Década de 1800
Segundo milenio | |||||
Século XVIII | |||||
| |||||
|
1800
- Artigo principal: 1800.
Gran Bretaña
- O empresario británico Robert Owen implanta na súa fábrica de fiados de algodón (contruída en New Lanark), a xornada de traballo en dez horas e media. Tamén prohibe que traballen os nenos menores de 10 anos. Desta forma impúlsanse as primeiras medidas de protección laboral.
- O 1 de agosto fírmase a Acta de Unión, integrando a Irlanda, votada, a petición de Pitt (o Xove), polos deputados ingleses. Irlanda será representada, a pesar seu, no parlamento do Reino Unido.
España
- 1 de maio: nace en Santiago de Compostela El Catón Compostelano, primeiro periódico de Galicia.
- 25 e 26 de agosto: na Batalla de Brión, as tropas españolas e auxiliares civís rexeitan un ataque do exército británico, desembarcado na praia de Doniños, que tencioaba apoderarse da base naval de Ferrol.
- O 1 de outubro España e Francia firman un convenio preliminar e secreto, que sería bautizado co nome de San Ildefonso. O convenio establecía a ampliación do ducado de Parma e a súa posterior conversión no reino de Etruria, cando Francia firme a paz con Austria. A cambio, España debe entregar a Francia 6 naos de guerra (dotados cada unha de 74 canóns) e devolver Luisiana. O convenio, completado co de Madrid (asinado o 21 de marzo de 1801), entraría en vigor trala firma de paz de Lunéville.
India
- O gobernador xeral da India, Richard C. Wellesley, impón o protectorado británico o nizam de Hyderabad, un territorio situado na zona central do Decán.
Indonesia
- O 1 de xaneiro a Coroa neerlandesa faise cargo das propiedades que ten en Indonesia a Compañía das Indias Orientais, disolta pola mala xestión e corrupción.
Alemaña
- O poeta alemán Friedrich von Hardenberg, máis coñecido como "Novalis", publica os seus "Himnos de la noche", no que expresa o vínculo místico que o une con Sofía von Kühn (que era a súa prometida, morta no 1797 con 15 anos de idade). Toda a obra xira en torno á alternativa, a superposición dos soños e a realidade. A poesía alcanza mediante a densidade e a musicalidade da palabra unha forza de expresión nova, que será unha das referencias dos teóricos do romanticismo. Sentíndose rodeado pola presenza real da morte, o poeta declara apercebir as doces chamadas do invisible e desexa unirse á súa amada, non co suicidio, senón mediante o acto de vontade. Novalis nacera no 1772 e morrería no 1801.
Reino Unido
- O fisiólogo británico Anthony Carlisle, axudado polo físico William Nicholson, descobren a electrólise ao descompoñe-la auga acidulada. Xuntos realizan, tamén, a electrólise das sales metálicas disoltas.
- O astrónomo anglo-alemán William Herschel descobre as ondas infravermellas. Trátase dunha onda electromagnética cun rango e frecuencia invisibles para o ollo humano. Herschel descubrirá, ademais, o planeta Urano, centos de estrelas e algunhas nebulosas.
Roma
- O 14 de marzo o papa Pío VII (cuxo nome real era Gregorio Chiaramonti), con idade de 59 anos sobe ó solio pontificio, na calidade de sucesor de Pío VI (despois de 7 meses e medio nos que o trono pontifical permaneceu baleiro). Pío VII asumirá o seu cargo durante 23 anos (xa que finará o 20 de agosto de 1823).
Malta
- As tropas británicas ocupan a illa tralo asedio de 2 anos. O británicos non pensan devolve-la illa de Malta á Orde dos Cabaleiros e prepáranse para unha longa ocupación.
Francia
- Napoleón Bonaparte instálase nunha casa acomodada nas Tullerías o 19 de febreiro. O día seguinte (20 de febreiro) a Banca de Francia, que fora fundada por unha asociación de banqueiros que contaban co patrocinio de Napoleón, escomenza as primeiras operacións.
- O 14 de xuño durante unha revolta en Exipto na que morre o xeneral francés, Jean Baptiste Kléber, o seu substituto, o xeneral francés Jacques Francois de Boussay, asume o poder militar no país. Tamén nese mesmo día, as tropas de Napoleón Bonaparte derrotan o exército austríaco na batalla de Marengo.
Italia
- Na cidade de Pavia dáse a coñecer o invento da pila eléctrica creada por Alessandro Volta (que nacera na localidade de Como un 19 de febreiro de 1745 e finaría na mesma o 5 de marzo de 1827). A pila estaba composta por parellas de laminillas de cinc e cobre en contacto directo; cada parella estaba separada da seguinte por un cartón húmido. A artefacto desempeñaba a acción dunha batería de condensadores que se recarga de forma inmediata.
- En maio, unha segunda campaña de Napoleón Bonaparte (que duraría ata decembro de 1800), desenvolverase no marco da segunda coalición. Napoleón atravesará o Gran San Bernardo cun exército de reserva (feito que ocorrirá do 14 ao 23 de maio). Despois do éxito da vanguarda en Montebello (o 9 de xuño), vólvese a enfrontar contra os austríacos en Marengo (onde Desaix e Boudet transformarán en vitoria decisiva unha situación moi crítica). Mentres que Moreau e o exército de Alemaña invaden Baviera e ameazan o interior de Austria, Napoleón Bonaparte ocupa Lombardía e Venecia, impoñendo a Austria o armisticio de Trévise (que se asinará o 15 de xaneiro de 1801), preludio do tratado de Lunéville.
Arte e cultura
- Goya pinta "A familia de Carlos IV", hoxe no Museo do Prado.
1801
- Artigo principal: 1801.
Gran Bretaña
- Os arquitectos, Salford Matthew Boulton e James Watt edifican unha fábrica de fiados de sete pisos, cuxo conxunto de paredes mestras, de cachotería, se acompaña dunha estrutura interna que ordena trabes mestras e columnas en forma de T. Este deseño converterase no patrón dos edificios industriais.
- Durante o 14 de marzo o primeiro ministro, William Pitt (o Novo), avoga pola emancipación dos católicos irlandeses e a entrada destes no Parlamento, trala integración de Irlanda. Pero o rei Xurxo III oponse e Pitt vese na obriga de dimitir. A petición súa, o tory Henry Addington subtitúeo e firma a paz de Amiens no ano 1802 (que se romperá en maio de 1803). As presións políticas fan que o rei teña un novo acceso de demencia, que caerá na loucura absoluta no ano 1810.
- O 24 de decembro Richard Trevithick, que traballa de enxeñeiro de minas, emprega a primeira locomotora de vapor de alta presión construída por el mesmo e experiméntaa con pasaxeiros.
Exipto
- O 6 de marzo as tropas británicas desembarcan neste país, onde se enfrontan cos restos do exército francés dirixido por Menou. Despois de numerosas derrotas (a perda do Cairo o 28 de xuño e de Alexandría o 30 de agosto nas que acaban capitulando ante as tropas británicas), as tropas francesas abandonan Exipto o 2 de setembro.
Alemaña
- O 25 de marzo Novalis (que na realidade chamábase Friedrich Leopold von Hardenberg e que nacera na rexión de Oberwiederstedt o 2 de maio de 1772), poeta lírico alemán, prosista e pensador místico-relixioso do romanticismo temperán, morre na cidade de Weissenfels (capital de Turinxia). O autor tiña obras de recoñecido nome como: "Hymnen an die Nacht", "Heinrich von Ofterdingen" entre outras.
España
- O 13 de febreiro fírmase na localidade española de Aranjuez un convenio entre Francia e España. O convenio, firmado por Godoy (na parte española) e por Luciano Bonaparte (na parte francesa), establece o auxilio da frota de guerra española a Napoleón Bonaparte, que a necesita para poder enfrontarse aos británicos.
- O 20 de maio, pouco despois de que España declarase a guerra a Portugal, como represalia por negarse a cerra-los seus portos ó comercio inglés, os españois invaden Portugal. Unha vez firmado o tratads de Madrid (o 29 de xaneiro de 1801) e ratificado polo convenio de Aranjuez (o 13 de febreiro de 1801), España, premida por Napoleón, declara a guerra a Portugal o 22 de febreiro de 1801. Godoy, convertido novamente en árbitro dos destinos de España trala caída de Urquijo y Mazarredo (separado do mando da escuadra hispana), é nomeado xefe do exército español. Na invasión participa un continxente español de 60 000 homes (10 000 en Andalucía; 20 000 en Galicia e 30 000 en Estremadura), secundado por un corpo expedicionarios francés, que non chega a participar. As tropas invasoras fanlles fronte a un exército de 40 000 portugueses, comandado polo duque de Lafões. Os españois entran en Portugal e fanse con algunhas prazas, entre elas Olivenza. Trala derrota portuguesa na batalla de Arronches, a conquista do Alentexo e os asedio de Elvas, onde a contenda recibe o nome da "guerra das Laranxas", a causa das pólas da árbore que os soldados entregan a Godoy (que llas ofrece da súa parte á raíña María Luisa), chégase deseguido ao armisticio.
- O 6 de xuño España e Francia firman con Portugal un tratado de paz en Badaxoz, que trae consigo a perda (por parte de Portugal) da praza de Olivenza, que pasa a España, teñen que pagar unha forte indemnización a Francia e cerra-las portas ao comercio británico. O tratado pon fin á guerra das Laranxas. Non contento co tratado, Napoleón esixe a súa revisión. A consecuencia de todo iso, Godoy retira a escuadra de Brest e ameaza o francés con volver de novo ás relacións con Gran Bretaña. A intención de Napoleón de invadir España co obxecto de destronar os Borbóns, induce a Luciano Bonaparte e Nicolao de Azara a mediar na disputa.
- O 29 de setembro ratifícase a Paz de Badaxoz firmada con Portugal. Ambos os países cambian a alianza con Inglaterra por outra con Francia. Con iso, España perderá a súa frota. Aínda que o tratado ratificado se asinase en Madrid, coa finalidade de ratifica-la fin da guerra das Laranxas entre España e Portugal, o acordo comportaba, ademais, o acceso ás antigas esixencias francesas. Portugal cede a Francia a Güiana, dálle un trato de favor na materia comercial e paga unha indemnización de guerra.
Vaticano
- Un 15 de xullo o concordato firmado entre o papa Pío VII e o primeiro cónsul francés Napoleón Bonaparte restaura en parte os Estados Pontificios. Namentres, o clero francés queda sometido ao estado, e a relixión católica queda recoñecida como a máis practicada en Francia. Aínda que o concordato se firmase na noite do 15 ao 16, acabará de acentuarse por disposicións de vigor en Francia no ano 1905.
Dinamarca
- O 2 de abril Gran Bretaña deféndese contra a Liga dos Neutrais, fundada por Rusia, Suecia, Prusia e Dinamarca no decembro de 1800 para protexe-lo comercio neutral, atacando por sorpresa a frota danesa no porto de Copenhague.
Europa
- O 9 de febreiro fírmase o Tratado de Lunéville entre Francia e Austria. Esta última renuncia a Bélxica, recoñece como francesa a ribeira esquerda do río Rin e, en Italia do Norte, a formación da República Cisalpina. Por outra parte, o duque de Parma reina en Florencia sobre o reino de Etruria; namentres que España restitúe Luisiana a Francia.
Rusia
- Na noite do 23 o 24 de marzo o tsar Paulo I (que nacera en San Petersburgo o 1 de outubro de 1754), aparece estrangulado na súa habitación. É asasinado polos oficiais da súa garda, que forman parte dunha conspiración feita por un grupo de nobres, comerciantes e militares, quen contaban co visto e prace do futuro tsar Alexandre I. Dirixidos por N. Panin e o conde Palen, opóñense á política de hostilidade do tsar cara a Gran Bretaña e as concesións a Roma. Despois de morrer a tsarina Catarina II, Paulo accede ao poder no 1796, pero revélase cunha ausencia total de sensatez na política. O temor que alberga ao posible contaxio das ideas revolucionarias lévao a cerra-las fronteiras e censura-los textos que proveñen de Francia. O seu estilo de goberno é imprevisible e a súa política arbitraria de alianzas e axudas causa estupor. Alexandre I ten 23 anos cando o sucede. Pero o 1 de decembro de 1825, despois de 23 anos de reinado, Alexandre abdicará no favor de seu irmán Nicolao; segundo algúns historiadores, Alexandre terminou a súa vida retirado como eremita.
1802
- Artigo principal: 1802.
América
- En Haití, na cidade de Santo Domingo, ocorre no mes de marzo que o xeneral revolucionario e libertador de escravos, François Dominique Toussaint Louverture réndese ás tropas francesas de Charles Leclerc que invadiron o seu país. Toussaint Louverture foi nomeado no ano 1797 comandante supremo da colonia francesa de Santo Domingo (que tivo antecesións españolas), da que expulsou os británicos, conquistando a parte oriental da illa e poñéndose o título de "Gobernador Vitalicio". Pouco despois do seu rendemento é detido e trasladado a Fort Joux (unha fortaleza de Francia) onde morrería o 7 de abril de 1803.
- En Chile iníciase a construción do canal de Maipo, tamén coñecido como Canal de San Carlos.
Asia
Vietnam
- En Vietnam é derrocada a dinastía Tai-Son, que dende 1788 reinaba no país. Asume o poder un príncipe do clan Nguyen Anh (chamado Gia-Long, de 40 anos, que reinará 18 anos -ata 1820-). Sobriño e herdeiro do emperador Du Tong (que fura destronado polos rebeldes no 1774). Co restablecemento da Cochinchina no ano 1788 na que se recibe axuda dos franceses, provocará que este príncipe reine sobre un territorio unificado. A dinastía Nguyen Anh perdurará ata 1945.
Europa
España
- En Valencia o pintor Vicente López recibe o encargo de realizar o cadro conmemorativo da visita de Carlos IV. O lenzo ten de nome: A familia de Carlos IV recibida pola Universidade de Valencia, e daralle a Vicente o título de pintor de cámara honorífico de Carlos IV, e polo tanto o inicio dunha carreira de honras.
- O 25 de agosto, o Príncipe de Asturias, Fernando, contrae casamento con María Antonia de Borbón (filla de Fernando IV e de María Carolina de Nápoles). O casamento, que máis ben foi unha voda política, faise ó mesmo tempo que o da irmá de Fernando, a infanta María Isabel (que casa co irmán de María Antonia, Francisco). O casamento de Fernando non durará moito tempo, xa que a princesa morre no 1806 (na localidade de Aranjuez) sen ter descendencia; porén constituirá unha influencia de grande importancia na formación da personalidade do futuro monarca. Tralo primeiro momento de susto no que a princesa chora ó coñecer a Fernando, ó seu aspecto nada agraciado acompañábao unha voz afrautada e unha esaxerada gordura. María Antonia chega a tomarlle aprecio, pero no común úneos o odio cara Godoy o que lle leva afirma-la súa personalidade. Mentres viviu con Fernando, Antonia exerceu grande influencia sobro o príncipe, chegando a desprazar o intrigante cóengo Juan de Escoiquiz, que fora o seu preceptor.
Francia
- O físico Louis Joseph Gay-Lussac publica o seu primeiro traballo co nome de: Sobre a dilatación dos gases e vapores. Neste traballo aparece a lei que cumpre co fenómeno. Gay-Lussac propón que os diversos gases que estuda (aire, nitróxeno, osíxeno etc.) dilátanse semellantemente nunha mesma temperatura. Polo que traballando de 0 a 100 °C, encontra que estes gases teñen unha dilatación uniforme e independente da súa natureza. A lei terá un seguimento no ano 1808 por outra, na que se fixa a combinación dos gases que fan relacións volumétricas simples.
- Madame Récamier, fermosa anfitrioa dun dos salóns máis elegantes da cidade é retratada polo pintor parisiense François Gérard. Este pintor fora discípulo do coñecido Jacques Louis-David que empezara a facerse camiño nos máis refinados ambientes da cidade. Madame Récamier, cuxo nome de solteira era Jeanne Françoise Julie Alélaide Bernard, casara ós 16 anos co potenciado Jacques Rose Récamier (un dos banqueiros máis poderosos de Francia). Abrira un salón no ano 1799, percorrendo os pasos dunha amizade (a da famosa Madame de Staël, escritora viaxeira moi coñecida polas aventuras amorosas con varias personaxes da época).
