Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Escaravello da pataca

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Escaravello da pataca
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Clado: Phytophaga
Superfamilia: Chrysomeloidea
Familia: Chrysomelidae
Subfamilia: Chrysomelinae
Tribo: Chrysomelini
Xénero: Leptinotarsa
Especie: L. decemlineata
Nome binomial
Leptinotarsa decemlineata
Say, 1824[1]
Sinonimia[2]
  • Doryphora decemlineata Say, 1824
  • Stilodes decemlineata

O escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata) é un insecto coleóptero da familia dos crisomélidos. É unha praga importante para os cultivos de pataca. Mide uns 10 mm, ten un dorso de cor amarela/laranxa con cinco raias negras lonxitudinais en cada élitro (en total dez). Son orixinarios das Montañas Rochosas,[3] pero estendéronse polos campos de patacas de toda América do Norte e de Europa e parte de Asia desde 1859.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Leptinotarsa decemlineata, espécime adulto

O primeiro que observou o escaravello da pataca foi Thomas Nuttall en 1811, pero non foi descrito formalmente ata 1824 polo entomólogo norteamericano Thomas Say.[3] Estes primeiros espécimes foron recollidos nas Montañas Rochosas, onde se alimentaban da planta silvestre Solanum rostratum,[4] que é do mesmo xénero que a pataca. O xénero Leptinotarsa clasifícase dentro da familia Chrysomelidae, subfamilia Chrysomelinae, tribo Chrysomelini.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os escaravellos adultos miden de 6 a 11 mm de longo e uns 3 mm de largo. Pesan 50-170 mg.[5] Os escaravellos son de cor laranxa/amarela con 10 liñas características negras nos élitros, cinco en cada un. Desta característica deriva o nome decemlineata (de dez liñas) que ten.[4][6] Os escaravellos adultos poden confundirse cos seus conxéneres L. juncta, que non son unha praga agrícola. L. juncta tamén ten liñas alternantes negras e brancas no dorso, pero unha das liñas brancas do centro de cada élitro é substituída por unha liña marrón clara.[7]

As larvas rosas alaranxadas teñen un grande abdome de 9 segmentos, cabeza negra e uns espiráculos prominentes e pode medir ata 15 mm de lonxitude no seu estadio larvario final. A larva pasa por catro estadios ou ínstares. A cabeza é sempre negra en todos os estadios, mais o pronoto cambia de cor, que pasa de ser negra no primeiro e segundo estadios larvarios a marrón alaranxada no terceiro. No cuarto estadio, aproximadamente a metade do pronoto é de cor marrón clara.[4][8] Esta tribo caracterízase dentro da súa subfamilia por ter corpos convexos de forma oval ou redonda, que adoitan estar brillantemente coloreados, garras simples que se separan na base, cavidades abertas detrás das procoxas e ter un segmento apical variable dos palpos maxilares.[9][6]

Distribución

[editar | editar a fonte]

A especie é nativa dunha área entre o estado de Colorado (EUA) e o norte de México e foi descrita en 1824 por Thomas Say a partir de exemplares atopados nas Montañas Rochosas. Vive en Norteamérica e está presente hoxe en todos os estados e provincias excepto Alasca, California, Hawai e Nevada.[4] Ten agora unha ampla distribución en Europa e Asia,[10] totalizando unha área de distribución de 16 millóns de km2.[11]

A súa primeira asociación coa planta da pataca (Solanum tuberosum) non se fixo ata 1859, cando empezou a destruír colleitas na rexión de Omaha, Nebrasca. Espallouse cara ao leste rapidamente, a unha distancia media de 140 km por ano.[12] En 1874 xa chegara á costa Atlántica.[4] Desde 1871, o entomólogo norteamericano Charles Valentine Riley advertiu aos europeos da posibilidade dunha infestación accidental causada polo transporte do escaravello polo comercio desde América.[12] Desde 1875, varios países occidentais europeos, como Alemaña, Bélxica, Francia e Suíza, prohibiron as importacións de patacas americanas para evitar a infestación por L. decemlineata.[13]

