Terapia ocupacional
A terapia ocupacional é a rama da medicina e da enfermaría que se ocupa de axudar ás persoas ao longo das súas vidas a participaren nas actividades e tarefas que eles queren e que necesitan realizar, por medio da utilización terapéutica de actividades diarias (ocupacións).
Algunhas intervencións comúns en terapia ocupacional inclúen axudar a nenos con discapacidades a participar na escola e en situacións sociais, axudar as persoas que se están recuperando de lesións, e subministrar servizos para adultos maiores que están experimentando cambios cognitivos e físicos.[1]
Denomínase ciencia ocupacional a disciplina académica que naceu dos valores da terapia ocupacional e presta atención ao comportamento humano. A ocupación será o foco da práctica á vez que a unidade de análise, centrándose na forma (aspectos observábeis da ocupación), función (como inflúe na saúde física e na satisfacción vital) e significado (a experiencia subxectiva de participación dentro do contexto) da ocupación humana.[2]
Definición da OMS
[editar | editar a fonte]A Organización Mundial da Saúde (OMS) define a terapia ocupacional como o conxunto de técnicas, métodos e actuacións que, a través de actividades aplicadas con fins terapéuticos, prevén a enfermidade e mantén a saúde, favorece a restauración das funcións, cumpre as deficiencias incapacitantes e valora os supostos do comportamento e a súa significación profunda para conseguir a maior independencia e reinserción posíbel do individuo en todos os seus aspectos: laboral, mental, físico e social, promovendo o mantemento, desenvolvemento ou recuperación da independencia da persoa.
Historia
[editar | editar a fonte]Idade Antiga
[editar | editar a fonte]O uso terapéutico da actividade e do movemento comezou coas civilizacións máis antigas. Nos anos 2000 a.C. os exipcios levantaron templos onde as persoas afectadas de "melancolía" (o que hoxe coñecemos como depresión nerviosa) acodían en gran número para aliviaren a súa enfermidade, e onde os xogos e actividades recreativas poñían a nota característica.
Na Grecia clásica, Esculapio creou o hospital da cidade de Pérgamo, onde se trataba de aliviar o delirium a través da canción, a música, a literatura e as farsas.
Pitágoras, Tales de Mileto e, segundo a mitoloxía, Orfeo, utilizaban a música como remedio para distintos males do corpo e a mente.
Hipócrates resaltou a relación corpo-mente recomendando a loita libre, a lectura e o traballo para manter e mellorar o estado de saúde dos individuos.
En Roma o médico Aulo Cornelio Celso (25 a.C.-50 d.C.) recomendaba a música, a conversación, a lectura, o exercicio físico até a fatiga, as viaxes e até un cambio de escenario para aliviar as mentes trastornadas.[3] Pola súa parte, Séneca aludía ao traballo como remedio de calquera clase de axitación mental.
Idades Media e Moderna
[editar | editar a fonte]O escurantismo da Idade Media levou a un consecuente declive do uso da ocupación con fins terapéuticos. Porén, entre 1250 e 1700 o interese científico dirixiuse cara á análise do movemento. Autores como Bacon, Leonardo da Vinci e Descartes prestaban especial atención á fisioloxía aplicada ao contorno, adquirindo unha connotación especial o ritmo, a postura e o gasto enerxético.
O fisiólogo italiano Sanctorius (1561-1636) desenvolveu as súas teorías do metabolismo e sinalou que os exercicios ocupacionais e o lecer podían incrementar a vitalidade. E o médico, así mesmo italiano Bernardino Ramazzini (1633–1714) resaltou a importancia da prevención fronte ao tratamento e a importancia de observar ao doente no seu lugar de traballo.
Primeiros establecementos psiquiáticos
[editar | editar a fonte]Coa creación do primeiro hospital psiquiátrico de Europa en Valencia en 1409 (Hospital de Santa María de los Santos Mártires Inocentes) iniciouse un importante movemento de proliferación de establecementos asistenciais para enfermos mentais, entre eles, en 1425 o Hospital Real y General de Nuestra Señora de Gracia, en Zaragoza, onde o padre Murillo describiu por primeira vez os tratamentos a través de traballos ocupacionais ou laborterapia, o que influíu en gran medida no tratamento moral de Philippe Pinel, quen prescribiu exercicios físicos e ocupacionais manuais coa crenza de que o labor manual executado rigorosamente era o mellor método para asegurar unha bona moral e disciplina.[4]
Desenvolvemento da anatomía, a fisioloxía e a psicoloxía
[editar | editar a fonte]Entre os séculos XVIII e XIX produciuse un rápido desenvolvemento da anatomía a fisioloxía e a psicoloxía, o que contribuíu á aparición dos patróns da fisioterapia e a terapia ocupacional.
