Camélidos
Camélidos Camelidae Rango fósil: eoceno[1] - actualidade | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Camelus bactrianus salvaxe | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Distribución actual dos camélidos
(Introducidos en Australia) | |||||||||||||||||
Tribos | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
A dos camélidos (Camelidae) é unha familia de mamíferos artiodáctilos, a única actual da suborde dos tilópodos, constituída por tres xéneros actuais[2] e once extintos.[1]
A familia inclúe os camelos, llamas, guanacos, alpacas e vicuñas, con varias especies nativas de América do Sur e Asia, unha introducida na antigüidade en Oriente Medio e en África do Norte, até o Sáhara e, no século XIX, camelos domésticos foron introducidos en Australia, onde hoxe viven asilvestrados.
Os camélidos apareceron durante o eoceno medio, hai ao redor de 46,2 millóns de anos.[4]
O grupo ten unha longa historia fósil en Norteamérica e Europa, e foi moito máis diverso no pasado, xa que contén un bo número de xéneros extintos.
Aínda que estes animais son ruminantes, adquiriron esta característica independentemente dos "ruminantes verdadeiros", polo que non forman parte do clado o suborde dos Ruminantia
A Organización das Nacións Unidas declarou o ano 2024 como Ano Internacional dos Camélidos, baixo o lema "Heroes dos desertos e as alturas"[5]). O obxectivo desta celebración é concienciar á poboación sobre a importancia económica e cultural dos camélidos, non só como animais de carga e traballo senón tamén como fonte de alimentos proteicos de alto valor nutricional[6].
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A familia foi descrita en 1821 polo naturalista inglés John Edward Gray na súa obra "On the natural arrangement of vertebrose animals", publicada en The London Medical Repository Monthly Journal and Review 15: 296-310.[2]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Na actualidade, segundo Wilson & Reeder, recoñécense nela tres xéneros con catro especies e as subespecies que se indican:[2]
Suborde Tylopoda Illiger, 1611 - tilópodos
- Familia Camelidae Gray, 1821 - camélidos
- Subfamilia Camelinae McKenna & Bell, 1997 - camelinos
- Tribo Camelini Gray, 1821 - camelininos
- Xénero Camelus Linnaeus, 1758 - camelos
- Camelus bactrianus Linnaeus, 1758 - camelo bactriano
- Camelus bacrianus bactrianus - camelo bactriano doméstico
- Camelus bacrianus ferus - camelo bactriano salvaxe
- Camelus dromedarius - dromedario
- Camelus bactrianus Linnaeus, 1758 - camelo bactriano
- Xénero Camelus Linnaeus, 1758 - camelos
- Tribo Lamini Webb, 1965 (= Aucheiini Bonaparte, 1845)[3] - laminos (ou lamininos) = auqueínos)
- Xénero Lama Linnaeus, 1758 - llama e guanacos
- Lama glama Linnaeus, 1758
- Lama glama glama - llama
- Lama glama cacsilensis Lönnberg, 1913 - guanaco norteño
- Lama glama guanicoe (Müller, 1776) - guanaco
- Xénero Vicugna Lesson, 1842
- Vicugna vicugna Molina, 1782 - vicuña
- Lama glama Linnaeus, 1758
- Xénero Lama Linnaeus, 1758 - llama e guanacos
- Tribo Camelini Gray, 1821 - camelininos
- Subfamilia Camelinae McKenna & Bell, 1997 - camelinos
Notas:
Algúns autores recoñecen a subespecie Camelus bactrianus ferus como unha especie plena, Camelus ferus Przewalski, 1878, diferente do camelo bactriano doméstiico, que sería Camelus bactrianus.
Moitos autores consideran tamén como especie á alpaca, como Vicugna pacos Linnaeus, 1758. Trátase dunha especie doméstica que xeneticamente deriva maiormente da vicuña salvaxe (Vicugna vicugna) e, nunha proporción moito menor, da llama (Lama glama).
Xéneros extintos
[editar | editar a fonte]Ademais dos tres anteriores, coñécense no rexistro fósil estoutros once xéneros:[1]
- Australocamelus
- Eulamaops
- Gentilicamelus
- Matthewlabis
- Nothokemas
- Oxydactylus
- Palauchenia
- Paracamelus
- Paratylopus
- Poebrodon
- Priscocamelus
Características
[editar | editar a fonte]Os camélidos son artiodáctilos, é dicir, pertencen á mesma orde que os porcos e pecarís, de suborde dos suínos, e á numerosísima en especies suborde dos ruminantes.