Estes controis demostraron non ser efectivos, xa que o escaravello rapidamente chegou a Europa. En 1877, L. decemlineata chegou ao Reino Unido e rexistrouse primeiro nos peiraos de Liverpool, pero non conseguiu establecerse. Producíronse moitos máis gromos, pero a especie puido erradicarse no Reino Unido polo menos 163 veces. O maior gromo foi en 1976. Segue sendo unha praga de corentena notificable nese país e monitorízaa o DEFRA para impedir que poida establecerse.[14] Unha análise de custo-beneficio de 1981 suxería que o custo das medidas utilizadas par excluír a L. decemlineata do Reino Unido era menor que os posibles custos de control se consegue establecerse.[15]

Noutras partes de Europa, o escaravello estableceuse preto das bases militares dos Estados Unidos de Bordeos, Francia durante ou inmediateamente despois da primeira guerra mundial e espallárase ao principio da segunda guerra mundial a Bélxica, Países Baixos e España. A súa poboación incrementouse drasticamente durante e inmediatamente despois da segunda guerra mundial e estendeuse cara ao leste e agora atópase na maioría do continente. Despois da segunda guerra mundial, na zona de ocupación soviética de Alemaña, case a metade dos campos de patacas estaban infestados polo escaravello en 1950. Anos despois, no que xa se chamaba Alemaña Oriental, eran coñecidos como Amikäfer ('escaravellos yankees') seguindo a propaganda gobernamental que afirmaba que os escaravellos eran tirados nos campos desde avións norteamericanos. Na Unión Europea, segue sendo unha praga (de corentena) regulada na República de Irlanda, illas Baleares, Chipre, Malta e partes sur de Suecia e Finlandia. Non está establecida en ningún deses países, pero poden ocorrer infestacións ocasionais cando, por exemplo, o vento transporta adultos desde Rusia a Finlandia.[16][17]

Este escaravello ten o potencial de espallarse a áreas temperadas do leste de Asia, a India, Suramérica, África, Nova Zelandia e Australia.[18]

Ciclo de vida

[editar | editar a fonte]

As femias do escaravello da pataca son moi prolíficas e poden poñer uns 500 ovos nun período de 4 a 5 semanas.[19] Os ovos son de amarelos a laranxas e de aproximadamente 1 mm de longo. Xeralmente deposítanse en lotes duns 30 na parte inferior das follas. O desenvolvemento de todos os estadios vitais depende da temperatura. Pasados 4–15 días os ovos fan eclosión liberando larvas marróns avermelladas con dorsos xibosos e dúas ringleiras de manchas marróns escuras a cada lado. Aliméntanse das follas da súa planta hóspede. As larvas progresan pasando por catro estadios de crecemento (ínstares). As do primeiro estadio miden uns 1,50 mm de longo e os do cuarto e último miden 8 mm. Os tres prmeiros estadios duran cada un uns 2 ou 3 días; o cuarto dura de 4 a 7 días. Unha vez acadado o tamaño completo, o cuarto estadio pasa varios días como prepupa que non se alimenta, que pode recoñecerse pola súa inactividade e coloración máis lixeira. As prepupas caen ao chan e entérranse a unha profundidade de varios centímetros e despois pupan.[4] En de 5 a 10 días, os escaravellos adultos saen ao exterior para alimentarse e aparearse. Este escaravello pode así pasar de ovo a adulto en só 21 días[19] Dependendo da temperatura, condicións luminosas e calidade do hóspede, os adultos poden entrar en diapausa e atrasar a súa saída ata a primavera. Despois regresan ás súas plantas hóspede para aparearse e comer; os adultos que pasaron o inverno poden empezar a aparearse 24 horas despois da súa saída en primavera.[20] Nalgunhas localidades hai tres ou máis xeracións en cada tempada de crecemento.[4]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

L. decemlineata ten unha forte asociación coas plantas da familia Solanaceae, especialmente as do xénero Solanum. Está directametne asociada con: Solanum rostratum, Solanum nigrum (herba moura), Solanum melongena (berenxena), Solanum dulcamara (dulcamara), Solanum luteum, Solanum tuberosum (pataca) e Solanum elaeagnifolium. Está tamén asociada con outras plantas desta familia, concretamente as especies Solanum lycopersicum (tomate) e as do xénero Capsicum (pemento).[21]

Predadores

[editar | editar a fonte]
Coleomegilla maculata depredando ovos de escaravello da pataca.

