Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Luis Otero Sánchez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLuis Otero Sánchez

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento22 de outubro de 1893 Editar o valor en Wikidata
Pontevedra, España Editar o valor en Wikidata
Morte20 de xaneiro de 1955 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1909 Editar o valor en Wikidata - 1930 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDefensa Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1909–1911   Pontevedra CF
1911–1923   Real Vigo Sporting Club
1923–1924   Celta de Vigo
1924–1930   Deportivo da Coruña
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1920–1924   Galicia
1920–1924   España 4(0)
Participou en
1920Xogos Olímpicos de 1920 Editar o valor en Wikidata
Escultura na Coruña.

Luis Otero Sánchez-Encinas, nado en Pontevedra o 22 de outubro de 1893 e finado na Coruña o 20 de xaneiro de 1955, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa e foi internacional coa selección española, participando nos Xogos Olímpicos de 1920.

Tras xogar case unha década no Real Vigo Sporting co que gañou catro Campionatos de Galicia, deixou o club pouco despois de que este se fusionase co Fortuna de Vigo formando o Celta de Vigo, e fichou polo Deportivo da Coruña, o que foi un dos detonantes da histórica rivalidade entre o equipo vigués e o coruñés. Xogou seis tempadas no equipo branquiazul, gañando outros dous Campionatos de Galicia.

Otero está recoñecido como un dos futbolistas galegos máis destacados da historia. Formou parte das primeira aliñacións tanto do Celta de Vigo como da selección española, e foi xunto a Moncho Gil o primeiro medallista olímpico galego.

Na súa memoria, desde 1959 dispútase en Pontevedra o Trofeo Luis Otero.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Otero comezou a xogar con 16 anos no Pontevedra Sporting Club en 1909 e dous anos máis tarde pasou ao Vigo Sporting. Con este equipo gañou catro veces o Campionato de Galicia (en 1914, 1919, 1920 e 1923) e chegou dúas veces ás semifinais da Copa do Rei (en 1919 e 1920). Sendo xogador deste club foi convocado para xogar coa Selección española, debutando nos Xogos Olímpicos de 1920, celebrados en Anveres.

A súa traxectoria no Vigo Sporting prolongouse até a fusión do club co Fortuna de Vigo, que deu lugar ao nacemento do RC Celta. O 14 de setembro de 1923 disputouse o primeiro partido do Celta, entre dous equipos de xogadores do propio equipo, un deles capitaneado por Balbino Clemente e outro por Luis Otero.

Aínda que parecía chamado a ser un dos puntais do Celta, antes de iniciarse o Campionato de Galicia de 1923 Luis Otero, xunto con outros dous xogadores -Chiarroni e Ramón González-, non conformes coa disciplina do novo club, abandonaron a entidade para fichar polo Deportivo da Coruña. O feito foi considerado unha afronta para o club vigués e sería un dos detonantes da histórica rivalidade co equipo coruñés. As protestas do Celta, que acusaron o Deportivo de ter subornado aos xogadores vigueses, levaron a Federación Galega a inhabilitar os tres futbolistas tránsfugas, acusándoos de profesionalismo, mentres que o Deportivo foi descualificado do Campionato de Galicia.[1] Porén, o Deportivo recorreu ante a Real Federación Española de Fútbol, a cal se pronunciou en favor dos herculinos e anulou a sanción contra o club por entender que non existira suborno, instando á FGF a que readmitise o Deportivo no campionato, aínda que si mantivo a sanción sobre os tres xogadores por existir duplicidade de fichas.[2][3] A FGF enviou un escrito de protesta á RFEF, mais esta reafirmouse na súa decisión,[4] polo que a FGF convocou unha asemblea extraordinaria[5] na que acordou por maioría aceptar o veredicto da RFEF.[6]

Ao remate da inhabilitación foi contratado polo Deportivo, no que xogou ata 1930. Co club coruñés gañou outros dous Campionatos de Galicia (en 1926/27 e 1927/28) e xogou as dúas primeiras tempadas do campionato de liga de Segunda División.

Tras a súa retirada afincouse na Coruña, onde rexentou o bar "Derby" na Rúa Olmos ata o seu falecemento en 1955.[7][8]

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

O 28 de agosto de 1920 Luis Otero pasou á historia como un dos once futbolistas que disputaron o primeiro partido da selección española, sendo ademais o primeiro galego en facelo. Foi nos Xogos Olímpicos de Anveres fronte á selección de Dinamarca, nun partido disputado no Estadio La Butte de Bruxelas, que acabou con vitoria española por 0-1. Xogou tamén no partido contra Italia e o equipo gañou finalmente a medalla de prata, converténdose Otero e Moncho Gil nos primeiros medallistas olímpicos galegos da historia.

A maiores xogou dous partidos amigábeis máis co combinado español, sendo o último o 21 de decembro de 1924 no Estadio de Les Corts en Barcelona, nun partido España-Austria (2-1), sumando un total de catro presenzas internacionais.

Otero xogou ademais varios partidos coa selección galega dende a súa formación en 1922, sendo o seu maior éxito o subcampionato da Copa Príncipe de Asturias de 1923.

Mostra da súa gran popularidade é o feito de que foi un dos primeiros futbolistas utilizados como reclamo publicitario, ao anunciar o viño Sansón.​[9] En 1933 a súa carreira foi recoñecida pola Federación Española de Fútbol coa medalla ao mérito deportivo.​ Así mesmo, catro anos despois da súa morte, en 1959, creouse a modo de homenaxe na súa Pontevedra natal o Trofeo Luis Otero que, dende entón, se disputa anualmente nos meses de verán.​ Pola súa parte, o Real Club Deportivo da Coruña honrou a súa memoria cun monólito nas inmediacións do Estadio de Riazor.

  1. "Ecos deportivos. El pleito del día". Galicia: diario de Vigo nº 384 (en castelán). 25 de outubro de 1923. p. 6. Consultado o 22 de xaneiro de 2021. 
  2. "El pleito Federación-Deportivo. Texto integro del fallo de la Federación Española". El Ideal Gallego nº 1.952. 23 de decembro de 1923. p. 3. 
  3. "Ecos deportivos. Un fallo de la nacional". Galicia: diario de Vigo nº 437 (en castelán). 26 de decembro de 1923. p. 6. 
  4. "Ecos deportivos. El pleito gallego. Fallo de la nacional". Galicia: diario de Vigo nº 461. 23 de xaneiro de 1924. p. 6. Consultado o 22 de xaneiro de 2021. 
  5. "Federación gallega. Nota oficial". Galicia: diario de Vigo nº 469. 1 de febreiro de 1924. p. 6. 
  6. "Deportes. Asamblea de la Federación Gallega". El Ideal Gallego nº 1.993. 12 de febreiro de 1924. p. 3. Consultado o 22 de xaneiro de 2021. 
  7. "En busca de los calamares del Otero". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de marzo de 2007. Consultado o 27 de outubro de 2020. 
  8. "En recuerdo de Luis Otero". Mundo Deportivo (en castelán). 22 de xaneiro de 1955. Consultado o 27 de outubro de 2020. 
  9. García, Carlos (28 de xullo de 2009). "Bodas de oro del Luis Otero". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 27 de outubro de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]