Vitali Ginzburg
Vitali Lázarevich Ginzburg, nado en Moscova, Rusia o 4 de outubro de 1916, finado en Moscova o 8 de novembro de 2009, foi un físico teórico e astrofísico ruso. Obtivo o Premio Nobel de Física no 2003 polas súas contribucións á teoría dos supercondutores e dos superfluídos. Foi un declarado activista ateo.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1938 graduouse na Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Estatal de Moscova. Defendeu a súa candidatura ao grao de doutor (PhD) en 1940 e a súa tese doutoral en 1942. Dende 1940 pertenceu ao Instituto Lébedev de Física de Moscova da Academia Rusa de Ciencias, sendo entre os anos 1971 e 1988 sucesor de Ígor E. Tamm á fronte do Departamento Teórico. Dende 1945 foi profesor a tempo parcial da Universidade Estatal de Gorkii, e dende 1968 do Instituto de Física e Tecnoloxía de Moscova. Foi elixido membro estranxeiro de nove Academias de Ciencias (ou institucións equivalentes) como a Real Sociedade de Londres (1987), a Academia Nacional Americana de Ciencias (1981) e a Academia Americana de Artes e Ciencias (1971).
É autor de varios centos de artigos científicos e máis dunha ducia de libros. Os seus eidos de traballo inclúen a materia condensada, a física de plasmas e a astrofísica. En materia condensada destacan as súas contribucións á teoría da supercondutividade (teoría de Ginzburg-Landáu), transicións de fase, e ferroelectricidade. Na física de plasmas, á teoría de propagación de ondas, emisión sincrotrón, e radiación de transición; e en astrofísica, unha teoría sobre a orixe dos raios cósmicos, e a teoría de emisión de radio dos púlsares. Nos anos cincuenta viuse involucrado no proxecto soviético da bomba de hidróxeno.
Galardóns
[editar | editar a fonte]- Premio Stalin en 1953
- Premio Lenin en 1966
- Medalla de ouro da Real Sociedade Astronómica en 1991
- Premio Wolf en física en 1994/5
- Medalla de Ouro Lomonósov en 1995
- Premio Nobel de Física no 2003, canda Alekséi Alekséyevich Abrikósov e Anthony James Leggett.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BONET, Pilar (10 de novembro de 2009). ELPAÍS.com, ed. "Obituario, Vitali Ginzburg" (en español). Consultado o 26 de novembro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Laureados co Premio Nobel de Física 2003 (en inglés)
- Autobiografía en Nobelprize.org (en inglés)
- Páxina de Ginzburg (en inglés)
- Biografía (en ruso)
- Obituarios