Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Panda vermello

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panda vermello
Ailurus fulgens
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Superfamilia: Musteloidea
Familia: Ailuridae
Gray, 1843 [1]
Xénero: Ailurus
F. Cuvier, 1825 [1]
Especie: A. fulgens
Nome binomial
Ailurus fulgens
F. Cuvier, 1825 [1]
Distribución do panda vermello
Distribución do panda vermello

Distribución do panda vermello
Subespecies
Referencia:[1]

O panda vermello ou panda menor (Ailurus fulgens) é unha especie de mamífero da orde dos carnívoros, único representante actual da familia dos ailúridos, e do seu único xénero, Ailurus.

Porén, clasificouse anteriormente dentro das familias dos prociónidos e dos úrsidos.

A poboación desta especie encóntrase ameazada pola perda de hábitat, a caza furtiva e a endogamia e, aínda que está protexida por leis nacionais dalgúns países, áchase dentro do grupo de especies en estado vulnerábel.

O panda vermello é propio das rexións montañosas do Himalaia, Bután, o sur da China, a India, Nepal e Birmania,[2] onde vive xeralmente en bosques temperados húmidos de zonas altas e con abundante bambú.

Fisicamente, a súa pelaxe é de cor parda avermellada, e ten unha cola longa e peluda. As extremidades dianteiras son bastante curtas, polo que ten unha peculiar forma de camiñar.

É un animal de carácter solitario, territorial e de costumes nocturnos. A súa alimentación é basicamente de follas de bambú pero, ao ser omnívoro, pode comer tamén ovos, paxaros, insectos e micromamíferos.

A súa poboación comezou a diminuír ultimamente debido á destrución do seu hábitat e á caza furtiva. É un animal común nos zoolóxicos —principalmente de Norteamérica e Europa— onde se reproduce en catividade.

Unha clasificación controvertida

[editar | editar a fonte]

Houbo numerosos debates sobre a posición filoxenética dos pandas (o maior e o menor) e os mapaches, desde situalos a todos na familia dos prociónidos, até situar o xénero Ailuropoda nunha familia propia, a dos ailuropódidos.[3] Porén, recentes análises xenéticas mostran que o panda xigante é un parente moi próximo dos osos, polo que a maioría dos autores o sitúan dentro da familia dos úrsidos como único representante actual da subfamilia dos ailuropodinos,[4] mentres que a clasificación do panda menor (Ailurus fulgens) aínda se discute.

Frédéric Cuvier, en 1825, describiu inicialmente o panda vermello como un parente próximo do Procyon lotor (Procyonidae), aínda que lle dera o nome Ailurus baseado nas súas semellanzas superficiais cos gatos domésticos. A clasificación científica do panda vermello foi controvertida desde que se descubriu, e foi situado entre os Ursidae, Procyonidae, Ailuropodidae ou nunha familia propia, a dos Ailuridae. Esta incerteza xorde da dificultade en determinar se certas características do xénero Ailurus son filoxeneticamente conservadoras ou derivan de converxencias con especies de hábitos ecolóxicos similares.[5]

Diversas hipóteses filoxenéticas, baseadas en análises moleculares e morfolóxicas, foron xurdindo ao longo dos anos, situando o panda vermello:

  1. Máis próximo aos prociónidos que aos úrsidos,
  2. Máis relacionado cos úrsidos do que cos prociónidos,
  3. Intermedio entre os úrsiddos e os prociónidos,
  4. Emparentado co panda xigante, pero de posición incerta,
  5. Máis relacionado cos Musteloidea, ou
  6. Representa unha liñaxe monotípica dentro dos Arctoidea, porén de posición non resolta.[5][6]

Evidencias baseadas no rexistro fósil, seroloxía, cariotipo, comportamento, anatomía e reprodución reflicten maior afinidade cos prociónidos que cos úrsidos. Por outra parte, especializacións ecolóxicas e alimentarias e a distinta distribución xeográfica en relación cos modernos prociónidos apoian a súa separación nunha familia propia.[5]

Recentemente, Flynn e colaboradores, a través de análises moleculares, confirmaron o posicionamento do xénero Ailurus nunha familia distinta á dos prociónidos e á dos úrsidos, e determinaron a inclusión desa familia na gran superfamilia dos Musteloidea (ailúridos + prociónidos + mefítidos + mustélidos).[6][7][8]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

En 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, tendo en conta que a poboación de Ailurus fulgens se estimaba en menos de 10 000 individuos maduros, cun continuo declive de máis do 10 % anual nos últimos anos, cualificou a especie como "VU" (vulnerábel) cualificación que se mantén até hoxe en día (2013).[2]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Ailurus fulgens F. G. Cuvier, 1825 no SIIT.
  2. 2,0 2,1 Wang, X., Choudhury, A., Yonzon, P., Wozencraft, C. & Than Zaw (2008): Ailurus fulgens na Lista vermella da UICN.
  3. Ailuropodoidae en The Free Dictyonary.
  4. Ailuropodinae Arquivado 10 de novembro de 2013 en Wayback Machine. en Paleobiology Database.
  5. 5,0 5,1 5,2 Roberts, M. S. & Gittelman, J. L. (1984); "Ailurus fulgens". Mammalian Species 222: 1-8.
  6. 6,0 6,1 Flynn, J. J.; Finarelli, J. A.; Zehr, S.; Hsu, J. & Nedbal, M. A. (2005): "Molecular Phylogeny of the Carnivora (Mammalia): Assessing the Impact of Increased Sampling on Resolving Enigmatic Relationships". Systematic Biology 54 (2): 317–337
  7. Flynn, J. J. & Nedbal, M. A. (1998); "Phylogeny of the Carnivora (Mammalia): Congruence vs incompatibility among multiple data sets." Molecular Phylogenetic Evolution 9 (3): 414–426.
  8. Flynn, J. J.; Nedbal, M. A.; Dragoo, J. W. & Hinerycutt (2000): "Whence the red panda?" Molecular Phylogenetic Evolution 17 (2): 190–199.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]