Polo menos 13 xéneros de insectos, tres familias de arañas, un falánxido (Opiliones), e un ácaro foron recoñecidos como predadores xeneralistas ou especializados de varios dos estadios de L. decemlineata. Entre estes están o carábido Lebia grandis, os coccinélidos Coleomegilla maculata e Hippodamia convergens, os pentatómidos Perillus bioculatus e Podisus maculiventris, varias especies do xénero de neurópteros Chrysopa, a avespa do xénero Polistes e o xénero de nábidos Nabis.[22]

O escaravello predador Lebia grandis é predador de ovos e larvas de L. decemlineata e as súas larvas son parasitoides das pupas. Un adulto de L. grandis pode comer ata 23 ovos ou 3,3 larvas nun só día.[23]

Nun experimento de laboratorio utilizouse o Podisus maculiventris como unha ameaza depredadora para as femias de L. decemlineata, o que tivo como resultado a produción de ovos tróficos inviables xunto con ovos viables; esta resposta a un predador asegura que esa comida adicional está dispoñible para os fillos que acaban de facer eclosión, incremenando a súas taxas de supervivencia. O mesmo experimento demostrou tamén o canibalismo sobre os ovos non eclosionados das larvas novas de L. decemlineata como unha resposta antipredador.[24]

Exemplos de parasitoides, predadores e patóxenos de diferentes estadios de Leptinotarsa decemlineata[25]
Tipo Especie Orde Predados Localización Referencia
Parasitoide Chrysomelobia labidomerae Acari Adultos EUA, México [26]
Edovum puttleri Hymenoptera Ovos EUA, México, Colombia [27]
Anaphes flavipes Hymenoptera Ovos EUA
Myiopharus aberrans Diptera Ovos EUA
Myiopharus doryphorae Diptera Larvas EUA, Canadá
Meigenia mutabilis Diptera Larvas Rusia
Megaselia rufipes Diptera Adultos Alemaña
Heterorhabditis bacteriophora Nematoda Adultos Cosmopolita [28]
Heterorhabditis heliothidis Nematoda Adultos Cosmopolita
Predador Lebia grandis Coleoptera Ovos, larvas, adultos EUA
Hippodamia convergens Coleoptera Ovos, larvas EUA, México
Euthyrhynchus floridanus Hemiptera Larvas EUA [29]
Oplomus dichrous Hemiptera Ovos, larvas EUA, México [30]
Perillus bioculatus Hemiptera Ovos, larvas, adultos EUA, México, Canadá [31]
Podisus maculiventris Hemiptera Larvas EUA [32]
Pselliopus cinctus Hemiptera Larvas EUA
Sinea diadema Hemiptera Larvas EUA
Stiretrus anchorago Hemiptera Larvas EUA, México
Patóxeno Bacillus thuringiensis
subsp. tenebrionis
Bacillales Larvas EUA, Canadá, Europa
Photorhabdus luminescens Enterobacterales Adultos, larvas Cosmopolita [33]
Spiroplasma Entomoplasmatales Adultos, larvas América do Norte, Europa [34]
Beauveria bassiana Hypocreales Adultos, larvas EUA [35]

Praga agrícola

[editar | editar a fonte]
Noticiario holandés de 1947

Praga dos cultivos de patacas

[editar | editar a fonte]

Arredor de 1840 L. decemlineata adoptou as patacas cultivadas dentro do seu rango de hóspedes e converteuse rapidamedne na praga máis destrutiva dos cultivos de patacas. Hoxe considérase o insecto defoliador máis importante das patacas.[18] Tamén pode causar un dano considerable ás colleitas de tomates e berenxenas e tanto adultos coma larvas aliméntanse das follas das plantas. As larvas poden defoliar as plantas de patacas causando unhas perdas de rendemento de ata o 100% se o dano ocorre antes da formación dos tubérculos.[36] As larvas poden comer 40 cm2 de follas de patacas durante o estadio larvario completo, pero os adultos poden consumir 10 cm2 de follaxe ao día.[37]