Como os ruminantes, os camélidos son animais de tamaño de mediano a grande, fitófagos estritos e, ademais, tamén rumian. Porén, presentan algunhas importantes características que os diferencian dos rumimantes:[7]
- O seu estómago está dividido en tres compartimentos (rume, retículo e abomaso) en lugar de catro, como nos ruminantes.
- O labio superior, grande, está dividido en dúas partes con mobilidade independente.
- Teñen un dente incisivo (só un) no maxilar superior (os ruminantes carecen de incisivos superiores); os dentes caninos son grandes, e están separados dos incisivos por un diastema.
- As patas son longas, e aínda o parecen máis cando as estiran e se poñen de pé, debido ao feito de que non teñen pelo entre a coxa e o tronco.
- O esqueleto das patas é moi característico, pois unicamnente existen os dedos III e IV, desaparecendo todos os demais, incluso o máis mínimo vestixio dos metacarpianos e metatarsianos corfrespondentes a estes.[8]
- Nos pés, os ósos cuboide e navicular están separados, polo que ps camélidos presentan a particularidade de marcharen sobre as superficies plantares das dúas últimas falanxes, apoiándose nunhas a xeito de almofadas cubertas de coiro, xa que que o pezuño cobre só a parte dianteira da última falanxe.
- Moi resistentes, poden pasar, especialmemte os camelos, longos períodos de tempo sen apenas comeren nin beberen pero, cando teñen ocasión de facelo, empregan nisto longo tempo.[8]
- Presentan, ademais, unha característica única entre todos os mamíferos: os seus eritrocitos son ovalados, aplanados e están presentes en gran número (até 1,9·107/mm3).
Os camélidos suramericanos están adaptados a vivir en terreos esgrevios e pedregosos, e poden mover os dedos independentemente con fin de manter a adherencia ao solo.
As dúas especies afro-asiáticas, pola súa parte, desenvolveron adaptacións específicas para sobrevivir en terras ermas e extremadamente secas.
Historia e evolución dos camélidos
[editar | editar a fonte]Distribución
[editar | editar a fonte]Os camélidos son excepcionals en canto á súa distri bución actual, xa que esta é exactamente a contraria á orixinal. Apareceron moi cedo na evolución dos artiodáctilos, hai 45 millóns de anos, durante o mioceno, no que hoxe é América do norte.[8]
A familia diversificouse, pero quedou confinada nese continente até que, 2 ou 3 millóns de anos despois, algunhas especies alcanzaron Asia (e, de aí, pasaron ao norte de África), a través das penínsulas de Alasca e de Kamchatka cando quedaron unidas polo xeo.
E, despois da formación do istmo de Panamá, pasaron a Suramérica.
Os camélidos orixinarios de Nortamérica foron comúns até hai relativamente pouco tempo, falando en termos xeolóxicos, cando desapareceron hai uns 10 a 12 mil anos, probabelmente como consecuencia da caza ou de cambios no ambiente producidos polos primeiros humanos que alí chegaron.
Dúas especies do grupo afroasiático sobreviviron: o dromedario do norte de África e o suroeste de Asia e o camelo bactriano do leste asiático.
Do grupo suramericano, que diverxeu nun grupo de diferentes taxons moi prósperos, divídense usualmente en catro especies: a llama, a alpaca, o guanaco e a vicuña.
Os camélidos suramericanos están emparentados cos camelos que habitan en África e Asia. A diferenza morfolóxica fundamental é que estes últimos teñen xibas e son de maior tamaño. A diferenciación e especiación foi o produto dun proceso evolutivo de millóns de anos.
Evolución
[editar | editar a fonte]Os camélidos actuais son o resultado dun longo e complexo proceso evolutivo que tivo a súa orixe en América do Norte no eoceno tardío, hai uns 40 millóns de anos (MA). Nesa época apareceron uns pequenos mamíferos aos que se lles chamou Protylopus petersoni, parecidos a pequenos guanacos de só 30 cm de altura. A partir deste grupo orixináronse distintas especies que, na súa evolución ao lomgo de millóns de anos, foron adaptándose a diferentes condicións ambientais e aumentando gradualmente de tamaño.
Os achados de restos fósiles mostran que hai aproximadamente 20 MA, os camélidos dominaban as amplas planicies de América do Norte. Un estudo detallado destes restos permitiu clasificalos en catro grupos con características propias: Titanotylopus, Paracamelus, Megatylopus e Hemiauchenia. Destes catro grupos os dous máis importantes son os Paracamelus e os Hemiauchenia, xa que foron os que deron orixe a todas as especies actuais.
Os tilópodos primitivos tiñan todos catro dedos nas súas patas, pero nalgún momento durante o oligoceno e o mioceno perderon os dedos laterais. Os primeiros tipos de camélidos probabelmente non tiñan xibas, e se parecerían ás llamas. Durante o oligoceno algúns camélidos desenvolveron pescozos longos que lles permitían ver por riba das árbores e os arbustos.[9]
Debido ao arrefriamento da Terra durante o mioceno e o plioceno, as sabanas aumentaron, e os camélidos tiveron que crear adaptacións ás novas condicións, como o alongamento das patas, a aparición de coroas nos dentes, necesarias para mastigar os pastos. Moitos camélidos extinguíronse por estes eventos, como o Oxydactylus(un camelo cun pescozo lonogo como o dunha xirafa), Stenomylus (parecido a unha gacela moi pequena) ou Alticamelus (medía máis de 5 m de altura, e foi o primeiro dos camélidos xigantes).[9]
A partir do plioceno e o plistoceno a temperatura empezou a ser máis variada en todo o globo terrestre, e prodiciuse a unión de Nortemérica e Suramérica; ademais, creouse case que unha ponte de terra entre Norteamérica e Eurasia, permitindo que os Paracamelus e os`Hemiauchenia que deron orixe a todas as especies actuaos cruzaran de América ao Antigo Mundo.[9]
Isto permitiu tamén a chegada de depredadores de todas partes a Norteamérica; ademais, os camélidos que emigraran se encontraron agora con depredadores nativos de ditos lugares, aos que estaban pobremente adaptados, e cuxo mellor mecanismo de defensa foi retirarse ás zonas desérticas (África e as zonas montañosas de Suramérica).
Entre os Paracamelus que viviron durante o mioceno había algunhas especies xigantes, como as dos xéneros Gigantocamelus e Alticamelus, que podían superar os catro metros de altura (máis grandes que os actuais elefantes). Algúns Paracamelus migraron hai aproximadamente 3 MA (comezo do plistoceno) a través do estreito de Bering, desde América do Norte a Eurasia, e se estenderon por toda Europa, o norte de África e a China. O rexistro fósil en España mostra que os paracamélidos andaban en rabaños moi parecidos aos dos camelos adultos actuais.[10]
O único fósil da especie Paracamelus agguirrei encontrouse en España, especie que chegou á Península Ibérica ben desde Norteamérica, ben desde o norte de África. A chegada desta especie durante o mioceno superior coincidiu co evento de maior dispersión e entrada de taxons á Península Ibérica coñecido como o turoliense superior.
Tamén se encontraron fósiles de Paracamelus en zonas achegadas (Alacant, Murcia) datados en hai 6,1 MA, datos contraditorios á data que se estima para a chegada dos camélidos a Europa, hai 3 MA.[10]
Foi a partir dos Paracamelus cando evolucionan os camelos con xiba: o camelo bactriano e o dromedario actuais, que pertencen ao xénero Camelus.
Por outro lado, os Hemiauchenius orixináronse dos Pliauchenia, que apareceron hai entre 9 e 11 MA nas praderías de América do Norte, dando orixe ao xénero Hemiauchenia hai 10 MA.
Algunhas especies deste xénero migraron cara ao sur, hai aproximadamente 3 MA, durante a transición do plioceno ao plistoceno, (case na mesma época en que os antecesores da tribo dos camelininos emigraron a Asia polo estreito de Bering), pasando polo istmo centroamericano, invadindo as planicies e pampas de Suramérica.[11]
Aínda que un estudo publicado en 2007 pola universidade de Jiao tong en Shanghai baseado na filoxenética mitocondrial suxire que a diverxencia das dúas tribos puido ocorrer no mioceno temperán, foi moito antes do que se deduce do rexistro fósil (11 MA). Ademais ao reconstruírmos a historia evolutiva dos camélidos en base a secuencias cytb (reloxo molecular de xenomas mitocondriais) suxire que a división entre o camelo bactriano e o dromedario puido ocorrer en América do Norte antes de que a tribo dos Camelini emigrara de América do Norte a Asia.[12]
Xa en Suramérica, a separación entre os xéneros Lama e Vicugna ocorreu hai dos millóns de anos, aproximadamente.
Hai uns 10 ou 12 mil anos, na época xeada do plistoceno, extinguíronse todos os camélidos de América do Norte. En América do Sur desapareceron os Hemiauchenia e os Paleolama, quedanso soamente os guanacos do xénero Lama e a vicuña do xénero Vicugna.
