Minimalismo
Denomínase minimalismo a unha corrente estética fundada na década dos sesenta do século XX que privilexia os espazos amplos e libres, as cores suaves e tenues. O seu máximo desenvolvemento acadouse na década de 1970.
Termo
editarO termo "minimal" é utilizado por primeira vez polo filósofo Richard Wolheim en 1965 para referirse ás pinturas de Ad Reinhart e outros obxectos de moi baixo contido artístico como os ready-made de Marcel Duchamp.[1][2]
Menos é máis xa fora un lema empregado por Chilon de Esparta, xunto a Nada en exceso[3], logo adoptado por varios arquitectos, o máis famoso deles e a quen máis se atribuíu a frase, Ludwig Mies van der Rohe[4].
Postulados
editarO minimalismo é unha corrente estética derivada da reacción ante o pop art. Fronte ó colorismo, á importancia dos medios de comunicación de masas, fronte ó fenómeno do comercial e dunha arte que se baseaba na aparencia, o minimalismo barallou conceptos diametralmente opostos. O sentido da individualidade da obra de arte, a privacidade, unha conversación conceptual entre o artista, o espazo circundante e o espectador. Así como a importancia do contorno como algo esencial para a comprensión e a vida da obra.
Os creadores minimalistas reducen ó máximo os elementos propios da arte, os volumes e formas en escultura. De forma análoga proceden na arquitectura ou na pintura. Intentan condensar en escasos elementos os seus principios artísticos e reflexións.
A pintura "minimal" tamén se coñece como pintura do silenzo, pois apártase do mundo material e do "ruído" de formas e obxectos da sociedade de consumo (especialmente as obras de artistas como Ryman, Martin e Marden polo seu baleiro substancial de intención metafísica).
Características
editar- Ausencia de contido formal ou de estruturas relacionais.
- Abstracción total: as obras operan só en termos de cor, superficie e formato.
- Carácter "opaco" (negación de calquera efecto ilusionístico) e literal (conforme á súa verdadeira natureza, a pintura é só "pigmento específico" sobre unha "superficie específica").
- Máxima sinxeleza.
- Calidade case inmaterial.
- Superficies enfáticas monocromáticas, xeralmente pintura branca sobre fondo branco (Ryman) ou doutras cores (Olitski) apenas modificadas con liñas e puntos case imperceptibles (Martin), por marcas cerca do bordo (Olitski), ou por pinceladas (Ryman).
- Utilización directa dos materiais que son minimamente manipulados.
- Emprego de distintos materiais a fin de explotar a interacción das súas características físicas.
- Creación de contrastes como brillante-mate, suave-áspero, opaco-transparente, e groso-fino (Ryman).
- Aplicación da pintura empastada con efectos de xaspeado (Olitsky) ou a base de grosas pinceladas paralelas (Ryman), a fin de acentuar o carácter literal.
- Xeralmente, teas de gran formato sen marco.
- En xeral, predominio de formatos e cores neutras.
Influencias
editarDo construtivismo e sobre todo o planeamento redutor das últimas pinturas de campo de cor de Ad Reinhardt. Este artista, durante os últimos seis anos das súa vida, realizou unha serie de pinturas, todas do mesmo formato (un metro cincuenta de superficie), que contiñan unha simple imaxe en forma de cruz pintada nun ton moi escuro apenas diferenciable do resto da superficie do cadro. Estas obras a primeira vista parecían extensións uniformes de pintura negra. Pero despois de estar mirándoas durante un tempo, o ollo acomódase ás diferenzas de ton e a imaxe da cruz vese perfectamente.
Artistas
editar- Jules Olitski (1922),
- Ellsworth Kelly (1923),
- Robert Ryman (1930),
- Agnes Martin (1912),
- Robert Mangold (1937),
- Joe Baer, Brice Marden (1938),
- Thomas Deyle, Peter Laly, Hernández Pijuan, entre outros.
Notas
editar- ↑ Marqu3s (sexta-feira, 28 de setembro de 2007). "I want it all: Minimal Art". I want it all. Consultado o 2022-06-06.
- ↑ "Minimalismo". HA! (en castelán). Consultado o 2022-06-06.
- ↑ "Dos homens e suas ideias" (PDF). Edisciplinas; USP.br (en portugués). Consultado o 6-6-2022.
- ↑ DV (2011-11-04). "El origen del minimalismo gracias al prestigioso arquitecto Ludwig Mies Van Der Rohe - Diseño Vip" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2022. Consultado o 2022-06-06.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Minimalismo |