O médico militar francés Joseph Clément Tissot (1747-1826) publicou en 1780 o libro Gymnastique médicinale et chirurgicale, no que clasificou o exercicio ocupacional en activo, pasivo e mixto, e recomendou actividades como a costura, a música ou a natación, entre outras.[5]
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Ao igual que a Guerra de Crimea precipitou o establecemento da enfermaría como profesión, a primeira guerra mundial a fisioterapia, e a pesar de que xa levaba amos de traxectoria, non foi até a segunda guerra mundial cando se recoñeceu a terapia ocupacional como profesión.[6]
En 1971 o médico M. Iberti estudou os métodos de tratamento por encargo do Comité de Mendicidade de París para poder realizar unha reforma sanitaria en Francia. Na Guerra da Independencia Española, en 1808, o hospital de Zaragoza foi destruído.[4] [7]</ref>
Nos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]A pesar dos antecedentes sinalados anteriormente, a historia da terapia ocupacional comena a estruturarse nos Estados Unidos tal como a coñecemos noxe a finais do século XVIII e principios do XIX co uso do tratamento moral.
Durante a primeira guerra mundial aparecen os primeiros "auxiliares de reconstrución"; é neste período cando a terapia ocupacional pasa a formar parte activa no tratamento da discapacidade física.
Durante a segunda guerra mundial, e co aumento da esperanza de vida dos enfermos e feridos de guerra debido á aplicación de tratamentos máis eficaces (a penicilina, por exemplo) os hospitais militares necesitaban máis terapeutas dos que existían no país, o que fixo necesario desenvolver novos programas de formación. A SGM non só supuxo un crecemento na profesión, senón que tamén condicionou a primeira crise do paradigma orixinal, que se viu altamente influído polo modelo médico, dando lugar a un novo paradigma máis mecanicista.[8] [9]
- Benjamin Rush (1745-1813): é considerado con frecuencia como o pai da psiquiatría norteamericana, cría que o home estaba feito para ser activo, polo que recomendaba exercicio, traballo e música como parte do tratamento da enfermidad mental. Este tipo de intervencións (tratamento moral) tiveron a súa época dourada entre 1840 e 1860, cando, polas dificultades económicas do momento, déixase a un lado este tipo de intervención. A partir deste momento xorde o "movemento de artes e oficios", que se leva a cabo no ámbito educativo e terapéutico subministrando dous enfoques distintos: o primeiro denominouse "ocupacións en sala e actividades para inválidos", dirixido a enfermos mentais, e o segundo relacionado co "adestramento manual e oupacional", enfocado á práctica para persoas con discapacidades físicas.
