Romanticismo
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xaneiro de 2011) |
O Romanticismo foi un movemento artístico e ideolóxico que se orixinou en Alemaña e no Reino Unido a finais do século XVIII como unha reacción contra o racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo, dándolle preponderancia ó sentimento e a unha serie de valores humanos como a liberdade, o irracionalismo e a particularidade do individuo.
O Romanticismo apareceu como consecuencia das loitas políticas, ideolóxicas e sociais que se estaban a dar no continente europeo, baixo un contexto de revolucións liberais e conquistas territoriais por parte do imperio napoleónico, que unidos a un desexo de liberdade contribuíron á aparición dun sentimento patriótico e nacionalista en Europa. Ademais, en medio das violentas tensións xeradas pola nova clase ascendente da burguesía e a decadente nobreza desenvolveuse o proceso de consolidación das grandes nacionalidades europeas.
Desenvolveuse fundamentalmente na primeira metade do século XIX, estendéndose dende Alemaña a Inglaterra, Francia, Italia, España, Rusia, Polonia, Estados Unidos e as recentemente nacidas repúblicas hispanoamericanas. Posteriormente, fragmentouse ou transformouse en diversas correntes, como o Parnasianismo, o Simbolismo, o Decadentismo ou o Prerrafaelismo, sumidas na denominación xeral de Posromanticismo, unha derivación do cal foi o chamado Modernismo hispanoamericano e español. Posteriormente, unha das correntes vangardistas do século XX, o Surrealismo, levou ó extremo os postulados románticos.
A insistencia do romántico no sentimento e no irracioanalismo pulou a paixón creadora nas artes, onde atopou a súa perfecta forma de expresión e, especialmente, na literatura e na música.
O individualismo da burguesía atopou a súa máxima expresión cultural no romanticismo. O artista romántico exaltou a sensibilidade e a subxectividade, e temas como a imaxinación, a paixón, o sentimento, o mito, a lenda ou as paisaxes exóticas convertéronse en motivos temáticos que reforzaban esa mentalidade individualista e que recoñecían o dereito do artista a seguir os seus propios sentimentos e instintos humanos.
O vocábulo
[editar | editar a fonte]A palabra romanticismo procede do adxectivo inglés romantic. Termo que se comezou a usar ó redor do século XVII en Inglaterra, co significado orixinal de semellante ao romance, para denigrar a natureza aventureira ou os elementos fantásticos das novelas de cabalaría da época chamadas romance. En Francia, tamén existía o termo roman, que alude ao mesmo significado.
Posteriormente, a palabra tivo un cambio semántico, designando ó sentimento que inducían as paisaxes e os castelos en ruínas. John Evelyn no ano 1654, alude a ditas paisaxes co cualificativo de "unha paisaxe moi romántica" referíndose ós arredores de Bath. Similarmente no ano 1666, Samuel Pepys describe un castelo como "o máis romántico".'
Características
[editar | editar a fonte]O Romanticismo foi unha reacción contra o espírito racional e hipercrítico da Ilustración e o Neoclasicismo, que favoreceu ante todo a supremacía do sentimento fronte á razón, a emoción fronte á lóxica, a intuición sobre a ciencia, o liberalismo fronte ao despotismo ilustrado, a orixinalidade fronte á tradición grecolatina, a creatividade fronte á imitación neoclásica e a obra imperfecta, inacabada e aberta fronte á obra perfecta, concluída e cerrada.
É propio deste movemento un grande aprecio do persoal, un subxectivismo e individualismo absoluto, un culto ó eu fundamental, fronte á universalidade e sociabilidade da ilustración no século XVIII; nese sentido os heroes románticos son con frecuencia prototipos de rebeldía (Don Juan, o pirata, Prometeo) e os autores románticos quebrantan calquera normativa ou tradición cultural que afogue a súa liberdade, como por exemplo as tres unidades aristotélicas (acción, tempo e lugar) e a de estilo (mesturando prosa e verso e utilizando polimetría no teatro), ou revolucionando a métrica e volvendo a rima máis libres e populares, como a asonante. Igualmente renovan os temas e os ambientes e, por contraste ao Século das Luces, prefiren os ambientes nocturnos e lutuosos, os lugares sórdidos e ruinosos e veneran e buscan as historias fantásticas e a superstición que os ilustrados e neoclásicos ridiculizaban. Un aspecto do influxo do novo espírito romántico e o seu cultivo do diferencial é o auxe que tomaron o estudo da literatura popular (romances ou baladas anónimas, contos tradicionais, coplas, refráns) e as literaturas en linguas rexionais durante este período: a gaélica, a escocesa, a provenzal, a bretoa, a catalá, a galega,... Este auxe do nacional e do nacionalismo foi unha reacción á cultura francesa do século XVIII, de espírito clásico e universalista, e dunha Europa uniforme e unida baixo o poder de Francia, pretendida polo nacionalismo napoleónico.
Desde o punto de vista literario, a sensibilidade romántica defínese polo culto ao ego e pola primacía que se lle outorga á emoción sobre o pensamento e á imaxinación sobre a análise crítica. O Romanticismo expandiu tamén e arrequeceu a limitada linguaxe do Neoclasicismo dando entrada ó exótico e o extravagante, ó gusto pola melancolía, á exaltación lírica da natureza, buscando novas combinacións métricas e flexibilizando as antigas ou buscando en culturas bárbaras e exóticas ou na Idade Media, en vez de en Grecia ou Roma, a súa inspiración. En certo sentido, a versión máis extrema do Romanticismo non respecta nin asume ningunha tradición anterior, e denominarase, xa no século XX, co nome de Surrealismo.
Na pintura, o Romanticismo caracterizouse por unha visión intimista da paisaxe, que configuraba unha asociación sentimental entre a natureza e a emoción do artista
O Romanticismo nos diversos países
[editar | editar a fonte]A expansión dos ideais revolucionarios polo continente europeo fixo que o Romanticismo se consolidase como estilo de expresión artística en moitas zonas.
Romanticismo alemán
[editar | editar a fonte]O Romanticismo alemán iniciouse co movemento estético denominado Sturm und Drang ('tormenta e ímpeto'), que se desenvolveu entre 1770 e 1790. Tratábase dunha apaixonada reacción en contra do racionalismo e da Ilustración alemá. A este movemento estaban directamente vinculados os pensadores e filósofos Johann Georg Hamann e Johann Herder, xa que están considerados grandes impulsores del.
Herder contribuíu considerablemente á aparición do Romanticismo alemán e, á súa vez, inspirou a moitos escritores, entre eles Johann von Goethe, considerado un precedente indicutible do Romanticismo alemán, ao cal influenciou de forma extraordinaria. A súa novela epistolar titulada As mágoas do mozo Werther (1744) é unha das obras máis importantes do movemento Sturm und Drang xunto con Fausto, obra na cal traballou durante case toda a súa vida.
A base ideolóxica do Romanticismo alemán foi A doutrina da ciencia (1794), unha das obras capitais do filósofo Johann Gottlieb Fichte, que xunto con Wilhelm Joseph Schelling están considerados os pais do idealismo alemán.
Na primeira xeración de escritores claramente románticos, destacan Friedrich von Schlegel, que foi desde 1789 o principal filósofo e teorizador do primeiro Romanticismo alemán, e o seu irmán August von Schlegel, o cal divulgou as ideas románticas por Europa. E, moi especialmente, destaca o poeta e místico Novalis, autor dos Himnos da noite e de Heinrich von Ofterdingen. Ademais de Heinrich von Kleist, en cuxas obras se mostra como un autor de transición desde o clasicismo, e Friedrich Schleiermacher, que presentou unha alternativa teolóxica ao racionalismo kantiano e, fronte ao dogmatismo da Igrexa, intentou relacionar o Romanticismo coa teoloxía.
A segunda escola romántica alemá ten como representantes máis característicos a Clemens Brentano, Achim von Arnim, E.T.A. Hoffmann e aos irmáns Grimm, que realizaron rigorosas recompilacións de contos tradicionais nos que están presentes o interese polo pasado nacional e o folclore popular.
Outros autores destacados do Romanticismo alemán son Johann Ludwig Tieck, Friedrich Hölderlin, Friedrich Schiller e Friedrich Klopstock.
Desde mediados do século XIX, o Romanticismo perdeu vixencia, para dar paso ao movemento da Xove Alemaña, uns dos cales principais animadores foi o poeta posromántico Heinrich Heine, considerado o último poeta do Romanticismo.
Romanticismo no resto dos países
[editar | editar a fonte]O Romanticismo francés tivo o seu manifesto en De l'Allemange (1813), de Germaine de Staël, inda que tivo por precursor no século XVIII a Jean-Jacques Rousseau. No século XIX, Charles Nodier, Víctor Hugo, Alphonse de Lamartine, Alfred Victor de Vigny e Alfred de Musset son os maiores representantes desta estética literaria.
O Romanticismo comezou en Inglaterra case asemade que en Alemaña; no século XVIII, poetas falsarios, inventores de heterónimos medievais como James Macpherson ou Thomas Chatterton xa deixaran sentir un certo apego escapista pola Idade Media e os seus valores; pero o movemento xurdiu á luz do día cos chamados poetas lakistas (Wordsworth, Coleridge, Southey), e o seu manifesto foi o prólogo de Wordsworth ás súas Baladas líricas, inda que xa o presaxiaran no século XVIII Young cos seus Pensamentos nocturnos ou con William Blake. Lord Byron e Percy Bysse Shelley son os poetas canónicos do Romanticismo inglés. Despois viñeron o narrador Thomas de Quincey, e Elisabeth Barret Browning e o seu marido Robert Browning, este último creador dunha forma poética fundamental no mundo moderno, o monólogo dramático. En narrativa destacan as novelas sobre a Idade Media inglesa de Walter Scott ou as novelas góticas The Monk de Matthew Lewis ou Melmoth o Errabundo, de Charles Maturin.
O Romanticismo italiano tivo o seu manifesto na Lettera semiseria de Grisóstomo do Berchet (1816) e destaca, sobre todo, pola figura dos poetas Ugo Fóscolo, autor do famoso poema Os sepulcros, e Giácomo Leopardi, cuxo pesimismo se verte en composicións como O infinito ou A Italia. O romanticismo italiano tivo tamén unha gran novela histórica, I promesi sposi (Os noivos), de Alessandro Manzoni
O Romanticismo estadounidense, salvo precedentes como William Cullen Bryant, proporcionou un gran poeta, Edgar Allan Poe, creador dunha das correntes fundamentais do posromanticismo, o Simbolismo), e a James Fenimore Cooper (discípulo das novelas históricas de Scott). Pódese considerar un posromántico o ensaísta Henry David Thoreau, introdutor de ideas anticipadas ó seu tempo como a non violencia e o ecoloxismo, e autor do famoso ensaio Sobre a desobediencia civil.
En Rusia, o Romanticismo supuxo toda unha revolución, pois autorizou como lingua literaria o ata entón pouco cultivado idioma ruso. O artífice desta moda foi o gran poeta Alexander Pushkin, acompañado de numerosos seguidores e imitadores.
En Portugal introduciron o Romanticismo Almeida Garrett e Alejandro Herculano; considérase posromántico ó gran poeta Antero de Quental.
En España a ideoloxía romántica entrou moi axiña, pero a linguaxe romántica propiamente dita tardou en ser asimilada, porque se asociaba estreitamente con contidos ideolóxicos que se consideraban emparentados co Século de Oro e a propia tradición absolutista española. Pero cando os románticos liberais españois, emigrados por vicisitudes políticas, entraron en contacto co Romanticismo europeo, trouxeron xa esa linguaxe á morte do rei Fernando VII en 1833. Destacan especialmente o cubano José María de Heredia, José de Espronceda (o máis xenuinamente byroniano), o periodista Mariano José de Larra e José Zorrilla (poeta e autor dramático autor da famosa peza Don Juan Tenorio). Poetas posrománticos poden considerarse Gustavo Adolfo Bécquer, a galega Rosalía de Castro e Jaime Ferrán, que tiveron un contacto máis directo coa lírica xermánica de Heinrich Heine.
En Romanía, o máximo expoñente do romanticismo foi Mihai Eminescu.
Xéneros románticos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Literatura do Romanticismo.
De forma diferente á Ilustración, que destacara nos xéneros didácticos, o Romanticismo sobresaíu sobre todo nos xéneros lírico e dramático (neste creáronse xéneros novos como o drama romántico. Pero tamén se crearon algúns xéneros novos en narrativa, como a novela histórica, froito do escocés Walter Scott, a novela gótica ou novela de terror, a novela de ciencia ficción (anglicismo que cabería substituír por ficción científica), cuxa primeira obra é o Frankenstein ou o Moderno Prometeo de Mary Shelley), ou a lenda en prosa ou verso, cultivado este último xénero por Zorrilla ou Bécquer. Incluso o xénero didáctico pareceu renovarse coa aparición do artigo de costumes.
O espírito romántico
[editar | editar a fonte]O estilo vital dos autores románticos desprezaba o materialismo burgués e preconizaba o amor libre e o liberalismo en política, inda que houbo tamén un Romanticismo reaccionario, representado por Chateaubriand, que preconizaba a volta ós valores cristiáns da Idade Media. O idealismo extremo e esaxerado que buscaba en todo o Romanticismo encontraba con frecuencia un violento choque coa realidade miserable e materialista, o que causaba con frecuencia que o romántico acabase coa súa propia vida mediante o suicidio. A maioría dos románticos morreron xoves. Os románticos amaban a natureza fronte á civilización como símbolo de todo o verdadeiro e xenuíno.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- De Paz, Alfredo. La revolución romántica; poéticas, estéticas, ideologías. Tradución de María García Lozano. Madrid: Editorial Tecnos, S.A, 1986.
- Berlín, Isaiah. Las raíces del romanticismo. Edición de Henry Hardy. Buenos Aires, México, Santafé de Bogotá: Aguilar, Altea, Taurus, Alfaguara, S.A, 2000.
- Ward, Thomas. La teoría literaria: Romanticismo, krausismo y modernismo ante la globalización industrial. University, MS: Romance Monographs, 2004.
- V.V.A.A. Fragmentos para una teoría romántica del arte. Antología y edición de Javier Aranaldo. Madrid: Editorial Tecnos, 1994.