Clasificación filoxenética
[editar | editar a fonte]Relacións filoxenéticas (cladogramas)
[editar | editar a fonte]Cetartiodactyla |
| ||||||||||||||||||||||||
Cetartiodactyla |
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Domesticación
[editar | editar a fonte]A maioría dos camélidos que sobreviven hoxe en día están domesticados.[14][15]
Xunto con moitos outros representantes da megafauna de América do norte, os camelos salvaxes orixinais foron exterminados durante a propagación dos pobos indíxenas de América, que chegaron desde Asia, como quedou dito, hai 12.000 ou 10.000 anos.[16][17] O único camélido salvaxe que queda é o camelo bactriano do deserto de Gobi.[18]
Como o cabalo, antes da súa extinción no seu territorio natal, os camelos difundíronse pola ponte terrestre de Bering, pasando na dirección oposta, de América a Asia, para sobreviviren no Vello Mundo e, eventualmente, seren domesticados e difundidos a nivel mundial polos seres humanos.
Domesticación no Vello Mundo
[editar | editar a fonte]O dromedario foi domesticado en Somalia e o sur de Arabia ao redor do ano 3.000 a.C. E o camelo bactriano en Asia Central contra 2.500 a.C.,[19][20][21][22] así como en Shar-i Sokhta (tamén coñecida como "a Cidade Queimada", Irán.[23]
Domesticación no Novo Mundo
[editar | editar a fonte]Aínda que se acepta poa maioría dos investigadores que a orixe da domesticación dos camélidos suramericanos se restrinxe aos Andes, non existe acordo en canto á cronoloxía sobre si existiron un ou varios centros de domesticación. A maior parte da información arqueolóxica sobre a domesticación provén da rexión central dos Andes (Perú), de varios sitios da puna de Junín. Estas investigacións sitúan a domesticación entre os 9.000 e os 2.500 anos a.C. e a unha altura de 4.000 m sobre o nivel do mar.[11]
A pesar de que se suxeriu unha hibridación entre os antepasados dos xéneros Lama e Vicugna, estudos moleculares realizados na universidade de Oviedo (España) contradin dita teoría, encontrando que a vicuña é máis ben un xénero intermedio entre os xéneros Camelus e Lama. Ademais, encontrouse que o xénero Vicugna é, entre os camélidos suramericanos, o máis achegado aos camélidos do Vello Mundo, o que suxire que este xénero é o antecesor dos camélidos domésticos de Suramérica; ademais, o seu período de reprodución é o mesmo que o dos camélidos do Vello Mundo (de febreiro a marzo).[24]
Alí diversificáronse dando lugar tamén a Paleollama, Lama e Vicugna, grupos que presentan adaptacións á escaseza de oxíxeno e a forraxe das grandes alturas para resistiren as condicións adversas do planalto andino, onde son criados domesticamente como o maior medio de subsistencia das comunidades campesiñas destas zonas.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Family Camelidae Gray 1821 Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Fossil Works Database.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Wilson & Reeder (2005): Mammmal Species of the World.
- ↑ 3,0 3,1 Lamini non ten prioridade sobre Aucheniini (Aucheniinae Bonaparte, 1845), segundo o artigo 40.2, do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica; Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, 1999).
- ↑ M. S. Stevens; J. B. Stevens & M. R. Dawson (1969): "New Early Miocene Formation and Vertebrate Local Fauna, Big Bend National Park, Brewster County, Texas". Pearce-Sellards Series 15: 1-15.
- ↑ "Año Internacional de los Camélidos". www.fao.org (en castelán). Consultado o 24.02.2024.
- ↑ Manuel-Luis Casalderrey: "2024, Año de los Camélidos", en La Voz de Galicia 8.01.2024.
- ↑ Remane, Adolf et al. (1980), p. 592.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): Enciclopedia Salvat de la Fauna. Tomo 4, p. 123. Pamplona: Salvat S. A. de Ediciones,
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Irwin Robert (2010): Camel. Londres: Reaktion books Ltd ISBN 978-1-86189-649-0. Sinopse Arquivado 21 de outubro de 2014 en Wayback Machine..
- ↑ 10,0 10,1 Félix Pérez-Lorente, Cayetano Herrero, Emilio Herrero e Plinio Montoya (2009): Paracamelichnum Jumillensis n.ichnogen. n.ichnosp., Upper Miocene Camelidae Ichnites from the Hoya de la Sima site (Murcia, Spain)" Universidad de La Rioja Ichnos: An International Journal for Plant and Animal Traces 16 (3): 13. Ver texto completo.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Pinto Jiménez, Chris Evelyn; Martín Espada, Carmen e Cid Vázquez, María Dolores (2010): "Camélidos sudamericanos: clasificación, origen y características". Revista Complutense de Ciencias Veterinarias 4 (1): 23-26. [1]
- ↑ Peng Cui; Rimutu Ji; Feng Ding; Dan Qi; Hongwei Gao; He Meng; Jun Yu; Songnian Hu; Heping Zhang (18 de xullo de 2007). "A complete mitochondrial genome sequence of the wild two-humped camel (Camelus bactrianus ferus): an evolutionary history of camelidae". BMC Genomics 8 (241). doi:10.1186/1471-2164-8-241.