Foi en 1917 cando a ocupación rexorde como terapia ocupacional ao fundarse a NSPOT (National Society for the Promotion of Occupational Therapy), actualmente coñecida como a AOTA.[10]
- Adolf Meyer (1866-1950), psiquiatra e mentor de Dunton e Slagle, tomou as ideas fundamentais do tratamento moral e traballou sobre elas para crear a súa propia filosofía da terapia ocupacional agregando a idea de que a enfermidade mental era un problema de adaptación, deterioración dos hábitos e de falta de equilibrio entre traballo e lecer.[9]
- A enfermeira Susan E. Tracy (1878-1928), mentres traballaba con pacientes ortopédicos encamados, deuse de conta dos beneficios da ocupación para aliviar a tensión nerviosa e permitir a estes pacientes soportaren o encamamento. Vía na ocupación un importante aliado das terapias farmacolóxicas e cría no adestramento da autoaxuda. Desenvolveu o primeiro curso sistemático de formación na ocupación para preparar aos instrutores e escribiu o primeiro libro coñecido sobre terapia ocupacional (Studies in Invalid Occupations). Cría tamén, ao igual que Meyer, que a relación interpersonal entre paciente e instrutor era importante para lograr o éxito no tratamento ocupacional.[10]
- O médico Herbert J. Hall (1870-1923) prescribía a ocupación aos seus pacientes como un tipo de medicina. Cría que a adecuada ocupación das mans e a mente era un factor moi potente no mantemento da saúde física, mental e moral no individuo e a comunidade. Foi o coautor do libro El trabajo de nuestras manos, onde divide as ocupacións en <<de diversión ou entretemento>>, útiles en estadios avanzados ou incurábeis da enfermidade, y <<remediadoras>>. Foi este o primeiro estudo sistemático dos efectos da ocupación sobre a enfermidade mental.[10]
- A traballadora social Eleanor Clarke Slagle (1871-1942) interesouse polos efectos negativos da inactividade dos enfermos mentais nas estancias hospitalarias. É considerada a nai da profesión. Organizou a primeira escola profesional para terapeutas ocupacionais en Chicago, da que foi directora. A interdependencia dos compoñentes físico e mental eran claves para realizar a terapia; as actividades trataban de buscar un equilibrio entre traballo, descanso e xogo nos pacientes mentais.[10]
- William Rush Dunton Jr (1868-1966), psiquiatra e considerado o pai da profesión, publicou o primeiro texto completo de terapia ocupacional, no que recollía indicacións para utilizar as ocupacións. Foi o editor da primeira revista de terapia ocupacional (Archives of Occupational Therapy). Tamén foi o presidente da primeira sociedade americana de terapia ocupacional (NSPOT). Propuxo que a terapia ocupacional representara a continuación do tratamento moral.[10]
- Edward Barton (1877-1923), arquitecto, sufriu tuberculose, o cal lle permitiu experimentar persoalmente os beneficios do tratamento da ocupación. Foi o primeiro en cuñar o termo "terapia ocupacional". Estaba interesado en coñecer a resposta do corpo humano ás intervencións terapéuticas a través da ocupación. Foi cofundador da NSPOT e o seu primeiro presidente.[10]
- Gail Filder (1916-2005) baseou o seu traballo na teoría psicodinámica e influíu en gran medida no desenvolvemento do paradigma da disciplina. Expuxo o modo en que podía utilizarse a actividade para a expresión non verbal de pensamentos e sentimentos.[11]
- Mary Reilly (1916-2011), no seu libro Play as exploratory learning, trata por primeira vez dun modo serio o tópico do xogo na disciplina.[12] Reilly traballou cos veteranos da segunda guerra mundial que sufriran dano cerebral. Estaba convencida de que a terapia ocupacional debía desenvolver guías xerais de práctica.[13]
- Elizabeth June Yerxa (1967) recordou aos terapeutas que o punto de vista reducionista do modelo médico consideraba aos pacientes só en termos diagnósticos, afastando a práctica da verdadeira terapia ocupacional. «Desde o punto de vista filosófico non vemos ao home como unha cousa, senón como un ser cuxas eleccións lle permiten descubrir e determinar a súa propia existencia».[14]
- Catherine Trombly desenvolveu o seu traballo en torno á discapacidade física do adulto. Achegou o modelo de funcionamento ocupacional. Considera que a adquisición de competencias nos contornos físico e social nos que vive o individuo contribúe ao desenvolvemento da autoestima, autoeficacia e control do ambiente.[15]
- Anna Jean Ayres Baker (1920-1989) é coñecida polo descubrimento e as publicacións que fixo sobre o déficit de integración sensorial (como o cerebro procesa a información e elabora unha resposta adecuada). Centrouse en como o déficit de integración sensorial afecta á capacidade de aprendizaxe dos nenos. Foi autora ademais de tres dos principais instrumentos de probas estandarizadas de integración sensorial, The Southern California Sensory Integration Tests (1972), The Southern California Postrotary Nystagmus Test (1975), e The Sensory Integration and Praxis Tests (1989).[16]
Na Gran Bretaña
[editar | editar a fonte]En Inglaterra, William Tuke (1732–1822) postulou que a maioría das enfermidades mentais eran curábeis e que era necesario estimular aos pacientes a aprender autocontrol. Axudado polos seus colaboradores, iniciounos en diversas ocupacións ou distraccións adaptadas aos diferentes pacientes (settlement movement).
