Convento de San Domingos de Bonaval
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Convento de San Domingos de Bonaval | |
---|---|
Fachada | |
Datos xerais | |
País | España |
Rexión | Galicia |
Tipo | convento reconvertido en museo |
Advocación | San Domingos |
Localización | Santiago de Compostela |
Coordenadas | 42°52′57″N 8°32′20″O / 42.8825, -8.53888889 |
Catalogación | Ben de Interese Cultural |
Culto | |
Diocese | Diocese de Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | orixe: século XII, remodelado no século XVII. |
Arquitectos | Domingo de Andrade entre outros. |
Estilo | Barroco, gótico, renacentista e neoclasicismo |
[ editar datos en Wikidata ] |
O convento de San Domingos de Bonaval é un antigo convento dominico do século XIII cunha fábrica composta de elementos góticos, barrocos e neoclásicos.
Situación
[editar | editar a fonte]Sitúase na cidade de Santiago de Compostela, extramuros na aba do monte da Almáciga, preto do lugar coñecido como a Porta do Camiño.
Historia
[editar | editar a fonte]O documento máis antigo no que se cita o convento, coa primitiva advocación de santa María, data de 1228. Desde o século XV aparece xa co título de San Domingos, e baixo o patrocinio da casa de Altamira.
Coa exclaustración das ordes relixiosas, o convento pasou a mans do Concello. En cumprimento dun Real Decreto de 1836, unha comisión nomeada pola Deputación da Coruña propuxo o derribo de trinta edificios, e destinou San Domingos "para cuarteis dos Rexementos de Compostela e Santiago, coa demolición da igrexa", mais este ditame non se chegou a executar.
En 1841, por mediación do arcebispo Vélez, o Concello destinou o convento a hospicio; en 1945 o hospicio ocupaba aínda a parte norte; e a sur, á dereita da igrexa, acollía un colexio de persoas xordomudas e cegas. Ao ser suprimidas estas institucións, quedou por un tempo desocupado, ata que o Concello decidiu acondicionar e destinar unha parte das dependencias a Museo Municipal, que se inaugurou en decembro de 1963.
En 1977, a petición do Padroado do Museo do Pobo Galego, recentemente constituído, o Concello cedeu o edificio para a creación do museo do mesmo nome.
Descrición
[editar | editar a fonte]A igrexa
[editar | editar a fonte]A igrexa, construída en estilos gótico e renacentista, na actualidade non se atopa aberta ao culto e alberga o Panteón de Galegos Ilustres. Construída seguindo os canons do gótico dominico con naves luminosas a e diáfanas, e desprazando o punto de interese litúrxico desde a ábsida ata o púlpito situado no cruceiro.[1]
Neste templo enterráronse as familias dos Moscoso e dos Castro, grazas a autorización dada polo papa Inocencio IV a esta orde para enterrar segrares nos seus conventos.
As bóvedas cobren todo o templo.
Imaxinería
[editar | editar a fonte]O retablo maior foi construído a partir de 1687 por Domingo de Andrade na igrexa parroquial de Santiago do Carril, e tras ser montado no seu lugar definitivo non se mantivo a estrutura orixinal. Estrutúrase a base da superposición de corpos, forma claramente renacentista.
A escultura encargóuselle a Esteban de Cendón en 1689, relacionado co estilo de Mateo de Prado. Representa a san Francisco, santo Agostiño, San Bieito, santo Ignacio, san Pedro de Nolasco e san Domingos. Na actualidade atópanse espallados en diferentes lugares do convento.
O convento
[editar | editar a fonte]No ano 1695 iníciase a súa reconstrución, ao parecer debido as malas condicións nas que se atopaba. Baixo o mecenado do arcebispo Monroy, foi Domingo de Andrade o que se encargou das obras. Deste modo a imaxe que hoxe podemos observar é na súa maioría produto destas reformas ordenadas polo arcebispo frei Antonio de Monroy, que ocupou o seu cargo entre os anos 1685 a 1715.
A fachada principal
[editar | editar a fonte]Presídea o escudo dos condes de Altamira con coroa real, patróns do convento, e vense referencias á obra Arte y uso de la Arquitectura de frei Lorenzo de San Nicolás. É de pequenas proporcións, dividida en tres partes, horizontal e verticalmente.
A portada componse de dúas pilastras toscanas decoradas con feixes de froitas típicas no quefacer de Andrade, que soportan un frontón curvo partido enmarcando a porta alintelada, presidida pola imaxe do santo fundador. A ámbolos lados da porta ábrense vans rectangulares. Sobre os linteis, en cartelas, aínda se pode ler nitidamente o seguinte texto:
Esa portada i quarto que le sigue mando hacer el ylustrissimo sr don frai Antonio de Monroy arzobispo i señor de esta ciudad i genera de esta sagrada religión con las himagines i dorado año de 1699.
A tripla escaleira helicoidal
[editar | editar a fonte]Destaca no seu interior a extraordinaria escaleira tripla de caracol helicoidal dos séculos XVII e XVIII, obra tamén do arquitecto Domingo de Andrade. Componse de tres espirais independentes. A estudosa María Teresa Ríos Miramontes relacionouna coa que se atopa no francés castelo de Chambord.[Cómpre referencia] No mesmo espazo desenvólvense tres ramplas independentes, que conducen a diferentes pisos; só unha delas chega ao miradoiro. Os pasos da escaleira están feitos dunha peza enteira, encravándose por un nervio exterior sen necesidade de encaixar no muro nin unirse uns ós outros.
Foi restaurada por Xosé Cerviño García, o Mestre Cerviño.
A torre
[editar | editar a fonte]Tamén obra de Domingo de Andrade, e de novo baixo o mecenado de Monroy, estrutúrase no esencial seguindo o xa feito polo autor na Torre do reloxo da catedral de Santiago, e realízase nos principios do século XVIII.
Outras estancias
[editar | editar a fonte]No ano 1712 encárgaselle a Pedro García a realización da sancristía.
Situación actual
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Panteón de Galegos Ilustres e Museo do Pobo Galego.
- A igrexa non se atopa aberta ao culto e alberga o Panteón de Galegos Ilustres.
- O convento e a actual sede do Museo do Pobo Galego.
- A horta conventual e o cemiterio anexo transformáronse a finais do século XX nun amplo parque público.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes do convento de San Domingos de Bonaval.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Desde o púlpito desta igrexa di a tradición que predicou un dos máis apaixonados oradores medievais, Vicente Ferrer.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Inventario monumental y artístico de Galicia. A Coruña: Fundación Barrié. p. 553-554. ISBN 84-85728-62-9.
- García Iglesias, J. M. (1990). Galicia, Tiempos de Barroco. p. 84-86. A Coruña. ISBN 84-87751-50-4.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Convento de San Domingos de Bonaval |