Zafiro
Zafiro | |
---|---|
O zafiro Logan azul de 423 quilates (85 g) | |
Fórmula química | Óxido de aluminio, Al2O3 |
Clase | minerais óxidos |
Sistema cristalino | Trigonal |
Cor | Tipicamente azul, pero varía |
Brillo | Vítreo |
Dureza | 9,0 |
Fractura | Concoide, en estelas |
O zafiro[1] é unha pedra preciosa, que é unha variedade do mineral corindón, un óxido de aluminio (α-Al2O3). É tipicamente de cor azul, pero hai zafiros naturais amarelos, púrpuras, laranxas e verdes e de dúas ou máis cores. A única cor que os zafiros nunca teñen é a vermella, xa que o corindón vermello se denomina rubí.[2] O corindón rosa pode ser clasificado como zafiro ou rubí dependendo da localidade. Esta variedade de cores que pode mostrar débese á presenza de cantidades traza de elementos como o ferro, titanio, cromo, cobre ou magnesio.
Normalmente, os zafiros naturais tállanse e púlense para formar xemas para xoiaría. Tamén se poden crear sinteticamente en laboratorios para usos industriais ou decorativos en grandes bolas cristalinas (boules, lingotes monocristalinos). Debido á súa gran dureza, que chega a 9 na escala de Mohs (é o terceiro mineral máis duro despois do diamante, que ten dureza 10, e a moissanita con 9,5), os zafiros tamén se utilizan en aplicacións non ornamentais, como compoñentes na óptica infravermella; en fiestras de alta duración; cristais de reloxos de pulso e outros aparellos; e en obleas semicondutoras para electrónica moi finas, que se usan como substratos illantes para propósitos especiais na electrónica do estado sólido (especialmente en circuítos integrados e LEDs baseados no uso de nitruro de galio, GaN).
O zafiro é a pedra correspondente aos nacidos no mes de setembro e a xema dos 45ºs aniversarios. O xubileu de zafiro ocorre pasados 65 anos.[3]
Zafiros naturais
[editar | editar a fonte]O zafiro é unha das variedades xema do corindón, a outra é o rubí (un corindón de tons vermellos). Aínda que o azul é a cor máis habitual dos zafiros, tamén poden ter outras cores, incluso a gris e a negra, e poden ser transparentes. As variedades rosas denomínanse padparadscha (véxase máis abaixo).
Encontráronse depósitos significativos de zafiros en Australia oriental, Tailandia, Sri Lanka, China (Shandong), Madagascar, África Oriental e en Norteamérica nunhas poucas localidades, principalmente en Montana.[4]:164–166 Os zafiros e os rubís encóntranse xeralmente nos mesmos xacementos xeolóxicos.[5]
Todas as minas de zafiros poducen unha gama de calidades e a orixe non é unha garantía de calidade. Os zafiros máis aprezados son os de Caxemira, aínda que en Birmania, Sri Lanka e Madagascar tamén se producen grandes cantidaes de xemas de alta calidade.[2]
O prezo dos zafiros naturais varía dependendo da súa cor, claridade, tamaño, talla e calidade global. Para as xemas de excepcional calidade, xeralmente a determinación independente da orixe feita por un laboratorio respectado como o GIA, AGL ou Gubelin engádelles valor.
Zafiro azul
[editar | editar a fonte]A cor das xemas pode describirse en termos de ton, saturación e luminosidade (claridade). O ton enténdese comunmente como a "cor" da xema. A saturación refírese á viveza ou brillo do ton, e a tonalidade é o grao en que a cor é escura ou clara.[4]:18–22 O zafiro azul pode ter varias mesturas dos seus tons primario (azul) ou secundario, varios niveis de luminosidade (matices de sombra) e varios niveis de saturación (viveza).
Os zafiros azuis son avaliados baseándose na pureza do ton primario. Os tons secundarios máis comúns son o púrpura, violeta e verde que se encontran nos zafiros azuis.[4]:163–169 O violeta e púrpura poden contribuír á beleza global da cor, mentres que o verde considérase algo moi negativo. Os zafiros azuis con ata un 15% de violeta ou púrpura considéranse xeralmente de gran calidade. O gris é o modificador normal da saturación ou máscara que se encontra en zafiros azuis. O gris reduce a saturación ou brillo do ton, e, por tanto, ten un efecto claramente negativo.[4]:163–169
A cor de zafiros azuis de calidade pode describirse como dun violeta medianamente escuro vivo a un azul purpúreo no que o ton azul primario é de polo menos o 85% e o secundario de non máis do 15%, sen a menor mestura de ton secundario verde ou máscara gris.[4]:18–22
O zafiro Logan de 423 quilates conservado no Museo Nacional de Historia Natural de Washington, D.C. é unha das maiores xemas de calidade faceteadas de zafiro azul que existen.
Zafiros doutras cores
[editar | editar a fonte]Os zafiros de cores distintas á azul denomínanse "fancy" ou "parti colored".
Os zafiros "fancy" son con frecuencia amarelos, laranxas, verdes, marróns píurpuras e violetas.[6]
Os zafiros "parti colored" son os que teñen máis dunha cor nunha soa xema. Australia é a principal fonte deste tipo de zafiros, pero non se usan moito en xoiería, polo que son pouco coñecidos. Ademais non poden crearse sinteticamente polo que só se poden atopar na natureza.
Os zafiros incoloros utilízanse ás veces en xoiería como substitutos dos diamantes.
Zafiros rosas
[editar | editar a fonte]Os zafiros rosa poden ser rosas claros ou escuros e a intensidade da cor aumenta conforme o seu contido en cromo é máis elevado. Canto máis intensa é a cor máis prezo teñen. Nos Estados Unidos, debe chegar a ter un mínimo de saturación de cor para que se lle chame rubí, en caso contrario denomínase zafiro rosa.[7]
Padparadscha
[editar | editar a fonte]Padparadscha é un delicado corindón de ton rosa-laranxa a laranxa-rosa de luminosidade clara a media, que se atopou orixinalmente en Sri Lanka,[8] pero tamén o hai en depósitos de Vietnam e partes de África Oriental. Os zafiros padparadscha son raros; o máis raro de todos é a variedade totalmente natural, sen ningún signo de tratamento artificial.[9]
O seu nome deriva do sánscrito padma ranga (padma = loto; ranga = cor), por teren unha cor similar á da flor do loto (Nelumbo nucifera).[10]
Os zafiros padparadscha naturais a miúdo alcanzan prezos máis altos que moitos dos mellores zafiros azuis. Recentemente, apareceron no mercado máis zafiros desta cor como resultado dun novo método de tratamento artificial chamado difusión reticular.[11]
Zafiro estrela
[editar | editar a fonte]Un zafiro estrela é un tipo de zafiro que mostra un fenómeno luminoso parecido a unha estrela coñecido como asterismo; as xemas vermellas denomínanse "rubís estrela". Os zafiros estrela conteñen inclusións con forma de agullas que se cruzan, que seguen a estrutura cristalina subxacente, o que causa que teñan a aparencia dun padrón de "estrela" de seis raios cando se ven iluminados cunha soa fonte de luz desde a parte superior. A inclusión adoita ser do mineral rútilo, un mineral composto principalmente de dióxido de titanio.[12] As pedras tállanse en cabochón, normalmente co centro da estrela preto da parte superior da cúpula. Ocasionalmente, poden verse estrelas de doce raios debidas a que hai dous conxuntos diferentes de inclusións na mesma pedra, como unha combinación de agullas finas de rútilo e pequenas plaquiñas de hematite; o primeiro ten como resultado unha estrela branca e o segundo orixina unha estrela de cor dourada. Durante a cristaliación, os dous tipos de inclusións quedan orientadas preferencialmente en diferentes direccións dentro do cristal, formando así estrelas de seis raios que están superpostas formando unha estrela de doce raios.[13] Poden tamén formarse estrelas de doce raios deformadas como resultado de maclado. As inclusións poden producir tamén un efecto de "ollo de gato"[14] se a dirección 'cara a arriba' da cúpula do cabochón está orientada en perpendicular ao eixe c do cristal en vez de en paralelo a el. Se a cúpula está orientda entre estas dúas direccións, pode verse unha estrela 'descentrada', fóra do punto máis alto da cúpula.[9]
A Estrela de Adán é o zafiro estrela azul máis grande cun peso de 1 404,49 quilates. A xema foi extraída dunha mina na cidade de Ratnapura, no sur de Sri Lanka.[15] A Estrela negra de Queensland, é o zafiro estrela de calidade xema máis grande do mundo, cun peso de 733 quilates.[16] A Estrela da India (extraída en Sri Lanka) cun peso de 563,4 quilates crese que é o segundo zafiro estrela azul máis grande e actualmente está exposto no Museo Americano de Historia Natural da cidade de Nova York. A Estrela de Bombai, de 182 quilates, extraído en Sri Lanka, localizado no Museo Nacional de Historia Natural de Washington, D.C., é outro exemplo de zafiro azul estrela grande. O valor dun zafiro estrela non só depende do seu peso, senón tamén da cor, visibilidade do efecto e intensidade do asterismo.