En 1898 introduciuse en Escocia o "Proxecto Brabazan", que consistía en ensinar aos residentes enfermos eivados a emprgar as súas mans de forma útil.
A profesión de terapia ocupacional emerxe no país a finais do século XIX como parte do coñecemento do valor das ocupacións como tratamento.
A raíz da primeira guerra mundial xorde a necesidade de atender aos feridos, polo que Sir Robert Jons (1857-1933), cirurxián ortopedista, establece os centros de ortopedia nos que se aplica a terapia ocupacional.
Henderson introduce a terapia ocupacional en Escocia nun hospital psiquiátrico moderno.
Xa en 1925, Margot Fulton (1900-1989) foi a primeira terapeuta ocupacional titulada en traballar na [[Gran Bretaña]; porén, non foi até 1930 cando se fundou a primeira escola de terapia ocupacional neste país.[17]
En España
[editar | editar a fonte]A historia da terapia ocupacional en España está directamente relacionada cos antecedentes da práctica psiquiátrica e a rehabilitación psicosocial. A preocupación polo enfermo mental de forma tan temperá vinculouse por un lado á influencia da cultura árabe, na que a loucura se entende como un acontecemento divino e, por outro lado, coa caridade cristiá.[4]
- En 1877 o padre Menni aplicou tratamentos médico-morais que incluían o tratamento moral de Pinel do que formaba parte a terapia ocupacional; consistía en curar con sabios consellos e palabras de ánimo.
- En 1887 créase o primeiro Asilo para Inválidos do Traballo, que se complementa en 1900 coa primeira Lei de accidentes de traballo.
- En 1922 ábrese o Instituto de Reeducación Profesional de Inválidos do Traballo (IRPIT).
- A partir de 1926 dítanse distintos Decretos dirixidos á educación e reeducación de discapacitados.
- En 1933 créase a Caixa Nacional de Accidentes de Traballo, onde se realiza rehabilitación.
A Guerra Civil (1936-1939) provocou unha freada brusca no desenvolvemento da sociedade en xeral. Tras a guerra civil, a escaseza de medidas sanitarias, preventivas e terapéuticas favoreceron o padecemento de diversas enfermidades cuxas secuelas propiciaron a aparición e formación da figura do terapeuta ocupacional en España. En 1940 créase o Auxilio Social, organización de inspiración fascista englobada durante o franquismo dentro da Sección Feminina da Falange Española.
Na década dos 50 desprégase o movemento asistencial en dúas frontes; por un lado, o campo psiquiátrico, e por outro, a rehabilitación física. Créanse dous padroádegos, un de hixiene mental e outro de asistencia psiquiátrica; nace o padroádego de Loita contra a Invalidez, que sería coñecido posteriormente como padroádego de rehabilitación. Créase a Asociación de Inválidos Civís, a cal sinalaba que non só existían minusvalías causadas por accidentes laborais. Todo isto favoreceu a creación da SER (Sociedade Española de Rehabilitación), recoñecéndose en 1969 a Rehabilitación como especialidade médica. Créase o Centro Nacional de Rehabilitación, que incluía un departamento de terapia ocupacional.[18]
Entre os anos 60 e 67 comenzan a formarse as primeiras promocións de terapeutas ocupacionais no modelo médico. O Dr. Manuel Oñorbe Garbayo, o Dr. Heliodoro Ruiz García (1922-2007) e o Dr. Cecilio González Sánchez, pioneiros e adiantados da Medicina Física e a Rehabilitación, poñen en funcionamento a Escola Nacional de Terapia Ocupacional no Dispensario Nacional de Rehabilitación de Madrid; o Ministerio da Gobernación require á OMS a súa supervisión para iniciar o desenvolvemento da terapia ocupacional en España, e é entón cando Mercedes Abella, terapeuta ocupacional cubana e comisionada da OMS, se traslada a España e se pon en contacto cos doutores arriba mencionados para elaborar o primeiro plan de estudos para a ensinanza da terapia ocupacional impartindo ademais materias específicas desta disciplina.[19]
- En 1964 créase a Escola Nacional de Terapia Ocupacional (ENTO),[20] que se traslada en 1971 ao Centro Nacional de Rehabilitación, hoxe coñecido como Instituto Provincial de Rehabilitación.
- En 1970 a Escola Nacional de Terapia Ocupacional foi recoñecida pola Federación Mundial de Terapia Ocupacional (WFOT) e, a finais da década, a figura do terapeuta ocupacional incorpórase a todas as Residencias dependentes do Ministerio.
Coa reforma asistencial créanse recursos comunitarios nos que se conta coa figura do terapeuta ocupacional. No ámbito xeriátrico, coa creación do Hospital de la Cruz Roja de Madrid, incorpóranse os servizos de terapia ocupacional.
A nivel hospitalario o terapeuta ocupacional incorpórase desde os inicios da súa formación aos servizos de rehabilitación de hospitais xerais e monográficos, e tamén nalgúns servizos de psiquiatría.[21] [22]
- En 1984 incorpóranse os primeiros terapeutas ocupacionais en calidade de técnicos en rehabilitación á ONCE.
- En 1990 implántanse os estudos universitarios de terapia ocupacional coa publicación no BOE número 278 do Real Decreto 1420/1990.
- En 1995 publícanse os requisitos para homologar o título de Terapeuta Ocupacional da Escola Nacional de Sanidade co título de Diplomado (BOE 290/1995, de 5 de decembro de 1995).
Aplicación práctica da terapia ocupacional
[editar | editar a fonte]O terapeuta ocupacional presta os seus servizos a persoas con algún problema que interfire no desempeño satisfactorio da súa ocupación; levar a cabo ocupacións significativas para a persoa é fundamental para o seu benestar.[23]
- Práctica centrada no usuario
- Busca subministrar á persoa control sobre a súa vida. Hai unha participación activa da persoa no seu proceso terapéutico. A historia ocupacional elabórase durante a terapia.
- Práctica centrada na ocupación
- A terapia ocupacional constitúe unha axuda para participar nas ocupacións que o paciente valora. A ocupación é fundamental para que a persoa constrúa a súa identidade. Para que a práctica se leve a cabo de forma correcta cómpre unha avaliación sistemática das prioridades e intereses da persoa.
- Práctica baseada na evidencia
- Trátase de basear as decisións de intervención no "uso concienzudo, explícito e prudente da mellor evidencia actual". Tratase de integrar a evidencia da investigación no proceso clínico para así poder predicir uns posíbeis resultados. O profesional de terapia ocupacional debe saber de que modo acceder, avaliar e interpretar a investigación relevante, debe ter a capacidade para reunir datos relevantes que apoien as súas intervencións e comunicar os resultados probábeis da intervención para que o paciente decida se desexa recibir esa intervención.[24]
Campos de intervención
[editar | editar a fonte]Por patoloxías, a terapia ocupacional intégrase dentro dun equipo interdisciplinario de seguimento e tratamento de:
- Calquera proceso que curse con dano cerebral adquirido:
- Accidente cerebrovascular (ACV)
- Traumatismo cranioencefálico (TCE)
- Enfermidade dexenerativa
- Lesión medular de diversa orixe (traumática, tumoral, conxénita, vascular ou dexenerativa).
- Trastornos da deglutición e da comunicación de orixe funcional e neurolóxica.
Os terapeutas ocupacionais traballan con todos os grupos de idade nunha ampla gama de áreas, podendo desempeñar principalmente o seu labor en:
- Discapacidade física e intelectual.
- Deficiencias cognitivas e sensoriais.
- Coidados paliativos.
- Oncoloxía.
- Saúde mental.
- Xeriatría.
- Pediatría.
- Intervención comunitaria.
- Educación.
- Docencia.
- Investigación.
- Práctica privada da profesión.
Funcións do terapeuta ocupacional
[editar | editar a fonte]- Avaliación e intervención dos problemas de integración sensorial (IS).
- Valoración funcional.
- Adestramento en actividades da vida diaria (AVD) e instrumentais.
- Adaptación/Readaptación funcional.
- Estimulación e reeducación cognitiva.
- Estimulación e integración sensorial.
- Valoración, deseño e adestramento de ortese e produtos de apoio.
- Adestramento no uso de próteses.
- Adaptación do fogar e do posto de traballo.
- Orientación/reorientación laboral.
- Preparación para a volta á ocupación ou ao desenvolvemento de actividades significativas.
