Hotel Universal
O Hotel Universal é un inmoble de estilo ecléctico construído en 1888 polo arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Domínguez. O edificio albergou o Hotel Universal, un dos hoteis máis coñecidos da cidade de Vigo durante moitos anos. No ano 2004 foi rehabilitado pola cadea hoteleira AC Hoteles e reconvertido nun hotel de catro estrelas.
Historia
[editar | editar a fonte]A construción do Hotel foi encargada ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez, autor dalgúns dos edificios máis senlleiros da cidade. Xunto ao Hotel Continental converteuse na primeira parada dos numerosos viaxeiros que chegaban en barco á cidade. Formaban un belo conxunto edificatorio en primeira liña de mar, xunto ao mercado da Laxe e os edificios de Montero Ríos, que foi esnaquizado a mediados dos 60 co derribo do Hotel Continental e o mercado da Laxe.
O edificio albergou o Hotel Universal, un dos hoteis máis coñecidos da cidade durante moitos anos. Durante quince anos levou o rótulo de Hotel e Restaurante Universal, para despois pasar a chamarse só Hotel Universal. O hotel foi centro de reunión da alta burguesía e da clase intelectual e política da cidade.
A mediados dos anos 80 o hotel pechou as súas portas e o edificio converteuse nun lugar decadente en cuxa cafetería era frecuente ver a prostitutas e travestís. Ata chegou a albergar un salón recreativo.
Trala súa pechadura houbo varios pretendentes que quixeron facerse coa privilexiada edificación. Dende a Autoridade Portuaria, pasando por un casino chegando ata os intereses hoteleiros.
Os seus donos eran os irmáns e empresarios ourensáns Ramón e Alonso. Ambos os dous pedían 600 millóns de pesetas pola venda do inmoble, o que fixo que sempre se botase para atrás a lista de pretendentes, xa que ademais de pagar pola propiedade do edificio había que acatar as condicións urbanísticas de conservación impostas polo Concello.
A cadea hoteleira AC Hoteles fíxose co edificio cun proxecto baseado no alugueiro do mesmo en réxime de concesión durante 20 anos para abrir un hotel de catro estrelas con servizos de luxo cun orzamento de sete millóns de euros e unha oferta dunhas 50 habitacións.
O inmoble
[editar | editar a fonte]O edificio, de estilo ecléctico, está composto por tres andares e baixo. Presenta un eixe de simetría central e consta de tres fachadas: a principal á rúa Cánovas del Castillo, e as laterais ás rúas García Olloqui e Carral.
En 1889 a Corporación Municipal decidiu declarar praza pública o espazo situado fronte a fachada principal.
Construíuse en dúas fases, xa que nun principio, o hotel ocupaba a metade da superficie actual. Ata que en 1904 Benito Gómez decidiu reproducir o deseño de Jenaro de la Fuente e espallar a fachada principal e construír outra no lateral da rúa García Olloqui co mesmo esquema construtivo e mantendo a unidade. As fachadas presentan unha sucesión rítmica de vans con alternancia de balcóns individuais e corridos que remarcan a horizontalidade do inmoble. A fachada a Cánovas del Castillo está realizada en cantería de granito. As outras dúas fachadas laterais están realizadas tamén con granito e muros de cachotería para alixeira-lo edificio.
Na súa terraza instalouse un pequeno xardín arborado con grandes palmeiras no que na tempada de verán o hotel organizaba festas acompañadas dalgunhas das mellores orquestras da época.
Co paso dos anos o edificio foise degradando. O seu pequeno xardín arborado desapareceu para dar paso a un gris espazo aberto cuberto por unha pérgola metálica.
Como a catalogación do edificio como ben a conservar limitaba a súa superficie, os responsables do proxecto solicitaron permiso para construír un baixo cuberta.
O 10 de outubro de 2004 a Xerencia de Urbanismo e o goberno vigués aprobaron a licenza de obras para que a cadea hoteleira AC iniciase o proxecto de derribo do interior do inmoble, mantendo a fachada e reconstruíndo a escaleira. O Concello permitiu ademais a construción dun baixo cuberta, acadando superficie total construída de 2.800 metros cadrados.