Zafiros que cambian de cor
[editar | editar a fonte]Unha rara variedade de zafiros naturais, coñecida como zafiros que cambian de cor, móstra diferentes cores baixo distintas iluminacións. Os zafiros que cambian de cor poden ser azuis baixo a luz natural de exteriores pero púrpuras baixo luz de interior incandescente (as tradicionais lámpadas de filamento), ou outros pasan de ser de verdes a verdes agrisados á luz do día a ser rosas ou violetas avermellados baixo luz incandescente. Os zafiros que cambian de cor proceden de diversos lugares, como Tailandia e Tanzania. O efecto de cambio de cor está causado pola interacción do zafiro, que absorbe lonxitudes de onda da luz específicas, e a fonte da luz, cuxo espectro emitido varía dependendo da forma do dispositivo de iluminación. As impurezas de metais de transición no zafiro, como o cromo e o vanadio, son responsables do cambio de cor.[17]
Certos cambios de cor sintéticos teñen un cambio de cor similar ao da xema natural alexandrita, polo que esas pedras son comercializadas como "alexandrium" ou "alexandrita sintética". Porén, o último termo é un erro, porque os zafiros que cambian de cor sintéticos non son, tecnicamente falando, alexandritas sintéticas senón simuladores da alexandrita. En realidade, a verdadeira alexandrita é unha variedade de crisoberilo, non un zafiro.[18]
Fonte da cor
[editar | editar a fonte]Os rubís son corindóns que conteñen impurezas de cromo que absorben a luz verde amarelada e dan lugar a unha cor vermella rubí máis intensa canto máior é o contido de cromo.[19] Os zafiros púrpura conteñen cantidades traza de vanadio e poden ser máis ou menos escuros. O corindón que contén ~0,01% de titanio é incoloro. Se hai cantidades traza de ferro, a pedra ten unha cor de verde a amarela moi clara. Porén, se están presentes á vez impurezas de titaniio e de ferro, e teñen os estados de valencia correctos, o resultado é unha cor azul intensa.[20]
A diferenza da absorción localizada ("intraatómica") da luz, que causa cor polas impurezas de cromo e vanadio, a cor azul dos zafiros procede da transferencia de carga intervalencia, que é a transferencia dun electrón dun ión de metal de transición a outro por medio de banda de condución ou banda de valencia. O ferro pode estar na forma Fe2+ ou Fe3+, mentres que o titanio xeralmente aparece como Ti4+. Se os ións Fe2+ e Ti4+ son substituídos por Al3+, créanse áreas localizadas con desequilibrio de cargas. Unha transferencia dun electrón desde o Fe2+ e Ti4+ pode causar un cambio no estado de valencia de ambos. Debido ao cambio de valencia hai un cambio específico na enerxía do electrón e absórbese enerxía electromagnética. A lonxitude de onda de luz da enerxía absobida corresponde á luz amarela. Cando se subtrae esta luz da luz branca incidente, orixínase a cor complementaria azul. Ás veces cando o espazado atómico é diferente en distintas direccións orixínse un dicroísmo verde-azulado.
A transferencia de carga intervalencia é un proceso que produce unha forte cor con porcentaxes de impurezas baixos. Mentres que sempre debe haber polo menos un 1% de cromo no corindón para que se poida ver a cor rubí vermella intensa, o azul dos zafiros pode apreciarse tan só coa presenza dun 0,01% de titanio e ferro.
Tratamentos
[editar | editar a fonte]Os zafiros poden tratarse con diversos métodos para potenciar a súa claridade e cor.[4]:169 É unha práctica común quentar os zafiros naturais para mellorar ou potenciar a súa cor. Quéntanse en fornos ata temperaturas entre 500 e 1 800 °C durante varias horas, ou quéntanse nun forno con atmosfera deficiente en nitróxeno durante sete días ou máis. Ao quentar a pedra esta faise máis azul, pero perde algunhas das inclusións de rútilo. Cando se usan altas temperaturas, as pedras perden todas as inclusións (o que se chama a "seda"), o que se aprecia moi ben aumentando a imaxe.[21] As inclusións en pedras naturais poden verse doadamente cunha lupa de xoieiro. Hai probas de que os zafiros e outras pedras preciosas xa eran quentadas polo menos nos tempos do Imperio Romano.[22] As pedras naturais non quentadas son algo raro e a miúdo véndense acompañadas dun certificado dun laboratorio xemolóxico independente que garante que "non hai evidencias de tratamento con calor".
Os zafiros Yogo ás veces non necesitan someterse a un tratamento con calor porque a cúa cor azul flor de millo é uniforme e intensa, carecen xeralmente de inclusións e teñen unha alta claridade uniforme.[23] Ata que Intergem Limited empezou a comercializar os Yogo na década de 1980 como os únicos zafiros do mundo que estaban garantidos como non tratados, o tratamento con calor normalmente non se revelaba; en 1982 o tratamento con calor convertérase xa nun asunto importante en xemoloxía.[24] Nese momento, o 95% de todos os zafiros do mundo eran quentados para potenciar a súa cor natural.[25] O comercio iniciado por Intergem de Yogos garantidos como non tratados enfrontouna con gran parte da industria das xemas.[25]
Utilízanse tratamentos de difusión para engadir impurezas aos zafiros e así potenciar a súa cor. Normalmente difúndese berilio nos zafiros a temperatura moi alta, xusto por debaixo do punto de fusión do zafiro. Inicialmente (arredor do ano 2000) creáronse zafiros laranxa, aínda que agora o proceso está máis avanzado e adoitan tratarse con berilo zafiros de moitas cores. A capa coloreada pode ser eliminada cando se descascan as pedras ou son repulidas ou refaceteadas, dependendo da profundidade á que se atope a capa de impurezas. Os zafiros padparadschas tratadas poden ser moi difíciles de detectar, e os laboratorios xemolóxicos (por exemplo, Gubelin, SSEF, AGTA) certifican moitas pedras.
En xemoloxía denomínanse os tratamentos como "de quentamento só" (nunha atmosfera oxidante ou redutora pero sen impurezas) ou de "difusión" (engádense impurezas de berilo, titanio, ferro, cromo ou níquel), pero en ambos os métodos están implicados procesos de difusión.[26]
Minería
[editar | editar a fonte]Os zafiros extráense de depósitos aluviais ou de depósitos de traballos subterráneos primarios. As localidades onde hai minería comercial de zafiros e rubís encóntranse principalmente en Afganistán, Australia, Myanmar, Camboxa, China, Colombia, India, Kenya, Laos, Madagascar, Malawi, Nepal, Nixeria, Paquistán, Sri Lanka, Taxiquistán, Tanzania, Tailandia, Estados Unidos e Vietnam. Os zafiros de diferentes localidades xeográficas poden ter distintas aparencias ou concentracións de impurezas químicas, e adoitan conter diferentes tipos de inclusións microscópicas. Debido a isto, os zafiros poden dividirse en tres grandes categorías: metamórfico clásico, metamórfico non clásico (ou magmático), e magmático clásico.[27]
Os zafiros de certas localidades ou de certas categorías poden ser máis atractivos comercialmente que os doutras,[28] particularmente os zafiros metamórficos clásicos de Caxemira, Myanmar ou Sri Lanka que non foron sometidos a tratamento con calor.[29][30][31]
Zafiros famosos como o zafiro Logan, a Estrela da India e a Estrela de Bombai son orixinarios das minas de Sri Lankan. Madagascar en 2007 era o líder mundial na produción de zafiros grazas aos seus depósitos dos arredores da cidade de Ilakaka.[32] Antes da apertura das minas de lakaka, Australia era o maior produtor (en 1987).[33] En 1991 descubriuse unha nova fonte de zafiros en Andranondambo, no sur de Madagascar. Esta área empezou a explotarse polos seus zafiros en 1993, pero foi practicamente abandonada en poucos anos debido ás dificultades que había para extraer os zafiros das súas rochas.[34]
En Norteamérica, extraéronse zafiros de depósitos de Montana, situados ao longo do río Missouri preto de Helena, Montana, Dry Cottonwood Creek preto de Deer Lodge, Montana e Rock Creek preto de Philipsburg, Montana. Atopáronse zafiros Yogo de calidade en Yogo Gulch ao oeste de Lewistown, Montana.[35] Atopáronse tamén algúns zafiros de grao de xema e rubís na área de Franklin, Carolina do Norte.[36]
Os depósitos de zafiros de Caxemira aínda son ben coñecidos na industria das xemas,[37] malia que o pico da súa produción tivo lugar principalmente nun relativamente curto período de tempo de finais do século XIX e inicios do XX.[38] Ter orixe en Caxemira aumenta significativamente o valor dun zafiro, e a maior parte do corindón orixinario de Caxemira pode ser doadamente identificado pola súa característica aparencia sedosa e ton excepcional.[39] Actualmente, o prezo récord por quilate mundial nunha poxa de zafiros conseguiuno un zafiro de Caxemira nun anel, que se vendeu por aproximadamente 242 000 dólares por quilatte (máis de 6,74 millóns de dólares en total, incluíndo a prima do comprador) en outubro de 2015.[40]
Zafiros sintéticos
[editar | editar a fonte]En 1902 o químico francés Auguste Verneuil desenvolveu o proceso para a produción de cristis de zafiro sintético.[41] No proceso de Verneuil engádese po fino de alúmina a unha chama de oxihidróxeno, e esta diríxese cara a abaixo contra un manto calefactor.[42] A alúmina da chama deposítase lentamente, creando unha bola cristalina (boule, lingote monocristalino) con forma de bágoa de material de zafiro. Pode engadirse un dopante químico para crear versións artificiais do rubí e todas as outras cores naturais do zafiro, e ademais, outras cores nunca vistas nas mostras xeolóxicas naturais. O material de zafiro artificial é idéntico ao zafiro natural, excepto en que pode fabricarse sen os defectos que se encontran nas pedras naturais. A desvantaxe do proceso de Verneuil é que os cristais que crecen teñen altas tensións internas.
Moitos métodos de fabricar zafiros de hoxe en día son variantes do proceso de Czochralski, que foi inventado en 1916 polo químico polaco Jan Czochralski.[43] Neste proceso, unha diminuta semente de cristal de zafiro mergúllase nun crisol feito do metal precioso iridio ou molibdeno,[44] que contén alúmina moída, e despois vaise retirando paseniñamente cara a arriba a unha velocidade de 1 a 100 mm por hora. A alúmina cristaliza no extremo, creando longas "bolas" (boules, lingotes) cristalinas con forma de cenoria de gran tamaño, que chegan ata os 200 kg de masa.[45]
O zafiro sintético tamén se produce industrialmente a partir de óxido de aluminio aglomerado fundido (por exemplo por prensado isostático en quente) nunha atmosfera inerte, rendendo un produto policristalino transparente pero lixeiramente poroso.[46]
En 2003 a produción mundial de zafiros sintéticos foi de 250 toneladas (1,25 × 109 quilates), principalmente realizada nos Estados Unidos e Rusia.[47][48] A dispoñibilidade de zafiro sintético barato desbloqueou moitos usos industriais que precisaban este escaso material.
O primeiro láser fabricouse cunha barra de rubí sintético. O láser de zafiro-titanio ten unha relativamente rara capacidade de poder ser sintonizado a varias lonxitudes de onda na rexión do vermello e do infravermello próximo do espectro electromagnético. Pode tamén ser doadamente sometido a bloqueo de modo (mode-locking). Nestes láseres un cristal de zafiro producido sinteticamente con impurezas de cromo e titanio irrádiase cunha luz intensa procedente dunha lámpada especial ou outro láser, para crear unha emisión estimulada.
Aplicacións comúns
[editar | editar a fonte]Xunto co dióxido de circonio e o oxinitruro de aluminio, o zafiro sintético utilízase para fabricar fiestras resistentes á rotura en vehículos blindados e en varios traxes militares de armadura corporal, xunto con materiais compostos.
Un tipo de lámpada de arco de xenon (orixinalmente chamada "Cermax"), que agora se denomina xenericamente "lámpada de xenon de corpo cerámico", usa fiestras de cristal de zafiro de saída que toleran altas cargas térmicas, e así maiores potencias de saída cando se compara coas lámpadas convencionais de xenon con fiestras de sílice pura.[49]
Cristal de zafiro
[editar | editar a fonte]O zafiro sintético ou cristal de zafiro,[50][51] ou cristal azul (xa que os zafiros son azuis) é á vez moi transparente a lonxitudes de onda da luz entre 150 nm (UV) e 5500 nm (IR) (o espectro visible esténdese entre os 380 nm e os 750 nm[52]), e extraordinariamente resistente ao raiado.
As propiedades máis útiles das fiestras de zafiro son:
- Teñen unha banda de transmisión óptica moi ancha, desde o UV ao infravermello próximo, (de 0,15 a 5,5 µm)
- Son significativamente máis fortes que outros materiais ópticos ou fiestras de cristal ordinario
- Son moi resistentes ao raiado e á abrasión (chega a 9 na escala de Mohs de dureza mineral, xa que o corindón é o terceiro mineral máis duro)[53]
- Temperatura de fusión extremadamente alta (2030 °C)
Algunhas fiestras de cristal de zafiro están feitas a partir de "bolas"" (boules, lingotes) cristalinas de zafiro puro que se fixeron crecer cunha orientación cristalina específica, normalmente ao longo do eixe óptico, que é o eixe c, para que teñan unha birrefrinxencia mínima.[54][55]
As "bolas" ou lingotes cristalinos son cortadas en láminas co grosor desexado para o cristal e finalmente puídas dándolle o acabado desexado á superficie. As fiestras ópticas de zafiro poden ser puídas orixinando diferentes acabados da superficie debido á súa estrutura cristalina e dureza. O acabado superficial das fiestras ópticas está normalmente determinado polas especificacións de raiado e escavado de acordo coas especificacións adoptadas globalmente MIL-O-13830.
Pensouse inicialmente en utilizar fiestras de zafiro nas pantallas de teléfonos móbiles de Apple iPhone 5s, iPhone 6 e iPad mini 3[56][57][58][59] pero estes produtos foron finalmente comercializados con pantallas de cristal Gorilla (Gorilla Glass 3).[60] Dous dos modelos de reloxo de Apple (Apple Watch) levan pantallas feitas de cristal de zafiro.
As fiestras de zafiro utilízanse en cámaras de alta presión e de baleiro para espectroscopía, así como nos cristais de varios reloxos de pulso, e en fiestras de escáneres de código de barras de certas tendas de alimentación pola súa excepcional resistencia e dureza, que resiste o raiado.[47]
Utilízase nas fiestras finais dalgúns tubos láseres de alta voltaxe pola súa transparencia de ampla banda e condutividade térmica, que permite utilizar densidades de alta voltaxe no espectro infravermello ou ultravioleta sen que se degraden pola calor.
Uso como substrato de circuítos semicondutores
[editar | editar a fonte]As obleas delgadas de zafiro foron o primeiro uso exitoso dun substrato illante sobre o cal depositar silicio para facer circuítos integrados chamados de silicio sobre zafiro ou "SOS" (silicon on sapphire); agora poden tamén usarse outros substratos para o tipo de circuítos coñecidos máis xeralmente como de silicio sobre illante. Ademais das súas excelentes propiedades illantes eléctricas, o zafiro ten unha alta condutividade térmica. Os chips CMOS (do inglés, complementary metal-oxide-semiconductor) sobre zafiro son especialmente útiles para aplicacións de radiofrecuencia de alta voltaxe, como as usadas nos teléfonos móbiles, radios policiais e sistemas de comunicacións por satélite. O "SOS" tamén permite a integración monolítica tanto de circuitería dixital coma analóxica sobre un microchip, e a construción de circuítos de voltaxe extremadamente baixa.
Nun proceso, unha vez que se fixeron crecer "bolas"" (lingotes) cristalinas de zafiro, estas son perforadas no centro formando barras cilíndricas, das que despois se cortan obleas. As obleas dun só cristal de zafiro son tamén utilizadas na industria dos semicondutores como substratos para o crecemento de dispositivos baseados no nitruro de galio (GaN). O uso do zafiro diminúe significativamente o custo, porque o seu prezo é aproximadamente a sétima parte que o do xermanio. O nitruro de galio no zafiro utilízase normalmente en díodos emisores de luz (LEDs) azul.[61]
Uso en endopróteses
[editar | editar a fonte]O zafiro monocristalino é bastante biocompatible e ten un excepcionalmente baixo desgaste do par zafiro-metal, o que levou á introdución (concretamente en Ucraína) dos zafiros monocristalinos nas endopróteses da articulación da cadeira.[62]
Referencias históricas e culturais
[editar | editar a fonte]- Etimoloxicamente a palabra "zafiro" deriva do latín sapphirus, sappirus e este do grego σαπφειρος (sappheiros) procedente do hebreo סַפִּיר (sappir). Por outra parte, o termo grego para zafiro usábase máis ben para designar o lapislázuli.[63] Non obstante, algúns lingüistas propoñen que deriva do sánscrito Shanipriya (शनिप्रिय), de "shani" (शनि) que significa 'Saturno' e "priya" (प्रिय), 'querido', é dicir, literalmente 'querido por Saturno'.[63]
- O zafiro era unha das doce pedras preciosas incluídas no peitoral do Sumo Sacerdote de Israel.[64]
- Durante a Idade Media, os lapidarios europeos empezaron a referirse ao cristal de corindón azul como "zafiro".[65]
- O zafiro é un regalo tradicional que se fai no 45º aniversario de vodas.[66]
- Un xubileu de zafiro ocorre pasados 65 anos. Por exemplo, a raíña Isabel II de Inglaterra celebrou o seu xubileu de zafiro en 2017, despois de 65 anos no trono.[3]
- O zafiro é a pedra mensual que corresponde aos nacidos en setembro.[67]
Zafiros notables
[editar | editar a fonte]Velaquí unha lista dalgúns dos zafiros máis notables:
Zafiro | Orixe | Tamaño | Talla | Cor | Localización |
---|---|---|---|---|---|
Estrela negra de Queensland[68] | Australia, 1938 | 733 quilates | Estrela | Negra | Propietario anónimo |
Zafiro Logan[69] | Sri Lanka | 422,99 quilates | Coxín | Azul | Museo Nacional de Historia Natural, Washington |
Estrela de Adán[15] | Sri Lanka, 2015 | 1 404,49 quilates | Estrela | Azul | Propietario anónimo |
Estrela de Bombai | Sri Lanka | 182 quilates | Estrela | Violeta azulada | Museo Nacional de Historia Natural, Washington |
Estrela da India | Sri Lanka | 563,4 quilates | Estrela | Gris azulada | Museo Americano de Historia Natural, Nova York |
Zafiro Stuart | 104 quilates | Azul | Torre de Londres |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para zafiro.
- ↑ 2,0 2,1 "Sapphire". gia.edu. Consultado o 27 de outubro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 BBC News Queen's Sapphire Jubilee: Gun salutes mark 65 years on the throne 7 de febreiro de 2017
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Wise, Richard W. (2004). Secrets Of The Gem Trade, The Connoisseur's Guide To Precious Gemstones. Brunswick House Press. ISBN 0-9728223-8-0.
- ↑ Wenk, Hans-Rudolf; Bulakh, A. G. (2004). Minerals: their constitution and origin. Cambridge, U.K.: Cambridge University Press. pp. 539–541. ISBN 0-521-52958-1.
- ↑ "sapphire description".
- ↑ Matlins, Antoinette Leonard (2010). Colored Gemstones. Gemstone Press. p. 203. ISBN 0-943763-72-X.
- ↑ "Properties of Sapphire". Lazaro SoHo. Consultado o 25 de novembro de 2014.
- ↑ 9,0 9,1 Hughes, Richard W. (decembro de 1997). Ruby & Sapphire. Boulder, CO: RWH Publishing. ISBN 978-0-9645097-6-4.
- ↑ Crowningshield, Robert (Spring 2010). "Padparadscha: What's in a Name?". Gems & Gemology (Gemological Institute of America (GIA)) 19 (1). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2017. Consultado o 30 de maio de 2017.
- ↑ Thomas, Arthur (2009). Gemstones: properties, identification and use (en inglés). New Holland. ISBN 978-1-84773-484-6.
- ↑ Emsley, John (2001). Nature's Building Blocks: An A-Z Guide to the Elements. Oxford: Oxford University Press. pp. 451–53. ISBN 0-19-850341-5.
- ↑ DuToit, Garry. "Twelve-Rayed Star Sapphire of Interest" (PDF). GIA Laboratory, Bangkok. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ Morgan, Diane (2008). Fire and blood: rubies in myth, magic, and history. Greenwood Publishing Group. ISBN 978-0-275-99304-7.
- ↑ 15,0 15,1 Sivaramakrishnan, P (4 de xaneiro de 2016). "World's largest blue star sapphire 'found in Sri Lanka'". BBC News (BBC). Consultado o 5 de xaneiro de 2016.
- ↑ Kim, Victoria (5 de xaneiro de 2010). "For some, a sapphire has not been their best friend". Los Angeles Times. Consultado o 5 de xaneiro de 2010.
- ↑ Schmetzer, Karl; Hainschwang, Thomas; Bernhardt, Heinz-Jürgen; Kiefert, Lore (Summer 2002). "New Chromium- and Vanadium-Bearing Garnets from Tranoroa, Madagascar". Gems & Gemology (GIA) 38 (1). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2014. Consultado o 30 de maio de 2017.
- ↑ Weldon, Robert. "An Introduction to Synthetic Gem Materials". GIA. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ "Ruby: causes of color". webexhibits.com. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ "Blue Sapphire". webexhibits.com. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ "Identification of heated / unheated status on ruby and sapphire". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2010. Consultado o 21 de marzo de 2010. Arquivado 09 de marzo de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ Nassau, Kurt (1984). Gemstone Enhancement. Butterworths. p. 95. ISBN 0-408-01447-4.
- ↑ Kane, Robert E. (xaneiro-febreiro de 2003). "The Sapphires of Montana – A Rainbow of Colors". Gem Market News 22 (1): 1–8. Consultado en xaneiro de 2004.
- ↑ Voynick, Stephen M. (1985). Yogo The Great American Sapphire (marzo de 1995 printing, 1987 ed.). Missoula, MT: Mountain Press Publishing. pp. 151–181. ISBN 0-87842-217-X.
- ↑ 25,0 25,1 Voynick 1985, pp. 165–181
- ↑ Nassau, Kurt (Fall 1981). "Heat Treating Ruby and Sapphire: Technical Aspects". Gems & Gemology 17 (3). Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2017. Consultado o 30 de maio de 2017.
- ↑ "Your Ruby and Sapphire Reports" (PDF). GIA. 2007.
- ↑ "Origin Determination". Gubelin Gem Labs. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ "Sapphire". American Gem Trade Association.
- ↑ Michelle, Amber (decembro de 2007). "The Kashmir Legend". Rapaport Diamond Report. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ Brooke Showell. "A Fancy for Sapphires". Rapaport Diamond Report. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ "Ilakaka Commune, Ranohira District, Horombe Region, Fianarantsoa Province, Madagascar". Mindat.org. Consultado o 2014-08-14.
- ↑ Doug Cocks (1992). Use with care: managing Australia's natural resources in the twenty-first century. UNSW Press. p. 102. ISBN 0-86840-308-3.
- ↑ Andranondambo. madagascarsapphire.com
- ↑ Voynick, Stephen M. (1985). Yogo The Great American Sapphire (marzo de 1995 printing, 1987 ed.). Missoula, MT: Mountain Press Publishing. pp. 16–19. ISBN 0-87842-217-X.
- ↑ "Gem Mining in Franklin, NC". Franklin, North Carolina Chamber of Commerce. Consultado o 11 de agosto de 2014.
- ↑ Fact Sheets. Gia.edu. Consultado o 4 de xaneiro de 2011.