- Asesoramento en lecer e tempo libre.
- Adaptación de actividades.
- Terapia de grupo.
Marcos de referencia teóricos
[editar | editar a fonte]Son un conxunto de teorías procedentes de diferentes áreas do coñecemento que constitúen os fundamentos científicos da práctica da terapia ocupacional. O seu obxectivo é describir, explicar e predicir comportamentos de calquera tipo sobre os que se fundamenta unha teoría. Non subministran ferramentas prácticas de intervención. Na práctica da terapia ocupacional os marcos de referencia deben combinarse para atender á persoa de forma global. Estes marcos poden ser:[25]
- Marcos de referencia primarios. Orientan e dan significado e coherencia á base conceptual. Proceden de coñecementos externos á terapia ocupacional.
- fisiolóxicoa: atenden aspectos biolóxicos da persoa tendo en conta os síntomas e signos da enfermidade e adoptan un punto de vista reducionista. Céntranse nos problemas relacionados co funcionamento físico da persoa.
- psicolóxicos: achegan diferentes teorías que axudan a comprender e explicar o comportamento humano.
- Marcos de referencia aplicados. Versión da teoría aplicada e adaptada á práctica da terapia ocupacional. Constitúen a transición da teoría á práctica mediante o deseño e descrición de estratexias útiles para a intervención desde a terapia ocupacional. Estes marcos de referencia poden aplicarse á disfunción física e psicosocial.
Modelos de práctica
[editar | editar a fonte]Describen e explican as relacións complexas entre os elementos integrando teoría e práctica. Subministran unha guía sobre o que facer. Son configurados en torno a teorías propias da profesión, subminitrando unidade e identidade na disciplina.
Código ético da terapia ocupacional
[editar | editar a fonte]A Federación Mundial de Terapia Ocupacional establece unha serie de categorías xerais de conduta adecuadas en calquera situación profesional baseadas nos catro principios éticos básicos (non maleficencia, beneficencia, autonomía e xustiza) que se desenvolven neste código da seguiente forma:
- Atributos persoais: o terapeuta ocupacional demostra integridade, confiabilidade, amplitude de criterio e lealdade en todos os aspectos do rol profesional.
- Responsabilidade cara aos usuarios dos servizos de terapia ocupacional.
- Conduta profesional e colaboración interdisciplinaria: recoñecer a necesidade e os beneficios da colaboración interdisciplinaria e respecto ás contribucións doutras profesións. A contribución da terapia ocupacional baséase no desempeño ocupacional con efectos sobre a saúde e o benestar persoal.
- Actualización profesional: participar do desenvolvemento da profesión a través da capacitación permanente e aplicación de coñecementos e habilidades adquiridos na práctica profesional baseada na mellor evidencia posíbel.
- Promoción e desenvolvemento: os terapeutas ocupacionais comprométense á promoción e desenvolvemento da profesión en xeral. Así mesmo están interesados en promocionar a terapia ocupacional en forma ética ao público en xeral, outras organizacións profesionais e estruturas gobernamentais a nivel rexional, nacional e internacional.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ American Occupational Therapy Association (13 de setembro de 2016). "About occupational therapy. What is Occupational Therapy?". http://www.aota.or1g/11About-Occupational-Therapy.aspx (en inglés). AOTA. Consultado o 19 de marzo de 2018.
- ↑ Boyt Schell, Gillen & Scaffa 2016, pp. 15-26.
- ↑ Jackson, R. (1998): Doctor and diseases in the Roman Empire. London: British Museum Press. ISBN 0-7141-1390-5.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Pérez de Heredia-Torres, Brea-Rivero & Martínez-Piédrola 2007, pp. 695-698.
- ↑ Clément-Joseph Tissot (1780): Gymnastique médicinale et chirurgicale Paris: Chez Bastien, Libraire.
- ↑ Durante Molina 2001, pp. 1-14.
- ↑ Moruno Miralles & Talavera Valverde 2007, pp. 243-333.
- ↑ Romero Ayuso & Moruno Miralles 2003, pp. 5-27.
- ↑ 9,0 9,1 Blessdell Crepeau, Cohn & Boyt Schell 2011, pp. 5-13.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Polonio López, Durante Molina & Noya Arnaiz 2001, pp. 1-14.
