A
galegofobia ou
galaicofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a
Galicia, cara á cultura e
lingua galegas e cara ao
individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún
dicionario de corte
académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por
Villar Ponte e datado en
1916. As primeiras manifestacións de galegofobia correron a cargo de múltiples e sobranceiros literatos en
lingua castelá (
Miguel de Cervantes, no seu
Quixote, como exemplo destacado), mais tamén é posible rastrexala na
historiografía nacionalista española (cuxa figura paradigmática é
Menéndez Pidal) ou mesmo nos ámbitos político e televisivo contemporáneos.
Se ben é certo que os meirandes e máis numerosos exemplos de galegofobia proceden do ámbito hispánico, tamén existiu (e segue a existir) a nivel europeo e internacional.