O custo económico da resistencia a insecticidas é significativo, pero os datos publicados sobre o asunto son mínimos.[38] En 1994, os custos totais de insecticida e perda de colleitas no estado de Míchigan, EUA foron de 13,3 millóns de dólares, representando o 13,7% do valor total da colleita. A estimación dos custos do uso de insecticidas e perda de colleitas por hectárea é de 138–368 dólares. O incremento do custo a longo prazo da industria das patacas de Míchigan causado pola resistencia a insecticidas no escaravello da pataca foi estimado en 0,9 a 1,4 millóns de dólares por ano.[39]

Unha larva de escaravello da pataca comendo unha folla da planta da pataca

Xestión con insecticidas

[editar | editar a fonte]

O uso a grande escala de insecticidas en cultivos agrícolas conseguiu controlar a praga ata que esta se fixo resistente ao DDT en 1952 e á dieldrina en 1958.[40] Os insecticidas seguen a ser o principal método de control de pragas en granxas comerciais. Porén, moitas substancias químicas a miúdo fracasan cando se usan contra estas pragas debido á capacidade do escaravello de desenvolver rapidamente resistencia a insecticidas. As diferentes poboacións en distintas rexións xeográficas desenvolveron resistencia a todas as clases principais de insecticidas,[41][42] aínda que non toda poboación é resistente a toda substancia química.[41] Na especie en conxunto evolucionou resistencia a 56 insecticidas químicos.[43] Os mecanismos utilizados inclúen mellorar o metabolismo das substancias químicas, reducir a sensibilidade dos sitios diana, menor penetración e maior excreción de pesticidas e algúns cambios no comportamento dos escaravellos.[41]

Exemplos de insecticidas dispoñibles para o control do escaravello da pataca en diferentes colleitas en Kentucky, EUA.[19]
Clase de insecticida Exemplos comúns Patacas Berenxenas Tomates Notas
Organofosfatos fosmet X Na Lista de Substancias Extremadamente Perigosas do US Emergency Planning
disulfoton X X Uso restrinxido polo goberno dos Estados Unidos; o fabricante Bayer abandonou o mercado dos Estados Unidos en 2009
Carbamatos carbaril X X X Amplamente utilizado nos Estados Unidos. Prohibido na Unión Europea.
carbofurano X Un dos carbamatos máis tóxicos
Hidrocarburos clorados metoxiclor X X Prohibido na Unión Europea en 2002 e nos Estados Unidos en 2003
(Cicloldienos) endosulfán X X X Agudamente tóxico, bioacumulados, perturbador endócrino. Prohibición global en 2012 con exencións ata 2017
Regulador do crecemento de insectos azadiractina X X X
Espinosina spinosad X X
Avermectina abamectina X X

Xestión sen pesticidas

[editar | editar a fonte]
Xoves pioneiros de Alemaña Oriental recollendo escaravellos durante a guerra contra o escaravello da pataca

Os insecticidas bacterianos poden ser efectivos se a aplicación se centra nas larvas do vulnerable primeiro ínstar. Dúas cepas da bacteria Bacillus thuringiensis producen toxinas que matan as larvas.[36] Existen outras formas de control de pragas por medio dunha xestión sen pesticidas. A alimentación pode inhibirse aplicando compostos antialimentadores, como funxicidas ou produtos derivados do Azadirachta indica (árbore do nim), pero estes poden ter efectos negativos tamén nas plantas.[36] O destilado ao vapor de follas frescas e flores de Tanacetum vulgare (herba lombrigueira[44]) contén altos niveis de alcanfor e umbelulona e estes compostos son fortemente repelentes para L. decemlineata.[45]

Beauveria bassiana (hipomicetos) é un fungo patóxeno que infecta unha ampla variedade de especies de insectos, incluíndo o escaravello da pataca.[46] Demostrou ser especialmente efectivo como pesticida biolóxico para L. decemlineata cando se usa en combinación con B. thuringiensis.[47]