- ↑ GemResearch Swisslab (GRS) Specializing in Origin Determination of Fine Rubies and Sapphires. Gemresearch.ch. Consultado o 4 de xaneiro de 2011.
- ↑ http://www.gemsociety.org/article/sapphire-jewelry-and-gemstone-information/
- ↑ http://www.sothebys.com/en/auctions/ecatalogue/2015/magnificent-jewels-and-jadeite-hk0590/lot.1860.html
- ↑ M.A. Verneuil (setembro de 1904) Memoire sur la reproduction artificielle du rubis per fusion, Annales de Chimie et de Physique
- ↑ Heaton, Neal; The production and identification of artificial precious stones in Annual Report of the Board of Regents of the Smithsonian Institution, 1911. USA: Government Printing Office. 1912. p. 217.
- ↑ Czochralski process Arquivado 28 de setembro de 2011 en Wayback Machine.. Articleworld.org. Consultado o 18 de xuño de 2012.
- ↑ Nassau, K.; Broyer, A. M. (1962). "Application of Czochralski Crystal-Pulling Technique to High-Melting Oxides". Journal of the American Ceramic Society 45 (10): 474. doi:10.1111/j.1151-2916.1962.tb11037.x.
- ↑ Rubicon Technology Grows 200kg “Super Boule”, LED Inside, 21 April 2009
- ↑ Sapphires
- ↑ 47,0 47,1 Scheel, Hans Jr̲g; Fukuda, Tsuguo (2003). Crystal growth technology (PDF). Chichester, West Sussex: J. Wiley. ISBN 0-471-49059-8.
- ↑ Elena R. Dobrovinskaya; Leonid A. Lytvynov; Valerian Pishchik (2009). Sapphire: Materials, Manufacturing, Applications. Springer. p. 3. ISBN 0-387-85694-3.
- ↑ Cermax lamp engineering guide (PDF) (Informe técnico) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de agosto de 2014. Consultado o 11 de setembro de 2018.
- ↑ "Gorilla Glass Success, What is Sapphire glass?". Corning Incorporated.
- ↑ "Everything You Wanted To Know About Sapphire Glass, But Were Afraid To Ask".
- ↑ Cecie Starr (2005). Biology: Concepts and Applications. Thomson Brooks/Cole. p. 94. ISBN 0-534-46226-X.
- ↑ https://www.gemsociety.org/article/sapphire-jewelry-and-gemstone-information/
- ↑ Dobrovinskaya, Elena R.; Lytvynov, Leonid A.; Pishchik, Valerian (2009). "Properties of Sapphire". Micro- and Opto-Electronic Materials, Structures, and Systems: 82. doi:10.1007/978-0-387-85695-7_2. (direct link: [1] Arquivado 15 de febreiro de 2017 en Wayback Machine.)
- ↑ "Crystals - Introduction". The Quartz Page. Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2007. Consultado o 30 de maio de 2017.
- ↑ Mogull, Rich (10 de setembro de 2013). "The iPhone 5S fingerprint reader: what you need to know". Macworld. IDG. Consultado o 11 de setembro de 2013.
- ↑ https://www.apple.com/iphone-5s/specs/
- ↑ "Apple - iPad mini 3 - Touch ID". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2015. Consultado o 2014-11-13.
- ↑ The Wall Street Journal, Apple Sapphire Partner GT Advanced Files for Bankruptcy Protection, by Daisuke Wakabayashi, 6 Oct. 2014
- ↑ Gorilla crystall iPhone
- ↑ "Gallium nitride collector grid solar cell" (2002) U.S. Patent 6447938
- ↑ Mamalis, AG; Ramsden, JJ; Grabchenko, AI; Lytvynov, LA; Filipenko, VA; Lavrynenko, SN (2006). "A novel concept for the manufacture of individual sapphire-metallic hip joint endoprostheses". Journal of Biological Physics and Chemistry 6 (3): 113–117. doi:10.4024/30601.jbpc.06.03.
- ↑ 63,0 63,1 Harper, Douglas. "sapphire". Online Etymology Dictionary.
- ↑ "Sink Inside the Depths of Blue Sapphire Jewelry". decembro de 2014.
- ↑ "History and origin of the Sapphire". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 3 de novembro de 2016.
- ↑ "Anniversary Gifts by Year". Consultado o 11 de agosto de 2014.
- ↑ "Gemstone Jewelry Guide". Consultado o 11 de agosto de 2014.
- ↑ Kim, Victoria (5 de xaneiro de 2010). "For some, a sapphire has not been their best friend". Los Angeles Times. Consultado o 5 de xaneiro de 2010.
- ↑ "Logan Sapphire [G3703]". Smithsonian National Museum of Natural History. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Zafiro |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Webmineral.com, Páxina do corindón en Webmineral, con moita información cristalográfica e mineralóxica sobre o corindón