Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Peto de ánimas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 20 de xullo de 2024 ás 20:48 por Lameiro (conversa | contribucións) (máis)
Peto de ánimas en Santa María de Cenlle

Os petos de ánimas son unha construción normalmente en pedra na que se representan as ánimas dos defuntos, no purgatorio, co obxectivo de provocar unha oración e recadar esmolas para aliviar os seus sufrimentos e abreviar o tempo de castigo antes de poderen acceder ó ceo. Son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas, e poden verse distribuídos por toda a xeografía galega e Portugal[1], onde reciben o nome de alminhas. Algunhas veces están vencellados ós cruceiros.

Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.[2]

Tamén comprenden eses pequenos petos de man, feitos en madeira, que se utilizan nas igrexas para pedir esmolas ós fieles, tamén chamados boetas[3]

O nome obedece á combinación dos termos peto (onde se deixan as esmolas) e ánimas (almas no purgatorio esculpidas ou pintadas no retablo).

Significado

Peto de ánimas en Aguasantas

Coa introdución da idea do purgatorio a partir do século XII e a súa formulación definitiva como dogma de fe no Concilio de Trento (1545-1563),[4] esténdese a doutrina de que a persoa que morre en pecado venial debe sufrir un castigo, variable segundo a gravidade dos seus pecados, nun lugar denominado purgatorio. Os familiares, amigos, veciños, etc poden reducir o tempo que a súa alma ha de ser castigada ou o sufrimiento inflixido por este castigo mediante oracións, misas e esmolas. E para centralizar estes actos piadosos constrúense os petos de ánimas, ante os que se reza ou nos que se deposita esa esmola, nunha caixa ó efecto. Tamén foi moi común a entrega de esmolas en especie (pan, espigas de millo, etc[5]), que o crego da parroquia se encargaba de administrar ou facer unha poxa, do mesmo xeito que con ese diñeiro celebra misas polos defuntos. Unha vez liberadas as almas, intercederán desde o ceo por quen fixo a ofrenda, de xeito que a acción pretende tanto procurar a salvación das almas dos mortos como tamén de se asegurar a propia.

Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou, colectivamente, polos veciños dun lugar, como adoito se fai constar nas inscrición que se fan a carón do peto. Entre estas advertencias que se fan pódese citar, por exemplo, o de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) ´no que se le: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Noutros casos tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E lémbrase que as oracións ou esmolas recibidas terán a súa recompensa: "Rogad por nos, Señor, y socorrednos con vuestros sufragios que nós pidiremos por vós".

Segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.[6]. En Ourense, os exemplares máis antigos dos que consta a data de construción son un peto do Pereiro de Aguiar (de 1736) e outro de Lobios (de 1743).[7]

Localización, estrutura e iconografía

Peto de ánimas en Bora

Poden estar colocados en calquera lugar: igrexas, camiños, rúas, fontes, etc; ás veces unidos a un cruceiro[8], outras veces acaroados a un muro e tamén illados doutras estruturas, como elementlos independentes. Tamén as súas dimensións son moi variadas, desde os máis simples (unha cruz gravada na pedra, simplemente, ou a imaxe dun santo ou dunha alma) ata os máis historiados e de gran tamaño.

Peto de ánimas en Cesantes

A estrutura tamén é variada, se ben adoitan ter un corpo central formado por unha fornela na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto debaixo para botar as esmolas. Este corpo central apóiase sobre unha base rectangular a modo de repisa (na que se abre a caixa para as esmolas, pechada cunha portiña de ferro[9]) e adoita estar protexido por unha cuberta a dúas augas a modo de frontón, rematado cunha cruz, e estar pechado por unha reixa de ferro que pretende evitar vandalismos. Pode haber, naturalmente, elementos decorativos, como columnas, pilastras, cornixas, etc. Como no caso dos cruceiros, os petos tamén estaban policromados con cores rechamantes, que se conservan mellor que naqueles ao ser repintados periodicamente por algún veciño.