Porén, a rotación de cultivos é o control cultural máis importante de L. decemlineata.[18] A rotación pode atrasar a infestación dos cultivos de patacas e pode reducir a acumulación de poboacións de escaravellos de estación temperá porque os adultos que saen da diapausa só se poden dispersar a novas fontes de alimento camiñando.[36] Un estudo de 1984 mostrou que rotar o cultivo de patacas co de plantas non hóspedes reducía a densidade de adultos de estación temperá nun 95,8%.[48]

Poden utilizarse outros controis culturais en combinación coa rotación de colleitas: Cubrir o campo de patacas con palla a inicios da estación de crecemento pode reducir a capacidade do escaravello de localizar os campos de patacas e o manto de palla crea un ambiente que favorece aos depredadores do escaravello; téñense utilizado trincheiras forradas de plástico como trampas para capturar os escaravellos cando se moven cara a un campo de patacas en primavera, explotando a súa incapacidade de voar inmediatamente despois da súa saída; tamén se poden usar queimadores para matar os escaravellos cando son visibles sobre a follaxe das plantas; as plantas poden recuperarse desta breve exposición á intensa calor.[49]

Relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]

Vilán da guerra fría

[editar | editar a fonte]

Durante a guerra fría, algúns países do Pacto de Varsovia afirmaron que os escaravellos que se converteran nunha praga nos seus países foran introducidos pola CIA norteamericana nun intento de reducir a seguridade alimentaria destruíndo a agricultura da Unión Soviética.[50] Lanzouse unha gran campaña contra os escaravellos (a guerra contra o escaravello da pataca); colgáronse carteis en moitos sitios e os estudantes das escolas foron mobilizados para recoller os escaravellos nos campos e matalos con gasolina ou produtos alcohólicos.[50]

Filatelia

[editar | editar a fonte]
Estatua dun escaravello da pataca en Hédervár, Hungría. Conmemora o descubrimento do escaravello nese lugar en 1947 durante a rápida expansión da praga en Europa no século XX.[51]

L. decemlineata é unha especie icónica e foi utilizada como imaxe en selos de correos debido á súa asociación coa recente historia de América do Norte e Europa. Por exemplo, en 1956, Romanía sacou un conxunto de catro selos para chamar a atención sobre as campañas contra as pragas de insectos,[52] e representouse este animal nun selo austríaco de 1967.[53] O escaravello tamén apareceu en selos de Benín, Tanzania, os Emiratos Árabes Unidos e Mozambique.[54]

[editar | editar a fonte]

As mandolinas napolitanas (tamén chamadas mandolinas italianas) chámanse nalgúns países bichos pataca (tater bugs),[55][56] un alcume que lle deu o luthier norteamericano Orville Gibson, porque a forma e as bandas de madeira de diferente cor lembran o dorso do escaravello da pataca.[57]

En Alemaña os fans do club de fútbol Alemannia Aachen levan o nome de "Kartoffelkäfer", polo nome alemán do escaravello da pataca, debido ás camisetas de raias amarelas e negras do equipo.[58][59]

Durante a revolta prorrusa de 2014 orquestrada en Ucraína a palabra kolorady, do termo ucraíno e ruso para escaravello da pataca, (ucraíno: жук колорадський, ruso: колорадский жук), fíxose popular entre os ucraínos como un termo pexorativo para descriibir aos separatistas prorrusos nos oblasts (provincias) de Donetsk e Luhansk do leste de Ucraína. Este alcume reflicte a semellanza cos escaravellos das fitas de San Xurxo negras e laranxas usadas por moitos dos separatistas.[60]