- Publícase a primeira das obras de Germaine de Staël (nada en 1766), baixo o nome de Delphine. Staël foi retratada, entre outros, por Jean Baptiste Isabey; filla do financeiro Necker (ministro de Facenda do axustizado Luís XVI), logra publicar un libro sobre España. Para non ser de menos que a súa amiga (Récamier), deixando un pouco de lado o terreo literario vive un apaixonado romance con Benjamin Constant, autor da novela Adolfo. Anos despois, no 1807, publicara Corinne, tamén da mesma autora.
- O 27 de marzo, a paz de Amiens pon fin á segunda guerra de coalición entre Francia e mailos seus aliados contra Inglaterra. Co acordo de paz, a illa de Menorca, perdida dende 1798 sen que as forzas españolas ofrecesen resistencia ós ingleses, volve a España. Pola contra, Gran Bretaña queda coa posesión de Xibraltar, a par de que retén a illa da Trindade. Pero comprométese así mesmo a abandona-las súas posesión no Mediterráneo, volver Exipto ó Imperio Otomán, Malta a orde de San Xoán e quita-la frota do mar. Francia, pola súa parte retira as guarnicións de Nápoles, recoñece a independencia de Portugal (pero queda para si a colonia de Guinea), e renuncia ás súas conquistas no Mediterráneo, o que lle permite chegar a un acordo de paz co Imperio Otomán coa garantía de non lle entrar nas súas fronteiras. Pero a paz de Amiens deixa tras de si outras cuestións por resolver, tales como Bélxica, Savoia e Suíza, ó que lle habería que engadir o conflito de comercio entre Gran Bretaña e os estados europeos que están baixo control francés. Isto motivou que a paz volvera a romperse no maio de 1803.
- O 19 de maio sae un decreto de Napoleón, na que se institúe a orde francesa da Lexión de Honor, que substitúe as antigas ordes da monarquía, para recompensa-los servizos civís e militares. Tamén se entregará por primeira vez, o 15 de agosto de 1804, os eivados da guerra.
- O 26 de xuño fírmase un tratado de paz co Imperio Otomán, poñendo fin a un conflito que viña dende 1798 por mor dunha invasión francesa no Exipto. Aínda que fracasada a campaña de Francia no Exipto, pola alianza dos otománs co Reino Unido, e a perda da illa de Malta, tamén a mans dos británicos; os intereses franceses seguen en apoxeo na Europa.
- O 2 de agosto unha revolución no Senado converte a Napoleón Bonaparte en cónsul vitalicio e concentra na súas mans a totalidade do poder político. Napoleón xa ostentaba o cargo de cónsul e polo seu carácter, dispoñía xa de amplas atribucións. Os triunfos militares franceses (confirmados na paz de Amiens o 27 de marzo), fan que Napoleón apareza fronte ós seus compatriotas coma un home providencial. O cónsul é quen nomea os altos funcionarios e os membros do Consello do Estado; tamén escollerá os integrantes do Senado, o Tribunal e o Corpo Lexislativo. O sufraxio universal é substituído polo voto do censo e só o cónsul vitalicio ten dereito a tomar iniciativas no campo lexislativo; polo que nin el, nin os seus ministros teñen a obriga de render contas da súa xestión. No cambio, as outras institucións non teñen a practica dos poderes: o Senado ten a encarga de vixia-lo cumprimento da constitución, o Tribunal revisa as propostas de lei, pero non as pode promulgar, o Corpo Lexislativo penaliza as leis pero non pode discuti-las (a este corpo acabará coñecéndose co alcume dos "trescentos mudos". Unha das primeiras medidas de Napoleón consistiu en invitar os emigrantes para que volvesen a Francia. Os anos da revolución provocaron que unhas 140 000 persoas deixaran o país. Moitos eran artesáns e comerciantes que perderan todo a causa das desordes; pero tamén eran numerosos os aristócratas que conseguiron levarse con eles as súas ganancias, polo que esta emigración afectoulle o país nunha considerable sangría de capitais. Napoleón aseguráballes que, na nova Francia, podería intervir e enriquecerse nun clima de paz social co apoio das baionetas. Con isto cumpría o acordo de amnistía proposto o 26 de marzo deste mesmo ano (o 6 de floreal do ano X, segundo o calendario revolucionario francés).
Imperio Otomán
- No Imperio Otomán, o sultán vese na obriga de recoñece-lo protectorado do tsar Alexandre I sobre os príncipes romaneses. Dende que se firmou o tratado de Kuchuk-Kainarzhi (no 1774), Rusia foise afianzando coma a potencia dominante nos principados romaneses acurrunchando a Sublime Porta. A partir deste momento o Imperio Otomán perde o dereito a destituír os hospodars (gobernadores), e vese na obriga de que sexan nomeados, o menos, por un período de 7 anos.
Italia
- O escritor Ugo Foscolo publica Últimas cartas de Jacopo Ortis, novela epistolar na que se contan amores de Ortis (refuxiado nos montes Euganeos trala ruína de Venecia) e Tareixa. Ao esta-la xove prometida con outro home, a súa unión aparece imposible polo que Ortis acaba suicidándose. Na novela únense a desesperación amorosa, a imitación do Werther de Goethe, e a desesperación patriótica.
- O 25 de xaneiro a república Cisalpina, con capital en Milán, convértese na "República italiana". Bonaparte ostenta o cargo de presidente e Melzi está como vicepresidente ata 1805. Durante este período Francia sofre unha serie de anexións de reinos e principados: Piemonte (Turín) 1802; República lígur (Xénova) 1805; Etruria (antigo gran ducado de Toscana) 1808; Estados Pontificios 1809.
Reino Unido
- En Inglaterra apróbase a primeira lei laboral adoptada polo parlamento, onde se expón a prohibición de traballar, nas fábricas de algodón, máis de 12 horas diarias a nenos menores de 9 anos. A adopción da lei recibe o nome de: Factory Bill, que observa unha serie de medidas, pero dista moito de ser unha protección eficaz dos dereitos dos nenos traballadores das manufactureiras; polo que a situación dos rillotes nos primeiros anos da revolución industrial non é nada boa. Traballaban máis de 14 horas, soldos míseros que non tiñan ata de agora unha protección. Malia o Factory Bill non ser unha solución moi ben recibida, si resultou un paso adiante para os dereitos da infancia traballadora.
- No Reino Unido, Willian Cobbett funda o semanario "The Political Registrer", que fará de órgano na facción "Tory" e antixacobina. Cobbett xa fixera carreira periodística nos Estados Unidos, a onde fuxiu no 1792, e en onde se converteu nun personaxe belicoso, ante a revolución francesa e a incerteza da democracia estadounidense. Ao volta-la política financeira de Willian Pitt e a miseria dos obreiros agrícolas empurrárano cara a unha política máis radical.
Sacro Imperio
- Un 4 de setembro, o filólogo alemán, Georg Friedrich Grotefend (que nacera o 9 de xuño de 1775) presenta un traballo sobre a escritura cuneiforme dos babilonios e os persas, é o primeiro intento de carácter positivo en descifrala, que acaba dando un alfabeto rectificado. A escrita, composta con marcas en forma de cuña, é feita cun cálamo sobre taboíñas de arxila fresca; este procedemento desenvolveríase en Mesopotamia entre os séculos XXX e X a.C. Sendo na época protohistórica a que dá lugar difusión en Mesopotamia a unha escrita de trazos largos e continuos, coa representación de ideogramas. No ver doutros historiadores, cabería a posibilidade de que se transmitira con posterioridade ós sumerios; sendo canda estes, introducida nos vales do Tigris e Éufrates. Dedúcese coma unha dobre evolución da escrita cuneiforme: unha interna (coa mellora da expresión dos conceptos abstractos pola substitución progresiva dos ideogramas) e outra externa (que trae consigo o logro da esquematización dos caracteres polos fonogramas). Dun xeito e do outro, o caso é que a partir do século XIV a.C. no reino de Ugarit se desenvolve esta escrita con novos vieiros.
1803
- Artigo principal: 1803.
Rusia
- O tsar Alexandre I anexiona o territorio de Xeorxia aproveitando a morte de Xurxo XII, que no 1799 conseguira do tsar Paulo I o seu recoñecemento como rei. O tsar nomea gobernador a Tzitziánov, e este responde expulsando a familia real. O longo deste mesmo ano iniciase a colonización da península de Alasca (na América do Norte) que fora explorada por trampeiros tempos atrás.
Suíza
- Napoleón Bonaparte promulga a Acta de Mediación para este país, unha nova Constitución que asegura os 19 cantóns unha ampla soberanía, o tempo que respecta o débil poder central. A acta foi aprobada un 19 de febreiro e resultaba un paso máis para o establecemento dun auténtico Estado federal. A Constitución levaría consigo a restauración case completa dos 13 cantóns de antes de 1798 (con excepción de Xenebra e Mulhouse -este derradeiro, correspondente a Francia-) e a creación de 6 novos cantóns. Sumase a todo isto unha solución federalista, que deixa a cada cantón o seu réxime, cunha Dieta federal para a política exterior, que sería anulada no 1813.
Alemaña
- O 25 de febreiro ocorre na rexión de Frankfurt e derrubamento do Sacro Imperio Xermánico. Para indemniza-los príncipes alemáns despoxados da beira esquerda do río Rhin polo tratado de Luneville, vólvense a distribuír os 300 Estados alemáns, orixinados no tratado de Westfalia (do ano 1648) que ía favorecer os principados eclesiásticos, na contra das cidades libres e dos pequenos señoríos. En total, menos de 40 Estados, entre os que estaban, Prusia, Baviera, Wurtemberg, Baden, Hesse-Darmstadt, Nassau e Saxonia.
- O 23 de marzo a deputación do Reich confirma a aprobación da resolución tratada o 25 de febreiro cunhas lixeiras reformas que, na práctica, fai desaparece definitivamente o Sacro Imperio. A aprobación faise na cidade de Ratisbona e, aínda que foi elaborado en Francia, ten como medida inmediata a redución do número de estados alemáns; o número de cidades libres limitase a seis (noutrora eran 51) e secularizase os estamentos eclesiásticos do imperio. Coa reorganización do Reich como consecuencia directa das guerras nas que os príncipes alemáns foran derrotados polo franceses. O único príncipe eclesiástico que se mantén é o de Maguncia que se ve na obriga de traslada-la súa sede a Ratisbona. En termos xerais o acordo favorece os príncipes protestantes a vez que vai na contra dos católicos.
India
- Durante a guerra maratha, provocada polo tratado de Bassein (asinado o 31 de decembro 1802), no que se estende o protectorado inglés sobre o Oeste do Decán. Os marathas, axudados polos franceses, son derrotados por Lake en Delhi no setembro, en Assaye 23 de setembro por Wellington e no Lasvari en novembro. Pero novas vitorias británicas ocorridas nos anos 1817/18, logran por fin a influencia francesa.
Irlanda
- O 23 de xullo un movemento de emancipación dos católicos e para a independencia da corona inglesa leva a cabo unha insurrección, capitaneada por Rober Emmet, contra a Acta de Unión elaborada por Castlereagh e proclamada polo Parlamento de Dublín en xuño de 1800. Trátase dun documento promovido por Pitt no que se establecía unha unión parlamentaria entre Gran Bretaña e Irlanda e que constituía unha resposta política os alzamentos independentistas e republicanos de 1798, que contaran coa axuda de Francia, cuxo continxente desembarcado en Killala foi rapidamente capturado e a revolta estendeuse. Tralo fracaso da revolta o movemento pola independencia e a emancipación dos católicos volveu a cobrar auxe cara ao 1815 baixo o liderado de Daniel O'Connell. Este contribuíu eficazmente dende o parlamento, na consecución da emancipación do católicos do 1829, aínda que tódolos seus intentos de consegui-la revogación da Acta de Unión non foron frutíferos.
Arabia
- Saúd o Grande, soberano wahhabí de Dariyya que se mantería no poder ata 1814. Introduce a doutrina de Abd al Wahhab (que comenzara a aparecer o redor de 1740) en Arabia, onde destruirá as tumbas dos fundadores do islam. Pero será expulsado do país por Muhammad Alí (segundo outros autores Mehmet Alí). O seu fillo Abd Allah, (que reinaría do 1814 ó 1819), será executado pola rebeldía. E os seus sobriños Turki e Faisal restaurarán o poder saudita en Riad. Pero a dinastía será suplantada no ano 1902 pola familia vasala de Ibn Rashid.
Francia
- O 28 de marzo (7 xerminal do ano XI, no calendario republicano francés), a Banca de Francia obtén o "privilexio exclusivo da emisión de papel moeda (billetes)".
- No maio prodúcese unha rebelión dos chuanes, que así eran denominados os labradores realistas das rexións do Maine, Bretaña e Normandía. Tamén o 17 de maio, Napoleón Bonaparte rompe a Paz de Amiens (que fora aprobada o 27 de marzo do ano anterior) e inicia novas guerras.
Haití
- O xeneral Jean-Jacques Dessalines, que fora xefe dos escravos haitianos, logra liberar a illa de A Española (que noutrora se chamara a Española, e noutros tempos tamén se chamaría Saint-Domingue) da ocupación francesa, e que recupera o seu antigo nome indíxena de Haití. A guerra deixou a terra en cinzas; aínda que Haití será independente, non se recuperará nunca a perda das plantacións da poderosa industria do azucre cimentada sobre o traballo escravo, que xa florece en Cuba. Mentres Haití nace libre, morre na prisión dun castelo de Francia o xeneral Toussaint Louverture; escravo que desempeñara o oficio de cocheiro nunha plantación, logo combatera os colonos franceses e chegou a converterse nun líder da insurrección negra que estalara no ano 1791. No 1794 pactou con Francia, despois de que fora decretada a manipulación de escravos, e no 1795 fixo aplica-lo tratado de Basilea, polo que a illa enteira pasaba a dominio francés. Firmou así mesmo un tratado cos países de Inglaterra e os Estados Unidos, que Francia aceptou. Pero no ano 1801 Bonaparte decidía restablece-lo antigo orde e enviaba 20 000 soldados o mando do seu cuñado (o xeneral Leclerc). Toussaint, derrotado no Barranco das Cobras, detido e trasladado a Francia. Pero a guerrillas negras escarallan os franceses, sen respecta-lo xeneral Leclerc que no ano 1803 acaban índose. A independencia deste país non será recoñecida oficialmente ata o ano 1804. Haití constituirá deste modo un caso afastado dunha república negra emancipada nas colonias de América e permanecerá illada dos movementos e tendencias do século XIX.
Gran Bretaña
- O inglés Johnn Dalton (nado no ano 1766, finado no ano 1844) propón unha teoría atómica da materia na que postula que tódolos elementos e compostos están formados por átomos e moléculas.
- O 26 de xullo entra en servizo, entre as localidades de Wandsworth e Croydon, a primeira vía de ferrocarril público. A concesión, aprobada polo parlamento remontábase a 1801. Os viaxantes teñen que poñer os seus propios cabalos e vehículos.
Italia
- O 8 de outubro, morre na cidade de Florencia, o escritor Vittorio Alfieri. Vittorio nacera na vila de Asti no 1749 e foi autor de numerosas traxedias, nas que, como moitos outros autores románticos da Italia da época, tratou de cuestións políticas modernas con traxe antigo. As súas traxedias falan de conflitos que padecen os seus apaixonados personaxes e, na que se expresan ideas republicanas liberais. O autor sentía un profundo malestar pola situación política e artística que reinaba no país, polo que defendía a liberdade do individuo e o pobo baseada nos valores éticos. As comedias son máis sinxelas en tódolos sentidos que as traxedias e nelas apunta aínda máis, se cabe, a tendencia política xa que resultan pobres en inventiva e a comicidade non ten niveis aceptables. Máis interese ten a súa autobiografía, escrita en tons inxenuos e que foi, basicamente, o único a que se adicou nos derradeiros anos, nos que caeu en estado de depresión de signo melancólico. Se ven se lle asignan algunhas traducións dos clásicos, sendo notable as de Salustino. As súas obras corresponden, polo tanto, a un crecente despertar da conciencia nacional. Os problemas de Italia son o dominio estranxeiro que dende fai moito tempo exercen os franceses e os austríacos, a desunión afecta a tódolos pequenos estados. Os poetas italianos loitan entón pola liberdade, a unidade e os seus obxectivos son máis ben políticos que literarios.
Estados Unidos
- No 30 de abril prodúcese a compra de Luisiana polos Estados Unidos. Vendida, por 80 millóns de francos, por Bonaparte, o primeiro cónsul, que a considera indefendible contra os ingleses. Con iso pasa a se o 18.º Estado, escravista, da Unión do ano 1812.
1804
- Artigo principal: 1804.
Alemaña
- Na cidade de Viena, o compositor alemán Ludwig van Beethoven anula a súa dedicatoria da Terceira Sinfonía (bautizada co nome de "Heroica") a Napoleón, ao ter noticia da proclamación de Napoleón como emperador, e cambia a dedicatoria pola frase de: "Na memoria dun gran home". Os seus motivos son estes: "Non é máis que un home como os demais! A partir de agora esmagará todos os dereitos humanos... e converterase nun tirano".
- O farmacéutico Friedrich Wihelm Sertürner descobre a morfina, principal alcaloide do opio que será empregado no seguintes anos na maioría das aplicacións terapéuticas.
- O 17 de marzo na cidade de Weimar, o poeta e dramaturgo Friedrich von Schiller estrea a súa obra "Guillerme Tell". O drama (de 5 actos) esta inspirado na "Crónica suíza" de Tschudi. O autor xa levara anteriormente a escena o conflito entre o home e a sociedade (coa estrea do drama "María Estuardo" en 1801), e a loita pola independencia da nación (coa obra "A Doncela de Orleans" en 1802). Na contra, Guillerme Tell é un heroe a quen a súa paixón pola liberdade o leva a realizar as máis grandes fazañas. A conxura dos cantóns suízos e o cínico desafío do maxistrado Gesller, que acusa a Guillerme de rebelión e ordena que atravese cunha frecha a maza colocada por enriba da cabeza do seu fillo, confiren á obra un alento que se espalla co escenario de lagos e montañas. Guillerme Tell será a derradeira obra de Schiller, xa que morrerá en 1805, deixando unhas vinte pezas por concluír. Friedrich von Schiller nacera en Marbach o 10 de novembro do ano 1759. Fillo dun militar, a educación fixo del un home de cultura universal. Co traslado do seu proxenitor a Ludwigsburg, en cuxa academia ingresou Schiller sendo aínda novo. En 1787 marchou a Weimar, onde mantivo amizade con Herder e Goethe, á vez que comezaba as súas investigacións sobre a historia; das cales sairía "Guerra europea de XXX anos". En 1790 inicia estudos sobre Kant e catro anos máis tarde afianza a súa amizade con Goethe, con que publica en 1797 "Xenias". Cofundador na súa xuventude do movemento prerromántico do "Sturm und Drang", toma conciencia a partir do seu coñecemento sobre Kant dos problemas morais do home en relación á sociedade. Con iso convértese nun epónimo do clasicismo alemán; a súa obra poética plásmase en baladas, cantos cunha sinxeleza e grande profundidade ética, e himnos. Entre os temas maxestosos, o máis coñecido é "Canto da campá", que foi incorporado por Beethoven como "Himno da alegría" no derradeiro movemento da súa Novena sinfonía.
Reino Unido
- O británico Richard Trevithink (ou Trevithick) constrúe unha nova locomotora de vapor capaz de alcanza-los 8 Km/h, que instala no País de Gales. Trevithink, que xa tivera experiencias deste tipo nos anos 1800 e 1801, decídese por unha nova máquina de vapor que bautiza co nome de "Penydaran". É a primeira que está preparada para circular sobre raís. A máquina foi adquirida polas fundicións Pen & Darren.
- William Pitt (o Novo) volve ao poder o 10 de maio e mantense ata o 23 de xaneiro de 1806. Formarase, xunto con Austria e Rusia, a terceira coalición, rota por Napoleón grazas á súa vitoria en Austerlitz no ano 1805 e a paz de Presburgo (o 26 de decembro de 1805). A pesar da vitoria naval de Trafalgar (no ano 1805), deixará á súa morte, con 45 anos, unha Inglaterra illada e en crise, mentres Francia será señora da metade de Europa.
Sudán
- Osman dan Fodio, caudillo da tribo dos fulbé (asentada no curso central do Níxer) proclámase xefe dos crentes islámicos e conquista coas súas tropas grandes partes de Nixeria e do Camerún. O xefe peúl dan Fodio era predicador e místico. Ao se proclamar comendador dos crentes, conquistará os Estados hausas (Nixeria), feito que acabará fundando o Imperio Peúl de Sokoto, Estado teocrático cuxos soberanos consideran os seus territorios infieis como reservas de escravos. Este imperio pasará a ser un protectorado británico no ano 1885.
Francia
- A principal preocupación que ten nestes días o ambicioso Napoleón Bonaparte, cónsul da República francesa, é invadir e conquistar Gran Bretaña, para o cal impulsa os máis diversos proxectos no campo da investigación militar. Inexpugnable polo mar a súa poderosa armada, Gran Bretaña é o bastión máis sólido, polo momento, da resistencia europea aos afáns hexemónicos de Bonaparte. Para rematar dunha vez con estes insulares o cónsul intenta crear unha frota aérea de globos aerostáticos que, a pesar do entusiasmo inicial que produce, se disolve no ano 1802, e o proxecto da invasión por aire é arquivado.
- O cociñeiro francés Charles Nicolas Appert fai público o seu procedemento para a conservación de alimentos inventado por el mesmo no ano 1795, tras diversas experiencias, todas elas dun xeito ou doutro favorables. Appert publica neste ano o procedemento e, con el, adícase á venda de leite, froita, legumes e extractos vexetais.
- O 15 de febreiro efectúase o descubrimento dunha conspiración contra o primeiro cónsul. Durante as investigacións, efectúase a detención de varios xenerais e a execución do monárquico Georges Cadoudal.
- O 21 de marzo (10 xerminal do ano XII, segundo o calendario francés da Revolución) reúnese na cidade de París, tras catro anos, unha comisión de catro xuristas do antigo réxime, en cuxas reunións intervén Napoleón para resolve-los puntos xurídicos de fricción, coroando a obra de dotar a Francia dunha nova lei civil en forma de código (unha lei articulada por materias, sen que se transluza a procedencia das normas). Este tipo de asembleas xa se viñan reunindo dende o 5 de outubro de 1790. Non hai dúbida de que isto revolucionará a actual técnica xurídica en Europa, onde predomina a representación das leis por medios de recompilacións, como é no momento actual no caso de España. O Código Civil (que se coñecería o 3 de agosto de 1807 co nome de "Código de Napoleón", pero que quedaría parte invalidado no ano 1816), contén todas aquelas normas de dereito romano compatibles cos froitos da revolución e coa burguesía que apoia o primeiro cónsul. Fixa a igualdade ante a lei, o dereito sagrado á propiedade, a desaparición dos gremios, a separación da Igrexa e o Estado e mais a abolición dos privilexios nobiliarios. Con isto elimínanse as estruturas da sociedade feudal anterior. Establécese o casamento civil obrigatorio, tras o que se fará ou non pola Igrexa. O dereito da familia é menos progresista, pois a muller solteira queda suxeita ao pai e a casada ao home, dos que necesita autorización para obrigarse, e a filiación debe ser lexítima para ser recoñecida na súa plenitude. Nos países que aínda teñen que aborda-la codificación, xa se basee no dereito romano ou xa no xermánico, este código acharase nos propósitos do lexislador.
- O 23 de marzo na cidade de Vincennes, Louis Henri de Condé, duque d'Enghien, é executado por orde de Napoléon. O duque de Enghien é o derradeiro representante da familia Condé, e era o candidato dos realistas franceses para face-la restauración dos Borbóns en Francia. Emigrado en 1789, loita nos exércitos contrarrevolucionarios ata a súa detención en Ettenheim (cerca de Estrasburgo), e é trasladado a Vincennes, onde se xulga sumarisimamente.
- O 18 de maio (28 de floreal do ano XI, segundo o calendario revolucionario francés) proclámase en Saint Cloud o Imperio, a cuxo home importante se lle dá o título de emperador. O 2 de decembro na cidade de París, nunha solemne cerimonia celebrada na catedral de Notre Dame, o ata de agora primeiro cónsul francés, Napoleón Bonaparte, con 35 anos é coroado emperador polo papa Pío VII. Cúmprese así unha tradición na que un papa debía de impoñe-la coroa a unha persoa merecedora dun reino. Napoleón, cumprindo coa tradición, pero desexando relegar o papa a un humillante segundo plano, toma a coroa coas súas mans e a coloca el mesmo. Aínda que a bendición da igrexa é imprescindible para facer un poder lexítimo, Napoleón quere mantela como un peón dos seus designios xeopolíticos. Pouco antes de ser coroado emperador, a policía francesa descubriu un complot tramado polos británicos e os realistas para secuestrar e asasinar a Napoleón. O home forte de Francia elixe o título de emperador para marca-las distancias coa tradición dos reis borbónicos, e porque ve no seu país o sucesor e continuador do Imperio universal de Carlomagno. Logo de coroado emperador, Napoleón prosegue a súa enérxica política para modernizar Francia. Trala creación do código napoleónico, funda a universidade e, mediante decretos reais, apoia a industria e impulsa a realización de grandes obras públicas, entre elas a urbanización de París. Para adecua-la actividade artística os intereses do Imperio, pon ao servizo do Estado escritores como Chateaubriand e madame Staël e pintores como David. O agora coñecido como Napoleón I retoma algunhas institucións do Antigo Réxime: aos membros da súa familia e colaboradores que mellor mostraron a súa lealdade, dálles títulos principescos que levan consigo beneficiosas rendas. Arredor do emperador formouse unha nova nobreza imperial, aínda que despoxada de privilexios das que gozaba a antiga aristocracia, polo que pasa a depender completamente da benevolencia do emperador Napoleón I.
- O 16 de setembro Gay-Lussac establece o récord de altitude en 7.016 m, nunha ascensión en globo que realiza para avaliar as eventuais modificacións presentes na composición do aire.
Europa do Norte
- O 25 de maio o rei de Prusia, Frederico Guillerme III concerta co tsar de Rusia, Alexandre I unha alianza dirixía contra Francia.
- O 6 de novembro o tsar ruso, Alexandre I e o emperador de Austria, Francisco I (segundo outros historiadores; Francisco II), acordan proceder contra Francia.
Austria
- O 11 de agosto o emperador romanoxermánico Francisco II sobe á categoría de Imperio os territorios herdados austríacos, e adopta o título de emperador de Austria.
Estados Unidos
- O 6 de febreiro Joseph Priestley (que nacera o 13 de marzo de 1733 en Fieldhead, Yorkshire), investigador da natureza, filósofo e teólogo, descubridor do amoníaco, o monóxido de carbono e do osíxeno, morre en Northumberland, Pensilvania.
- O 12 de xullo Alexander Hamilton (nado na illa de Nevis, correspondente ás Pequenas Antillas, o 11 de xaneiro de 1755), político americano, dirixente do partido federalista ata 1799, primeiro ministro do Tesouro en 1789 ata o 1795, morre en Nova York por causa das feridas que sufrira o día anterior en duelo co seu opoñente político, o vicepresidente Aaron Burr. Hamilton impedira en abril que Burr fose elixido gobernador de Nova York.
Europa do Leste
- En febreiro, na rexión de Serbia, un rico criador de porcos chamado Karagjorgje, de 38 anos, ponse ao mando da insurrección serbia contra os turcos. Apoderarase da cidade de Belgrado en 1806. Coa presenza rusa será aclamado príncipe dos serbios en decembro de 1808. Abandonado polos rusos en 1813, verase na obriga de emigrar a Austria. No seu posto é substituído por Milos Obrenovich, que o mandará asasinar a súa volta en 1817, dando comezo a unha inimizade secular entre as dúas familias.
Haití
- O 1 de xaneiro volvese a proclama-la independencia de novo en Haití polo xeneral negro Jean-Jacques Dessalines. Dessalines, que se nomea emperador baixo o nome de Xacobe I, é asasinado no 1806. Henri Christophe, chamado Henrique I, sucederao no trono en 1811 ata 1820.
Rusia
1805
- Artigo principal: 1805.
España
- A industria e o comercio téxtil catalán sofren un profunda crise causa pola guerra co Reino Unido, o non poder abastece-la demanda regular americana. As manufacturas británicas acaban impoñéndose nas Indias, polo que os produtores españois non poden competir en prezos cos británicos, que logran menores custos de produción.
- Na cidade de Madrid aprobouse oficialmente unha nova compilación do dereito castelán e dos asuntos acordados polo Consello de Castela, reunida por Juan de la Reguera Valdelomar. Nun principio pensouse nunha posta o día da Nova Recompilación, na liña do suplemento aprobado por Lardizánal (no ano 1786). Pero Juan de la Reguera presentou a refundición total das leis á que se lle deu carácter oficial. Trala aprobación o ano anterior do Código Civil napoleónico, a Novísima Recompilación de Leis efectuada non deixa de parecer unha antigüidade e terá críticas polos seus inevitables defectos (leis non incluídas pero que se aplicaban na época, outras derrogadas sen acordo de formalización e leis repetidas). Por iso parece que se perdeu a oportunidade de facer algo máis que unha simple compilación de leis e non chegar a adopta-la forma moderna do código, máxime cando nesta época se puido facer unha promulgación para toda España do dereito civil castelán sen demasiada contra. Por iso, sinálase que dun modo ou doutro a Novísima Recompilación de Leis de España non terá unha traxectoria sinxela. Á parte da técnica empregada, o aumento que está experimentando a lexislación facía necesaria unha posta ao día, pois algunhas disposicións son do Ordenamento de Alcalá e outras correspóndense ás citas das Partidas de Afonso X o Sabio.
- A agricultura española alcanza neste ano unha grande expansión, pero que é insuficiente para cubri-las necesidades dos seus habitantes correctamente. Os aumentos foron logrados grazas aos cambios introducidos na agricultura (melloras técnicas e xeneralización do cultivo de novas especies de plantas como o millo e a pataca), dan novas posibilidades de subsistencia; porén, o crecemento progresivo da poboación tende a compensar e ata anular estas novas posibilidades. Bo exemplo atópase en Guipúscoa, onde a agricultura alcanza o seu máximo crecemento a principios de 1805, pero, segundo as afirmacións de Vargas Ponce, "como fecunda nai dos homes, produce maior número dos que é posible alimentar".
- O escritor Leandro Fernández de Moratín acaba de estrear a súa obra mestra, a comedia El sí de las niñas.
- O prezo dalgúns produtos de primeira necesidade (trigo, cebada, aceite etc.) sofren nas rexións do interior un encarecemento de ata un 320 % con relación ao ano 1800. Nalgunhas zonas, coma Estremadura, unha fanega de millo que no 1800 valía 39 reais, no 1805 vale 164. Xa non é só que estes produtos cheguen escasos ao mercado, como consecuencia do crecemento da poboación que fai quedar unha maior parte da produción no propio campo, senón que este aumento de prezos tamén incide na pésima rede de comunicacións que conta España ata o momento. Mentres que nas zonas da periferia, nos anos en que a produción propia pasa por un mal momento de colleitas nada boas, tense que acudir ás importacións de gran, nas terras do interior, pola contra, a falla de infraestrutura adecuada, xunto coa presenza de acaparadores, non permite este comercio.
- O escritor español Manuel José Quintana publica o seu drama Pelayo e a súa oda Al combate de Trafalgar, obras nas que, xunto á influencia da ilustración do dezaoito, vese aínda unha preferencia polos aspectos neoclásicos, aínda que a súa temática obedece xa máis a cousas humanitarias e políticas, na consonancia coa xeración romántica posterior.
- O 4 de xaneiro España e Francia ratifican o acordo de axuda militar e naval firmado por ambas as nacións, para a invasión do Reino Unido. Ata a data, as presións de Napoleón para que España declare a guerra o Reino Unido foron resultando infrutuosas, a pesar das constantes provocacións británicas. O ataque a catro fragatas españolas xunto co apresamento de tres das mesmas fronte ás costas portuguesas (nas proximidades do Cabo de Santa María) e outras accións similares, obrigan o goberno español a pedir explicacións satisfactorias ao goberno británico. Como non se obtén resposta no decembro de 1804, acábase declarando a guerra, previo manifesto no que se expón a decisión, seguido dunha proclama patriótica firmada por Godoy. Ratificada a alianza franco-española, Napoleón espera poder destruír o poderío naval británico grazas á axuda española, e conseguir deste modo o dominio dos mares.
- O 28 de maio morre en Madrid o compositor e violoncellista italiano Luigi Boccherini (nado o 19 de febreiro de 1743 en Lucca).
- O 22 de xullo a frota franco-española dirixida polo francés Villeneuve e mailo español Gravina, é vencida pola británica no Cabo Fisterra. Unha vez rematada a alianza franco-española, Napoleón ordena conducir a escuadra cara ás Antillas coa finalidade de obrigar os británicos a despraza-la súa propia escuadra a aquelas augas. Desta forma podería dirixirse logo, cun movemento envolvente, un ataque ao Reino Unido. Pero o plan falla pola indecisión do almirante Villeneuve e pola mobilidade da frota británica, o que permite a esta pillar a franco-española na súa viaxe de volta (cando intentaba desbloquea-los portos de Ferrol e de Brest onde estaba paralizada parte da frota francesa), para posteriormente proceder á invasión do Reino Unido, xunto coas tropas que xa estaban preparadas no campamento de Boulogne. Non obstante a escuadra británica ataca a costa galega. Tras un encontro breve, logran apoderarse de dúas naos españolas e obrigan o resto a refuxiarse no porto de Vigo; vese así frustrada a pretendida invasión.
- O 21 de outubro a frota británica vence unha escuadra franco-española fronte o Cabo Trafalgar (entre Cádiz e Tarifa). O almirante británico Horatio Nelson morre a bordo do buque insignia "Victory" coma consecuencia das feridas de combate. É un día negro para a mariña (nunha parte a inglesa, pola morte de Nelson; e por outra a española, pola morte dos almirantes Gravina, Alcedo, Churruca e Alcalá Galiano, e a propia perda da frota). Todos os esforzos de Godoy para poder dotar a España dunha poderosa mariña de guerra, víronse malogrados grazas á alianza cos franceses. Para Francia a derrota ten o significado de non poder invadi-lo Reino Unido, e a implantación definitiva do bloqueo continental, pero aínda que se pode loitar por terra. A Batalla de Trafalgar iníciase ao mediodía; por un lado, a frota franco-española (dirixida polo francés Villeneuve) que contaba cun total de 33 naos (18 franceses e 15 españolas). No outro os británicos con 27 naos, pero de mellor trazado e con dotacións máis preparadas. Desde o principio está todo mal formulado. Villeneuve decide saír de Cádiz, onde está refuxiada a súa frota, facendo caso omiso dos consellos dos almirantes españois, conscientes da súa forza inferior. A pesar de todo a saída faise. As noticias de que vai cara a Cádiz o seu substituto á fronte da frota (xa que Napoleón estaba farto da súa inactividade) póñeno en marcha. A súa forma de presentarse a batalla tampouco é a ideal. Nelson ataca polo centro e a retagarda, e logra unha rápida desarboladura da frota inimiga, que fai unhas inadecuadas manobras de xiro. Nun primeiro choque, o "Royal Soverign", buque de Collingwood, e o Santa Ana, de Áraba, quedan case sen goberno. Collingwood é quen asume o mando da frota británica trala morte de Nelson. No momento transcendental da batalla, o francés Dumanoir decide darse a fuxida, con catro naves, o que acaba desencadeando o desastre. O "Bucentaure", de Villeneuve e o "Santísima Trindade" do xeneral Cisneros, teñen que se renderen; polo que o desastre é completo. Só quedan a salvo 5 naos españolas e non precisamente intactas. A maioría das naos apresadas polos británicos acaban destruídas por unha tormenta, que se desata pouco despois da batalla. As baixas son cuantiosas, a frota franco-española perde uns 2800 homes (máis de 1000 deles eran españois), fronte aos pouco máis de 400 británicos. Todo iso sen contar os que morrerán nos hospitais e nos naufraxios seguintes o combate. A vitoria naval británica en Trafalgar (no curso da terceira guerra de coalición), froito do valor e a intuición táctica de Nelson, supón para o Reino Unido o dominio dos océanos, namentres que a mariña española queda declinada completamente. Xa no 1801, grazas á paz de Amiens ponse fin ao derradeiro conflito co Reino Unido, pero a paz é inestable; os británicos seguen realizando accións contra o comercio naval. Isto, sumado a unha serie de crises de subsistencias de extrema gravidade entre os anos 1803/04, fai inevitable para España a aliñación de novo con Francia na guerra contra o Reino Unido. O que non lograron as presións de Napoleón sobre o goberno español, a esixencias e as ameazas, o logran agora unha serie de ataques británicos a fragatas e buques españois. O 4 de xaneiro de 1805 fírmase unha alianza entre España e Francia. Francia necesita o poderío naval español para poder facer fronte aos británicos. O plan pretende atrae-la frota británica desde o Mediterráneo ata as Antillas, para logo, nunha rápida acción, dirixirse ao Reino Unido e atacalo. Pero a indecisión de Villeneuve falla nos plans de Napoleón. A súa volta é case simultánea á da frota británica e tras ser atacado fronte ao Cabo Fisterra e, tras unha breve escalada no porto de Vigo, acaba refuxiándose en Cádiz (coa frota británica bloqueándolle o paso). Agora, España, como sempre foi aliada nos derradeiros tempos a Francia, sae perdendo. Sen frota, cunha situación económica frouxa que lle fai depender de Francia, é obvio que xa non hai a España imperial, e que dificilmente volverá habela. Por outra, ao verse privada de toda a súa frota, España terá dificultades de comunicación co seu imperio suramericano, onde se fraguarán os plans da independencia.
Venezuela
- Francisco de Miranda obtén o apoio económico do primeiro ministro británico William Pitt, o Novo, para emprende-la independencia da súa terra natal (Venezuela). Pouco despois (no mes de novembro), Miranda visita os Estados Unidos e consegue do presidente Jefferson a concesión de vantaxe para a súa expedición, que se iniciará no febreiro de 1806.
Alemaña
- O 7 de abril preséntase por primeira vez na cidade de Viena ao público, no Theater an der Wien a Sinfonía nº 3 (cuxo nome orixinal en italiano era a "Eroica"), composta entre maio e outubro de 1803 e executada por primeira vez para o príncipe Lobkowitz no verán de 1804. Admirador de Napoleón Bonaparte, o compositor (Beethoven) escribiu o nome no título primitivo da obra, perante a decepción que lle supuxo a proclamación de Napoleón coma emperador, tachou furioso a dedicatoria e cambiouna polo título definitivo (Sinfonía Heroica). A obra resalta o valor ético da acción humana e, grazas ao seu primeiro movemento, é unha afirmación única da capacidade discursiva da música. Mostra así mesmo o cambio que se produce co romanticismo na condición do compositor e artista en xeral.
- Tamén na cidade de Viena, no transcurso do 9 de agosto, Austria decide adherise á coalición antifrancesa.
- O 10 de decembro polos acordos de Brünn, os electores de Baden, Baviera e Württemberg son elevados á categoría de reis.
- Un 27 de decembro na cidade de Viena, Napoleón publica un decreto polo que declara que Fernando IV, rei das dúas Sicilias deixou de reinar. Outro decreto que será publicado o 30 de marzo de 1806 outorga a Xosé Bonaparte, o primoxénito do seus irmáns, o reino de Nápoles e o de Sicilia, onde reinará cunha realidade ficticia, xa que Fernando IV se refuxia nesta illa baixo a protección dun exército inglés.
Brasil
- O escultor e arquitecto brasileiro Antonio Francisco Lisboa, coñecido co alcume de Aleijadinho (nado en Lisiadito, ao carón da cidade de Ouro Preto o 1730[1] e finado no ano 1814), remata as esculturas destinadas á terraza da igrexa do Bom Jesús de Matosinhos, en Congonhas do Campo, na provincia de Minas Xerais. Nesta igrexa reelaborou xenialmente o modelo da escultura portuguesa contemporánea. As figuras dos doce profetas teñen un especial valor, están dispostas escenograficamente ao longo da escalinata que vai cara á igrexa. Lisboa foi o máximo expoñente da arquitectura portugués-brasileira que retoma o decorativismo con tendencias ao barroco europeo. Unha enfermidade deformante causoulle a perda das dedas e unha parte das mans. Non obstante, o seu entusiasmo non lle fixo deixa-lo traballo e Francisco Lisboa ideou un sistema que lle permitiu atarse os instrumentos aos pulsos. Como tallista viviu a transición do barroco o rococó, e adoptou este como propio, mostrando unha habilidade moi característica nos aderezos irregulares o gusto francés. Nos muros da San Francisco de Ouro Preto vese un colorido que corre parello co lirismo bávaro. Na súa faceta de escultor creou unha auténtica escola e nas obras saídas do seu taller poden apreciarse as mans de varios artistas, xa que Lisboa se reservaba para a confección de certas obras e o remate final doutras.
China
- A volta do pensamento ortodoxo a China e o seu repregue sobre si mesmo levan a unha ruptura das relacións con Occidente e o peche das súas fronteiras as ideas occidentais. A anterior benevolencia cara aos misioneiros xesuítas occidentais, que non só logran introduci-lo cristianismo, senón que son moi apreciados na corte imperial polos seus coñecementos científicos, técnicos e artísticos, queda substituída pola intolerancia, que remata na expulsión destes, e o resto dos occidentais.
India
- A segunda guerra contra os mahrattas (iniciada no 1803 e que non remataría ata ben entrado o 1805), sostida pola Compañía Británica das Indias Orientais baixo o mando supremo de Arthur Wellesley (que máis tarde será o duque de Wellington), supón para os británicos a conquista de Delhi na súa totalidade xa que os diferentes soberanos mahrattas, inimizados entre eles, son derrotados consecutivamente. Certas derrotas sufridas a finais da guerra dan lugar ao cesamento de Wellesley, e a cuestión dos mahrattas non é resolta no sentido desexado por Gran Bretaña ao concerta-la paz (o que dará lugar a unha terceira guerra que comezará no 1807). Wellesley, que tiña o cargo de gobernador xeral (desde 1798 ata o 1805), logrou que a India británica se estendese por Bengala, o val do Ganxes, e a maior parte da costa oriental, polo oeste do Decán. Trala guerra a Compañía das Indias estivo ao bordo da quebra, pero foi salvada pola obra unificadora seguida dun beneficio británico.
Francia
- O inventor e industrial francés das fiandeiras Joseph Marie Jacquard (que nacera en Lión no 1752), perfecciona o sistema de teares para producir teas policromadas. O invento de Jacquard (unha máquina automática cun dispositivo de cartóns perforados para determina-la execución do debuxo), recibe o apoio do goberno imperial de Napoleón, e nos poucos anos alcanza unha produción de máis de 10 000 unidades (12 000 no ano 1812 e 20 000 no ano 1833). Por outras os obreiros da fiandeiras non se amosan de acordo co método do novo sistema, xa que supón a eliminación dun gran número de postos de traballo. As actividades de protesta dos gremios das fiaduras (hoxe téxtil) desembocan, a miúdo, en accións de violencia; Jacquard fina con 82 anos (cando corría o ano 1834, rico e famoso.
- O 26 de decembro recíbese na cidade de París o tratado de paz asinado en Presburgo entre Francia e Austria que puñan fin á terceira guerra de coalición, cun saldo moi favorable a Napoleón. A pesar do desastre sufrido pola armada franco-española ante a escuadra británica do almirante Nelson na Batalla de Trafalgar, os exércitos franceses conseguen esmagar as tropas de Austria e Rusia en Austerlitz (o 2 de decembro de 1805). A vitoria das tropas napoleónicas na chamada "batalla dos Tres Emperadores" determina que Austria se vexa na obriga de facer importantes concesións na paz de Presburgo. Estas consisten en ceder Venecia, Istria e Dalmacia ó reino de Italia. Ó mesmo tempo, os austríacos teñen que recoñece-lo emperador francés como rei de Italia e desprenderse de Tirol, Vorarlberg, Lindau e Brisgovia en favor dos principados de Baviera, Baden e Württemberg. A paz de Presburgo converte a Austria nunha potencia de segundo nivel e pon fin á súa influencia no sur de Alemaña e Europa meridional, mentres os exércitos de Napoleón pasan a se-lo principal factor do poder do continente, con só Gran Bretaña aínda inaccesible.
- Un 31 de decembro (10 nivoso do ano XIV, segundo o calendario republicano de Francia) abandónase o calendario republicano francés, imposto o 24 de decembro de 1793 (ou 22 de setembro de 1792, segundo outros historiadores) e xa caído case no desuso entre os franceses. Iso valeu que se restablecese o uso do calendario gregoriano.
Exipto
- Trala retirada de Napoleón e as súas tropas francesas no ano 1801, e dos británicos no 1803, Muhammad (tamén coñecido como Mohamed, ou Mehmet) Alí, con 36 anos consegue apoderarse do goberno de Exipto. Facéndose recoñecer pola Sublime Porta de Constantinopla coma emperador otomán (baixo o alcume de "baxá"); o vicerrei estará no poder ata 1848. De orixe albanesa, Alí faise co poder e, unha vez conseguido o recoñecemento do sultán otomán, enferma. A enfermidade obrigaralle a abdicar, polo que a súa descendencia estará no poder ata 1952.
Italia
- A rexión de Piemonte pasa a poder de Francia, Napoleón para asegurarse da mesma, nomea o seu irmán Lois Bonaparte, coma gobernador da mesma. Entre o 17 e o 18 de marzo o emperador francés, Napoleón I convérteo en soberano do novo reino de Italia que el mesmo acaba de instaurar. Napoleón nomea vicerrei a Eugène de Beauharnais (fillo do primeiro casamento coa emperatriz Xosefina) que se fai cargo do goberno. Xa no 1802 era coñecido co a "República italiana" e tiña a súa sede na cidade de Milán; pero ao se converter Napoleón como rei, a república desaparece. Eugène, pola súa contra estará no poder ata 1814, data na que Italia volve de novo a formarse como república. O 26 de maio deste mesmo ano, Napoleón recibe a coroa de ferro dos lombardos.
Moravia
- Un 2 de decembro os exércitos da terceira coalición antifrancesa son derrotados polas tropas de Napoleón na Batalla de Austerlitz (tamén coñecida co nome da "Batalla dos Tres Emperadores"). A vitoria permite ao emperador apoderarse do Véneto, Tirol, Trentino, Istria e Dalmacia, o mesmo tempo fai camiño para unha reorganización dos estados alemáns. Trala vitoria de Austerlitz, Francia atópase na cabeza dun grande imperio, rodeada por estados cuxos monarcas son da familia ou aliados do emperador. A terceira coalición estaba formada por Gran Bretaña, Rusia e Austria; o tsar Alexandre I e o emperador austríaco Francisco II puideron ver cos seus propios ollos o desenvolvemento previo á batalla, que convertería a Francia na primeira potencia mundial. Xa o 20 de outubro a cabalaría napoleónica capturara en Ulm a metade das forzas austríacas mediante unha audaz manobra. Napoleón ocupou Viena e lanzou o groso do seu exército cara a Moravia, onde acababan de xuntarse as tropas de Austria e Rusia. Alí o franceses conseguiron dividir en dous os efectivos inimigos para esmagalos, causándolles unhas 27 000 baixas. Austria pide un armisticio as escasas tropas de Alexandre I retíranse cara a Polonia.
Europa
- Nos Países Baixos, Napoleón fai modifica-las institucións da República bátava (xa constituídas dende 1795) o cal transforma o goberno de Schimmelpenninck, coma un bo administrador. O 11 de abril durante a convención de San Petersburgo (Rusia), Gran Bretaña e Rusia reafirman a súa intención de establecer unha coalición europea contra Francia. Xa en Europa, entre xullo e agosto fórmase a terceira coalición contra o Imperio francés (están nela Inglaterra -que racha a paz de Amiens de 1802-; Austria -que racha a paz de Luneville de 1801-; Rusia, Suecia e Nápoles). O 25 de agosto Napoleón alíase a Baviera. Posteriormente fai o mesmo con Baden (o 5 de setembro) e Württemberg (o 5 de outubro). O 8 de setembro Austria invade Baviera, co que dá comezo a terceira guerra de coalición. As tropas austríacas avanzan ata Ulm, onde son derrotadas polos franceses o 8 de outubro. Tamén o 21 de outubro o almirante Nelson morre en combate mentres a súa frota destrúe a frota franco-española. Co 15 de decembro baixo as presións de Napoleón I, o rei Federico Guillerme III de Prusia renuncia á súa neutralidade e firma un pacto con Francia. O 26 de decembro coa paz de Presburgo, entre Francia e Austria remata a terceira guerra de coalición.
1806
- Artigo principal: 1806.
Reino Unido
- O almirante e meteorólogo irlandés Francis Beaufort (nado no ano 1774 e finado 1857) crea e pon a punto unha escala graduada para medir a velocidade do vento. A escala proposta por Beaufort está divida por 12 graos (aínda que algún autor propón 13 - de se contar co grao "0"-) que abranguen a velocidade do vento dende "0 km/h para a calma" ata "118 km/h para o furacán". A escala pronto comezou a utilizarse universalmente.
- O 23 de xaneiro o político británico William Pitt, o Novo, primeiro ministro dende 1783 ata 1801 e dende 1804 ata a súa morte, falece en Londres con 46 anos de idade. Parlamentario desde 1781 como "whig" independente, Pitt é nomeado primeiro ministro con 24 anos de idade, o feito veulle tras contribuír á caída da coalición ministerial Fox-North e polos seus argumentos enérxicos xunto aos habituais razoamentos como home de estado. Pitt toma o mando da política de Gran Bretaña durante as guerras da revolución francesa. Pola confianza que lle dá o rei acompañado dunha sólida maioría no Parlamento, dan lugar a que o poder político decisorio pase baixo el ás mans do primeiro ministro. Prontamente toma o mando dun grupo de políticos reformistas, e ocúpase de restablece-lo equilibrio nas finanzas conseguindo mellora-la situación económica do seu país trala perda na guerra de Independencia norteamericana.
- O 16 de maio o consello de ministros británico, dirixido polo Lord William Wyndham Grenville (antigo ministro de Asuntos Exteriores de Pitt), decreta o bloqueo dos portos europeos, dende Brest ata Hamburgo. O chamado "ministerio de tódolos talentos", formado á morte de William Pitt (o novo); e que agruparía os partidarios de Pitt, de Addington e de Fox (tan só se mantería no poder un ano, pero lograría suprimir a trata de escravos en 1807), non atopa outra forma para asegura-lo comercio e prevenilo contra un posible ataque francés que impoñerse por medio da súa poderosa mariña.
Venezuela
- No primeiro semestre deste ano, o xeneral Francisco de Miranda (que intentará en dúas ocasións, sen éxito, organiza-lo alzamento nas colonias venezolanas contra a dominación española) non ten posibilidade de facer fronte ao exército que avanza dende Caracas na súa procura. Miranda volve embarcar cara a Trindade con voluntarios que viñeran dende os Estados Unidos, onde preparara a expedición liberadora coa axuda do presidente Jefferson (quen buscou como aliado polo consello o primeiro ministro británico Pitt). Pitt estaba interesado en forzar aos Estados Unidos, xa comprometidos co tema de Miranda, en entrar na guerra contra Francia e España; porén, Pitt desbotaba o proxecto de crear unha América baixo o auspicio da coroa británica coma unha monarquía parlamentaria. Pero a entrada en escena dun universitario e militar, nado en Caracas no 1750, de nome Miranda, e que viaxara por España no 1771 servindo o exército peninsular ata 1780 no que foi enviado a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia estadounidense, mudou todo ao respecto. Pola súa contra, Miranda, que grazas aos seus contactos con Jefferson e Hamilton, dos que xurdiu o proxecto da independencia venezolana, volve a Europa, onde participa na revolución francesa obtendo o grao de mariscal. Encarcerado polos xacobinos, puido librarse da guillotina. Creou en Londres (onde coñeceu a Bolívar) a Gran Reunión Americana (unha loxa masónica que propugnaba, unha vez obtida a independencia, a unión de toda a América hispana).
- Francisco de Miranda intenta apoderarse de Venezuela, contaba para iso co apoio económico do Reino Unido e o visto e prace de Estados Unidos. Logo de saír en febreiro de Nova York con 200 unidades, tenta desembarcar en Ocumare (en abril, feito que resulta un fracaso). Pero vese na obriga de refuxiarse na Illa de Granada e, posteriormente (na Illa de Barbados) recibe a axuda do almirante Cochrane. Despois do intento de conquista de Coro, no que consegue ocupala dez días (en agosto), Miranda volve ao Reino Unido, onde se xuntará con Simón Bolívar nos preparativos independentistas.
Europa
- O 15 de febreiro fírmase o tratado de París, entre Francia e Prusia, polo que esta última nación vese na obriga de acepta-lo peche do seus portos ao comercio británico. A resposta británica non se fai esperar, coa declaración de guerra a Prusia, unha resposta na que se inclúe tamén a entrega de Hannover a Francia. En marzo, Nápoles terá como novo rei a Xosé Bonaparte, con 38 anos, que no ano 1808 abdicará sobre Joachim Murat para que lle suceda cando se traslade a reinar en España.
- O 16 de maio Inglaterra decreta o estado de bloqueo en tódolos portos dende Brest a Hamburgo. Napoleón, mediante o decreto de Berlín, prohibe toda relación coas illas Británicas o 21 de novembro. O bloqueo continental que non rematará ata 1811 trae consigo o endurecemento recíproco das medidas no 1807. As novas conquistas de Napoleón como resposta: Holanda, cidades hanseáticas (entre os anos 1810/11), Portugal, España e os Estados Pontificios. A situación británica é crítica, pero non chega a ser desesperada porque compensa polas relacións con América do Sur. A hostilidade xeral dos países europeos súplese con materias nos cultivos que substitúen os produtos coloniais: remolacha de azucre, liño, algodón.
- O 24 de xullo Prusia e Rusia firman un convenio antifrancés. A creación da Confederación do Rin, da que Prusia non forma parte, pero na que si se integraban territorios que se atopaban baixo a súa soberanía, constitúe motivo de carraxe para os prusianos. Ó mesmo tempo, Rusia firma con Francia a concesión do porto de Cattaro e Iliria.
- En outubro fórmase a cuarta coalición contra Francia. Integrada por Rusia, Prusia (a que se unirán os territorios de: Saxonia, Brunswick e Saxonia-Weimar), Inglaterra e Suecia. Napoleón derrotará os prusianos en Jena 14 de outubro quedándose para si Prusia oriental (tomada o 8 de febreiro de 1807, ata alcanza-la paz de Tilsit (firmada o 7 de xullo de 1807).
- O 27 de decembro Rusia recibe a declaración de guerra do Imperio Otomán, polo que dende Turquía comezarán a saír novas tropas o 30 de decembro. A guerra turco-rusa non rematará ata o ano 1812. A pesar das vitorias rusas en Silistria (no 1809) e en Rustchuk (no 1811), o Tratado de Bucarest (firmado entre as dúas potencias o 28 de maio de 1812) deixará en favor de Rusia a cesión de Besarabia.
Francia
- En Francia o físico, Charles de Coulomb (nado en Angoulème un 14 de xuño de 1736 e finado en París o 23 de agosto de 1806), enxeñeiro militar que construíu o forte Bourbon na Martinica. Pero deixou o exército e se adicou ás investigacións científicas, ocupándose do magnetismo, o roce e da electroestática. Nos seus estudos e experiencias descubriu a lei que lle fixo famoso (a lei de Coulomb); que indica as atraccións mutuas, de atracción ou repulsión, de dous corpúsculos eléctricos, cuxos valores son inversamente proporcionais aos cadrados das distancias que os separan. Tamén desenvolveu a teoría da electrificación superficial dos condutores. No 1789, tras facer estudos sobre a acción do campo magnético terrestre na que emprega unha agulla imantada, introduciu a noción do momento magnético. Tamén creou a teoría da polarización e foi nomeado membro do Instituto.
- Desde que Napoleón I Bonaparte fora coroado como emperador dos franceses (o 2 de decembro de 1804), eleva a toda súa familia á dignidade real poñendo sobre as súas cabezas as coroas dos estados dependentes de Francia; pouco importaba que eses estados tivesen outro idioma, outra tradición política e outros costumes diferentes a Francia, e por iso rexeitaban con todas as súas forzas a idea dun rei, un goberno e unha administración estranxeira. Porén, estas consideracións non son válidas para Napoleón, quen tan só desexa poñer a Europa baixo o seu dominio. Para iso necesita persoas que sexan leais á súa persoa, que cumpran as súas ordes e, que estean capacitadas para impoñe-lo dominio francés sobre as demais nacións. Desconfiado por natureza, non cre na lealdade á súa persoa da maioría dos xenerais que o auxilian, nin tampouco confía na súa capacidade política; ademais de ver neles unhas persoas de ambicións escrupulosas, polo que non desexa entregarlle un excesivo poder. Tal situación, vese na obriga de acudir aos seus irmáns que, con escasa experiencia política, polo menos lle son fieis e préstanlle bos servizos. Seu irmán máis vello, Xosé, negociou no seu nome tratados con Austria e Gran Bretaña obtendo bos resultados. Seu irmán Luciano ocupaba a presidencia do Consello do Cincocentos o 18 de brumario (9 de novembro 1799 no calendario revolucionarios francés), data en que Napoleón fixo un golpe de estado, e dende o seu posto de presidente Luciano impediu que se celebrara unha votación con fin de condena-la toma de poder. Lois, dedicado tamén á carreira militar, e que xa o acompañara na súa campaña a Exipto como axudante, e máis tarde (no 1805), estivo como gobernador xeral de Piemonte (cargo que desenvolveu con acerto). Para iso, tras realizar unha calculada expansión nos territorios circundantes a Francia, instala como soberanos dos mesmos os seus irmáns. O 30 de marzo de 1806, José obtén a coroa de Nápoles que abandona no 1808 pola de España. En Nápoles, Napoleón coloca entón a Xaquín Murat, home da súa irmá Carolina. Nin que dicir ten para as demais irmás (Paulina e Elisa). No 1806 a República Bátava, estado dependente de Francia, convértese no reino de Holanda, de cuxa coroa faise cargo Luís. En Alemaña, Xerome é proclamado rei de Westfalia (feito que ocorrería o 18 de agosto 1807), estado formado recentemente con parte dos territorios de Prusia, Hannover e Hesse-Kassel. Deste modo, Napoleón colocou nos estados "tapón" entre Francia e Prusia, e demais territorios veciños, as persoas que máis confianza lle ofrecían. Porén, as súas esperanzas víronse defraudadas, xa que seus irmáns non se contentan con ser simples peóns da súa política, senón que intentan gobernar con estilo propio, e levar adiante as ideas que posúen, antagónicas ás veces ás do emperador.
- O 13 de febreiro Napoleón Bonaparte enfróntase ao papa Pío VII coma consecuencia das súas reservas ante o anuncio da aparición do "Catecismo Imperial", que será proclamado o 4 de abril, e no que aparece Napoleón definido como ministro de Deus na Terra.
- O 22 de agosto morre na cidade de París o pintor francés, Jean-Honoré Fragonard (que nacera un 5 de abril de 1732 en Grasse). Durante a súa aprendizaxe recibiu influencias dalgúns pintores famosos da súa época (Chardin, Boucher e Natoire). Neste período de aprendizaxe adicouse sobre todo a copia-las obras dos grandes pintores barrocos italianos e flamengos. Entre 1765 e 1772 centrou os seus cadros en temas de paisaxes e nus, nos que revela unha moderna sensualidade mediante a utilización de tons tenues, alternando entre os rosáceos e os perláceos ("La cómica estirada", no museo de Louvre, París). Foi máximo expoñente do decadentismo rococó, conseguindo algúns do cadros máis famosos do estilo, que resaltan polo seu cromatismo chispeante, especialmente poético ("Alegorías", no museo Louvre, París; "A rapaza que le", no museo National Gallery, Washington).
Países Baixos
- O 5 de xuño O emperador Napoleón I transforma a República Bátava no reino de Holanda e nomea rei da mesma a seu irmán Lois Bonaparte (nado no ano 1778 e morto no 1846) que, dende 1805 vive como gobernador xeral no Piemonte. Luís, que é o terceiro irmán de Napoleón I sufrirá o bloqueo continental nese mesmo ano, polo que irremisiblemente entrará nunha oposición crecente cara seu irmán Napoleón. Trata de defende-los intereses do país polo que gaña o aprecio do seus súbditos; porén, tras varios intentos de convencer a seu irmán (máis preocupado pola estratexia militar e os seus intereses) de que está a perde-lo tempo contra Gran Bretaña. Luís ve o seu país invadido polas tropas imperiais que o fan renunciar ao trono o 30 de xuño 1810 no favor de seu fillo Lois Bonaparte (futuro Napoleón III); polo que fuxirá abandonando as responsabilidades do reino.
África do Sur
- Gran Bretaña ocupa definitivamente a colonia do Cabo, que no 1803 devolverá temporalmente á República Bátava. Os colonizadores británicos aséntanse, poñendo na súa preferencia, a fronteira que delimita o imperio xosa.
Serbia
- Durante o levantamento dos serbios iniciado no 1804 baixo o mando de Karagjogje (máis coñecido coma Xurxo o Negro) contra o dominio estranxeiro dos otománs, os insurxentes ocupan Belgrado. Este levantamento popular remata no 1813 e Karagjogje emigra a Austria pero será asasinado no 1817 cando volve secretamente a Serbia para organizar unha insurrección xeral nos Balcáns.
Prusia
- O 26 de setembro o rei Frederico Guillerme III de Prusia esixe a Francia que desaloxe os territorios alemáns da beira dereita do Rin. O 9 de outubro, ao non atender Francia a esixencias do rei prusiano, Frederico Guillerme III publica un manifesto de guerra contra Francia, polo que se inicia a cuarta guerra de coalición.
- O 21 de novembro o emperador de Francia, Napoleón I, promulga un decreto que declara o bloqueo continental contra Inglaterra. A partir de agora, queda prohibido o intercambio comercial con Gran Bretaña e a entrada de mercadorías británicas en tódolos portos do continente. A estratexia napoleónica consiste en privar a Londres da súa principal arma, a súa potencia comercial, colléndolle os mercados europeos. O decreto do emperador divide Europa en dous bloques rivais: Inglaterra, que mantén o dominio oceánico contando, ademais, con relacións privilexiadas con Portugal (que é outra das grandes potencias marítimas), Sicilia e Sardeña, asegura a súa presenza no Mediterráneo. Pola súa contra, o bloque rival, estruturado en torno a Francia, controla na práctica todo o continente: Dinamarca, Austria e Rusia manifestaron a súa intención de respecta-las disposicións do decreto de Berlín. Mentres tanto, a política imperial francesa non se limita a espera-los resultados do bloqueo. Para Napoleón, esa medida tiña que ser completada coa formación de novos estados vasalos. No 1807 decrétase a anexión de Etruria, ocupada polos Estados Pontificios, conquista Portugal e disponse a conquistar España. No verán de 1807, o volume de exportacións británicas diminuíra un 20 %. Pouco despois, comezaría a quedar claro que o bloqueo tiña efectos paradoxais para Gran Bretaña e para o continente. O comercio inglés, limitado fortemente en Europa, obtén o monopolio de gran parte dos produtos das colonias polo que encontra novos mercados laterais, grazas ao predominio que sobre os mares exerce a mariña real. Por outra parte, ao quedar eliminada a competencia británica, o comercio e a industria do continente coñecen unha etapa de pleno desenvolvemento; Francia, Alemaña e Suíza comezan a dispoñer dunha industria téxtil que multiplica por catro o volume de produción nos primeiros anos do bloqueo. Para o pobo das chairas do continente, as consecuencias do decreto napoleónico mídense por outro lado; a falla do algodón e da cana de azucre (mercadorías coloniais monopolizadas polos ingleses), repercute de forma nada favorable nas capas de poboación, polo que o bloqueo tamén ten un efecto distorsionador sobre o conxunto da economía, e favorece a aparición do mercado negro xunto coas máis diversas corrupcións. En Alemaña, a política do bloqueo permite o florecemento de grandes centros de comercio clandestino (Bremen, Hamburgo e Frankfurt. De feito, Napoleón veríase na obriga de instalar máis de 200 000 postos aduaneiros, con miles e miles de axentes e soldados, para asegura-lo cumprimento do decreto promulgado en Berlín. Dende o punto de vista estratéxico, a sorte do bloqueo contra Inglaterra íase xogar en España: a mariña británica controlaba o Estreito de Xibraltar, lonxe do alcance dos exércitos napoleónicos. A conquista de España sería logo nunha necesidade perentoria para Napoleón, despois de obrigar a abdicar a Carlos IV e Fernando VII, impuxo no trono español a Xosé Bonaparte. Pero a sublevación do pobo español (na noite do 2 ó 3 de maio de 1808), foi toda unha oportunidade para o exército británico para intervir, o que impuxo un novo xiro ao conxunto da situación europea. A ambiciosa táctica do bloqueo continental contra Gran Bretaña mostraba as súas primeiras debilidades e, o prestixio de Napoleón comezaba a entrar nunha zona de sombras.
América
- Nos Estados Unidos ocorre que un 23 de setembro chegan os exploradores norteamericanos Meriwether Lewis e William Clark á cidade de Saint Louis tras unha viaxe de exploración, no curso da cal logran chegar ata a costa do Pacífico. A viaxe abarcou 12 372 km e comezara o 14 de maio de 1804. A iniciativa de explora-la rexión do Missouri (ata entón descoñecida) saíu de Thomas Jefferson, e tiña como primeiro obxectivo opoñerse á última expansión británica dende o Canadá cara ó curso superior do río Missouri. No 1802, Jefferson conseguiu a colaboración de Lewis (amigo del da nenez), e a finais do 1803 a empresa foi aprobada polo Congreso. Lewis e Clark remontaron o Missouri nunha lancha de 18 m de lonxitude, acompañados por 28 persoas máis (17 militares, e o resto voluntarios entre os que había: gardas fronteirizos, carpinteiros, ferreiros e cazadores): os que lles habería que sumar un intérprete e o servente negro de Lewis. Ó longo da viaxe os exploradores realizaron medicións astronómicas, xeolóxicas e xeográficas; tendo a gran sorte de que unha india shoshone, Sacagawea lles fixera de guía polos ríos Snake e Columbia ata o Pacífico.
- O 12 de agosto na Arxentina, as tropas británicas son expulsadas de Bos Aires (no Río da Prata) da que se apoderaran o 27 de xuño cunha pequena expedición. O triunfo bonaerense, que tivo influencia decisiva no apoio a Montevideo, terá importantes consecuencias (estimula o orgullo local, provoca a militarización da cidade coa creación de milicias), que influirán no movemento independentista.
- Na illa de Haití o 17 de outubro o emperador Jean Jacques Dessalines (que reinaba baixo o nome de Xacobo I) morre asasinado por indución dos seus rivais (Henri Christophe e Anne Alexandre Pétion). Trala caída do emperador, Haití descomponse nunha república mulata ao sur (gobernada polo presidente Pétion) e un reino baixo Henri Christophe no norte.
Sacro Imperio
- O 6 de agosto, tras recibir un ultimato do emperador francés, Napoleón I, o emperador Francisco II renuncia á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico e declara solemnemente a súa extinción; polo que tódolos estados membros quedan liberados das súas obrigacións coa autoridade imperial. Os precedentes da disolución veñen da decisión principal da deputación do Reich (tomada o 23 de febreiro do 1803), na que se conformaba a reordenación do imperio. A secularización dos príncipes eclesiásticos supón a anulación da soberanía directa do imperio sobre os estados membros; o emperador perdera todo o seu poder e xa era unha figura simbólica. O 12 de xullo de 1806, dezaseis estados alemáns fundan a Confederación do Rin, baixo o protectorado de Napoleón I polo que o 1 de agosto se fai a declaración perante a Dieta imperial de Ratisbona a súa segregación; a disolución do Sacro Imperio Romano Xermánico é inevitable. A maioría das prerrogativas imperiais pasa ás mans da Confederación do Rin e, coas mesmas, as mans de Napoleón. Os estados de Baviera, Baden e Württemberg, que lograron aumenta-las súas extensións, intentan alcanza-la plena soberanía, e cren que a única forma de logra-lo obxectivo é aliarse co emperador francés. O estado prusiano, que tamén conseguiu ampliar territorio, está ligado a Francia cun tratado de neutralidade. Tan só uns poucos partidarios do imperio non están conformes coa progresiva desintegración deste e o paso derradeiro dado polo ata de agora, emperador Francisco II. A extinción do Sacro Imperio Románico Xermánico supón unha importante vitoria de Napoleón e, polo tanto, un afianzamento da autoridade francesa na Europa.
Arabia
- Os wahhabís, seguidores do islam na Arabia central, conquistan as cidades otomás da Meca e Medina, ameazando o predominio dos otománs na Arabia. Algunhas seccións da frota británica derrotan a frota wahhabí no Golfo Pérsico e impiden a anexión do sultanato de Mascate co de Omán.
Xapón
- O 31 de outubro morre o mestre xilógrafo xaponés Kitagawa Utamaro (que nacera no 1753, ó parecer, en Kawagoe). Ó comezo da súa carreira, Utamaro dedicouse sobre todo ás ilustracións para novelas populares e obras eróticas, nas que tivo un gran recoñecemento pola súa mestría das descricións rigorosas de elementos e paisaxes naturais. Nas súas obras da época 1785/90, destacan "O libro dos insectos" e as "Ofrendas da marea baixa", que demostran a súa capacidade de observación e están na orixe da escola tradicionalista de pintura xaponesa coñecida co nome deste gravador: Kitagawa. Son tamén destacables na súa obra as faces femininas que exercen notable influencia; neste sentido son de especial valor os "bijinis" (retratos de mulleres novas, con faces finas e graciosas) que materializan o ideal da beleza da época.
Alemaña
- O 12 de xullo celébrase na cidade francesa de París, a Confederación do Rin. Constituída por 16 príncipes alemáns (o de Baviera e o de Wüttemberg, entre outros), coma consecuencia das vitorias de Napoleón I. Con iso conságrase o fin do Sacro Imperio Romano Xermánico, comprometéndose a prover a Napoleón dun exército de 63 000 homes. Estará composta por 36 Estados despois da caída de Prusia no ano 1811. E será disolta no 1813, polo que o feito marcará unha etapa no proceso da unidade alemá. Polo momento tan só sae favorecida Baviera, xa que o duque Maximiliano I Xosé, aliado de Francia durante as guerras da Revolución e do Imperio, ve como o seu ducado se amplía, ata se converter no Estado máis importante da Alemaña meridional polo que é erixido en calidade de rei. O seu cambio de alianza no 1813 proporcionaralle a confirmación e incluso o aumento das súas adquisicións territoriais no tratado de Viena do 1815. Sucederalle o seu fillo Lois I nos albores do 1825.
- O 14 de outubro o exército prusiano deixa de existir, como resultado da batalla de Auerstedt na que a maior parte do seus efectivos foron feitos prisioneiros. As tropas francesas ó mando do emperador Napoleón I, que pouco antes vencera os prusianos na batalla de Jena, ten agora aberto o camiño que vai cara a Berlín. Un ano antes, Napoleón reorganizara Alemaña neutralizando a preponderancia prusiana: a Confederación do Rin, formada por dezaseis estados alemáns e aliada a Francia. O feito constitúe para Berlín unha realidade insultante, polo que xunto a Gran Bretaña e Rusia, os prusianos formaron a cuarta coalición antinapoleónica, cuxo fracaso quedou neste día en evidencia. A pesar da complexa vitoria que obtiveron as tropas francesas, estas deberán enfrontarse a unha posible ofensiva rusa, feito que lles obrigará a manterse na Prusia oriental. Dende os círculos diplomáticos afírmase que Napoleón só ten coma único inimigo de Francia a Gran Bretaña, pero que estaría disposto a establecer un pacto estratéxico co tsar Alexandre I; sen contar coas diferenzas que agora lles separan. O obxectivo do emperador consiste en botar a perder o poderío económico británico.
1807
- Artigo principal: 1807.
España
- Carlos IV entrega 15 000 homes para que loiten xunto os exércitos napoleónicos en Dinamarca e Alemaña. Cúmprese con isto parte da esixencia de Napoleón; a outra parte sería concede-los permisos para que poidan estar en España uns 10 000 prisioneiros, sen contar a entrega a Francia de importantes sumas de diñeiro. Carlos IV paga así a débeda de Godoy, polo seu intento de establece-las negociacións con Portugal, Prusia e Rusia na procura de que España se integrase na curta coalición; as negociacións non foron a ningures, pois a vitoria de Napoleón na batalla de Jena (acontecida o 14 de outubro 1806) as desbarata.
- O 19 de febreiro, o rei Carlos IV súmase oficialmente ao bloqueo continental contra o Reino Unido, cumpre con iso outra das esixencias de Napoleón tras a batalla de Jena.
- O 18 de outubro comeza a entrada de tropas francesas en España, co pretexto de participar na conquista de Portugal, que non quere abandona-la súa tradicional alianza con Inglaterra. As tropas, comandadas polo xeneral Junot, acampan nas proximidades da fronteira española e entran polo País Vasco antes da firma do tratado de Fontainebleau, que debe regula-la repartición de Portugal.
Reino Unido
- Gran Bretaña utiliza por primeira vez, durante o sitio de Copenhague e despois de que foran utilizados con éxito en Boloña no 1806, pequenos foguetes para bombardear. Con iso dábaselle un servizo útil aos artefactos inventados polo inglés William Congreve.
- Un 2 de marzo, o goberno británico, presidido por lord Grenville Sharp, aproba unha proposta do secretario do Estado para os Asuntos Exteriores, lord Fox, pola que se prevé a prohibición da trata de negros nun futuro non remoto. Sharp, Clarkson e Wilberforce converten a proposta nunha corrente relixiosa irreversible, polo que a decisión, que quedará confirmada no ano 1813, supón unha medida de grande importancia, e que será imitada nos anos seguintes por numerosos países: Arxentina no 1813, Colombia e México no 1821, Francia (un 4 de marzo de 1848), Estados Unidos (fará o referendo no 1862, e activará a aprobación no 1863), Países Baixos no 1863, Portugal no 1878, Cuba no 1880, Brasil no 1888 etc.
Prusia
- O 8 de febreiro líbrase a batalla de Eylau, no redores de Königsberg (en Prusia oriental), entre as tropas de Napoleón e o exército ruso de Bennigsen. A batalla en si non resulta decisiva para ningún dos dous bandos, aínda que é unha verdadeira matanza que leva a morte a uns 40 000 soldados a causa da violencia na loita e da inclemencia do tempo.
- O 14 de xuño as tropas de Napoleón vencen o exército ruso en Friedland (tamén, correspondente a Prusia oriental), onde sofren a perda de 25 000 homes (entre eles uns 25 dos seus xenerais). A vitoria napoleónica deixa o paso aberto ao exército francés cara Königsberg, derradeira fortaleza prusiana, e obriga ao tsar, Alexandre I, a pedir un armisticio que será o preámbulo do Tratado de Tilsit (que se asinará en xullo). As derrotas ante Napoleón fan que o tsar tema unha posible sublevación dos polacos, polo que a alianza parécelle un bo camiño para atallala.
- O 1 de xullo o tenente xeneral prusiano, Gebhard Leberecht Blücher, tras as derrotas sufridas polos exércitos de Prusia perante os franceses, fai un chamamento aos civís e militares a sumarse ao seu corpo de combate contra Napoleón I.
- Do 7 ao 9 de xullo, co fin de evitar unha sublevación dos polacos, o tsar Alexandre I acepta unha alianza con Napoleón. O acordo, que se firma nunha rada (no medio do río Niemen), fronte a Tilsit, despoxa a Prusia de gran parte de Polonia e os territorios do oeste do Elba, que pasan a engrosa-lo reino de Westfalia. Rusia comprométese a participar de forma activa no bloqueo continental contra Gran Bretaña, renuncia ás Illas Xónicas e recoñece a Confederación do Rhin. O Tratado de Tilsit traería a firma dunha alianza secreta pola cal Rusia declararía a guerra a Gran Bretaña se esta se negaba a acepta-la súa mediación no conflito europeo. A pesardes da mediación de Alexandre, Napoleón acepta a existencia do estado prusiano, pero as condicións do tratado resultan extremadamente duras. A raíña de Prusia, Luisa, decídese a dar un paso audaz coa entrevista co emperador francés; Napoleón móstrase inflexible e as condicións do tratado mantéñense. Coas condicións, unhas forzas reformadoras que actúan no interior de Prusia, iranse impoñendo paulatinamente nos seus criterios.
- O 9 de outubro, Federico Guillerme III de Prusia concede a abolición progresiva da servidume dos labregos coa entrega, en plena propiedade, das terras da coroa que traballan; con isto leva a cabo a proposta do ministro de estado, o barón Von Stein.
Alemaña
- Na cidade de Berlín e en medio da gloria militar de Bonaparte, o filósofo alemán Johan Gottlieb Fichte (que nacera en Rammenau, Saxonia, no ano 1762 e finará en Berlín no 1814) publica o seu «Discurso á nación alemá». A declaración sae en tempos moi difíciles para Prusia e Alemaña, xa que Francia fixera declaración de guerra contra Prusia. O escrito incrimina o emperador francés por haber traizoado os ideais da revolución francesa. Nel o filósofo propón unha nación alemá baseada na democracia que non pasará desapercibida pola burguesía, polo que terá un papel importante no rexurdir espiritual e político do pobo. Fichte manifestou dende moi novo o amor pola liberdade. Influído por Lessing e Kant, dedicará a este profundos estudos, ata o punto de que pode dicirse que o seu pensamento é a continuación do kantismo; polo que, incluso, fará unha visita o seu mestre en Königsberg no 1792, quen o recibe friamente, aínda que tres meses despois envíalle a Kant un manuscrito sobre a «Crítica de toda revelación», polo que se poñía directamente no criticismo. No 1793 casou cunha sobriña de Klopstock, e pronto ten fama de liberal e demócrata; o que non lle impediu toma-la cátedra da universidade de Jena no canto da rama de filosofía. Nesta universidade tivo a acusación de ateísmo, feito que lle valeu a expulsión; polo que pasou a ensinar no 1805 na universidade de Erlangen e, no 1806, en Königsberg. Tras a fuxida das tropas napoleónicas, volve a Berlín no 1807, onde pronuncia o célebre discurso nacionalista. A filosofía de Fichte intenta harmoniza-la teoría coa práctica. Nun principio parte do humanismo no que a liberdade ocupa o centro de reflexión, que logo tira a un certo misticismo, dende a teoría da liberdade a unha teoría de graza divina; o seu valor reside en especular teoricamente sobre a ciencia e a verdade para desenvolver unha doutrina práctica da moral de estado.
- Tamén na cidade de Bamberg o filósofo alemán George Wilhelms Friedrich Hegel (que nacera en Stuttgart no 1770 e morrerá en Berlín no 1831), publica a súa obra máis representativa, a «Fenomenoloxía do espírito», que fora rematada no 1806 (curiosamente o mesmo día da batalla de Jena, pola tarde). Por aquel entón, Hegel era mestre nesa cidade, onde acudira interesado pola filosofía de Schelling e Fichte, a quen admiraba. Deste último herdaría a cátedra da universidade de Berlín e pediría ser soterrado ao seu carón. Coma todos os filósofos do seu tempo, o labor xuvenil de Hegel centrouse na crítica da relixión da historia. Pero ao chegar a Jena tornou na consciencia da filosofía como medio de expresa-lo sentir da vida humana no seo da historia; polo que realizou un enorme esforzo lóxico por introduci-la experiencia viva nun marco teórico, no que a historia da conciencia (xunta a experiencia) acaba por comprenderse a si mesma. Isto identificouno como técnica fenomenolóxica ou identificación con desenvolvemento da conciencia real. A fenomenoloxía é á súa vez unha reflexión sobre as leis do coñecemento e unha historia real da conciencia. Co percorrer do tempo, volve publicar entre 1812 e 1816 a «Ciencia da lóxica», aparece coma continuación da fenomenoloxía. Nela, Hegel establece o famoso método dialéctico. Só a filosofía da contradición é unha filosofía viva; a flor dá nacemento ao froito, que supón a morte daquela; polo que a morte é a contradición do renacer. De maneira dialéctica aluma a esencia da necesidade histórica. Na unidade das contradicións: a tese ven negada pola antítese, de cuxa negación créase a síntese. No 1821 publica a «Filosofía do dereito», é a súa doutrina do home e a historia. O home illado é unha abstracción: só a sociedade da historia é concreta; a súa representación universal é concreta. Neste sentido, o suxeito real da historial é unha razón universal.
Estados Unidos
- O enxeñeiro e mecánico estadounidense Robert Fulton (que nacera no 1765 e finará no 1815) inaugura unha liña regular de barcos a vapor con rodas no río Hudson, que circularán entre as cidades de Nova York e Albany e cuxo primeiro percorrido faría o buque Clermont. Fulton xa experimentara no ano 1803 cun pequeno batuxo a vapor polo que é un dos máis coñecidos artífices dos inventos relacionados coa navegación. No 1797 propuxo ao goberno francés a construción dun submarino coa capacidade de poñer cargas explosivas nos navíos inimigos, proxecto que levou a construción no 1798. Ao non lograr que os franceses tivesen atención no seu proxecto, probou máis tarde coas británicas e tampouco o consegue; polo que volta para a súa terra, onde se dedicou de cheo á aplicación da propulsión a vapor nos barcos, empregando para iso a máquina de vapor inventada por Watt.
Europa
- Un 28 de xaneiro o Reino Unido e Prusia asinan o tratado de paz de Memel, polo que Prusia renuncia a Hannover en favor do Reino Unido, e restablece a liberdade comercial para as mercadorías británicas. O 25 de xuño Francia asina un acordo previo con Rusia, froito da vitoria napoleónica contra Bennigsen en Friedland acontecida o 14 de xuño, e que permitirá lograr o acordo do tratado de Tilsit (asinado entre o 7 e o 9 de xullo). O 7 de xullo asínase un tratado secreto polo que Rusia ten que declararlle a guerra a Inglaterra e, así mesmo, participar no bloqueo continental; o tratado cede (por parte de Napoleón) a Rusia unha liberdade sobre Suecia ademais de consentir a división das posesións europeas de Turquía. O 9 de xullo publícase o tratado (tal e como se nos dá a coñecer, pero que non indica nada do que hai en segredo) e Prusia é reducida á metade coa creación do reino de Westfalia e o Gran Ducado de Varsovia. Cara ao norte, en Dinamarca, o 5 de setembro, despois de tres días de bombardeo (no que se proba unha nova arma, o foguete) os británicos ocupan a capital danesa de Copenhague. Dinamarca perde a súa frota neste enfrontamento.
Portugal
- Do outubro ao decembro e pouco antes de que as tropas do xeneral francés Junot entren en Lisboa, a familia real embárcase rumbo ao Brasil. A política de partición de Portugal, entre Francia e España, sen que a medio rexente María I e o seu fillo Xoán (que máis adiante sería Xoán VI), poidan evitala; fai que toda a corte decida trasladarse a Río de Xaneiro. Tras certo tempo en Portugal e debido á declaración de independencia de España, o corpo expedicionario inglés de Wellington obrigará a Junot a capitular en Sintra o 30 de agosto de 1808 e a evacua-lo país. Os fracaso das ofensivas francesas de Soult no 1809 e de Masséna entre 1810 e 1811, marcarán o declive o imperio francés que se verá desfeito no 1816.
- O 27 de novembro, despois de atravesar España cun exército de 28 000 homes para ocupar Portugal, o xeneral francés Jean-Andoche Junot entra en Lisboa e é recibido polo marqués de Abrantes, que preside o Consello de Rexencia nomeado polo fuxitivo príncipe Xoán. Queda recoñecida de feito a autoridade do invasor coma delegado persoal de Napoleón. Dende o peirao, aínda son visibles os barcos ingleses que se afastan dende o Texo, e no que se embarcou cara Brasil a corte portuguesa; María I, a raíña Tola, marcha cara ao exilio co seu fillo, o futuro rei Xoán VI, rexente por aquel entón ante a incapacidade da súa nai; os que son acompañados por unha nutrida representación da nobreza. Un mes antes, España e Francia asinaran o Tratado de Fontainebleau, polo que se acordaba a tripartición de Portugal: o infante de España reinaría o norte, Manuel Godoy sería o príncipe dos Algarves e o resto do territorio pasaría a estar en poder da decisión de Napoleón unha vez que se rematara a guerra contra Gran Bretaña. Grazas ao tratado, o exército napoleónico estaba autorizado a cruzar España. Tradicional a alianza con Inglaterra, a monarquía portuguesa resistíase a abandona-la súa neutralidade no conflito e acata-la esixencia de cerra-los portos aos buques de bandeira inglesa, segundo dispuxera o emperador francés. Napoleón ameazou con invadi-los países que se negaran a acepta-lo bloqueo continental imposto, e o reino de Portugal non sería unha excepción. Co Tratado de Fontainebleau, tiña aberto o camiño cara Lisboa. Tras a fuxida á que seguiu a invasión, a corte portuguesa permanecería 14 anos en Río de Xaneiro e daría lugar ao Imperio do Brasil.
Polonia
- O 2 de xaneiro na cidade de Varsovia, o emperador Napoleón I, tras a súa vitoria sobre Prusia, entra fronte a unha lexión de soldados polacos na cidade, onde é aclamado como heroe e liberador da poboación. As reparticións realizadas entre Rusia, Prusia e Austria nos anos 1772, 1793 e 1795, fixeron desaparece-lo estado polaco, e a emigración dunha gran cantidade de xente nas devanditas datas cara a Francia, pois semellaba para eles a salvación. Iniciada a guerra da cuarta coalición, Napoleón formou con eles unha lexión polaca, e tras derrotar a Prusia, avanzou sobre o territorio polaco. Meses máis tarde, despois do Tratado de Tilsit (ocorrido o 7 de xullo de 1807), formouse un novo estado polaco ao que se lle chamou Gran Ducado de Varsovia, o cal reagrupaba a maioría dos antigos territorios, salvo os conquistados por Rusia. O novo estado, ao que tamén se lle deu unha constitución, converteuse en realidade nun satélite de Francia, que Napoleón utilizaría contra Rusia e contra os aliados desta; sería ampliado cos territorios austríacos tras a Paz de Schönbrunn no ano 1809. No 1815 o Gran Ducado converteuse, grazas a un congreso feito na cidade de Viena, nun reino e mudou de nome polo de Polonia, estando baixo o dominio ruso.
Imperio Otomán
- O 25 de maio o sultán Selim III é derrotado polos xanízaros (soldados da infantaría convertidos en garda pretoriana do sultán). O xurdimento da revolta dos xanízaros prodúcese coma protesta pola imposición das medidas reformistas na administración (fiscal, na ensinanza), e no exército, onde se suprimen os feudos militares creando novos corpos de tropas. Selim III será executado no 1808, por orde do novo sultán imposto polos xanízaros, Mustafá IV, quen tamén se encarga de anula-las reformas.
América
- O 3 de febreiro as tropas británicas ocupan a cidade brasileira de Montevideo (no Río da Prata), despois dunha breve resistencia. A ocupación, que irá dende febreiro ata setembro, traerá a Montevideo novos conceptos comerciais e ideolóxicos; xunto coa aparición do seu primeiro xornal bilingüe «The Southern Star / La Estrella del sur».
- O 5 de xullo o pobo da cidade de Bos Aires (Arxentina) e parte da milicias crioulas formadas ante a invasión, rexeitan as tropas inglesas que avanzan polas rúas cara ao forte, co fin de apoderarse da capital do vicerreinado. O 7 de xullo, o xeneral inglés John Whitelocke asinaba a paz, pola que se comprometía a devolve-la praza de Montevideo (tomada en febreiro) dende a que veu o ataque contra Bos Aires, e retirar todas as súas forzas do Río da Prata nun prazo de dous meses. Xa no ano 1806, en xuño tivo lugar a primeira invasión inglesa en Bos Aires. O almirante sir Home Popham inducira a aventura o xeneral Beresford, que con só 1.600 homes tomou a cidade (que naquel momento tiña uns 50 000 habitantes), sen encontrar case ningunha oposición; mentres o vicerrei Sobremonte fuxía cara ao interior sen intenta-la resistencia. Juan Martín de Pueyrredón dende San Isidro e o mariño francés Santiago Liniers dende Montevideo encargáronse de face-la reconquista. O primeiro (Pueyrredón) foi derrotado, pero Liniers, residente dende había tempo no vicerreinado e ao mando das fragatas que protexían o río, desembarcou en San Fernando e, coa axuda dos habitantes consegue a rendición de Beresford o 12 de agosto de 1806. Formáronse por aqueles tempos a milicias crioulas coa finalidade de previr unha segunda invasión. Un cabido aberto privou de mando militar o vicerrei, e outro cabido aberto encargouse de destituílo no 1807. Cando os ingleses chegaron por segunda vez, os crioulos de Bos Aires xa comezaran a tomar consciencia do seu poder.
1808
- Artigo principal: 1808.
Europa
- O escritor alemán Johann Wolfgang von Goethe publica a primeira parte do seu drama "Fausto", onde narra a historia de Fausto, que entrega a súa alma ao diaño a cambio de satisface-las súas ansias de saber e a súa sede de praceres.
- O 2 de febreiro o emperador francés Napoleón I ocupa novamente os Estados Pontificios, xunto coa cidade de Roma.
- O reino de Etruria é incorporado ó imperio francés por Napoleón.
- O 10 de febreiro o tsar ruso Alexandre I declara rotas as relacións entre o seu país (Rusia) e Suecia, e as súas tropas ocupan Finlandia, ata entón en poder de Suecia. A ocupación do país polas tropas rusas completarase o 21 de febreiro en que Suecia cede completa e formalmente o país ao invasor estranxeiro.
- O 30 de agosto as tropas do xeneral Junot (en territorio de Portugal) teñen que capitular ante as do británico Wellington, que desembarcara na baía de Mondego.
- O 22 de decembro, o compositor alemán Ludwig van Beethoven estrea en Viena as súas dúas derradeiras obras: as sinfonías Quinta e Sexta (Pastoral).
España
- En Cataluña o impresor Antonio Brusi prosegue dende Tarragona a publicación do "Diario de Barcelona" que, incautado polos franceses, se converte no "Diari de Barcelona e do Govern de Catalunya" e se publica en francés, castelán e catalán.
- O 25 de xaneiro conclúe o proceso do Escorial, emprendido contra os cómplices do príncipe Fernando, acusados de complot para derrocar ao rei Carlos IV.
- Entre o 17 e o 18 de marzo organízase, na localidade de Aranjuez, un motín no que se atopan xuntos os soldados, campesiños e servidores do palacio real, que obriga a Carlos IV a destituír a Godoy. O día 19 de marzo, Godoy foi deposto dos seus cargos, e Carlos IV foi obrigado a abdicar no seu fillo polo motín popular desatado en Madrid e pola presenza das tropas napoleónicas.
- 19 de marzo - En España iníciase o primeiro reinado con Fernando VII no trono.
- O 23 de marzo o mariscal Joachim Murat chega a Madrid, co cargo de xeneral en xefe das tropas francesas estacionadas en España e négase a recoñecer a Fernando VII como rei.
- O 20 de abril reúnense en Baiona Fernando VII e Napoleón I.
- O 30 de abril, Carlos IV e a súa dona, María Luisa, chegan a Baiona, onde se xuntan co "Príncipe da Paz" (Manuel Godoy).
- O 2 de maio estala unha sublevación que se converte rapidamente nunha auténtica guerra de independencia española contra os franceses. Tan só tres oficiais do exército español, Daoíz, Velarde e Ruíz, se uniron á rebelión popular, que quedou sufocada esa mesma tarde.
- O 5 de maio, Carlos IV abdica na persoa de Napoleón I. O día 6, Napoleón consegue a renuncia de todos os seus dereitos do resto da familia real española e o 10 a de Fernando VII no seu favor.
- 6 de maio - En España volve reinar de novo Carlos IV.
- O 24 de maio fórmase a Xunta Suprema Provincial de Oviedo, a primeira que se organiza para asumir o goberno contra a ocupación francesa. A esta iranse sumando outras.
- O 5 de xullo, Napoleón I fai entrega oficial ao seu irmán José José Bonaparte (ó que popularmente chamaban "Pepe Botella") da coroa española.
- O 8 de xullo unha comisión de 150 homes reunidos en Baiona formou a "Xunta Nacional" e emite un informe sobre unha constitución para España (que podería ser a primeira do país).
- O 15 de xullo en Nápoles. Joachim Murat é proclamado rei das Dúas Sicilias.
- Entre o 19 de xullo e o 22 as tropas españolas, mal armadas, instruídas, e compostas de garrochistas andaluces, logran vencer en Bailén (Xaén), ao mando do xeneral Castaños, ao exército francés do xeneral Dupont, considerado como o mellor de Europa.
- O 25 de setembro créase unha Xunta Central en Aranjuez, tamén chamada Suprema e Gobernativa, como supremo órgano de goberno de España durante a ausencia do rei Fernando VII, co fin de dirixi-la loita contra os franceses.
- O 3 de novembro, Napoleón I entra en España ao mando dun exército de 240 000 homes, para restablecer ao seu irmán José I no trono.
- O 23 de decembro, José I Bonaparte volve poñerse a coroa de España, e faise cargo do goberno do reino, despois de que o seu irmán Napoleón deixe a Península Ibérica.
Reino Unido
- O químico británico sir Humphry Davy descobre o bario, o estroncio e o calcio.
Francia
- En Francia o físico francés Étienne Louis Malus, descobre o fenómeno da polarización da luz.
- O doutor alemán Franz Joseph Gall, publica o seu libro "Funciones del cerebro", onde describe os fundamentos dunha nova ciencia, a cranioscopia (nomeada posteriormente frenoloxía).
- Louis Joseph Gay Lussac establece que os diferentes gases que estuda (aire, nitróxeno, osíxeno), "a iguais temperaturas, dilátanse uniformemente".
- O 1 de marzo a política seguida por Napoleón co outorgamento de novos títulos nobiliarios, establece unha nova aristocracia en Francia. Para regulala, o Senado vese na obriga de facer un sistema xerarquizado que rigorosamente outorga e controla os diversos títulos de duque, conde, barón e cabaleiro.
África
- Usman dan Fodio, soberano peúl, destrúe o Estado Gobir.
- 1 de xaneiro - A república africana de Serra Leoa transfórmase nunha colonia británica.
América
- Nos Estados Unidos, os derradeiros estados que practican aínda a trata de negros son obrigados a cesar neste comercio, o que non impide que o sistema escravista siga imperando en amplas zonas do país.
- 22 de xaneiro - A familia real portuguesa chega ao Brasil grazas ó transporte ofrecido polos buques británicos.
- 18 de febreiro - No Brasil fundase a Facultade de Medicina da Baía, acto ao que asiste o príncipe Xoán que exerce coma rexente do país.
- Dende maio, a intervención do emperador francés Napoleón I en España ten coma consecuencia a aparición e o fortalecemento de movementos autonomistas en case todas as colonias españolas, como a Arxentina, Bolivia, Chile, México e o Perú.
Asia
- En Turquía, Mahmud II, de 13 anos proclámase a si mesmo o 30º sultán otomán.
- O 14 de novembro o gran visir otomán, Mustafá Bajá Bairakdar suicídase ao producirse o levantamento dos xanízaros (tropas de elite do sultán).
- 19 de decembro - Remata a ocupación británica en Macau; que fora iniciada o 21 de setembro deste mesmo ano.
1809
- Artigo principal: 1809.
Alemaña
- A finais de ano o filósofo alemán Friedrich Wilhelm von Schelling (Leonberg, 1775 - Bad Ragaz, 1854) publica Philosophische Untersuchungen über das Wesen der menschlichen Freiheit (Investigacións sobre a esencia da liberdade humana".
- O científico alemán Carl Friedrich Gauss publica Theoria motus corporum eoelestium in sectionibus conicis solem ambientium ("Teoría dos corpos celestes"), onde expón as súas observacións astronómicas realizadas desde o observatorio de Göttingen, do que é director dende 1807.
América
- No sur, en Buenos Aires, o desenvolvemento da guerra da Independencia en España favorece o espertar da conciencia nacional na América española e a procura de órganos de goberno autónomos. No Río da Prata, Bos Aires rebelase contra o vicerrei Santiago Liniers, que substituíu a Sobremonte. Liniers logra vence-la sublevación, promovida por un sector do cabido, grazas ao apoio dos xefes das milicias crioias, pero non pode evitar que se produzan novas sublevacións noutras partes do territorio.
- O 4 de marzo, James Madison faise cargo da cuarta presidencia dos Estados Unidos, sucedendo a Thomas Jefferson. Madison, que conta con 57 anos ocupaba o secretariado do estado. Tras facer 8 anos de presidencia, nas cales logrará implanta-la conciencia dunha Constitución; que redactou o 20 de outubro de 1785 facendo un memorial de 15 puntos (pola cal será recoñecido como pai da mesma), será sucedido por James Monroe.
- Xa cerca de América Central, o 25 de maio, a audiencia de Charcas, con xurisdición sobre o territorio do Alto Perú (Bolivia) e sede en Chuquisaca, négase a recoñecer neste ano a autoridade da Xunta Suprema de Sevilla, erixida en representación do pobo español ante a invasión napoleónica. A negativa da audiencia conduce ao estoupido dunha sublevación o 25 de maio. O gobernador é apresado e a audiencia asume o goberno. Chuquisaca (coñecida anteriormente como A Prata), Charcas e Sucre (que nun futuro, será coñecida tamén coma Salamanca de América polo prestixio da súa universidade e a súa academia, nas que floreceu o pensamento ilustrado) convértense (sobre todo esta derradeira) nas primeiras cidades hispanoamericana en rebelarse contra a autoridade peninsular. Pronto a seguiría A Paz, onde a insurrección tomou un cariz netamente independentista, pero a dura represión do vicerrei do Perú sufocou o movemento. Entre os 86 rebeldes axustizados en xaneiro de 1810 figuraban o líder Pedro Murillo e outros 8 dirixentes revolucionarios, que serían coñecidos como os 9 protomártires da independencia.
- O 16 de xullo o movemento emancipador, iniciado en Chuquisaca o 25 de maio, chega á Paz, baixo a dirección de Pedro Domingo Murillo, que é elixido presidente da Xunta de dereitos do rei e do pobo. Partidario de Fernando VII, Murillo acaba sendo vencido polas autoridades coloniais, que sufocan o movemento en novembro, detéñeno e condénano á forca.
España
- A guerra de Independencia española é perante todo unha guerra do pobo. Ante a pasividade das autoridades, é o pobo o que protagoniza o 2 de maio, e ante a ineptitude do exército regular español, e sobre todo dos seus xenerais ascendidos por méritos cortesáns, é o pobo quen toma as armas para a defensa de España. O mundo enteiro asombrouse coas accións dunha poboación capaz de derrotar aos poderosos exércitos napoleónicos. Unha vez iniciada a guerra, e ante a inactividade dos oficiais, o pobo das cidades, a través das xuntas provinciais, encargouse da súa propia defensa. En Zaragoza, unha vez coñecida a noticia dos sucesos de Madrid, o pobo dirixiuse ao capitán xeneral da praza, Juan Guillelmí, na demanda de armas. Pero, ante a negativa deste, a xente amotinouse, encerrouno e procedeuse, a continuación a formar unha verdadeira xunta revolucionaria ao mando do xeneral Palafox. Cando os franceses se presentaron ante Zaragoza o 15 de xuño de 1808, o pobo logrou rexeitalos. Iniciouse entón un asedio de varios meses. Malia a superior forza dos franceses e da pobre fortificación de Zaragoza, a poboación logrou rexeita-los asaltantes da cidade en diversas ocasións, xa que na súa defensa participaban homes, mulleres e pícaros exacerbados polo patriotismo. O 14 de agosto de 1808, os franceses levantaron sitio á cidade, pero volveríanllo a poñer o 21 de decembro de 1808. Este segundo sitio, realizado con maior número de tropas, resultou máis tráxico para a poboación pola escaseza de víveres e polo constante bombardeo a que foi sometida.
- O 17 de xaneiro, Napoleón decide regresar a Francia, tras asegurala permanencia francesa en Madrid e conseguir coas súas tropas algúns éxitos importantes. O derradeiro (o día 16 de xaneiro|16), cando as tropas de Soult vencen ás británicas do xeneral Moore en Elviña, aínda que non pode impedir que as tropas británicas logren embarcarse de volta ao Reino Unido desde A Coruña.
- O 1 de febreiro 1809, os franceses lograron entrar na cidade de Zaragoza, pero a loita continuou nas rúas, entre as ruínas, ata que o 20 de febreiro, a xunta, sen a aprobación de Palafox, decidiu pedila capitulación con honores militares, ao que accederon os franceses. Consta nos documentos daquela época unha contabilización de 53 873 sitiados mortos. Tamén Xirona foi teatro de resistencia heroica dunha cidade. O primeiro sitio tivo lugar en xuño de 1808, e nel foron rexeitados 5.000 soldados franceses. O segundo sitio (que iría dende o 22 de xullo ata o 16 de agosto de 1808) foi realizado por 11 000 soldados ao mando do xeneral Duhesme, quen ante a resistencia da cidade houbo de retirarse a Barcelona. Pero, tendo que tomar Xirona para asegura-las comunicacións con Francia, o xeneral Saint-Cyr, a quen Napoleón encárgalle o redemento de Cataluña, puxo novo cerco á cidade o 2 de maio de 1809 ao mando de 20 000 homes. Os constantes asaltos dos sitiadores son rexeitados pola poboación unha e outra vez, provocan que Saint-Cyr sexa substituído por Augereau, (un dos mellores xenerais de Napoleón). Este somete á cidade a un constante bombardeo, que a converte nun conxunto de ruínas e cadáveres. Os sitiados, tras seis meses de resistencia e ante a imposibilidade de obter axuda, deciden pedila capitulación honrosa. Os datos daquela época arroxan que 9.000 xerundenses morreran durante o asedio. Esta reacción popular contra os franceses deuse tamén noutras moitas cidades españolas, unha resistencia sen concesións, que acababa coa imaxe do asedio convencional, foi un fenómeno tipicamente urbano, o pobo rural respondeu á invasión coa guerra de guerrillas. Esta forma de loita, aínda que utilizada anteriormente na historia, recibiu a seu carácter oficial durante a Guerra da Independencia española. A táctica guerrilleira consistía en atacar o inimigo por sorpresa, asestarlle un golpe contundente, e volver desaparecer. Actuaban sempre nun territorio que coñecían, e atacaban os puntos claves do inimigo, tras o cal volvían desaparecer e a mesturarse coa poboación civil. Opostas a recibir ordes dos militares, actuaban dirixidas por un caudillo ou xefe, normalmente de orixe humilde e que actuaba movido só polo patriotismo. Formaban partidas que, polo xeral, non adoitaban ser moi grandes nin tiñan organización ríxida. A súa forza estaba na mobilidade e o coñecemento do terreo, así como no apoio que recibían da poboación civil. Todo iso permitíalle enfrontarse a forzas numericamente superiores. Baturraban á retagarda inimiga, interceptaban as súas comunicacións, cortaban as súas rutas de abastecemento, e facían imposible a práctica napoleónica de vivir sobre o terreo. Calcúlase que existían aproximadamente uns 30 000 guerrilleiros en toda España, repartidos en toda clase de partidas, desde pequenas formacións de tres homes aos 8.000 guerrilleiros de Espoz y Mina en Navarra, que constituía un auténtico exército guerrilleiro, disciplinado e perfectamente preparado para operacións militares. Juan Martín Díaz, o "Empecinado", formou a súa partida guerrilleira en Castela a Nova; Porlier e Longa en Galicia etc. En calquera punto de España existía unha partida guerrilleira por pequena que fose. O denominador común a todas elas era a orixe popular dos seus xefes e compoñentes, que loitaban á vez pola independencia de España e pola transformación social. Canda os guerrilleiros mesturáronse tamén aventureiros e ladróns que pretendían tan só sacar proveito da situación, e foron os propios xefes guerrilleiros quen se encargaron de combatelos. Aínda que as guerrillas non actuaron case nunca en campañas planificadas co exército regular, as súas accións contribuíron aos éxitos deste. Se as guerrillas do norte ao mando de Porlier e Longa, non estivesen esbarallando a Caffarelli ata deixalo inmóbil sobre o terreo. Wellington, que desprezaba aos guerrilleiros, non podería vencer na Batalla de Arapiles. Se as guerrillas non obrigasen ao exército francés a gastarse en operacións marxinais de caza e captura en terreos que non coñecían, os exércitos regulares non poderían avanzar. E sen as mensaxes interceptadas ao inimigo polos guerrilleiros, Wellington non podería planificar moitas das súas operacións. Deste xeito o pobo rural substituíu o inoperante exército regular, conseguindo éxitos que asombraron a Europa, e aportando á guerra unha táctica de loita que desde entón sería amplamente utilizada. Con todo, a ética da loita guerrilleira, o caudillismo e o desprezo aos decretos e leis oficiais, permanecerían na mente de moitos españois, que se afixeron a vivir fóra da lei e a rexeita-las normas da vida social. Acabada a guerra de Independencia os mesmos xefes guerrilleiros tomaron de novo as armas para defender as súas ideas.
- Entre o 6 e 7 de marzo ten lugar no sur da Provincia de Ourense a Batalla do Val de Monterrei, na que unhas 20 000 tropas francesas, baixo o mando do mariscal Soult, derrotan a unha inferior forza española e portuguesa dirixida polo Marqués de La Romana, quen intentaba cortarlle o paso aos franceses antes de poder entrar en Portugal.
- Entre o 27 e o 28 de xullo as tropas anglo-españolas, dirixidas por Costa e Wellington, vencen en Talavera de la Reina a José I, que conta co auxilio dos xenerais Victor, Sébastiani e Jourdan. Malia a superioridade numérica (34 000 españois e 19 000 británicos fronte aos 45 000 franceses), a batalla mantense indecisa ata a tarde do 28, cando os franceses retíranse. Pese á vitoria, Wellington non se atreve a intentala toma de Madrid, máis que nada, ante o cansazo e a falta de abastecemento das súas tropas. As baixas ascenden a 6.000 británicos, 1.200 españois e 7.000 franceses. Con todo iso a guerra continuará; Sevilla caerá a mans de Soult en febreiro 1810. Perante isto e como se poñerían as cousas a Xunta Central (que convocará as Cortes Xerais) refuxiarase en Cádiz, pero será asediada polos franceses (entre os anos 1810 e 1812), onde se promulgará a Constitución liberal (o 18 de marzo de 1812). A ofensiva inglesa dirixida por Wellington a partir de Portugal desde 1810, terá vitorias ben soadas (a de Salamanca acadada o 22 de xullo de 1812). Os franceses, serán derrotados na súa totalidade en Vitoria o 21 de xuño de 1813, e os poucos que quedan teñen que atravesar de novo os Pireneos. Napoleón perdeu en España máis de 300 000 soldados.
Portugal
- O 22 de abril, Sir Arthur Wellesley, recentemente absolto do proceso a que se lle someteu polo convenio de Sintra que asinou con Junot, volve á Península Ibérica como xefe do exército inglés que operaba contra os franceses, e desembarca en Lisboa. Apoiado polos portugueses, non tarda en facerse coa cidade, e decide instala-la súa base de operacións en Portugal. A súa primeira acción tralo desembarco concrétase na expulsión das tropas francesas, ao mando de Soult, de Portugal, tras o cal penetra en España polo val do río Texo, e chega a Talavera de la Reina en xuño deste ano. No entre tanto, tras unha dura batalla houbo de retroceder para non perder comunicación coa súa base. Debido a esta acción recibiu o título de vizconde e máis tarde duque de Wellington xunto co nomeamento de xeneralísimo do exército español. A partir dese momento, Wellington converteuse no peor dos inimigos de Napoleón, xa que tras vencelo en Portugal, logrou a súa expulsión de España (coa batalla de Vitoria, acontecida no 1813). A Península Ibérica representou para Wellington o campo de probas idóneo para forxarse un gran prestixio como estratego, polo que ao regreso de Napoleón do Elba, foi el o encargado de detelo en Waterloo. Pero con todo o ser un gran xeneral, resultou ser un pésimo político.
Francia
- En París, o naturista francés Jean Baptiste de Monet, cabaleiro de Lamarck (Bazentin, Picardía, 1744 - París, 1829) publica "Filosofía zoolóxica", onde expón as súas ideas sobre a evolución dos animais, fundándoa no principio de adaptación ao ambiente.
- O 16 de decembro Napoleón I e de Josefina divorcianse. Casada polo civil dende o 9 de marzo do 1796 con Bonaparte, Joséphine Tascher de la Pagerie (que así era o seu nome de solteira), nacera no 1763 e, con dous fillos do seu primeiro matrimonio con Alexandre de Beauharnais (o cal foi guillotinado no 1794). Aínda que era seis anos maior que o emperador a idade non lle impediu que fose coroada emperatriz logo da celebración do matrimonio relixioso 1804. Este feito foi aproveitado polo emperador xa que Josefina tiña contactos políticos que lle resultaron moi bos a Napoleón nos inicios da súa carreira. Tras unha vida extravagante e retirada (en ocasións), Josefina morrerá no 1814.
África
- En África central, trala súa vitoria sobre os pobos haussa de Gobir, Osman dan Fodio reparte o imperio fulbé (o norte de Nixeria central, o norte do Camerún e o suroeste de Níxer) entre o seu fillo Muhammad Bello, nomeado emir de Sokoto, e o seu irmán Abduilahi dan Fodio, quen se fará cargo dos emiratos occidentais e meridionais.
India
- No mes de abril, Lord Minto, gobernador xeral británico da India, ordena asinar o Tratado de Amritsar con Ranjit Singh, príncipe sikh do Penjab. Neste tratado de amizade fíxanse as esferas de influencia dos sikh e dos británicos, iniciándose para o Penjab unha época de paz que durará ata 1845.
Austria
- O 9 de abril formase a quinta coalición antinapoleónica, as tropas austríacas invaden Baviera xunto coas británicas, con iso comeza a guerra de Austria (axudada por Inglaterra) contra Francia; a insurrección está encabezada por Andreas Hofer (de 42 anos). O Pousadeiro, liderará a rebelión tirolesa contra a cesión do Tirol a Baviera. Vencerá dúas veces aos bávaros (unha o 25 e de novo o 29 de maio (tamén se enfrontará ao mariscal Lefebvre 13 de agosto, no que salirá malparado). Abandonado por Austria, traizoado, será fusilado en Mantua o 20 de febreiro de 1810. Entre o 5 e 6 de xullo, na Batalla de Wagram, o emperador francés Napoleón I alcanza unha vitoria decisiva contra os austríacos. Sobre o 8 de outubro, o emperador austríaco Francisco I nomea ministro de Asuntos Exteriores e asesor imperial ao diplomático e ata entón embaixador en París, Klemens Wenzel (de 36 anos) conde de Metternich (príncipe de Metternich, segundo outras fontes), este home, de orixe renana, acada o posto de ministro de Asuntos Exteriores (no que estará dende 1818 ata 1821). Coa entrada do día 14 de outubro, a paz de Schönbrunn pon fin á resistencia de Austria contra Napoleón. Esta paz (que tamén se coñecerá co nome de Paz de Viena), na que Austria cede os territorios e cidades a Baviera que, xunto ao gran ducado de Varsovia (Cracovia) serán de Francia; tamén paga unha indemnización de guerra de 85 millóns. Perdendo todo acceso ao mar e limitándoselle o seu exército a 150 000 homes.
Europa
- O 13 de marzo, o rei Gustave IV Adolfo de Suecia é destituído polo consello de Estado tralas sanguentas derrotas sufridas na guerra contra Rusia e Francia. O consello de Estado declárao inhabilitado para levar a coroa, tanto a el como os seus descendentes, e entrega o poder real ao seu tío Carlos XIII (que reinará a partir do 20 de xuño). Gustave IV Adolfo será preso ese día polas tropas do xeneral Carl Johan Adlercreutz, namentres que, Carlos XIII (naquel momento de 61 anos), estará no poder ata o 5 de febreiro de 1818. Data na que designará como o seu sucesor ao xeneral francés Bernadotte.
- O 17 de maio na cidade de Roma, o papa Pío VII excomunga ao emperador francés Napoleón I, despois de que este anexionara a Francia o resto dos Estados Pontificios, chamándolle "espoliador do patrimonio de San Pedro", pero sen mencionar o nome de Napoleón na bula de excomuñón. Tamén, na noite do 5 de xullo ao 6,o mesmo papa (Pío VII) é secuestrado polos franceses, que o levan a Grenoble e logo a Savona.