A iconografía adoita consistir na representación das ánimas do purgatorio, en número variable, entre as lapas que representan o castigo ó que están sometidas. Entre estas ánimas non faltan figuras das clases sociais máis favorecidas (reis, bispos, cregos) que se identifican facilmente por estar coroados pola tiara ou a coroa, ou mostrar a tonsura dos eclesiásticos. En ocasións pode existir un rexistro inferior que representa o inferno, con demos, grellas, etc, pero son casos excepcionais. Tamén é excepcional representar as ánimas dentro dun caldeiro, que fai lembrar o caldeiro de Pedro Botero.

Sobre as figuras das ánimas móstrase o ceo, desde o que a Virxe do Carme e San Francisco de Asís, ou ben Santo Antón. A Virxe recolle as almas co seu escapulario e San Francisco ou Santo Antón coa corda que usaban os franciscanos a modo de cinto. Non son infrecuentes os petos nos que só aparece a Virxe ou San Francisco, así como os casos nos que se esculpen outras figuras, como Xesucristo ou San Miguel Arcanxo.[10]

O culto aos petos de ánimas

Resulta- ou resultaba- habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles reza para agradecer algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos. Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores e candeas no seu recordo.

Conservación e protección

Nin a devoción popular nin a catalogación como patrimonio artístico impediu que moitos petos terminaran arruinados, vítimas de roubos e abandonados ós efectos da súa situación á intemperie.

A escritora Emilia Pardo Bazán, veraneante asidua do balneario de Mondariz calificaba en 1887 estas construcións de espantajos e fetiches de tribu neo-zelandesa, instando á súa demolición; tamén rexeitaba as pinturas de vivas cores e pedía que, se non se demolían coa piqueta, cando menos repicar a superficie e devolver á pedra a súa cor propia. Chegou a denunciar os petos ante o bispado de Tui por consideralos motivo de perversión estética y religiosa. Mesmo fai chiste da distribución das figuras de cregos, enriba, e de mulleres, debaixo. O concello de Mondariz tomou boa nota e, cando ao ano seguinte a condesa volveu ao balneario, puido engadir unha nota ao pé do seu artigo decindo que "tuve el gusto de ver que los retablos de ánimas han desaparecido".[11]

Todo o contrario que Fermín Bouza-Brey quen, en 1925, escribía "Do arte popular e de unha das suas manifestazóns", onde defendía a necesidade do estudo desta expresión da arte popular (ademais de criticar a actitude da condesa).

Notas

  1. Especialmente no sur de Galicia e norte de Portugal.
  2. Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, artigo 92: Hórreos, cruceiros e petos de ánimas [1]

    1. Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.

    […]

    2. Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico. — Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

  3. "Caixa na que se recollen as esmolas nas igrexas ou noutros lugares. 'Na igrexa había unha boeta para cada santo e outra para as ánimas'" (DRAG, consultado o 20.07.2024).
  4. Que veu pechar as fortes controversias sobre o tema que se documentan, como mínimo, desde o Concilio de Lión de 1274.
  5. Na Misa de Defuntos era tradición ofrecer ás ánimas diferentes produtos agrícolas, como centeo, millo, patacas, castañas. Yolanda Barriocanal testemula a pervivencia deste costume na Xironda (Cualedro) e en San Pedro da Mezquita (A Merca).
  6. Yolanda Barriocanal, px. 23.
  7. Yolanda Barriocanal, px. 24.
  8. De modo que a imaxe do purgatorio está na base do varal ou o peto está arrimado ó cruceiro.
  9. Na sección "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza" do número 25 da revista Nós recóllese a seguinte crenza: "El que mete la uña en el peto de ánimas andará después de muerto, vagando de noche por el sitio en que cometió el pecado buscando algún pariente o amigo que quiera cambiar en bien el mal que hizo, pues mientras no devuelva lo que robó o no amañe lo quu deshizo, no tendrá reposo en la muerte".
  10. No seu papel de xulgador das obras boas e malas no Xuízo Final mediante a pesaxe das almas.
  11. Emilia Pardo Bazán: "El país de las benditas ánimas", en De mi tierra, Mondariz, 1887, 266ss. Información citada de Yolanda Barriocanal López (px. 16) e Castelao (px. 137).

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas