Surrealismo
O surrealismo (do francés: surréalisme) ou superrealismo é un movemento artístico e literario xurdido en Francia no primeiro cuarto do século XX en torno á personalidade do poeta André Breton.
Orixe do termo
editarOs termos surrealismo e surrealista proceden de Apollinaire, quen os acuñou en 1917. No programa de man que escribiu para o musical Parade (maio de 1917) afirma que os seus autores conseguiron[1]
- unha alianza entre a pintura e a danza, entre as artes plásticas e as miméticas, que é o heraldo dunha arte máis ampla inda por vir. (...) Esta nova alianza (...) deu lugar, en Parade a unha especie de surrealismo, que considero o punto de partida para toda unha serie de manifestacións do Espírito Novo que se está facendo sentir hoxe e que sen dúbida atraerá a as nosas mellores mentes. Podemos esperar que provoque cambios profundos nas nosas artes e costumes a través da alegría universal, pois é sinxelamente natural, despois de todo, que estas leven o mesmo paso có progreso científico e industrial.
A palabra surrealista aparece no subtítulo de As tetas de Tiresias (drama surrealista), en xuño de 1917, para referirse á reprodución creativa dun obxecto, que o transforma e enriquece.[2] Como escribe Apollinaire no prefacio ó drama,
- Cando o home quixo imitar a acción de andar, creou a roda, que non se parece a unha perna. Do mesmo modo creou, inconscientemente, o surrealismo... Despois de todo, o escenario non se parece á vida que representa máis que unha roda a unha perna.
Primeiros pasos
editarHistoricamente, o surrealismo xorde como unha resposta dialéctica á destrución estéril preconizada polos dadaístas. En 1922 Breton e Picabia, que participaran intensamente na axitación Dadá, se desmarcan do seu líder, Tzara, decepcionados duns actos de provocación que co tempo foron volvéndose previsibles e mecánicos. O rexeitamento sen matices de Tzara a toda a arte anterior ás vangardas vai deixar paso a unha recuperación crítica do que houbo de máxico e rebelde nel, reivindicando a autores como Sade, Lautréamont, Heráclito e Rimbaud. Breton definirá o novo movemento como "a cola prénsil do romanticismo".
Dende o principio, o surrealismo singularízase entre os ismos vangardistas polo valor que outorga ó irracional e inconsciente como elementos esenciais da arte. O órgano portavoz do movemento foi a revista Litterature, fundada en 1919 e dirixida por un grupo de poetas (Breton, Soupault, Aragon e Éluard). En homenaxe a Apollinaire, estes poetas adoptaron a palabra surrealismo para definir un método de escritura simultánea co que estaban experimentando:
- ...Surrealismo: Puro automatismo psíquico, por medio do cal se intenta expresar, verbalmente ou por escrito, ou de calquera outro modo, o proceso real do pensamento. O ditado do pensamento, libre de calquera control da razón, independente de preocupacións morais ou estéticas...
Tal foi a definición do termo dada polos propios Breton e Soupault no primeiro Manifesto Surrealista datado en 1924. Xurdiu polo tanto como un movemento poético, no cal pintura e escultura se conciben como consecuencias plásticas da poesía.
Durante as súas prácticas como médico, Breton estudara e puxera en práctica as teorías de Freud sobre o inconsciente. Delas extrae algo diferente a unha terapia: unha nova proposta ética e estética.
No surrealismo e a pintura, de 1928, Breton expón a psicoloxía surrealista: o inconsciente é a rexión do intelecto onde o ser humano non obxectiviza a realidade senón que forma un todo con ela. A arte, nesa esfera, non é representación senón comunicación vital directa do individuo co todo. Esa conexión exprésase de forma privilexiada nas casualidades significativas (azar obxectivo), en que o desexo do individuo e o devir alleo a el converxen imprevisiblemente, e no soño, espazo en que os elementos máis disímiles se revelan unidos por relacións secretas. O surrealismo propón trasladar esas imaxes á esfera da arte por medio dun exercicio mental libre, sen a intromisión censora da conciencia. De aí que elixa como método o automatismo, recollendo en boa medida o testemuño das prácticas mediumnímicas espiritistas, inda que cambiando radicalmente a súa interpretación: o que fala a través do médium non son os espíritos, senón o Inconsciente.