  1. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Leptinotarsa decemlineata' (TSN 720110)" (en inglés). 
  2. "Leptinotarsa decemlineata, Colorado Potato Beetle: Synonyms". Encyclopedia of Life. Consultado o 2017-07-19. 
  3. 3,0 3,1 Say, Thomas (1824). "Descriptions of Coleopterous insects collected in the late expedition to the Rocky Mountains, performed by order of Mr. Calhoun, Secretary of War, under the command of Major Long". Journal of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia 3 (3): 403–462. ; see pp. 453–454: "Doryphora, Illig.: D. 10-lineata".
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Universidade de Florida (2007). "Featured creatures: Leptinotarsa spp.". Consultado o 2017-03-19. 
  5. "Colorado Potato Beetle Facts". 25 de outubro de 2018. Consultado o 2021-02-20. 
  6. 6,0 6,1 Boiteau, G.; Le Blanc, J.-P. R. (1992). "Colorado potato beetle LIFE STAGES" (PDF). Agriculture Canada. Consultado o 2017-03-23. 
  7. "Species Leptinotarsa juncta - False Potato Beetle - BugGuide.Net". bugguide.net. Iowa State University. Consultado o 18 de outubro de 2017. 
  8. "Doryphorini". Encyclopedia of Life. Consultado o 2017-05-23. 
  9. Jacques Jr., R. L. (1988). The Potato Beetles: The genus Leptinotarsa in North America. Brill. ISBN 978-0-916846-40-4. 
  10. "Species Leptinotarsa decemlineata - Colorado Potato Beetle". BugGuide. 2017. Consultado o 2017-03-19. 
  11. Weber, D. (2003). "Colorado beetle: pest on the move". Pesticide Outlook 14 (6): 256–259. doi:10.1039/b314847p. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2020. Consultado o 18 de xaneiro de 2023. 
  12. 12,0 12,1 Feytaud, J. (1949). La pomme de terre (en francés). Presses universitaires de France. pp. 98–104. 
  13. Sorensen, W. C. (1995). Brethren of the net: American entomology, 1840-1880. History of American science and technology series. University of Alabama Press. pp. 124–125. ISBN 9780817307554. 
  14. "Invasion history: Leptinotarsa decemlineata, Colorado Beetle". Non-Native Species Secretariat (DEFRA). 2017. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2020. Consultado o 2017-03-20. 
  15. Aitkenhead, P. (1981). "Colorado beetle - recent work in preventing its establishment in Britain". Bulletin, Organisation Européenne et Méditerranéenne pour la Protection des Plantes 11 (3): 225–234. doi:10.1111/j.1365-2338.1981.tb01928.x. 
  16. Lehmann, P. "The Colorado potato beetle is the grandmaster of adaptation". Universidade de Jyväskylä. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2017. Consultado o 12 de outubro de 2017. 
  17. "The Colorado beetle". Finnish Food Safety Authority. 2016. Arquivado dende o orixinal o 8 de xullo de 2018. Consultado o 12 de outubro de 2017. 
  18. 18,0 18,1 18,2 Alyokhin, A. (2009). "Colorado potato beetle management on potatoes: current challenges and future prospects" (PDF). En Tennant, P.; Benkeblia, N. Potato II. Fruit, Vegetable and Cereal Science and Biotechnology 3 (Special Issue 1). pp. 10–19. 
  19. 19,0 19,1 19,2 Bessin, R. "Colorado Potato Beetle Management". University of Kentucky College of Agriculture. Consultado o 2017-07-11. 
  20. Ferro, D. N.; Alyokhin, A. V.; Tobin, D. B. (1999). "Reproductive status and flight activity of the overwintered Colorado potato beetle". Entomologia Experimentalis et Applicata 91 (3): 443–448. doi:10.1046/j.1570-7458.1999.00512.x. 
  21. "Leptinotarsa decemlineata (Say)". Biological Records Centre -Database of Insects and their Food Plants. Consultado o 2017-03-24. 
  22. Hilbeck, A.; Kennedy, G. G. (1996). "Predators Feeding on the Colorado Potato Beetle in Insecticide-Free Plots and Insecticide-Treated Commercial Potato Fields in Eastern North Carolina". Biological Control 6 (2): 273–282. doi:10.1006/bcon.1996.0034. 