- ↑ Suidae e Tayassuidae conformarían o clado Suina,
- ↑ Fedewa, Jennifer L. (2000). "Camelus bactrianus". Animal Diversity Web. University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 22 de outubro de 2014.
- ↑ Walker, Matt (22 de xullo de 2009). "Wild camels 'genetically unique'". Earth News (BBC). Consultado o 22 de outubro de 2014.
- ↑ Worboys, Graeme L.; Francis, Wendy L. & Lockwood, Michael (2010): Connectivity Conservation Management: A Global Guide. Earthscan. p. 142. ISBN 978-1-84407-604-8.
- ↑ MacPhee, Ross D. E. & Sues, Hans-Dieter (1999): Extinctions in Near Time: Causes, Contexts, and Consequences. Springer. pp. 18, 20, 26. ISBN 978-0-306-46092-0.
- ↑ Bactrian Camel (Camelus bactrianus) Arquivado 07 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. en National Geographic.
- ↑ Mukasa-Mugerwa, E. (1981 pages=1, 3, 20–21, 65, 67–68). The Camel (Camelus Dromedarius): A Bibliographical Review. International Livestock Centre for Africa Monograph 5. Ethiopia: International Livestock Centre for Africa.
- ↑ Scarre, Chris (15 de setembro de 1993). Smithsonian Timelines of the Ancient World. Londres: D. Kindersley. p. 176. ISBN 978-1-56458-305-5.
Tanto o dromedario ou camelo de Arabia como o camelo bactriano (o camelo de dúas xibas de Asia Central) foran domesticados desde antes de 2.000 a.C.
- ↑ Bulliet, Richard (20 de maio de 1990). The Camel and the Wheel. Morningside Book Series. Columbia University Press. p. 183. ISBN 978-0-231-07235-9.
Como xa se mencionou, este tipo de utilización [camelos tirando de carros] remite a que a domesticación dos camelos de dúas xibas foi no terceiro milenio antes de Cristo.
- ↑ Os camelos foron domesticados primeiro en Somalia, segudo este novo libro de arqueoloxía: Suzanne Richard, ed. (2003): Near Eastern Archaeology: A Reader. Eisenbrauns, ISBN 1-57506-083-3, p. 120.
- ↑ Hirst, K. Kris. "Camels". About.com Archaeology. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2014. Consultado o 22 de outubro de 2014.
- ↑ Daniel Campo; Andres Alvarado; Gonzalo Machado-Schiaffino; Ialah Naji; Rafael Pelaez; Francisco Quiros; Olga Rodriguez; Ana G. F. Castillo; Eva Garcia-Vazquez (2009). "Inquiry-based learning of molecular phylogenetics II: the phylogeny of Camelidae" (PDF). Journal of Biological Education 43 (2, Spring 2009): 78–80. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de setembro de 2014. Consultado o 20 de outubro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Camélidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Camélidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- D'Ancona, Humberto (1972): Tratado de Zoología. Tomo II. Zoología especial. 4ª ed. Barcelona: Editorial Labor, S. A., p. 985.
- Grassé, P.-P. (1980): Zoología. Tomo 4. Vertebrados. Reproducción, biología, evolución y sistemática. Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0270-5, pp. 204–206.
- Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
- Nielsen, K. (2001): Animal Evolution: Interrelationships of the Living Phyla. 2nd edition. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-850682-1.
- Price, S. A.; O. R. P. Bininda-Emonds & J. L. Gittleman (2005): "A complete phylogeny of the whales, dolphins and even-toed hoofed mammals (Cetartiodactyla)". Biological Review 80 (3): 445-473. Resumo.
- Remane, Adolf, Volker Storch & Ulrich Welsh (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0608-2.
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World. Third edition. Baltimore, Maryland, EE.UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Camelidae en Wilson & Reeder (2005): Mammmal Species of the World
- Camelidae Arquivado 22 de outubro de 2014 en Wayback Machine. en Tree of Life
- Camelidae en ADW
- Camelidae no NCBI
- Taxa Cameliade na UICN