Durante unhas sesións febrís de automatismo, Breton e Soupault escriben Os Campos Magnéticos, primeira mostra das posibilidades da escritura automática, que publican en 1921.
O surrealismo ó servizo da revolución
editarA partir de 1925, a raíz do estoupido da Guerra de Marrocos, o surrealismo politízase; prodúcense entón os primeiros contactos cos comunistas, que culminarían en 1925 coa adhesión ó Partido Comunista por parte de Breton.
Entre 1925 e 1930 aparece un novo periódico titulado O Surrealismo ó servizo da Revolución en cuxo primeiro número Aragón, Luis Buñuel, Salvador Dalí, Paul Éluard, Max Ernst, Yves Tanguy e Triztan Tzara, entre outros, se declaran partidarios de Breton. Pola súa parte Arp e Miró, aínda que non compartían a decisión política tomada por Breton, continuaban participando con interese na exposicións surrealistas. Pouco despois se incorporaron René Magritte (1930), André Masson (1931), Giacometti e Brauner en 1933 e tamén Matta (que coñece a Breton en 1937 por mediación de Dalí) e Lam; o movemento fíxose internacional aparecendo grupos surrealistas nos Estados Unidos, Dinamarca, Londres, Checoslovaquia e o Xapón. Dende este momento, abrirase unha disputa, a miúdo agre, entre aqueles surrealistas que conciben o surrealismo como un movemento puramente artístico, rexeitando a supeditación ó comunismo, e os que acompañan a Breton no seu xiro á esquerda.
En 1929 Breton publica o Segundo Manifesto Surrealista, no cal condena entre outros intelectuais ós artistas Masson e Picabia. En 1936 expulsa a Dalí polas súas tendencias fascistas e a Paul Éluard.[3] En 1938 Breton firma en México xunto con Lev Trotski e Diego Rivera o Manifesto por unha Arte Revolucionaria Independente.[4]
Técnicas surrealistas
editarO surrealismo tomou do dadaísmo algunhas técnicas de fotografía e cinematografía así como a fabricación de obxectos. Estenderon o principio da colaxe á ensamblaxe de obxectos incongruentes, como nos poemas visibles de Max Ernst. Este último inventou a frottage (debuxos compostos polo roce de superficies rugosas contra o papel ou o lenzo) e aplicouno en grandes obras como Historia Natural, pintada en París en 1926.
Outra das novas actividades creadas polo surrealismo foi a chamada cadáver exquisito, na cal varios artistas debuxaban as distintas partes dunha figura ou dun texto sen ver o que o anterior fixera pasándose o papel dobrado.[5][6] As criaturas resultantes puideron servir de inspiración a Miró.
A pintura surrealista
editarMasson adaptou axiña as técnicas do automatismo, cara a 1923-1924, pouco despois de coñecer a Breton. Cara a 1929 abandonounas para volver a un estilo cubista. Pola súa parte Dalí utilizaba máis a fixación de imaxes tomadas dos soños, segundo Breton, "...abusando delas e pondo en perigo a credibilidade do surrealismo..."; inventou o que el mesmo chamou método paranoico-crítico, unha mestura entre a técnica de observación de Leonardo da Vinci por medio da cal observando unha parede se podía ver como xurdían formas e técnicas de frottage; froito desta técnica son as obras nas que se ven dúas imaxes nun soa configuración. Óscar Domínguez inventou a decalcomanía (aplicar gouache negro sobre un papel, o cal se coloca enriba doutra folla sobre a que se exerce unha lixeira presión, logo se despegan antes de que se sequen).
