Museo do Pobo Galego
Museo do Pobo Galego | |
---|---|
Tipo | museo e asociación cultural |
Data de fundación | 1977 |
Presidente/a | María Concepción Losada Vázquez (2022-) |
Director/a | Lois Ladra |
Persoas relacionadas | Carlos García Martínez, Antón Fraguas e Xusto Beramendi |
Premios | Premio Nacional de Cultura tradicional e de base e Premio Otero Pedrayo |
Localización | |
Sede | convento de San Domingos de Bonaval |
Enderezo | R/ San Domingos de Bonaval e Mosteiro de San Domingos de Bonaval |
En | Santiago de Compostela |
País | Galicia |
42°52′58″N 8°32′21″O / 42.882749, -8.539139 | |
Na rede | |
http://www.museodopobo.gal | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Museo do Pobo Galego abriu as súas primeiras portas no ano 1977 no antigo Convento de San Domingos de Bonaval, na cidade de Santiago de Compostela, no lugar coñecido comunmente como Porta do Camiño. O museo está dentro do mesmo edificio que o Panteón de Galegos Ilustres e a escasos metros do CGAC co que comparte ás antigas hortas do convento convertidas por Álvaro Siza e Isabel Aguirre en parque público na década de 1990.
Historia
[editar | editar a fonte]O Museo do Pobo Galego constitúese como un organismo ó servizo da comunidade e séntese comprometido na salvagarda dunhas tradicións e costumes que normalmente foron esquecidas ou relegadas da historia oficial, pero que son precisamente onde un pobo atopa as pegadas da súa identidade.
En virtude do que antecede, a Xunta de Galicia por decreto 111/1993 de 22 de maio, recoñeceu ó Museo do Pobo Galego como "centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia", considerando que "non só actúa de feito como referente e estímulo para a creación doutros museos e coleccións de carácter semellante en toda Galicia, senón que pode ser considerado como esa cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia".
O Museo conta con salas permanentes: Sala do mar, Sala dos oficios, Sala do campo, Sala da música, Sala da indumentaria, Sala da olaría, Sala do tecido, Sala da cestaría, Sala da arquitectura, Sala da sociedade memoria e tradición e recentemente a Sala da Historia de Galicia que ofrecen unha visión sintética da sociedade galega tradicional, un compendio da diversidade de Galicia, que sirva como referencia para a avaliación das distintas manifestacións dentro do conxunto e para impulsar o interese polo coñecemento directo e a procura de alternativas de futuro.
Dispón así mesmo de espazos de exposición temporal, dun auditorio e dos servizos museísticos de Biblioteca, Videoteca, Arquivo Gráfico e sonoro, Administración e Departamento de Educación e Acción Cultural.
Foille outorgado no ano 2008 o Premio Nacional de Cultura tradicional e de base, un dos premios que integran os Premios Nacionais da Cultura Galega.
En 2023 foi Premio Rosalía de Castro de Lingua.[1]
- Directores
- Antonio Fraguas Fraguas (1977-1999)
- Manuel Carlos García Martínez (1999-2018)
- Manuel Vilar Álvarez (2019-2024)
- Lois Ladra (2024- )[2]
A colección
[editar | editar a fonte]A colección do museo ten actualmente mais de 11500 entradas divididas en tres grandes áreas: Arte, Etnografía e Arqueoloxía[3].
Arte
[editar | editar a fonte]A sección de pintura inclúe obras desde o século XVI ata o XX e recolle a moitos dos pintores máis destacados de Galicia como Gregorio Ferro, Dionisio Fierros, Ovidio Murguía, Román Navarro, Fernando Álvarez Sotomayor ou Xesús Corredoyra. Acontece o mesmo coa parte de escultura na que se fai un percorrido partindo do románico e chegando o século XX con obras de José María Acuña ou Francisco Asorey. Tamén posúe unha sección de artes decorativas de marcado carácter relixioso.
Etnografía
[editar | editar a fonte]É a parte máis ampla do museo e fai un percorrido por moitos dos usos e oficios galegos. Conta con 13 apartados que inclúen a gandaría, a pesca, o transporte, a indumentaria ou os xoguetes.
Arqueoloxía
[editar | editar a fonte]A colección posúe obxectos que van dende o neolítico ata a diferentes elementos relacionados coa romanización.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes do convento de San Domingos de Bonaval.
-
Corredor da planta superior.
-
Exposición sobre a Xeración Nós e Europa.
-
Proxección dun documental.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diario, Nós (2023-05-24). "Pakolas, Museo do Pobo Galego, Orgullo Galego e Daniel Romero gañan os Premios Rosalía de Castro". Nós Diario. Consultado o 2023-05-24.
- ↑ Gallego, El Correo (2024-05-25). "O antropólogo e arqueólogo Lois Ladra, novo director do Museo do Pobo Galego". El Correo Gallego. Consultado o 2024-05-25.
- ↑ www.imaxin.com, imaxin|software-. "Museo do pobo Galego". www.museodopobo.gal. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2020. Consultado o 2020-04-08.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo do Pobo Galego |