  23. Weber, D. C.; Rowley, D. L.; Greenstone, M. H.; Athanas, M. M. (2006). "Prey preference and host suitability of the predatory and parasitoid carabid beetle, Lebia grandis, for several species of Leptinotarsa beetles". Journal of Insect Science 6 (9): 1–14. PMC 2990295. PMID 19537994. doi:10.1673/1536-2442(2006)6[1:ppahso]2.0.co;2. 
  24. Tigreros, N.; Norris, R. H.; Wang, E.; Thaler, J. S. (2017). "Maternally induced intraclutch cannibalism: an adaptive response to predation risk?". Ecology Letters 20 (4): 487–494. PMID 28295886. doi:10.1111/ele.12752. 
  25. Para unha lista máis completa de predadores naturais, patóxenos e parasitoides, ver aquí.
  26. Drummond, F. A.; Casagrande, R. A.; Logan, P. A. (1992). "Impact of the parasite, Chrysomelobia labidomerae Eickwort, on the Colorado potato beetle". International Journal of Acarology 18 (2): 107–115. doi:10.1080/01647959208683940. 
  27. Grissell, E. E. (1981). "Edovum puttleri, n.g., n.sp. (Hymenoptera: Eulophidae), an egg parasite of the Colorado potato beetle (Chrysomelidae)". Proceedings of the Entomological Society of Washington 83 (4): 790–796. 
  28. Ebrahimi, L.; Niknam, G.; Dunphy, G. B. (2011). "Hemocyte Responses of the Colorado Potato Beetle, Leptinotarsa decemlineata, and the Greater Wax Moth, Galleria mellonella, to the Entomopathogenic Nematodes, Steinernema feltiae and Heterorhabditis bacteriophora". Journal of Insect Science 11 (1): 1–13. PMC 3281463. PMID 21867441. doi:10.1673/031.011.7501. 
  29. Chittenden, F. H. (1911). "On the natural enemies of the Colorado potato beetle". Bulletin United States Department of Agriculture, Bureau of Entomology 82: 85–88. 
  30. Drummond, F. A.; Casagrande, R. A.; Groden, E. (1987). "Biology of Oplomus dichrous (Heteroptera: Pentatomidae) and Its Potential to Control Colorado Potato Beetle (Coleoptera: Chrysomelidae)". Environmental Entomology 16 (3): 633–638. doi:10.1093/ee/16.3.633. 
  31. Cloutier, C.; Bauduin, F. (1995). "Biological Control of the Colorado Potato Beetle Leptinotarsa Decemlineata (Coleoptera: Chrysomelidae) in Quebec by Augmentative Releases of the Two-Spotted Stinkbug Perillus Bioculatus (Hemiptera: Pentatomidae)". The Canadian Entomologist 127 (2): 195–212. doi:10.4039/ent127195-2. 
  32. Richman, D. B.; Mead, F. W.; Fasulo, T. R. "Spined Soldier Bug, Podisus maculiventris (Say)" (PDF). University of Florida, IFAS Extension. Consultado o 2017-07-31. 
  33. Blackburn, M. B.; Domek, J. M; Gelman, D. B; Hu, J. S. (2005). "The broadly insecticidal Photorhabdus luminescens toxin complex a (Tca): activity against the Colorado potato beetle, Leptinotarsa decemlineata, and sweet potato whitefly, Bemisia tabaci". Journal of Insect Science 5 (1): 32. PMC 1615239. PMID 17119614. doi:10.1093/jis/5.1.32. 
  34. Breithaupt, J. (4 de novembro de 2012). "Leptinotarsa decemlineata: Management". Ecoport. Consultado o 2017-07-28. 
  35. Bonnemaison, L. (1961). Les ennemis animaux des plantes cultivées et des forêts, vol. II (en francés). p. 98. 
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 Gullan, P. J.; Cranston, P. S., eds. (1994). "15.2.1 Insecticide resistance". The Insects: An Outline of Entomology. Chapman & Hall. pp. 404–407. ISBN 978-0-412-49360-7. 
  37. Ferro, D. N.; Logan, J. A.; Voss, R. H.; Elkinton, J. S. (1985). "Colorado potato beetle (Coleoptera: Chrysomelidae) temperature-dependent growth and feeding rates". Environmental Entomology 14 (3): 343–348. doi:10.1093/ee/14.3.343. 
  38. "Plantwise Technical Factsheet, Colorado potato beetle (Leptinotarsa decemlineata)". Plantwise. Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2019. Consultado o 2017-07-19. 