- ↑ Kielhofner 2006, pp. 27-63.
- ↑ Boyt Schell, Gillen & Scaffa, pp. 5-13.
- ↑ Reilly, M. (2002): "Theorical models underlying the clinical practice of psychosocial occupational therapy". En: Stein, Franklin & Cutler, Susan K. Psychosocial occupational therapy: a holistic approach. 2nd Ed. Stamford, Connecticut, US: Delmar Thomson Learning, pp. 109-186.
- ↑ Blessdell Crepeau, Cohn & Boyt Schel 2011, pp. 5-13.
- ↑ Polonio López, B. 2016, pp. 13-37.
- ↑ Polonio López, Durante Molina & Noya Arnaiz 2001, pp. 73-88.
- ↑ Polonio López, Durante Molina & Noya Arnaiz 2001, pp. 1-12.
- ↑ Romero Ayuso & Moruno Miralles 2003, pp. 29-40.
- ↑ Moruno Miralles et al., pp. 20-38.
- ↑ BOE nº 264 de octubre de 1964.
- ↑ Polonio López, Durante Molina & Noya Arnaiz 2001, pp. 8-9.
- ↑ Moruno Miralles et al., pp. 241-262.
- ↑ Kielhofner 2006, pp. 4-6.
- ↑ Blessdell Crepeau, Cohn & Boyt Schell 2011, pp. 27-30.
- ↑ Polonio López, Durante Molina & Noya Arnaiz 2001, pp. 65-71.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Terapia ocupacional |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blesedell Crepeau, Elizabeth; Ellen S. Cohn & Barbara A. Boyt Schell (2011): Willard & Spackman. Terapia Ocupacional. 11ª Ed. Editorial Médica Panamericana. ISBN 978-95-0060-098-9.
- Boyt Schell, Bárbara A.; Glen Gillen & Marjorie E. Scaffa (2016): Willard & Spackman. Terapia Ocupacional. 12ª Ed. Buenos Aires: Editorial Médica Panamericana. ISBN 978-60-7935-686-6.
- Da Silva Araújo, L.; Fierro Jordán, N.; Guitérrez Monclus, P. & Rodriguez, O. (2011): "Ciencia de la ocupación y terapia ocupacional: sus relaciones y aplicaciones a la práctica clínica". Revista Chilena de Terapia Ocupacional 11 (1): 79-87.
- Durante Molina, P. (2001): "Historia de la Terapia Ocupacional". En: Polonio López B.; Durante Molina, P. e Noya Arnaiz, B. Conceptos Fundamentales de Terapia Ocupacional. 1ª Ed. Madrid: Editorial Médica Panamericana. ISBN 978-84-7903-631-7.
- Kielhofner G. (2006): Fundamentos conceptuales de terapia ocupacional. 3ª Ed. Buenos Aires: Editorial Médica Panamericana. ISBN 978-95-0061-258-6.
- Moruno Miralles, P. & Talavera Valverde, M. Á., compiladores (2007): "Terapia Ocupacional: una perspectiva histórica 90 años después de su creación". Revista de Terapia Ocupacional Galicia (TOG) / Asociación Profesional Gallega de Terapeutas Ocupacionales (APGTO).
- Pérez de Heredia-Torres M.; Brea-Rivero, M. & Martínez-Piédrola, R. M. (2007): "Origen de la Terapia Ocupacional en España". Rev. Neurol. 45 (11).
- Polonio López, B.; Durante Molina, P. & Noya Arnaiz, B. (2001): Conceptos Fundamentales de Terapia Ocupacional. 1ª Ed. Madrid: Editorial Médica Panamericana. ISBN 978-84-9835-478-2.
- Polonio López, B. (2016): Terapia ocupacional en disfunciones físicas. Teoría y práctica. 2ª Ed. Madrid: Editorial Médica Panamericana. ISBN 978-84-9835-787-5.
- Romero Ayuso D. M. & Moruno Miralles P. (2003): Terapia ocupacional: Teoría y técnicas. Barcelona: Masson. ISBN 978-84-4581-278-5.
- Stein, Franklin & Cutler, Susan K. (2002): Psychosocial occupational therapy: a holistic approach. 2nd Ed. Stamford, Connecticut, US: Delmar Thomson Learning. ISBN 978-1-5659-3925-7.