Miró foi para Breton o máis surrealista de todos, polo seu automatismo psíquico puro. O seu surrealismo desenvólvese entre as primeiras obras onde explora os seus soños e fantasías infantís (O Campo labrado), as obras onde o automatismo é predominante (Nacemento do mundo) e as obras en que desenvolve a súa linguaxe de signos e formas biomorfas (Personaxe lanzando unha pedra). Arp combina as técnicas de automatismo e as oníricas na mesma obra desenvolvendo unha iconografía de formas orgánicas que se deu en chamar escultura biomórfica, na cal se trata de representar o orgánico como principio formativo da realidade.
Magritte dotou ó surrealismo dunha carga conceptual baseada no xogo de imaxes ambiguas e o seu significado denotado a través de palabras pondo en cuestión a relación entre un obxecto pintado e o real. Delvaux carga ás súas obras dun espeso erotismo baseado no seu carácter de estrañamento nos espazos de De Chirico.
O surrealismo penetrou a actividade de moitos artistas europeos e americanos en distintas épocas. Pablo Picasso aliouse co movemento surrealista en 1925; Breton declaraba este achegamento de Picasso cualificándoo de "...surrealista dentro do cubismo..."
Considéranse surrealistas as obras do período Dinard (1928-1930), en que Picasso combina o monstruoso e o sublime na composición de figuras medio máquinas medio monstros de aspecto xigantesco e ás veces terrorífico. Esta monumentalidade surrealista de Picasso pode pórse en paralelo coa de Henry Moore.
Apoxeo e decadencia do surrealismo
editarEn 1938 tivo lugar en París a Exposición Internacional do Surrealismo que marcou o apoxeo deste movemento antes da guerra. Participaron entre outros, Marcel Duchamp, Arp, Dalí, Ernst, Masson, Man Ray, Domínguez e Meret Oppenheim. A exposición ofreceu ó público sobre todo unha excelente mostra do que o surrealismo producira na fabricación de obxectos.
Co estoupido da segunda guerra mundial, os surrealistas dispérsanse, algúns deles (Breton, Ernst, Masson) abandonan París e trasládanse ós Estados Unidos, onde sementan o xerme para os futuros movementos americanos de posguerra (expresionismo abstracto e Arte pop). En Centroeuropa, con Edgar Ende como un dos seus representantes, murchou coa represión do réxime nazi, que o etiquetou como 'arte dexenerada'. Porén, Ende e outros artistas perseveraron en segredo, resurxindo despois da guerra e influíndo en movementos posteriores.[7][8]
Notas
- ↑ "The Automatic Message (Printed head)". www.books-by-isbn.com. Consultado o 2023-07-31.
- ↑ "Apollinaire". fh-augsburg.de.
- ↑ Art, SUMMIATRUITES; culture (2011-11-11). "MANIFIESTOS DEL SURREALISMO – ANDRE BRETON – DALI". summiatruites Art (en castelán). Consultado o 2023-07-31.
- ↑ Breton, André; Trotski, León; Rivera, Diego (2019-11-20). Manifiesto por un arte revolucionario independiente (en castelán). Siglo XXI Editores. ISBN 978-987-629-976-3.
- ↑ "exquisite". www.pusanweb.com. Consultado o 2023-07-31.
- ↑ "Consecuencias (un antiguo juego) y exposiciones". www.jugamostodos.org. Consultado o 2023-07-31.
- ↑ 20minutos (2017-01-01). "La permanente continuidad del surrealismo 92 años después". www.20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 2023-07-31.
- ↑ Ramírez, Ana (2021-02-18). "El pintor 'degenerado' que inspiró los mundos de Michael Ende". elconfidencial.com (en castelán). Consultado o 2023-07-31.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Surrealismo |
Bibliografía
editar- André Breton - Manifestos do surrealismo
- Georges Sebbag - El surrealismo, Ediciones Nueva Vision: Buenos Aires, 2003
- Maurice Nadeau - Historia do surrealismo, Ariel: Barcelona, 1972.
- Jack J. Spector - Arte y escrituras surrealistas (1919-1939), Madrid: Síntesis, 2003.