Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Portal:Estados Unidos de América

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.

Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo.

De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar.

Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo.

Artigo destacado

editar

Slipknot é un grupo estadounidense de heavy metal formado en 1995 en Des Moines (Iowa). As influencias do grupo inclúen entre outros xéneros o death metal, o thrash metal e o heavy metal, aínda que adoitan ser catalogados dentro do metal alternativo e o nu metal. O percusionista Shawn Crahan e o batería Joey Jordison fundaron o grupo en setembro de 1995, e tras varios cambios de membros nos seus primeiros anos, o grupo estivo composto de nove membros durante máis dunha década: Corey Taylor, Mick Thomson, Jim Root, Paul Gray, Craig Jones, Sid Wilson, Shawn Crahan, Chris Fehn e Joey Jordison. Gray faleceu o 24 de maio de 2010, sendo substituído ata 2014 por Donnie Steele. Jordison deixou o grupo o 12 de decembro de 2013. Steele saíu do grupo durante a gravación de .5: The Gray Chapter, e o grupo pasou a realizar unha xira cos músicos Alessandro Venturella no baixo e Jay Weinberg na batería.

O grupo destaca pola súa imaxe particular, o seu estilo agresivo de música e as súas caóticas e enerxéticas actuacións en directo. Publicaron cinco álbums de estudio: Slipknot (1999), Iowa (2001), Vol. 3: (The Subliminal Verses) (2004), All Hope Is Gone (2008) que debutou na posición número 1 na lista Billboard 200, e .5: The Gray Chapter (2014). No seu conxunto, Slipknot leva vendidos máis de 20 millóns de discos en todo o mundo, acadando varias certificacións de platino e ouro nos seus álbums. No 2006 gañaron o Grammy á mellor actuación de metal polo sinxelo "Before I Forget". O grupo publicou tamén un álbum de directo titulado 9.0: Live, un recompilatorio titulado Antennas to Hell, e catro DVD de directo.

Cidade destacada

editar

Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglésLos Angeles[lɔːs ˈændʒələs] (AFI)En-us-los-angeles.ogg escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelánLos Ángeles[los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade maior do estado de California en canto á poboación, e a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos de América. É unha cidade global con arredor de 3,8 millóns de habitantes e 1214,9 km². A área metropolitana dos Ánxeles - Long Beach - Santa Ana é, así mesmo, fogar de aproximadamente 13 millóns de persoas. A área máis grande dos Ánxeles acolle a unha zona moito maior, que consta de cinco condados e unha poboación aproximada de 18 millóns de persoas.

Os Ánxeles foi fundada en 1781 polo español Felipe de Neve. Formou parte de España e despois de México, cando México gañou a independencia de España en 1821, e ata 1848, cando México cedeu California aos Estados Unidos mediante un tratado ao rematar a guerra entre ámbolos dous. Non foi incorporada como cidade ata o 4 de abril de 1850, cinco meses antes de que California conseguira a condición de Estado. É a capital do condado dos Ánxeles, e o seu nome foi acurtado de "La Ciudad de Nuestra Señora la Reina de Los Ángeles de Porciúncula".

Os Ánxeles é un dos centros do mundo no referente a cultura, ciencia, tecnoloxía, comercio internacional e educación avanzada, e é a sede mundial de coñecidas institucións nun amplo campo profesional e cultural. A cidade e os seus arredores inmediatos lideran o mundo en producións de entretemento, tales como a industria cinematográfica, industria televisiva e industria discográfica, que son a base da fama internacional dos Ánxeles e do seu status global.

O nome da cidade é pronunciado /lɒs ˈændʒəˌlɪs/ polos seus residentes anglofalantes, e /los aŋheles/ polos seus hispanofalantes. Aos habitantes dos Ánxeles chámaselle ás veces "Angelenos" en inglés.

Sabías que...?

editar

Death Valley.


Categorías

editar

Queres atopar artigos relacionados cos Estados Unidos de América? Proba buscando nas seguintes categorías:

Categorías de Estados Unidos de América

Biografía destacada

editar

Harvey Bernard Milk, nado en Nova York o 22 de maio de 1930 e falecido en San Francisco o 27 de novembro de 1978, foi un político e activista norteamericano, o primeiro político abertamente gai elixido para un cargo público en California. Milk trasladouse dende Nova York ata San Francisco no ano 1972, coincidindo cun aumento do colectivo gai no Distrito Castro. Axudouse do crecemento político e do poder adquisitivo deste distrito para promocionar os seus intereses, presentandose a un cargo público en tres ocasións. As súas campañas "teátricas" aumentaron a súa popularidade, sendo elixido para o posto de supervisor de distrito no ano 1977. Milk serviu case 11 meses neste posto e foi responsable da aprobación dunha rigorosa ordenanza municipal a prol dos dereitos dos gais. O 27 de novembro de 1978 Milk e o alcalde George Moscone foron asasinados por Dan White, outro supervisor que dimitira recentemente pero quería recuperar o seu posto de traballo.

Malia a súa curta carreira política Milk converteuse nunha icona en San Francisco e nun mártir para a comunidade gai. No ano 2002, Milk foi cualificado como o "funcionario LGBT máis famoso e significativamente aberto nunca elixido nos Estados Unidos". Anne Kronenberg escribíu del: "O que diferenciaba a a Harvey de ti ou de min é que el era un visionario. Imaxinaba un mundo xusto na súa cabeza e entón dispoñíase a crealo na realidade, para todos nos". Sobre a súa vida téñense escrito distintas obras, un extenso documental de televisión (The Times of Harvey Milk) e un filme (Milk) dirixido por Gus Van Sant, con Sean Penn no papel de Milk, estreado en 2008. O presidente Barack Obama impúxolle a título póstumo a medalla presidencial da liberdade o 12 de agosto de 2009.

Imaxe destacada

editar

Construción da cara de George Washington no Monte Rushmore.
Vexa o artigo Dacota do Sur.


Proxectos relacionados
Estados
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons