Wilhelm Röntgen
Wilhelm Conrad Röntgen, nado en Remscheid o 27 de marzo de 1845 e finado en Múnic o 10 de febreiro de 1923, foi un físico alemán, coñecido por ser o inventor dos raios X
Formación
[editar | editar a fonte]Röntgen naceu en Lennep, un burgo da viliña renana de Remscheid, fillo dun tecelán. A súa familia mudouse aos Países Baixos cando el tiña tres anos. Recibiu o ensino primario no Instituto de Martinus Herman van Doorn. Logo asistiu á Escola Técnica de Utrecht, onde foi expulsado por realizar unha caricatura dun dos seus profesores, acto que negou cometer.
En 1865, accedeu á Universidade de Utrecht e logo foi admitido na Politécnica de Zürichh para estudar enxeñaría mecánica sen ter aínda o título de ingreso de bacharel. En 1869, obtivo o doutoramento pola Universidade de Zürichh.
Traxectoria profesional
[editar | editar a fonte]O primeiro traballo publicado por Röntgen, en 1870 trataba sobre a calor específica dos gases, tema en fervente debate neses anos. Tempo despois publicou artigos que trataron sobre a condutividade térmica dos cristais, a influencia da presión sobre os índices de refracción dos fluídos, a expansión das pingas de aceite en auga, as variacións da temperatura e a compresibilidade da auga, os planos de polarización da luz baixo ondas electromagnéticas etc.
Paralelamente, a partir de 1874 móvese para a Universidade de Estrasburgo e en 1875 chegou a ser profesor da Academia de Agricultura de Hohenheim en Würtemberg. En 1876, volveu a Estrasburgo como profesor de Física e en 1879, chegou a ser o xefe do departamento de física da Universidade de Giessen. En 1888, transformouse no físico xefe da Universidade de Würzburg, logo na de Leipzig, despois no Physikalisch-Technische Reichsanstalt de Berlín e en 1900 finalmente no físico xefe da Universidade de Múnic, por petición especial do goberno de Baviera onde permaneceu o resto da súa carreira.
Pero o feito co que é coñecido Röntgen sucedeulle de xeito circunstancial o 8 de novembro de 1895. Observou que cando facía pasar unha corrente eléctrica por un tubo cun gas a moi baixa presión, aparecía brillo nunha pantalla, e este desaparecía cando a corrente se cortaba. Röntgen asociou este fenómeno a unha radiación descoñecida, a que chamou por ese mesmo motivo raios X. Unha das primeiras probas que fixo Röntgen cos raios X foi obter unha imaxe da man da súa dona, pensada como un agasallo para o seu aniversario, mais cando viu o resultado acabou por non facerllo.
O 5 de xaneiro de 1896, un xornal austríaco informaba que Röntgen descubrira un novo tipo de radiación. Os raios X supuxeron un estoupido nas aplicacións para a diagnose médica, e co tempo converteuse nun dos principais avances da medicina no século XX. Ó ano do primeiro informe de Röntgen escribíranse 49 libros e máis de 1.200 artigos en revistas científicas sobre o tema. É un dos puntos culminantes da medicina de finais do século XIX, sobre o que se baseáron numerosas diagnoses de entidades nosolóxicas ata ese momento difíciles de diagnosticar.
Seis anos despois, en 1901 recibiría o Premio Nobel de Física por este traballo. O premio concedeuse "en recoñecemento dos extraordinarios servizos que brindou para o descubrimento dos notables raios que levan o seu nome." Röntgen doou a recompensa monetaria á súa universidade. Da mesma forma que Pierre Curie faría varios anos máis tarde, rexeitou rexistrar calquera patente relacionada ao seu descubrmiento por razóns éticas. Tampouco quixo que os raios levasen o seu nome. Con todo en Alemaña o procedemento da radiografía chámase "röntgen" debido a que os verbos alemáns teñen a desinencia "-en". Röntgen foi premiado co grao honorario de Doutor en Medicina pola Universidade de Würzburgo.
Tamén na súa honra recibe ese nome a unidade de medida da exposición á radiación, establecida en 1928: ver Roentgen (unidade).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina do Instituto Nobel, Premio Nobel de Física 1901 (en inglés)
- Biografía na páxina do Instituto Nobel 2001 (en inglés)
- Perfil de Wilhelm Conrad Röntgen en NNDB (en inglés)
Predecesor: '1º premiado' |
Premio Nobel de Física 1901 |
Sucesor: Hendrik Lorentz, Pieter Zeeman |