. "Muslims in the EU" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xullo de 2012. Consultado o 13 de marzo de 2014. 
  24. "Andel praktiserande muslimer". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2012. Consultado o 13 de marzo de 2014. 
  25. "A debilidade dalgunhas críticas ao modelo socialdemócrata de Suecia". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2008. Consultado o 27 de decembro de 2009. 
  26. "Compañías maiores en Suecia". Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2012. Consultado o 27 de decembro de 2009. 
  27. "O Estado sueco sen empresas públicas e en déficit". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2014. Consultado o 12 de xuño de 2020. 
  28. Inspección económica de Suecia 2005, OCDE[Ligazón morta]
  29. título Reporte Mundial de Competitividade
  30. Anuario de competitividade mundial do 2008 de IMD
  31. "Ciencia e tecnoloxía en Suecia". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2008. Consultado o 28 de decembro de 2009. 
  32. "Inventos e descubrimentos suecos" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de marzo de 2009. Consultado o 18 de marzo de 2009. 
  33. Patentes por país, estado e ano
  34. "O fenómeno da exportación de música en Suecia". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2008. Consultado o 28 de decembro de 2009. 
  35. "It's Abba on the phone making a lot more money, money, money". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2011. Consultado o 28 de decembro de 2009. 
  36. "O jazz en Suecia, un repaso". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2008. Consultado o 28 de decembro de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ikea

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]