Fauvismo
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2017.) |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O fauvismo foi un movemento pictórico expresionista de principios do século XX xurdido en París durante un breve período (1904-1907), en torno ós artistas Henri Matisse, André Derain e Maurice Vlamink. Tamén foron fauvistas Braque, Friesz, Rouault, Marquet, Dufy e van Dongen. O nome foilles imposto por Louis Vauxcelles na crítica que fixo do Salón de Outono de 1905, a causa dos violentos métodos de pintura utilizados por estes artistas (fauves, feras en francés).
Como movemento expresionista, apareceu cronoloxicamente ó mesmo tempo có expresionismo alemán, cunha base de protesta oposta ó positivismo, ó naturalismo e ó impresionismo. As súas principais influencias veñen de Paul Gauguin e das ideas de Zola, Nietzsche, Stirner e Huysmans.
O Fauvismo, liderado por Henri Matisse (1869-1954), xurdiu por oposición á ríxida metodoloxía do Neoimpresionismo de Seurat e Signac, e ó ton de felicidade e lixeireza propio dos impresionistas; tamén se opoñía ó ornamentalismo do Art Nouveau e á evasión espiritualista do Simbolismo. Axiña se converteu no grupo máis experimental de París ó proclamar a liberdade de expresión a través das cores puras, a esaxeración do debuxo e as perspectivas forzadas.
Inda que concibían a actividade artística como un impulso vital, o punto de partida foi a resolución de problemas puramente plásticos, como o uso da cor nunha función plástica e construtiva ó mesmo tempo. O mestre do grupo foi Gustave Moreau, en cuxa escola estudaron Matisse e Rouault, Marquet, Manguin, Camoin e Puy. Moureau non ensinaba ningunha doutrina senón que forzaba ós seus alumnos a pintar con independencia e coa técnica que fose máis adecuada ó seu temperamento. Da obra de Gauguin aprenderon a liberdade no uso da cor, que levaron ó extremo (as cores como cartuchos de dinamita, que diría Derain), así como a liberación do temperamento e o instinto persoal. Tamén admiraban a capacidade de síntese e o sentido decorativo da obra de Gauguin. Para os fauvistas o cadro debía ser expresión e non composición e orde.
En 1904 Matisse pintou Luxo, Calma e Voluptuosidade, considerada como a obra síntese do postimpresionismo, manipulado nun exercicio persoal, e virtualmente un manifesto do que sería o fauvismo pouco despois. A utilización subxectiva da cor e a simplificación do debuxo sorprenderon a todos cando foi exposto no Salón dos Independentes en 1905. Derain sentiuse inmediatamente influído e comezou a pintar utilizando nada máis cá liña e a cor. O seu desinterese polo acabado e as súas cores rechamantes granxeáronlle o desprezo da crítica cando expuxo as súas paisaxes, pintadas en Colliure, no Salón de Outono de 1906. Alí tamén se expuxo o Retrato da Sra. Matisse de Matisse, que foi interpretado como unha caricatura da feminidade e como unha excentricidade. A repulsa da crítica converteu ós fauvistas no grupo máis avanzado de París.
Matisse xa estaba pintando nunha forma fauve incluso antes de 1900; as súas influencias nesta época foron Pissarro e sobre todo Cézanne; deste último soubo que a estrutura dun cadro viña dada polas relacións entre as cores que o compoñen; así a todo non aceptaba a teoría do puntillismo porque destruía a integridade da cor. Seguindo a Cézanne, quería utilizar as cores na súa plenitude e mantendo a súa pureza. Por outro lado mantiña que a pintura debía ser expresiva e non un mero reflexo de sensacións pasaxeiras como fora o impresionismo.
En 1908 publicou as súas ideas nun artigo titulado Notas dun Pintor onde dixo:
...o que persigo é a expresión..non podo distinguir entre os meus sentimentos e a maneira de expresalos. A composición é a arte de arranxar de forma decorativa os elementos de que dispón o pintor para expresar os seus sentimentos...
Rexeitaba, así a todo, a inmediatez, pois a obra debía xurdir da mente do artista con carácter e contido. No caso de Matisse ese carácter era fundamentalmente sereno, en oposición a outras actitudes expresionistas. Ei-lo lugar en que se acha a diferenza entre o expresionismo francés e o alemán que presentaba as cousas dunha forma moito máis crúa. Matisse quería facer unha arte, segundo as súas propias palabras, "que fose pura e serena, que non presentase temas deprimentes e que servise a todo tipo de espectador como un descanso da fatiga intelectual". Matisse achou a serenidade nas cerámicas gregas e nos gravados xaponeses. Practicou tamén a escultura partindo de Rodin e tomando clases de Bourdelle.
Maurice Vlamink era un anarquista convencido e colaborou en torno a 1898 nos periódicos Libertaire e Anarchie; era menos metódico e paciente cós seus compañeiros e o seu espírito compulsivo estaba en consonancia con Van Gogh por cuxa obra sentía unha profunda atracción. Alleo a calquera teoría, trataba de pintar como un primitivo, transmitindo, segundo as súas propias palabras, o que vía de forma instintiva e sen método. Son características das súa obra as liñas de impacto e as cores vibrantes. Co tempo abandonou as cores fauves e a súa paleta se fixo máis sombría, as súas paisaxes máis sórdidas e o seu carácter pesimista.
Todo o grupo sentiuse influenciado pola escultura africana, moi especialmente Vlamink, que sostiña ser o seu descubridor en París.
Os fauvistas nunca formaron un grupo coherente e a pesar dos seus éxitos conxuntos foron evolucionando por camiños diversos. O grupo entrou en crise en 1907, coa aparición das Señoritas de Avignon de Picasso.
En Hispanoamérica, a influencia dos movementos vangardistas empeza a sentirse só a partir dos anos 1920; o fauvismo concretamente foi decisivo no desenvolvemento dos brasileiros Anita Malfatti, Emiliano Di Cavalcanti e Vicente do Rego Monteiro. Todos eles acaban practicando unha especie de mestura entre expresionismo e cubismo.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fauvismo |