  39. Grafius, E. (1997). "Economic Impact of Insecticide Resistance in the Colorado Potato Beetle (Coleoptera: Chrysomelidae) on the Michigan Potato Industry". Journal of Economic Entomology 90 (5): 1144–1151. doi:10.1093/jee/90.5.1144. 
  40. Alyokhin, A.; Baker, M.; Mota-Sanchez, D.; Dively, G.; Grafius, E. (2008). "Colorado Potato Beetle Resistance to Insecticides". American Journal of Potato Research 85 (6): 395–413. doi:10.1007/s12230-008-9052-0. 
  41. 41,0 41,1 41,2 Alyokhin, A.; Baker, M.; Mota-Sanchez, D.; Dively, G.; Grafius, E. (2008). "Colorado potato beetle resistance to insecticides". American Journal of Potato Research 85 (6): 395–413. doi:10.1007/s12230-008-9052-0. 
  42. Hare, J. D. (1990). "Ecology and Management of the Colorado Potato Beetle". Annual Review of Entomology 35: 81–100. doi:10.1146/annurev.en.35.010190.000501. 
  43. "Leptinotarsa decemlineata". Arthropod Pesticide Resistance Database (Universidade do estado de Michigan). Consultado o 2017-03-24. 
  44. Definición de herba no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia. Ver herba lombrigueira en "Detalles do termo".
  45. Schearer, W. R. (1984). "Components of Oil of Tansy (Tanacetum vulgare) that repel Colorado potato beetles (Leptinotarsa decemlineata)". Journal of Natural Products 47 (6): 964–969. doi:10.1021/np50036a009. 
  46. "University of Connecticut Extension". Arquivado dende o orixinal o 2006-09-01. Consultado o 2017-05-23. 
  47. Wraight, S. P.; Ramos, M. E. (2017). "Characterization of the synergistic interaction between Beauveria bassiana strain GHA and Bacillus thuringiensis morrisoni strain tenebrionis applied against Colorado potato beetle larvae". Journal of Invertebrate Pathology 144: 47–57. PMID 28108175. doi:10.1016/j.jip.2017.01.007. 
  48. Wright, R. J. (1984). "Evaluation of crop rotation for control of Colorado potato beetle (Coleoptera: Chrysomelidae) in commercial potato fields on Long Island". Journal of Economic Entomology 77 (5): 1254–1259. doi:10.1093/jee/77.5.1254. 
  49. Grubinger, V. (2004). "Colorado Potato Beetle". The University of Vermont. Consultado o 2017-07-20. 
  50. 50,0 50,1 Sindelar, D. "What's Orange and Black and Bugging Ukraine?". Radio Free Europe / Radio Liberty. Consultado o 18 de maio de 2014. 
    Ukraine’s Reins Weaken as Chaos Spreads, The New York Times (4 de maio de 2014)
    (en ucraíno) Lyashko in Lviv poured green, Ukrayinska Pravda (18 de xuño de 2014)
  51. Saringer, G. (2002). "The Years Spent by Tibor Jermy Academician in Keszthely" (PDF). Acta Zoologica Academiae Scientiarum Hungaricae 48: 33–42. 
  52. "Stamp catalog : Stamp › Colorado Potato Beetle (Leptinotarsa decemlineata)". 2003–2017. Consultado o 2017-05-23. 
  53. Skaptason, J. L. (2000-10-28). "Skaps' bug stamps - Austria". Arquivado dende o orixinal o 2014-04-18. Consultado o 2017-05-23. 
  54. "Potatobeetle.org Memorabilia". 2008. Consultado o 2017-05-23. 
  55. Greg Horne (2005). Beginning Mandolin. Alfred Music Publishing. p. 6. ISBN 978-0-739037-32-4. 
  56. Don Julin; Scott Tichenor (2012). Mandolin For Dummies. John Wiley & Sons. p. 282. ISBN 978-1-119942-76-4. 
  57. Fred Sokolow (2014). 101 Mandolin Tips. Hal Leonard Corporation. ISBN 978-1-495009-03-7. 
  58. Marco Stoffel (15 de febreiro de 2005). ""Kartoffelkäfer" sind die beste Werbung". Deutsche Welle. Consultado o 2020-07-12. 
  59. "Warum "DieKartoffelkaefer.de" ?". Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2022. Consultado o 2020-07-12. 
  60. Kramermay, A. E. (4 de maio de 2014). "Ukraine's Reins Weaken as Chaos Spreads". New York Times. Consultado o 2020-07-12. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]