Aínda que sexa con moitas reticencias, os estados-nación están a perder importancia fronte á integración europea e ao proceso mundializador. Con todo, sería demasiado cedo proclamar unha época posnacional, sobre todo para o caso das...
moreAínda que sexa con moitas reticencias, os estados-nación están a perder importancia fronte á integración europea e ao proceso mundializador. Con todo, sería demasiado cedo proclamar unha época posnacional, sobre todo para o caso das culturas minorizadas inseridas en contextos político-culturais moi heteroxéneos e moitas veces incomensurábeis. Neste sentido pregúntome se o incipiente debate posnacional non podería resultar pernicioso para a situación político-cultural de Galicia, a pesar da importancia de revindicarmos unha visión transatlántica e mundializada de Galicia. Pola contra, tamén a necesidade de pensar unha Lusofonía poscolonial e sen estados-nación non implica que a cultura galega se encontre nunha situación de poder prescindir dunha ideoloxía nacionalista propia e idiosincrásica, tendo en conta a precariedade do seu polisistema cultural. Mais ben require un ‘transnacionalismo’ capaz de reinventar un discurso nacional ‘miscíbel’ con formas alternativas de vontade colectiva. Situarse con éxito no palco da política cultural internacional implica hoxe en día saber traducir entre a nación e identificacións culturais sempre anovadoras e acordes cos momentos fluídos e migratorios dos tempos que corren. As vontades de identificación cultural, p.e. no seu aspecto ‘glocalizador’, equivalen á reimaxinación de mitos comúns, ou sexa, de fenómenos discursivos cunha representación e cunha lóxica social capaz de reorganizar a división do real. A división do real na que se atopa Galicia podía ser unha especie de bisagra entre os espazos hispanófono e o lusófono, co agravante de a maioría da sociedade practicamente descoñecer os lazos que a unen á historia e a lingua do mundo lusófono. Isto podía ser entendido como unha asignatura pendente en política cultural e tradución identitaria no tempo que leva a II Autonomía. Neste ensaio propóñome indagar unha serie de cuestións relacionadas desde unha perspectiva de tradución cultural e identitaria: Ata que punto o nacionalismo galego, visto como unha resistencia ao centralismo dunha cultura castelanizadora (un concepto aínda por definir ante a emerxencia do concepto dunha ‘España plural’), está a ceder á vontade fácil de se transformar en centro de poder propio, aillándose de posíbeis aliados culturais (Lusofonía, UE, comunidade hispanófona da América Latina...)? Se o problema ético-discursivo da Lusofonía é a súa orixe imperial e colonial, como ha de traducir o nacionalismo galego hoxe en día as súas raíces e mitos decimonónicos para contextos transnacionais? Que lle pode ofrecer unha Lusofonía como “comunidade transnacional, com propósitos político-culturais” a Galicia? Aínda que sexa certo que a identificación cultural galega, para sobrevivir nun cadro de globalización transcultural, debe adherir a e inserirse en esferas e redes transnacionais, é realista asociar a cultura galega ao espazo lusófono, en simultáneo co crecente impacto da cultura hispanófona? Por que hai tan pouca cantidade e calidade de investigación sobre temas lusófonos nos estudos galegos da actualidade?